Saltar ao contido

Guerras fernandinas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerras fernandinas
Parte de dos conflitos que enfrontaron ao rei de Portugal Fernando I e aos reis da Casa de Trastámara polo trono da Coroa de Castela, tras o asasinato de Pedro I a mans do seu irmán Henrique.

O exército anglo-portugués (dereita)
derrota á vangarda francesa ao servizo do rei castelán.
Da Chronique d'Angleterre de Jean de Wavrin.
Data 1369-1382
Lugar Castela, Galicia, Portugal
Resultado Coroación do rei Xoán I e o comezo da dinastía de Avis en Portugal
Belixerantes
Reino de Portugal Coroa de Castela
Líderes
Fernando I de Portugal Henrique II de Castela

As chamadas Guerras fernadinas foron unha serie de disputas polo trono de Castela entre o rei Fernando I de Portugal e o rei Henrique II de Castela e despois polo fillo deste, Xoán I de Castela, tras o asasinato de Pedro o Cruel (ou o Xusticeiro), o último descendente lexítimo da Casa de Borgoña en sentar no trono do Reino de Castela e León, a mans do seu medio irmán Henrique.[1]

Pódense dividir en tres fases: entre 1369-1370, 1372-1373 e 1381-1382.

Cada un destes tres períodos de guerra acabaron cun tratado de paz: o tratado de Alcoutim (1371), o tratado de Santarém (1373) e o tratado de Elvas (1382).

Primeira guerra (1369-1370)

[editar | editar a fonte]

O comezo do reinado de Fernando I de Portugal quedou marcado polo inicio do conflito.

Cando, en 1369, morreu o rei de Castela Pedro I o Cruel sen deixar herdeiros directos,[2][3][4][5] Fernando, como bisneto de Sancho IV de Castela pola parte materna,[6] autoproclamouse herdeiro do trono de Castela.

Porén, os seus competidores, Pedro IV de Aragón, Carlos II de Navarra e Xoán de Gante, I duque de Lancaster, tamén reclamaron o dereito; o primeiro, por ser fillo da infanta Lionor de Castela, fila do rei Fernando IV de Castela e León; o segundo, por estar casado con Lionor de Trastámara, filla de Henrique de Trastámara,[2][3][7][8] e o último, por estar casado coa filla máis vella do defunto rei Pedro I, Constanza.[4]

Pero foi Henrique de Trastámara, irmán bastardo de Pedro I, quen asumiu a coroa e foi proclamado rei.[2]

A cuestión sucesoria conduciu aos contendentes a varias campañas militares con resultados pouco claros até que, finalmente, foi o papa Gregorio XI quen mediou na sucesión, poñendo de acordo a todas as partes.

Véxase tamén: Tratado de Alcoutim.

Segunda guerra (1372-1373)

[editar | editar a fonte]
Fernando I de Portugal.
Xoán de Gante.
Henrique II de Castela.

As estipulacións do tratado de Alcoutim de 1371, polo cal se trataba de resolver a cestión sucesoria de Pedro I, incluía, entre outras, o compromiso matrimonial entre Fernando e Lionor de Trastámara, filla de Henrique. Pero antes de que a unión se celebrara, Fernando, que naquel tempo estaba apaixonadamente namorado de Lionor Teles de Meneses, esposa dun nobre da súa Corte, comezou unha relación con ela, e o proxectado matrimonio con Lionor de Trastámara nunca se celebrou. Fernando, en 1372, tivo éxito na petición da anulación do anterior matrimonio da súa amante, e casou finalmente con ela.[6]

O compromiso entre Fernando I de Portugal e Lionor foi anulado no tratado de Tui en 1372.[9] [10]

En 1373, despois da vitoria de Henrique II na guerra que mantivera co Reino de Navarra, que obrigou ao rei Carlos II a romper a alianza militar que tiña con Inglaterra, e lograr que non concertara alianzas matrimoniais coa mesma, e que prohibiría o paso por Navarra de calquera inimigo de Castela (vitoria importante porque debilitaba a Inglaterra na guerra dos cen anos), para mitigar as diferenzas con Navarra, Lionor foi comprometida co herdeiro á súa coroa Carlos (o futuro Carlos III),[11][12] fillo varón primoxénito do rei Carlos II e de Xoana de Valois, filla do rei de Francia, Xoán II.

