Saltar ao contido

Fritz Dworschak

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFritz Dworschak
Biografía
Nacemento27 de febreiro de 1890
Krems an der Donau, Austria (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte7 de setembro de 1974.
Krems an der Donau.
Austria Austria
Lugar de sepulturaCemiterio de Krems. 
Director de museo
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAustríaca
Educación Universidade de Viena
Actividade
Campo de traballoNumismática, historia e museuoloxía.
Lugar de traballo Viena Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónnumismático, historiador da arte Editar o valor en Wikidata
EmpregadorThe Central Depot (en) Traducir
Kunsthistorisches Museum Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores Editar o valor en Wikidata
Participou en
1933Pilhagem nazista (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeElfriede Höbarth (1943). Editar o valor en Wikidata
Premios
(1970): Medalla Eckhel (ÖNG).


Fritz Dworschak, nado en Krems an der Donau o 27 de febreiro de 1890 e finado no mesmo lugar o 7 de setembro de 1974, foi un numismático e historiador da arte austríaco, director do Kunsthistorisches Museum e do Gabinete Numismático de Viena durante a dominación nazi.[1][2][3][4]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fritz Dworschak naceu na cidade de Krems an der Donau, daquela no Imperio Austrohúngaro, o 27 de febreiro de 1890,[5] fillo de Ernest Dworschak e de Franziska Knapp.

Cursou a educación primaria na súa vila natal e en 1908 ingresou na Universidade de Viena para realizar os estudos de Historia e de Historia da Arte, dos que se doutorou o 11 de marzo de 1913.[6]

En 1911 ingresara tamén como estudante no Instituto Austríaco de Investigación Histórica e en 1913 aprobou o exame estatal que lle posibilitou comezar, en outubro dese mesmo ano, a súa carreira como funcionario científico. Ese mesmo ano ingresou como voluntario no Museo de Historia da Arte (Kunsthistorisches Museum) de Viena. En 1921 accedeu ao posto de conservador deste museo e, coa chegasda ao poder do nazismo foi nomeado inicialmente director interino (1938) e posteriormente director titular (1941), logo da dimisión de August Loehr e de Karl Pink, por cuestións raciais e políticas.[5][6]

En xullo de 1938 solicitou a súa afiliación ao Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP) e, malia ser rexeitado inicialmente, foi aceptado o 1 de outubro de 1940 co número 9.020.874.[2][6] Desde o seu posto no Museo de Historia da Arte participou activamente na confiscación de coleccións artísticas e numismáticas de cidadáns xudeus[2][4] e logrou que 44 obras de arte fosen asignadas ao seu museo, sinaladamente algunhas das mellores obras francesas do século XVIII.

Por mor do inminente perigo da segunda guerra mundial, Dworschak dedicouse á preservación dos fondos máis valiosos do museo.[1][5] O antigo castelo de Steinbach, da familia Rothschild, e o mosteiro de Gaming foron os dous lugares escollidos para os depósitos máis importantes. Ao mesmo tempo, tamén era membro do comité de recuperación das obras de arte que foran subtraídas por Francia a Alemaña a partir de 1794, motivo polo cal realizou varias viaxes a Francia e redactou informes ao respecto por petición de Hans Posse, o comisionado especial de Hitler para a constitución do Führermuseum en Linz.[4][7]

Fritz Dworschak dirixiu tamén o Gabinete Numismático de Viena, situado no Kunsthistorisches Museum, a partir de agosto de 1942, por recomendación do propio Hans Posse e nomeado persoalmente por Hitler o 5 de febreiro dese ano. Este nomeamento enmarcábase dentro do proxecto do Führermuseum, no que un decreto do 30 de setembro determinou a creación dun gabinete de moedas. Logo do falecemento de Posse en decembro de 1942, Dworschak asumiu o labor de configurar este novo gabinete, para o cal recorreu ás coleccións que lles foran confiscadas aos xudeus, e tamén ás de varios mosteiros austríacos.[2]

