Historia de Suecia
Historia de Suecia | |
Mapa de Suecia durante o Imperio Sueco, 1648-1721 | |
Historia | Suecia |
Cronoloxía | Cronoloxía de Suecia |
Categoría | Historia de Suecia |
A historia de Suecia abrangue a historia de Suecia e a dos seus estados predecesores. Ccomeza cando a capa de xeo do norte comezou a retroceder. As primeiras pegadas de visitas humanas son de arredores do ano 12000 a. C.
As fontes escritas sobre Suecia antes do 1000 d. C. son escasas e curtas, normalmente escritas por persoas alleas, e ata o século XIV non se producen textos históricos longos en Suecia. Así, o inicio da historia sueca, en contraste coa prehistoria, adoita a tomarse a partir do século XI, cando as fontes xa son o suficientemente comúns para que sexa posible contrastalas entre elas.
O estado sueco moderno formouse durante un longo período de unificación e consolidación. Os historiadores estableceron distintos estándares para cando pode considerarse completo (resultando en datas dende o século VI ata o XVI), pero un país unificado, co poder concentrado nunha dinastía monárquica e algunhas leis comúns estivo presente dende finais do século XIII. Nese momento Suecia estaba formado na maior parte do que hoxe é a parte sur do país (exceptuando Escania, Blekinge, Halland e Bohuslän), ademais de partes da actual Finlandia. Durante os séculos seguintes a influencia sueca expandiríase cara ao norte e o leste, incluso se as fronteiras non estaban ben definidas ou non existían.
A finais do século XIV Suecia entrelazárase cada vez máis con Dinamarca e Noruega, uníndose finalmente na Unión de Kalmar. Durante o século seguinte unha serie de rebelións serviron para diminuír os lazos de Suecia coa unión, o que ás veces levou á elección dun rei sueco separado. O enfrontamento chegou ao seu clímax tras o baño de sangue de Estocolmo en 1520, unha execución en masa de nobres e burgueses orquestrada por Cristián II de Dinamarca. Un dos poucos membros das familias nobres máis poderosas non presente, Gustav Vasa, foi capaz de organizar unha nova rebelión e finalmente foi coroado rei en 1523. O seu reinado resultou duradeiro e marcou o final da participación de Suecia na unión.
Gustav Vasa alentou ademais as predicadores protestantes, rompendo finalmente co papado e establecendo a igrexa luterana en Suecia, aproveitando as propiedades e riqueza da igrexa católica.
Durante o século XVII, tras gañar guerras contra Dinamarca-Noruega, Rusia e a Mancomunidade de Polonia e Lituania, Suecia emerxeu como unha gran potencia tomando o control directo da rexión báltica. O papel de Suecia na guerra dos Trinta Anos determinou o equilibrio do poder político e relixioso en Europa. O estado sueco expandiuse enormemente, cara os modernos estados bálticos, cara ao norte de Alemaña, e cara varias rexións que, a día de hoxe, son parte de Suecia.
Antes do final do século XVII formouse unha alianza secreta entre Dinamarca-Noruega, a Comunidade Polaco-Lituana, e Rusia contra Suecia. Esta coalición actuou ao principio do século XVIII cando Dinamarca-Noruega e a Comunidade Polaco-Lituana lanzaron ataques sorpresa contra Suecia. En 1721 Rusia e os seus aliados gañaron a guerra contra Suecia. Como resultado Rusia puido anexionarse os territorios suecos de Estonia, Livonia, Ingria, e Carelia. Este feito puxo o punto e final ao Imperio Sueco e paralizou o seu poder no mar Báltico.
Suecia uniuse á cultura da Ilustración nas artes, a arquitectura, a ciencia e a educación. Entre 1570 e 1800 o país experimentou dous períodos de expansión urbana. Finlandia foi perdida a Rusia nunha guerra en 1808-1809.