Pero a paz acordada pronto volveu a estar en perigo debido ás intrigas do duque de Lancáster, que convenceu a Fernando de que participara nun acordo secreto polo que ambos os dous tratarían de expulsar do trono a Henrique.

Nobres casteláns "petristas" que, despois da primeira guerra fernandina se refuxiaran en Portugal, como Fernando Afonso de Zamora e Men Rodríguez de Sanabria, invadiron coas súas tropas Galicia desde o norte de Portugal, para atacar o monarca castelán no noroeste do seu reino. Unha vez máis, a prazas fronteirizas puxéronse do lado dos lexitimistas, e Men Rodríguez de Sanabria, xunto a Xoán Afonso de Zamora, conseguiron o control das terras de Valdeorras e de Verín, así como do val do río Támega, na fronteira entre Portugal e Galicia, con que pecharon o acceso desde Castela cara ao sur de Galicia. Porén, a superioridade de Henrique era indiscutíbel e os petristas volveron ser derrotados. Henrique invadiu de novo Portugal en decembro de 1372 e, ás portas de Lisboa, impuxo a sinatura do tratado de Santarém na primavera do ano seguinte (1373).

O tratado de Santarém significou o final do petrismo e a resistencia lexitimista en Portugal. O rei castelán, Henrique, impuxo ao soberano portugués, ademais da expulsión dos petristas de Portugal, un sistema de alianzas matrimoniais entre as dúas familias. Isto significou unha verdadeira diáspora dos exiliados casteláns, o que suporía o seu final como grupo de presión con aspiracións para apartar ao bastardo Henrique do trono de Castela.

A raíña Lionor, cuxas relacións co seu marido, Carlos III de Navarra, non foron idílicas, separándose e en febreiro de 1388 separáronsene. En 1390, Lionor, coa súa filla máis pequena, volveu a Castela, deixando, porén, tras varias negociacións para que volvera, nas que Lionor refería que en Navarra sufrira malos tratos, Carlos III conseguiu a entrega da súa filla máis vella, Xoana, para que fose educada e xurada como herdeira. Lionor fixou a súa residencia en Valladolid.[2]

O papel da raíña Lionor, cada vez máis influente, e a súa intervención nas relacións de política exterior fixérona cada vez máis impopular en Castela (e tamén en Portugal). Aparecentemente, o rei Fernando foi incapaz de manter un goberno forte e o ambiente político interno sufriu con constantes intrigas cortesás (moitas delas impulsadas por Lionor). Xa no ano de 1390, á morte do seu irmán Xoán I de Trastámara, Lionor participou de forma activa nas intrigas en Castela cando o seu neto Henrique de Trastámara era menor de idade. E cando Henrique, en 1393, chegou á maioría de idade, e dado que os enfrontamentos eran máis intensos, Lionor continuou intrigando e aliouse co seu medio irmán Federico Enríquez, duque de Benavente, e co seu primo Pedro Fadríquez, conde de Trastámara, aliñándose contra o seu neto. Entón o neto, contra a metade de 1394, asediuona no castelo de Roa, onde estaba reunida cos seus seguidores, obrigándoa a renderse.[2] Finalmente, en febreiro de 1395, Henrique III obrigouna a volver a Navarra co seu marido.

Terceira guerra (1381-1382)

[editar | editar a fonte]
Xoán I de Castela.

