Saltar ao contido

Georges-Louis Leclerc

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Georges-Louis Leclerc de Buffon»)
Modelo:BiografíaGeorges-Louis Leclerc

Editar o valor en Wikidata
Biografía
NacementoGeorges-Louis Leclerc
7 de setembro de 1707 Editar o valor en Wikidata
Montbard (Reino de Francia) Editar o valor en Wikidata
Morte15 de abril de 1788 Editar o valor en Wikidata (80 anos)
París (Reino de Francia) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaÉglise Sainte-Urse de Montbard (en) Traducir (1788–década de 1790) 47°37′31″N 4°20′08″L / 47.6253, 4.3356
Museo Nacional de Historia Natural de Francia (cerebro), Gran Galeria de l'Evolució, Escala Nord 48°50′31″N 2°21′24″L / 48.84201611, 2.35677059 Editar o valor en Wikidata
Cadeira 1 da Academia Francesa (pt) Traducir
23 de xuño de 1753 – 16 de abril de 1788
← Jean-Joseph Languet de GergyFélix Vicq d'Azyr (pt) Traducir →
Director of the Muséum National d'Histoire Naturelle (en) Traducir
agosto de 1738 – 18 de abril de 1788
← Charles François de Cisternay du FayAuguste Charles César de Flahaut de La Billarderie (en) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaFrancia Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversité d'Angers (pt) Traducir - matemáticas (1728–1730)
Universidade de Borgoña - dereito (1723–1728)
Collège des Godrans (en) Traducir (1717–1723) Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoBioloxía, xeografía e xeoloxía Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Bruxelas Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónbotánico, filósofo, zoólogo, entomólogo, debuxante, astrónomo, escritor, biólogo, matemático, Vulcanólogo, tradutor, ornitólogo, físico, naturalista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1722 Editar o valor en Wikidata - 1788 Editar o valor en Wikidata
Membro de
Influencias
Compañeiro profesionalPhilippe Guéneau de Montbeillard (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Abreviación dun autor en botánicaBuffon Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde Editar o valor en Wikidata
CónxuxeMarie-Françoise de Saint-Belin-Malain Editar o valor en Wikidata
FillosGeorges Louis Marie Leclerc de Buffon Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1788788 WikiTree: Leclerc-1593 Find a Grave: 34124539 Editar o valor en Wikidata

Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon, nado en Montbard o 7 de setembro de 1707 e finado en París o 16 de abril de 1788, foi un naturalista, matemático, biólogo, cosmólogo e escritor francés.

A localidade de Buffon, no departamento de Côte-d'Or, foi o señorío da familia Leclerc.

Buffon pretendeu compendiar todo o saber humano sobre o mundo natural na súa obra en 44 volumes Histoire naturelle. O seu enfoque influíu na Enciclopedia de Diderot e as súas ideas tamén o fixeron sobre as seguintes xeracións de naturalistas, e en particular sobre Jean-Baptiste Lamarck, Georges Cuvier e Charles Darwin.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Buffon naceu en 1707 no castelo de Montbart, xunto a Semur, nunha familia de ricos e altos funcionarios.

Tras estudar no colexio de dos xesuítas de Dijon, licenciouse en dereito en 1726. Preferindo as ciencias, contrariando á súa familia, foi a estudar matemáticas e botánica a Angers en 1728.

Estatua de Buffon no Jardin des Plantes de Paris.

Alí leu a Newton, e seguiu cursos de medicina pero, despois de matar nun duelo a un oficial croata, viuse obrigado a abandonar a universidade e refuxiarse en Dijon e despois en Nantes.

En Nantes reencontrou ao Duque de Kingston, un aristócrata inglés que percorría Europa como viaxe de licenciatura xunto ao seu preceptor. Comezou unha estreita amizade con el e decidiu seguilo no seu periplo, que os levou a La Rochelle, Bordeos, Tolosa, Béziers e Montpellier, e despois a Italia, onde pasaron por Turín, Milán, Xénova, Florencia e Roma, aproveitando a viaxe para acumular libros.

