Saltar ao contido

HC Borbolla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
HC Borbolla
CidadeA Coruña, Galicia Galicia
Historia1990
Fundado1990
PavillónPolideportivo de Monte Alto (500 persoas)
CompeticiónOK Liga Feminina
Liga Sénior Masculina
Cores               Vermello, azul e branco

O Hóckey Club Borbolla é un equipo galego de hóckey a patíns do barrio coruñés de Monte Alto. Compite nas ligas sénior galegas, tanto en categoría feminina como en masculina. Disputa os seus partidos como local no Polideportivo de Monte Alto, un pavillón con capacidade para unhas 500 persoas. Na tempada 2017-18 era o único equipo da cidade herculina que non tiña ningunha relación cun colexio ou escola, e o terceiro club coruñés con máis equipos na Liga Galega, cun total de 12.[1]

Ao longo da súa historia, o seu equipo sénior feminino competiu na máxima categoría do hóckey a patíns feminino español, a OK Liga Feminina, en dúas ocasións, e o seu equipo sénior masculino xogou unha tempada na segunda categoría.

As orixes do club remóntanse á década de 1980, cando coincidindo cos éxitos do HC Liceo o bar Borbolla, situado na rúa Arenal no barrio de Monte Alto, creou unha peña liceísta. A construción do Polideportivo de Monte Alto en 1991 levou á transformación da peña nun novo club, ao decidir formar un equipo con rapaces do barrio a pesar de non contar o novo pavillón con valados para a práctica do hóckey a patíns, polo que comezaron facendo patinaxe.[2]

Primeiros éxitos do equipo masculino

[editar | editar a fonte]

O primeiro logro do equipo sénior do Borbolla chegou na tempada 2007-08, cando se proclamou campión da Liga Galega Sénior Masculina, con todo o equipo non puido lograr o ascenso á segunda categoría do hóckey a patíns español na fase de ascenso disputada en Oviedo, na que os locais do FM Roller Oviedo se fixeron finalmente coa praza da Liga Norte en Primeira División.[3][4] Dous anos despois, na tempada 2009-10 dirixido por Diego Lazo Picolo, conseguiu por primeira vez na súa historia ascender á Primeira División, a segunda categoría do hóckey a patíns en España, logo de gañar a Liga Galega e finalizar na primeira posición a fase de ascenso da Liga Norte disputada na Coruña logo de conseguir 3 vitorias noutros tantos encontros e 21 goles a favor por tan só 7 en contra, os rivais dos de Monte Alto foron o CP Burgos (1-0), o CD Urdaneta (9-3) e o CP Areces L5 (11-4). O equipo que conseguiu o histórico ascenso estaba formado polos irmáns Pablo e Fernando Arias, Pablo Fernández, David Rodríguez, Jacobo Mantiñán, Manuel Togores, Josama Alén, Hugo García e os porteiros Bruno e Sergio García.[1][3][5]

O equipo de Monte Alto estreouse na categoría de prata do hóckey a patíns español o 2 de outubro de 2010 cunha contundente vitoria fronte ao ICG Software Lleida por 9 goles a 1.[6] Con todo, o equipo non puido consolidarse e descendeu logo de finalizar na penúltima posición da táboa cun rexistro de 6 vitorias, 3 empates e 21 derrotas para un total de 21 puntos, e conseguindo anotar 123 goles e encaixando 173.[6]

Na OK Liga Feminina

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2011-12 chegou o primeiro éxito do equipo sénior feminino no seu primeiro ano de existencia,[7] ao conquistar Liga e Copa galegas, o que lle deu a posibilidade de competir na OK Liga Feminina na tempada 2012-13. Inicialmente o equipo debería xogar unha fase de ascenso, mais só o Borbolla e o Vigo Stick presentaron candidatura, obtendo así ambos praza para disputar a liga. Deste xeito o equipo de Monte Alto convertíase no primeiro equipo coruñés en xogar na máxima categoría do hóckey a patíns feminino español.[a][8] O debut das xogadoras do Borbolla na OK Liga Feminina tivo lugar na fin de semana do 22 e 23 de setembro de 2012, cando se enfrontaron en dobre xornada na Coruña a Manlleu e Igualada.[9] Finalmente, na súa primeira tempada na elite, as rapazas adestradas por Carlos Parga[8] non puideron manter a categoría na pista[10] logo de rexistrar dúas vitorias, un empate e 23 derrotas, e finalizando na penúltima posición da táboa con sete puntos, só por diante do Vigo Stick.[11]