Ao finalizar a guerra e, por conseguinte, o réxime nazi, Dworschak foi destituído e pasou ao retiro como funcionario en 1947. Porén, desde esa data ata 1958 continuou traballando como contratado á fronte da oficina cultural e do arquivo da cidade de Kerms.[5][6]

Entre 1919 e 1945 Dworschak formou parte da xunta directiva da Sociedade Numismática Austríaca.[3]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

En outubro de 1943 casou con Elfriede Höbarth, unha especialista en moedas gregas coa que colaborara anteriormente.[6]

Fritz Dworschak finou na súa cidade natal o 7 de setembro de 1974 e foi soterrado o día 12 de setembro no cemiterio de Krems.[5]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Dworschak publicou máis de 70 artigos, fundamentalmente sobre numismática, nas revistas máis relevantes da súa época.[9] Esta é unha escolma dos seus traballos monográficos máis representativos:[10]

  • (1928). Krems, Stein und Mautern. Filser, Viena.
  • (1936). Die große Münzreform unter Erzherzog Sigmund von Tirol. Die ersten großen Silber- und deutschen Bildnismünzen aus der Münzstätte Hall im Inntal (con K. Moeser). E. Stepan, Viena.
  • (1936). Führer durch das Erzbischöfliche Dom- und Diözesanmuseum in Wien (con H. Göhler e J. Schmidt). Erzbischöflichen Dom- und Diözesanmuseums, Viena.
  • (1955). Der Maler Martin Johann Schmidt, genannt "der Kremser Schmidt," 1718-1801. Österreichische Staatsdruckerei, Viena.
  • (1958). Antonio Abondio, medaglista e ceroplasta (1538-1591). Collana Artisti Trentini, Trento
  • (1961). Wachau und Nibelungengau. Schnell & Steiner, Múnic.
  • (1963). Die Gotik in Niederösterreich Kunst, Kultur und Geschichte einer Landes im Spätmittelalter. Österreichische Staatsdruckerei, Viena.
  • (1969). Die Kirche des ehem. Stiftes der regulierten Chorherren vom hl. Augustin, Dürnstein, Wachau (con D. Willner e J. Steiner). Schnell & Steiner, Múnic.
  1. 1,0 1,1 "Dworschak, Fritz". Aeiou Östrreich Lexikon.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Dworschak, Fritz". Dictionat of At Historians.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Fritz Dworschak". Wien Geschichte Wiki.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Wissenschaftler / Scientists, collectors: Dworschak, Fritz Dr.". Museumaktuell.de
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Kühnel, H. (1974). "In memoriam Hofrat Dr. Fritz Dworsdiak". En Das Waldviertel. 23 (34) (1974). N. 10-11-12. Páxina 255.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Hehenberger, S. (2019).
  7. "Posse, Hans". Dictionay of Art Historians.
  8. "Die Eckhel Medaille". Sitio web da ÖENG.
  9. "Fritz Dworschak (1890 - 1975). Numismatisches Oevreverzeichnis". En Numismatische Zeitschrift. Vol. 90 (1975). Páxinas 3-6.
  10. "Dworschak, Fritz". WorldCat Identities.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Haupt, H. (1991). Das Kunsthistorische Museum. Die Geschichte des Hauses am Ring. Hundert Jahre im Spiegel historischer Ereignisse. Brandstätter, Viena. ISBN 3-85447-409-1
  • Hehenberger, S. (2019). "Fritz Dworschak". Lexikon der österreichischen Provenienzforschung. Bundesministerium Kunst, Kultur öffentlicher Dienst und Sport.
  • Kühnel, H. (1985). "Fritz Dworschak". En Mitteilungen des Kremser Stadtarchivs. Páxinas 23-25.
  • Schwarz, B. (2014). Auf Befehl des Führers. Hitler und der NS-Kunstraub. Theiss, Darmstadt. ISBN 978-3-8062-2958-5