De volta a Francia foi elixido membro da Academia de Ciencias de Francia, con só 27 anos, e despois Gardián dos Xardíns Reais (máis tarde Jardin des Plantes) en París, desde 1739.

Daquela, contando trinta e dous anos, pedíuselle que fixera unha descrición metódica das coleccións conservadas no gabinete real, o que impulsou a súa dedicación á Historia Natural durante os corenta e nove anos seguintes que lle quedaban de vida, distribuíndo o seu tempo entre París e Montbart.

Durante este período transformou os xardíns reais nun museo e centro de investigación, ampliando o parque considerabelmente coa inclusión de numerosas plantas e árbores procedentes de todo o mundo.

En 1773 foille outorgado o título de Conde de Buffon.

Morreu en París en 1788.

A obra máis célebre de Buffon é a súa Historia natural, xeral e particular (Histoire naturelle, générale et particulière) en 36 volumes publicados entre 1749 e 1788 e con 8 volumes adicionais publicados á súa morte (por Lacépède).

Esta obra engloba o coñecemento do mundo natural até aquela data, excluíndo as plantas, os insectos, os peixes e os moluscos. As descricións de animais non foron probabelmente escritas por el, xa que estas descricións aburríano e as confiaba a miúdo aos seus colaboradores, reservando para si as grandes visións de conxunto e as hipóteses acerca da estrutura do mundo e da organización gradual e as transformacións sucesivas da materia inanimada ou a vivente. O verdadeiro Buffon debe buscarse na Teoría da Terra e nas Épocas da Natureza.[1]

Xeoloxía

[editar | editar a fonte]

Buffon expuxo as súas ideas sobre xeoloxía en Historia e teoría da Terra, publicada en 1744, un tratado que viña a constituír o principio da súa Historia natural. Este discurso, non moi extenso, vai seguido de Probas distribuídas en dezanove artigos que constitúen unha especie de expediente xustificativo, xa que Buffon distingue entre teoría (historia onde só figuran feitos demostrados e debidamente comprobados) e sistema (hipótese incomprobábel acerca das orixes).

El pretende escribir só teoría. En canto á materia xeolóxica, a desorde da Terra é só aparente, xa que a terra se deposita en forma de estratos, atribuíndo esta estratificación á obra da auga, tanto a do mar como a do ceo que, por medio da erosión, desfai a orde estratificada pola auga mariña. Esta explicación que atribúe as modificacións da paisaxe á acción exclusiva da auga denomínase neptunismo. Pero, a partir de 1745, data da primeira das Probas, engade a esta explicación a formación polo lume, hipótese chamada vulcaniana ou vulcanismo. Máis tarde recoñeceu que o lume era o axente principal das transformacións xeolóxicas e desenvolveu magnificamente esta hipótese nas súas Époques de la Nature (1778).

Cando Buffon publicou Les Époques de la Nature contaba xa setenta e un anos, polo que constitúe o seu testamento intelectual e unha síntese de todos os seus traballos. Na introdución afirma que quere anotar os cambios sucesivos da Natureza. Establece sete épocas segundo os feitos, os monumentos e as tradicións.

  • Na primeira, a materia do globo estaba fundida polo lume e a Terra adquiría a súa forma, elevándose no Ecuador e achatándose nos polos a causa do movemento de rotación.
  • Na segunda, a materia achábase consolidada xa formando grandes masas de materias vitrescíbeis.
  • Na terceira, o mar, que cubría a Terra actualmente habitada, alimentaba aos animais provistos de cuncha ou moluscos, cuxos despoxos formaron as substancias calcarias.
  • Na cuarta produciuse a retirada dos mares que cubrían os continentes.
  • Na quinta, os elefantes, hipopótamos e outros animais do sur habitaron as terras do norte.
  • Na sexta, separáronse os dous continentes e apareceu o home.
  • Na sétima época, o home desenvolveuse.