Ao morrer Henrique en 1379, o duque de Lancáster reclamou unha vez máis os seus dereitos, e de novo encontrou un aliado en Fernando. Despois da batalla da illa de Saltés e o desembarco de tropas inglesas en Lisboa, finalmente acordouse unha paz para Portugal, que foi asinada no tratado de Elvas en 1382.[13] Nas condicións de dita paz estipulábase que Beatriz, herdeira de Fernando I de Portugal, casara co rei Xoán I de Castela. Esta unión significada de facto, a anexión de Portugal por parte da Coroa de Castela, e non foi ben recibida pola nobreza portuguesa.

O 22 de outubro de 1383, Fernando morreu sen un herdeiro varón. Prevíase, daquela, o final da liña sucesoria de Borgoña, casa que gobernara os destinos de Portugal desde Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal. En tanto, Eleanor Telles de Menezes foi nomeada rexente en nome de Beatriz, aínda que a transición non foi pacífica. En resposta aos desexos da maioría dos portugueses de manter un reino independente de Castela, o Gran Mestre da Orde de Avis, Xoán, medio irmán de Fernando, foi chamado para que reclamara o trono, rompendo os termos do tratado de 1382, o que conduciu a Portugal a un novo período de guerra e ao caos político e social que se coñece como a crise de 1383-1385, que finalmente culminaría, despois da batalla de Aljubarrota, co ascenso ao trono portugués de Xoán I, dando así comezo á Dinastía de Avis.

  1. Martins 2008.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Reis de Castela en Medievals Lands (en inglés).
  3. 3,0 3,1 Casa de Ivrea - genealogy Arquivado 11 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. (en inglés)
  4. 4,0 4,1 Pedro I en PEDIGREE (en inglés)
  5. Afonso XI de Castela - genealogie Arquivado 22 de setembro de 2008 en Wayback Machine. en mittelalter (en alemán)
  6. 6,0 6,1 Reis de Portugal en Medieval Lands (en inglés).
  7. Henrique II de Trastamara en PEDIGREE (en inglés)
  8. Henrique II de Castela - genealogie Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. en mittelalter (en alemán)
  9. Olivera Serrano 2005, p. 55.
  10. "Convenção de Tui", en José Adelino Maltez (2008): "Crónica do Pensamento Político". Dili, Timor Oriental.
  11. VV.AA. (1988): Gran Enciclopedia Larousse. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-7370-9.
  12. Herreros Lopetegui, Susana (1993): "Navarra en la órbita francesa". En: Historia Ilustrada de Navarra. Pamplona: Diario de Navarra. ISBN 84-604-7413-5.
  13. Ferrer i Mallol 2005, p. 519.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Batista González, Juan (2007): "Capítulo VI. El camino hacia la unificación", en España estratégica. Guerra y diplomacia en la historia de España. Madrid: Sílex. ISBN 978-84-7737-183-0.
  • Cervera Pery, José (1992): El poder naval en los reinos Hispánicos: la marina de la Edad Media. Madrid: San Martín. ISBN 978-84-7140-291-2.
  • Fernández Duro, Cesáreo (1995): La Marina de Castilla. Madrid: Editmex. ISBN 978-84-8622-804-0.
  • Ferrer i Mallol, Maria Teresa (2005): Entre la paz y la guerra: la Corona catalano-aragonesa y Castilla en la Baja Edad Media. Barcelona: CSIC. ISBN 84-0008-388-1.
  • Lopes, Fernão (Introdución de Salvador Dias Arnaut) (1966): Crónica do Senhor Rei Dom Fernando, nono rei destes regnos. Porto: Livraria Civilização.
  • Martins, Armando Alberto (2008): Guerras fernandinas, 1369-1382. Porto: QuidNovi Editora. ISBN 978-98-9628-026-0.
  • Olivera Serrano, César (2005): Beatriz de Portugal. La pugna dinástica Avís-Trastámara. Santiago de Compostela: CSIC. ISBN 84-0008-343-1.
  • Pereira, António Rodrigues (1983): História da Marinha Portuguesa. Lisboa: Escola Naval.
  • Torres, Rui de Abreu (1965): "Fernando, D." en Dicionário de História de Portugal. Lisboa: Iniciativas Editoriais.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]