Haim Gitler
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de abril de 1962 Cidade de México, México. |
Cargos | |
Presidente da Sociedade Numismática de Israel | |
Período | 2005 – 2016 |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Israel. |
Educación | Universidade Hebrea de Xerusalén. Universidade Nicolás Copérnico de Toruń. |
Tese académica | Palestine in the Fifth, Forth and Third century BC. A numismatic study (2011). |
Director de tese | Mariusz Mielczarek. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e arqueoloxía. |
Ocupación | conservador, investigador, numismático |
Empregador | Museo de Israel. Universidade Hebrea de Xerusalén. Universidade de Tel Aviv. |
Membro de | |
Premios | |
2024: Medalla Eckhel (ÖNG). |
Haim Gitler (en hebreo: חיים גיטלר;), nado na Cidade de México o 13 de abril de 1962, é un conservador de museo e investigador israelí, especializado no campo da numismática.
É conservador xefe de arqueoloxía e conservador de numismática no Museo de Israel, en Xerusalén, e exerceu a presidencia da Sociedade Numismática de Israel.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Gitler naceu na Cidade de México en 1962 e emigrou a Israel o 25 de agosto de 1974.[1]
Logo de cumprir co servizo militar como paracaidista entre 1980 e 1983, cursou estudos superiores de Arqueoloxía e Estudos Clásicos na Universidade Hebrea de Xerusalén, onde se graduou en 1987 e acadou o mestrado en Arqueoloxía en 1993. Anos despois, en 2011, doutorouse na Universidade Nicolás Copérnico de Toruń, en Polonia, cunha tese relativa ás moedas da antiga Terra de Israel no período persa tardío e no comezo do período helenístico, dirixida polo profesor Mariusz Mielczarek.[1][2]
Carreira profesional
[editar | editar a fonte]En 1987, Gitler ingresou no cadro de persoal do Museo de Israel, en Xerusalén, como asistente numismático do profesor Ya’akov Meshorer e en 1994 pasou a ocupar alí o posto de conservador de Numismática, responsable da colección de moedas antigas do museo. En tal condición, supervisou a renovación das exposicións numismáticas permanentes en 1994 e 2010, ademais de comisariar numerosas exposicións temporais de numismática.[1][3]
En 2013, ademais de conservador de Numismática, Gitler foi nomeado tamén conservador xefe de Arqueoloxía no Museo de Israel,[1][4] coa responsabilidade xeral da xestión da sección de Arqueoloxía do museo, así como do Santuario do Libro —que alberga os Manuscritos do Mar Morto— e do Museo Rockefeller, fóra das instalacións en Xerusalén.[5]
Gitler foi profesor de Numismática no campus de Rehovot da Universidade Hebrea entre 1996 e 1998, e na Universidade de Tel Aviv de 2010 a 2014. Así mesmo, foi profesor visitante, entre outras, na Universidade de Oxford, no Instituto Ossolineum de Wrocław,[6] na American Numismatic Society de Nova York e na Universidade Macquarie, de Sydney,[1]
De 2005 a 2016, presidiu a Sociedade Numismática de Israel,[1] e foi o fundador da súa publicación periódica Israel Numismatic Research en 2006.[7] En 2018, foi novamente elixido para o cargo de presidente.[8]
En 2022, Gitler foi elixido para ser un dos nove membros do Comité do Consello Internacional de Numismática e foi nomeado secretario do comité. É o primeiro académico israelí elixido membro do Comité do INC.[9] Ademais, entre 2009 e 2015 Gitler foi membro do Comité de Planificación de Moedas, Billetes e Emisións Conmemorativas do Banco de Israel.[1][10]
Paralelamente á súa vertente académica, Haim Gitler é tamén fotógrafo. As súas obras puidéronse ver en tres exposicións individuais en Israel: en Rehovot (1985), en Tel Aviv (1989) e en Xerusalén (1992). Igualmente, participou coas súas fotografías en diversas exposicións colectivas internacionais, como a de Milán de 1986 e a de Xerusalén de 1992.[1]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Investigación e publicacións
[editar | editar a fonte]Campos de interese
[editar | editar a fonte]Haim Gitler é un activo investigador no campo da numismática.[12] Os seus principais focos de atención son as cuñaxes de finais do período persa e principios do helenístico en Palestina: Filistea, Samaria, Xudea e Edom. É autor de máis dun cento de artigos académicos sobre emisións de electro persas, helenísticas, romanas, tardorromanas, bizantinas, islámicas, das cruzadas e modernas.[1]