Soslaia os tropezos que lle ofrecían os textos relixiosos afirmando que a interpretación da Xénese non debe ser literal e que os seis días de que fala Moisés son precisamente as seis épocas por el descritas. "A verdadeira gloria do home é a ciencia, e a paz a súa verdadeira felicidade".

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
  • En embrioloxía, Buffon defendeu unha teoría epixenética. Fronte ao preformacionismo dominante na época, Buffon postulou a existencia de "moléculas orgánicas", entidades primitivas e incorruptíbeis que constituirían a todos os seres vivos, uníndose por "intrususcepción" ao longo da embrioxénese.
  • En canto á súa concepción do organismo, no seu Discours sur la Nature des Animaux Buffon distingue entre as partes animal e vexetativa dos animais, unha distinción que sería máis tarde desenvolvida por Xavier Bichat e Georges Cuvier: as funcións vexetativas ou orgánicas están sempre actuando e son realizadas polos órganos internos, dos cales o corazón é o órgano principal; as funcións animais son realizadas polas partes externas (os órganos dos sentidos e as extremidades). Así, podería dicirse que un animal é un complexo de órganos que cumpren as funcións vexetativas (asimilación, crecemento e reprodución) cuberto por un envoltorio formado polas extremidades, os órganos dos sentidos, os nervios e o cerebro, que sería o centro deste envoltorio. Os animais poden diferir uns dos outros nas súas partes externas sen mostrar grandes diferenzas na ordenación das súas partes internas. Porén, se os órganos internos cambian, as partes externas cambiarán infinitamente.[2]
  • Buffon é un dos grandes expoñentes da idea da Scala naturae. Así, Buffon ordena os seres orgánicos de maneira gradual, aínda que a gradación non é de tipo morfolóxico senón funcional.[3]
  • Buffon foi tamén un firme crente na unidade do plano estrutural dos vertebrados. Por vez primeira, e aínda que fora a modo de hipótese, explícase a unidade do plano por unidade de orixe.[4]
  • Buffon rexeita a obxectividade da sistemática, especialmente a linneana, á que considera totalmente artificial. Porén, propón un concepto de especie moi próximo ao concepto biolóxico moderno, fundamentado na permanencia dos caracteres ao longo das xeracións e na imposibilidade de obter descendentes fecundos entre dúas especies diferentes. En opinión de Buffon, os baleiros entre especies son a única descontinuidade mostrada pola Natureza.
  • O transformismo de Buffon está limitado ao interior das especies. Se ben Buffon especula sobre a posibilidade dun tipo orixinal de onde descenderían o resto dos animais mediante transformacións morfolóxicas, finalmente rexeita esta hipótese baseándose na constancia das especies e na infertilidade dos híbridos. A tese de que Buffon era un evolucionista convencido que corrixiu as súas opinións por medo á Igrexa non se acepta xa por ningún dos expertos na obra de Buffon. Como sinala Russell,[5] Buffon refuta a posibilidade transformista apelando a criterios racionais e non a un acto de fe: como podería suceder que dous individuos "dexenerasen" na mesma dirección? Como é que non encontramos ligazóns intermedias entre as especies? Para Buffon, as "dexeneracións" poderían afectar tan só ao tipo orixinal dunha especie por influencia especialmente do clima. Porén, o seu cuestionamento da constancia absoluta da especie, as súas reflexións sobre a historia da Terra, a fecundidade dos híbridos, o papel do medio e a bioxeografía, abrirá a vía á bioloxía lamarckiana. (Schmitt 2006: 97).
  • En anatomía comparada, aínda que a súa obra non destaca polas súas observacións detalladas, ofrece un programa de investigación que tería unha forte influencia. Por un lado, insiste na importancia do estudo das estruturas internas (e non só da morfoloxía externa) para a comprensión do funcionamento dos organismos. Este proxecto será posto en marcha por Daubeton e Vicq d'Azyr e conducirá á gran síntese de Cuvier. Por outro lado, Buffon, desconfiando da causalidade final, tende a adoptar un enfoque puramente morfolóxico, considerando as formas independentemente da súa función. Esta vía conducirá aos traballos de Goethe e Étienne Geoffroy Saint-Hilaire. (Schmitt 2006: 97)