A pesar do descenso deportivo, a falta de equipos para disputar a OK Liga Feminina devolveulle a posibilidade de competir na máxima categoría por segundo ano consecutivo. O Borbolla conseguiu ingresar os 3 250 euros necesarios para formalizar a inscrición antes da data límite, o 31 de xullo de 2013. Para afrontar a súa segunda tempada na elite o Borbolla reforzouse coa fichaxe de Celsa López (Traviesas), Aida Gutiérrez e Alejandra Huertas (ambas do HC Liceo). O equipo feminino comezou a tempada o 26 de outubro na súa cancha fronte ao Palau de Plegamans, e ao día seguinte disputou o seu segundo partido fronte ao Girona.[12] Con todo, o equipo non puido superar os resultados da tempada anterior e finalizou a liga na penúltima posición con tan só dúas vitorias en 26 encontros, marcando 23 goles e encaixando 152.[13] Deste xeito o equipo puña punto e final á súa participación na máxima categoría feminina, na que primeiro estivo dirixido por Carlos Parga e logo por Santi Martínez, e no que xogaron Julia Cabanas, Miriam de la Fuente, Lucía Tomé, Ivonne Copoví, Elena Pérez, Nahir Roig, Evelyn Montes de Oca, Nuria Regueira, Ana Pérez e Ana Yáñez, e posteriormente Lucía e Lara Yáñez, e Alejandra Huertas.[1]

A oportunidade perdida

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2016-17 o Borbolla presentou dous equipos na Liga Galega Masculina, se ben ningún deles puido clasificarse para a final a catro, finalizando na 8ª e a 11ª posición.[14] Con todo, foi o equipo feminino o que achegou un novo éxito ao club, conseguindo unha nova oportinidade para regresar á elite. Nunha tempada na que os dous primeiros clasificados da Liga Galega se clasificaban para xogar o ascenso á OK Liga,[15] as de Monte Alto finalizaron a liga regular na segunda posición por detrás do Liceo, e na final a catro acadaron a terceira posición,[16] con todo, o Liceo gañou a liga, mais ao estar xa xogando na máxima categoría, clasificáronse para a fase de ascenso o 2º e 3º clasificados (o CH Compostela e o Borbolla respectivamente).[15] Na fase de ascenso que se ía disputar o 27 e 28 de maio en Coslada e que outorgaría dúas prazas para a a tempada 2017-18 da OK Liga Feminina participarían o CP Coslada madrileño e os dous representantes galegos, con todo, o Compostela non puido participar a causa dun regulamento que non permitía aliñar a xogadoras de categoría alevín,[b] o que fixo que a competición se suspendera e ascenderan directamente o Coslada e o Borbolla.[17] Finalmente o Borbolla renunciou á súa praza na máxima categoría ao non dispoñer de xogadoras suficientes nin recursos económicos, o adestrador do cadro coruñés, Santi Martínez, explicaba as dificultades do equipo para poder inscribirse:

Non tiñamos as xogadoras suficientes nin tampouco os cartos que nos facían falta para sair. É unha mágoa. Non conseguimos nin sponsor nin nada e as axudas son sempre para os mesmos. Pero claro, somos un deporte minoritario e, por riba, feminino.

Regreso á elite feminina

[editar | editar a fonte]

O 26 de xuño de 2020 a Real Federación Española de Patinaxe anunciou que o Borbolla competiría na tempada 2020-2021 da OK Liga Feminina, logo de que o club coruñés se proclamara campión da liga regular galega, na que se gañaron os tres encontros que se disputaron antes de que a competición se cancelase a causa da pandemia por coronavirus. Deste xeito as de Monte Alto, dirixidas por Santiago Martínez, regresaron á máxima categoría do hóckey a patíns feminino español, na que o club xa competira dúas tempadas consecutivas (2012-13 e 2013-14).[18]

Pavillón

[editar | editar a fonte]
O pavillón de Monte Alto, onde o Borbolla disputa os seus partidos como local.