Ademais, Gitler formou parte de expedicións arqueolóxicas en Israel e Xordania. En Israel publicou numerosos artigos sobre os achados numismáticos das escavacións no Barrio Xudeu de Xerusalén, en Ascalón ou na Barca do Mar de Galilea, entre outros. Tamén presentou traballos sobre as escavacións en Xordania dirixidas por Michele Piccirillo (Monte Nebo, Umm ar-Rasas e Madaba), e as escavacións en Petra dirixidas polo profesor Bernhard Kolb, da Universidade de Basilea.[1]
Outro ámbito das súas investigacións e dos seus artigos constitúeno as análises metalúrxicas de moedas e xoias, tesouros,[13] cuños de moedas romanas e islámicas, bullae de arxila das escavacións de Az-Zantūr en Petra, pesas bizantinas e islámicas, selos de chumbo das Cruzadas, amuletos máxicos etc. Colaborou con máis de 35 estudosos de todo o mundo nestas publicacións.[1][12]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis representativos da traxectoria de Haim Gitler:[1][14]
- (2004): The Coin of Coins (con F. de Callataÿ). Israel Museum. Xerusalén. ISBN 965 278 300 5
- (2006). The Coinage of Philistia of the Fifth and Fourth Centuries BC. A Study of the Earliest Coins of Palestine (con O. Tal). Edizioni Ennerre, Milán. ISBN 9788887235388
- (2019). The Nablus 1968 Hoard. A Study of Monetary Circulation in the Late Fourth and Early Third Centuries BCE in the Southern Levant (con O. Tal). American Numismatic Society, New York. ISBN 978-0897223607
- (2003). The Silver Coinage of Septimius Severus and His Family 193–211 AD. A Study of the Chemical Composition of the Roman and Eastern Issues (con M. Ponting). Edizioni Ennerre, Milán. ISBN 978-8887235333
- (2017). Faces of Power. Roman Gold Coins from the Victor A. Adda Collection (con G. Gambash). Israel Museum. ISBN 9788894220018
- (2020). White Gold : Studies in Early Electrum Coinage (con U. Wartenberg et al.). American Numismatic Society, Nova York. ISBN 978-0897223492
- (2023). The Yehud Coinage: A Study and Die Classification of the Provincial Silver Coinage of Judah (con C. Lorber e J-P. Fontanille). Israel Numismatic Society. ISBN 978-9655982299
- (2024). The Jeselsohn Collection of Coins of the Holy Land. Volume I: Hacksilber, Persian and Early Hellenistic Coinage (con D. Jeselsohn et al.). Xerusalén. ISBN 9789652174659.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 "Dr. Haim Gitler – Curriculum Vitae". IMJnet.academia.edu
- ↑ "Palestine in the Fifth, Forth and Third century BC. A numismatic study - Haim Gitler". PhD dissertations. Nicolaus Copernicus University Research Portal (Omega.umk.pl).
- ↑ "Coins in Context". The Israel Museum, Jerusalem (IMJ.org.il).
- ↑ "Museum Staff". The Israel Museum, Jerusalem (IMJ.org.il).
- ↑ "Samuel and Saidye Bronfman Archaeology Wing". The Israel Museum, Jerusalem (IMJ.org.il).
- ↑ "Visiting Professors: światowej sławy numizmatycy dr Haim Gitler i dr Marcus Peter. 10.10.2018, Ossolineum". Wroclaw.pl. 8 de outubro de 2018.
- ↑ "Israel Numismatic Research". Israel Numismatic Society (INS.org.il).
- ↑ "Officers of the INS". The Israel Numismatic Society.
- ↑ "Committee of the INC". International Numismatic Council (INC-CIN.org).
- ↑ "Public Committee for the Planning banknotes, coins and commemorative coins". Annual Rapport 2011. Bank of Israel. Xerusalén, 2012.. Páxinas 50-51.
- ↑ "Die Eckhel Medaille". Österreichische Numismatische Gesellschaft (Oeng.at).
- ↑ 12,0 12,1 "Haim Gitler". Imjnet.academia.edu
- ↑ Gentelli, L.; Gitler, H. et al. (2021). "Metal provenance of Iron Age Hacksilber hoards in the southern Levant". En Journal of Archaeological Science. Nº 134.
- ↑ "Haim Gitler". Researchgate.net
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1940
- Finados en 1983
- Nados en México
- Numismáticos de Israel
- Arqueólogos de Israel
- Galardoados coa medalla Eckhel
- Museo de Israel
- Alumnos da Universidade Hebrea de Xerusalén
- Alumnos da Universidade Nicolás Copérnico de Toruń
- Profesores da Universidade Hebrea de Xerusalén
- Profesores da Universidade de Tel Aviv