As ideas de Buffon non estiveron exentas de controversia. En particular, a súa longa disputa con Thomas Jefferson e outros estudosos estadounidenses ao estar el convencido de que en América prevalecía un estado de evolución retardada, tanto para as plantas e os animais como para os indíxenas. Tamén sostivo unha curiosa polémica por correspondencia con Lord Monboddo quen, en contra da opinión de Buffon, insistía na proximidade do parentesco de homes e simios.

Astronomía. As súas dificultades coa Igrexa

[editar | editar a fonte]

En Les Époques de la Nature Buffon estuda a orixe do Sistema Solar, especulando que os planetas poderían terse formado pola colisión sucesiva de cometas contra o Sol.

Tamén suxeriu que a idade da Terra debía de ser bastante máis elevada que os 6 000 anos proclamados pola Igrexa, calculados a partir da Biblia remontándose até o Xénese. Baseándose na taxa de arrefriamento do ferro fundido, calculou que a idade da Terra sería duns 50 000 anos.

Por estas aseveracións foi xulgado pola Igrexa Católica de Francia, e debeu retractarse da súa teoría no segundo volume da súa Histoire Naturelle. Finxindo inxenuidade e manifestando a súa fe intacta, a Sorbona acabou por declararse satisfeita e abandonou a persecución en abril de 1751, a cambio dunha vaga promesa de contrición. Prudente (tiña bastante que perder), preferiu retractarse que solicitar axuda aos seus protectores nun conflito que podería volverse na súa contra, e ante o cal poderían deixalo só. Así e todo Voltaire, que o respectaba moitísimo, non compartía todas as súas opinións científicas sobre este asunto e acabaría distanciándose del.

A partir diso, non se fiaría máis da Igrexa, sen volver por outra banda a enfrontarse con ela directamente, o que sería un grave erro táctico. Contentouse con esquivala habilmente. Así, por exemplo, elixiu un confesor pusilánime, ao que trataba como un criado a cambio de que se fixera o cego.

Proseguiu as súas investigacións, facendo construír esferas de metal nas súas propias forxas, para experimentar a súa teoría, e afinando os seus cálculos, chegando a unha cifra para a idade da Terra de 75 000 anos, publicando os seus resultados en idade avanzada e xa sen temor da Igrexa.

Matemática

[editar | editar a fonte]

En matemáticas Buffon é recordado pola súa teoría da probabilidade e o problema clásico da agulla de Buffon. Trátase de lanzar unha agulla sobre un papel no que se trazaron rectas paralelas distanciadas entre si de maneira uniforme. Pódese demostrar que se a distancia entre as rectas é igual á lonxitude da agulla, a probabilidade de que a agulla cruce algunha das liñas é do 98,8 %

Literatura. O estilo

[editar | editar a fonte]

Sobre literatura Buffon escribiu un ensaio, o Discurso sobre o estilo, composto para o seu ingreso na Academia Francesa, para a que foi elixido sen que presentase a súa candidatura. Eloxia as calidades intelectuais do estilo: unidade, plan, claridade. Distingue o estilo do orador, que é elocuente e pretende animar as paixóns, do do escritor que se dirixe ao espírito, para o cal o estilo debe ser "a orde e o movemento no pensar". A orde interesa por riba de todo e sempre hai que seguir algún plano ou método; incluso parece que o movemento mesmo nace da orde, e hai que evitar todo canto sexa afectación, elixindo as expresións con delicadeza e gusto e desbotando os tecnicismos, axustando o ton á natureza do asunto. "Escribir ben é á vez pensar ben, sentir ben e expresarse ben; é posuír á vez enxeño, alma e gusto". Só o estilo pode salvar unha obra do esquecemento, porque os coñecementos e os descubrimentos transpórtanse con facilidade: "estas cousas están fóra do home, pero o estilo é o home mesmo; o estilo non pode roubarse nin transportarse".

