Hockey Club Liceo da Coruña Feminino
H.C. Liceo | |
---|---|
Cidade | A Coruña, Galicia |
Historia | 2006 - 2023 |
Fundado | 2006 |
Pavillón | Pazo dos Deportes de Riazor (5000) |
Títulos | |
OK Liga Prata Feminina | 1 (2020/21) |
Liga Galega | 1 (2013/14) |
Cores | Verde e branco |
Sitio web Sitio web oficial |
O Hockey Club Liceo da Coruña Feminino foi un equipo de hóckey a patíns con sede na Coruña, que estivo activo entre 2006 e 2023. Era a sección feminina do Hockey Club Liceo e militou durante cinco tempadas na OK Liga Feminina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]No ano 2006, despois de décadas de éxitos no hóckey a patíns masculino, o Hockey Club Liceo da Coruña creou por primeira vez na súa historia unha sección feminina. Con Joaquín Cairo como primeiro adestrador, o equipo comezou a competir na liga galega sénior.[1] Na tempada 2013/14, con Stanis García no banco, o equipo proclamouse campión galego e logrou o ascenso á OK Liga Feminina,[2] pero non chegou a ocupar a praza, o que provocou a marcha de varias das xogadoras do club.[3] En 2016 conseguiu de novo o ascenso, tras saír vitorioso dun play-off xunto ao tamén coruñés Borbolla e o Rivas Las Lagunas.[3]
Debutou na OK Liga na tempada 2016/17, logrando a permanencia durante o seu primeiro ano, ao rematar no décimo posto. O equipo acabou en postos de descenso na seguinte tempada (2017/18), pero puido continuar outra campaña na máxima categoría grazas ao ascenso logrado polo seu filial.[4] Descendeu finalmente ao remate da 2018/19. Tras dous anos fóra da elite, o Liceo regresou á OK Liga en 2021, despois de se proclamar campión da OK Liga Prata.[5]
Na tempada 2021/22, as xogadoras do club coruñés conseguiron o sexto posto na liga e clasificáronse así para disputar a Liga Europea.[6] Encadradas no Grupo B xunto ao Manlleu e ao Noisy Le Grand francés, as liceístas fixeron historia, logrando o pase para os cuartos de final,[7] onde caeron finalmente eliminadas ante o Palau de Plegamans ao remate da prórroga.[8] Na liga, o Liceo obtivo a quinta posición, o mellor resultado da súa historia.
A pesar dos éxitos da súa última etapa, os problemas económicos do club provocaron o colapso do equipo feminino no seu mellor momento deportivo.[9] A desaparición da sección foi anunciada polo club o 17 de maio de 2023, nun comunicado no que informou que a súa praza na OK Liga se cedería a unha nova entidade que se faría cargo da xestión deportiva e económica do equipo.[10] Uns días despois anunciouse a creación do Hockey Club Coruña Feminino, entidade desvencellada totalmente do Liceo, aínda que mantendo a parte das xogadoras e do corpo técnico, e que pasará a ocupar a praza deste na máxima categoría.[11]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- OK Liga Prata Feminina (1): 2020/21.
- Liga Galega (1): 2013/14.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Bargalló, ovacionado en la puesta de largo del Liceo". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de setembro de 2006. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Liceo jugará en la OK Liga femenina". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 7 de abril de 2014. p. 7.
- ↑ 3,0 3,1 Gómez, Pablo (21 de xuño de 2016). "La OK Liga espera al Liceo femenino". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Liceo regresa a la OK Liga femenina". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xuño de 2018. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ Varela, María (23 de maio de 2021). "El Liceo asciende a la OK Liga femenina". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Liceo femenino jugará la Liga Europea". DxT Campeón (en castelán). 4 de xaneiro de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Liceo femenino logra un histórico pase a cuartos de final de la Champions League". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de febreiro de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "O Liceo aguanta ata a prórroga pero acaba perdendo nos cuartos de Copa". Televisión de Galicia. 11 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ Zaballa, Pablo (10 de maio de 2023). "Una temporada histórica no resuelve las dudas del Liceo femenino". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "O Liceo feminino colapsa e nace "unha nova entidade"". Nós Diario. 17 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Hockey Club Coruña Femenino se convierte en realidad". DxT Campeón (en castelán). 22 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.