O Hóckey Club Borbolla adestra e xoga os seus partidos como local no Polideportivo de Monte Alto, un pavillón inaugurado en maio de 1991 e situado na Rúa Alcalde Sanjurjo, no barrio de Monte Alto. Conta cunha pista dunas dimensións de 40 x 25 metros e ten unha capacidade aproximada para 500 persoas.[19][20]

O pavillón foi o escenario en 2014 das xornadas de tecnificación que organizou o Borbolla e que contaron coa presenza de xogadoras como Anna Casarramona, María Díez, María ‘Pulgui’ Fernández e Marta Soler.[21] O recinto acolleu os partidos como local do equipo masculino durante a súa breve etapa en Primeira División Nacional e nas dúas tempadas nas que o equipo feminino competiu na OK Liga Feminina.

Ao contrario do resto de equipos da Coruña, o Borbolla non está relacionado con ningún colexio ou escola. A canteira do club nútrese de rapazas e rapaces que van xogar ao hóckey a patíns por teren amizade ou relación familiar con outras nenas e nenos que xa xogan no equipo. Con todo, o club puxo en competición na tempada 2017-18 nove equipos de categorías de base: un equipo sub-16 feminino, un júnior, un xuvenil, un infantil, un alevín, en benxamín, 2 prebenxamíns e 1 micro.[1]

O maior éxito da canteira do club herculino chegou na tempada 2009-10, cando o seu equipo júnior finalizou o Campionato de España na quinta posición.[3]

Xogadores

[editar | editar a fonte]

Xogadores destacados

[editar | editar a fonte]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
  1. Esta foi a primeira vez que a máxima categoría do hóckey a patíns feminino español contou con dous equipos galegos.
  2. O conxunto compostelán contaba con tres xogadoras de categoría alevín nas súas filas.[17]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Varela, María (27 de novembro de 2017). "Un club de barrio fiel a sus orígenes". La Opinión (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  2. Cudeiro, Juan L. (16 de setembro de 2012). "Borbolla, orgullo de Monte Alto". El País (en castelán). 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Galería de Trofeos" (en castelán). Hockey Club Borbolla. Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  4. Sanjulián, Celso A. (2 de outubro de 2008). "El FM Roller, con la ilusión del debutante". La Nueva España (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  5. "El HC Borbolla será equipo de la Primera División Nacional" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. 3 de maio de 2010. Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  6. 6,0 6,1 "Primera División 2010/11" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2020. Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  7. Carro, Ana (23 de setembro de 2012). "El Borbolla cae en su estreno en la OK Liga femenina". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  8. 8,0 8,1 Varela, María (14 de xuño de 2012). "El Borbolla, equipo de OK Liga". La Opinión (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  9. "Borbolla, Sferic de Terrassa y Traviesas debutan en la OK Liga Femenina" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. 21 de setembro de 2012. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  10. "Última jornada en la OK Liga Femenina y en la Primera Nacional de hockey sobre patines" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. 24 de maio de 2013. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  11. "OK Lliga (F). 2012-13" (en catalán). okcat.cat. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  12. Antelo, Iván (26 de outubro de 2013). "Monte Alto se aferra a la élite del hockey femenino". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  13. "OK Lliga (F). 2013-14" (en catalán). okcat.cat. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  14. "LIGA SENIOR AUTONÓMICA 2016/17" (en castelán). Fedración Galega de Patinaxe. Consultado o 13 de setembro de 2018. 
  15. 15,0 15,1 Varela, María (20 de xullo de 2017). "El Borbolla, sin apoyos, se rinde". La Opinión (en castelán). Consultado o 13 de setembro de 2018. 
  16. "LIGA AUTONÓMICA FEMENINA 2016/17" (en castelán). Fedración Galega de Patinaxe. Consultado o 13 de setembro de 2018. 
  17. 17,0 17,1 Varela, María (25 de maio de 2017). "El Borbolla asciende sin jugar". La Opinión (en castelán). Consultado o 13 de setembro de 2018. 
  18. "EL HC BORBOLLA VUELVE A LA MEJOR LIGA DEL MUNDO" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. 30 de xuño de 2020. Consultado o 24 de xullo de 2020. 
  19. "Nuestra Casa" (en castelán). Hockey Club Borbolla. Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  20. "Pavillón Polideportivo de Monte Alto - A Coruña". Deporte Galego. Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  21. "Mucha calidad en Monte Alto". El Ideal Gallego  (en castelán). 15 de abril de 2014. Consultado o 13 de setembro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]