Algunhas publicacións

[editar | editar a fonte]
  • Histoire naturelle, générale et particulière, coa descrición do Cabinet du Roy, comprendendo:
    • De la manière d’étudier l’histoire naturelle, seguida da Théorie de la Terre, 1749
    • Histoire générale des animaux, 1749
    • Histoire naturelle de l’homme, 1749
    • Les quadrupèdes, 1753 - 1767
    • Histoire naturelle des oiseaux, 1770 - 1783
    • Histoire naturelle des minéraux, 1783 - 1788, contendo o Traité de l’aimant et de ses usages
    • Les suppléments, 1774 - 1789, onde están as Époques de la nature, a partir de 1778
  • Discours sur le style, discurso pronunciado na Académie française a xornada da súa recepción, o 25 de agosto de 1753.
  • Mémoires de mathématique et de physique, tirés des registres de l’Académie Royale des Sciences:
    • De la cause de l’excentricité des couches ligneuses qu’on apperçoit quand on coupe horizontalement le Tronc d’un Arbre; de l’inégalité d’épaisseur, & du différent nombre de ces couches, tant dans le bois formé que dans l’aubier, 1737
    • Des différents effets que produisent sur les Végétaux, les grandes gelées d’Hiver & les petites gelées du Printemp, 1737
    • Moyen facile d’augmenter la solidité, la force et la durée du bois, 1738
    • Mémoire sur la conservation et le rétablissement des forests, 1739
    • Expériences sur la force du bois, 1740
    • Expériences sur la force du bois, 1741
    • Dissertation sur les couleurs accidentelles, 1743
    • Mémoire sur la culture des forests, 1745
    • Réflexions sur la loi de l’attraction, 1745
    • Addition au mémoire qui a pour titre : Réflexions sur la Loi de l’Attraction, 1745
    • Seconde Addition au Mémoire qui a pour titre : Réflexions sur la Loi de l’Attraction, 1745
    • Invention des miroirs ardens, pour brusler à une grande distance, 1747
    • Découverte de la liqueur séminale dans les femelles vivipares et du réservoir qui la contient, 1748
    • Nouvelle invention de miroirs ardens, 1748
  • Traducións
    • Stephan Hales, La Statique des végétaux, 1735
    • Isaac Newton, La Méthode des fluxions et des suites infinies, 1740
  1. Cf. G. Lanson e P. Truffau, Historia de la literatura francesa, Barcelona: Labor S. A., 1956, páx. 388.
  2. Russell (1916): Form and Function, páxs. 25 e 26.
  3. Buffon (1749): Histoire naturelle, i., p. 13; ii, p. 9; iv., p. 101; e xiv., páxs. 28-29.
  4. Russell (1916):. Form and Function, páx. 24.
  5. Russell (1916): Form and Function, páx. 25.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cobb, Matthew (2009): "Erudito del estilo", Revista de Libros, 153, setembro de 2009, páxs. 7-9.
  • Gascar, Pierre (1983): Buffon París: Gallimard. ISBN 2-07-070007-0
  • Lanson, G & P. Truffau (1956): Historia de la literatura francesa. Barcelona: Labor.
  • Roger, Jacques (1989): Buffon: un philosophe au Jardin du Roi. París: Fayard. ISBN 2-213-02265-8
  • Schmitt, Stéphane (2006): Aux origines de la biologie moderne. L'anatomie comparée d'Aristote à la théorie de l'évolution. París: Ed. Belin.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]