Fructuoso Manrique Martín
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1872 Fuentepelayo, España |
Morte | 1 de novembro de 1936 (63/64 anos) Vilariño Frío, España |
Causa da morte | paseo, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | político, policía |
Fructuoso Manrique Martín, nado en Fuentepelayo (Provincia de Segovia) en 1872 e finado en Vilariño Frío (Montederramo) o 1 de novembro de 1936, foi un carabineiro e político español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou a carreira militar. O seu primeiro destino no corpo de carabineiros foi Cádavos (A Mezquita) onde atendía a Aduana na fronteira con Portugal. Alí coñeceu á súa muller Josefa García Barros. Foi trasladado a Jaca e posteriormente foi comandante en Ferrol. En 1929 foi destinado como tenente coronel do Corpo de Carabineiros a Alxeciras, e en novembro do mesmo ano, a Xirona. Finalmente, en 1931 foi nomeado xefe de Carabineiros na provincia de Pontevedra, xa a punto de xubilarse. O 14 de maio de 1931 mantivo unha reunión no Concello de Vilagarcía de Arousa na que se firmou a acta pola cal se incautaban as propiedades que nese concello tiña o ex rei Afonso XIII, entre elas a Illa de Cortegada, que quedou baixo custodia da Comandancia de Carabineiros de Pontevedra. Meses despois xubilouse acolléndose á lei Azaña.
Fructuoso e a súa muller vivían en Ourense con Marcial García Barros que era tenente de Seguridade. Con eles vivía o seu sobriño Sergio García Ferrera. Durante a Segunda República, Fructuoso foi nomeado presidente de Izquierda Republicana en Ourense. Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, foi nomeado gobernador civil interino de Ourense. Foi elixido compromisario para a elección do presidente da República en 1936.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 o día 25, Fructuoso, Marcial e Antonio Bernardo García Barros foron detidos. Fructuoso pasou uns tres meses en Celanova e coa escusa de trasladalo á cadea do Barco de Valdeorras foi asasinado o 1 de novembro na zona chamada Arca Aberta de Vilariño Frío (Montederramo) con Jacinto Santiago, Eligio Núñez Muñoz e Aquilino Sánchez Rodríguez. Os executores ordenaron tamén queimar a súa casa en Cádavos.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Josefa García Barros, irmá de Marcial García Barros.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Prada Rodríguez, Julio (2004). Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión. Sada: Do Castro. ISBN 978-84-8485-157-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Homenaje a Fructuoso Manrique" La Región, (en castelán).
- Héroes o traidores, artigo de Sergio García Ferrera en La Región, (en castelán).