A principios do século XIX Suecia perdeu Finlandia e o resto dos seus territorios fóra da Península Escandinava. A derradeira guerra de Suecia foi a guerra sueco-noruega de 1814. Suecia venceu e forzou o rei danés a cederlle Noruega. Noruega viuse na obriga de entrar nunha unión persoal con Suecia que durou ata o ano 1905. Dende 1814 Suecia estivo en paz, adoptando unha política exterior non aliñada en tempos de paz e de neutralidade en tempos de guerra. Durante a primeira guerra mundial Suecia permaneceu neutral. A prosperidade despois da guerra proporcionou as bases para as políticas de benestar social características da Suecia moderna. Durante a segunda guerra mundial o país mantívose novamente neutral, evitando o destino da Noruega ocupada. Suecia foi un dos primeiros países que non participaron na guerra en unirse á Nacións Unidas (fíxoo en 1946).[1]
Ademais disto, o país intentou manterse fóra das alianzas e permanecer oficialmente neutral durante toda a guerra fría; Suecia non se uniu á OTAN. O Partido Socialdemócrata gobernou durante 44 anos seguidos (1932-1976). As eleccións de 1976 levaron unha coalición de partidos liberais e de dereitas ao poder. Durante a guerra fría Suecia sospeitaba das superpotencias, recoñecendo que as decisións tomadas por elas afectaban a países máis pequenos sen que nuncaconsultasen con eses países. Co final do conflito, esas sospeitas diminuíron pero Suecia prefería manterse non aliñado.
Prehistoria de Suecia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Prehistoria de Suecia.
A prehistoria de Suecia comezou cando chegaron os seus primeiros poboadores, feito que ocorreu hai uns 14 000 anos. Considérase que a prehistoria rematou tras a era viquinga, ao redor do ano 1050.[2]
Idade de Pedra
[editar | editar a fonte]Paleolítico (13 000-10 000 a. C.)
[editar | editar a fonte]O Paleolítico en Suecia tivo lugar durante o período Weichseliense, cando o país estaba cuberto total ou parcialmente por xeo, e aínda que é probable que houbese persoas no sur de Suecia cando o xeo se retiraba temporalmente, este feito non está demostrado. Os primeiros poboadores dos que si se ten constancia viviron en asentamentos preto de Malmö na época na que o xeo comezou a derreterse, hai uns 14 000 anos.[3] Esas persoas procedían de zonas de Europa que non estaban cubertas polo xeo. Consérvanse restos do Paleolítico superior, principalmente en Escania. Os animais comúns durante este tempo foron, entre outros, os renos, lobos e lebres, así como unha serie de especies que, debido ao cambio climático e á caza, desapareceron antes de que comezara o Mesolítico, como o rinoceronte laúdo, o mamut e o cervo xigante. A medida que estas especies se foron extinguindo a forma de vida dos habitantes de Suecia foi cambiando durante o Mesolítico, xa que estes animais eran moi importantes na cultura paleolítica.
Mesolítico (10 000-4 000 a.C.)
[editar | editar a fonte]Como moitos dos animais dos que dependían para alimentarse no Paleolítico desapareceron, os habitantes de Suecia durante o Mesolítico tiveron que depender da caza de animais pequenos e da pesca, que é unha das razóns polas que a esa época tamén se lle chama Idade da Caza. Grandes partes de Suecia estaban baixo as augas ou o xeo, e só as zonas cunha altura superior aos 75 metros estaban na superficie nese tempo. Debido á extensión do mar e á extinción dos animais da tundra, os recursos mariños foron de grande importancia para as culturas mesolíticas. Lagos como o Vänern e o Vättern son coleccións de auga do desxeo que teñen similitudes cos grandes lagos de América do Norte, e formáronse croios a través da fusión do xeo.
Desa época son os asentamentos máis antigos de Norrland: Aareavaara e Kangos no municipio de Pajala, e Dumpokjauratj no municipio de Arjeplogs (de hai 9 000-10 700 anos). Eses asentamentos parece que foron habitados por cazadores de renos que vivían preto do bordo de xeo interior e crese que chegaran dende o norte.[4][5]
Neolítico (4000-1700 a.C.)
[editar | editar a fonte]Durante a primeira parte do Neolítico un novo grupo de xente emigrou ao sur de Suecia, a chamada cultura dos vasos de funil, que dependía da agricultura e dos animais domésticos como principais recursos nutricionais, sobre todo a través do cultivo de cereais e do gando. Este grupo orixinouse a partir de campesiños de Anatolia, nas actuais Turquía e Siria. Probablemente expandíronse polo sur de Europa hai uns 10 000 anos, posiblemente como resultado da inundación do mar Negro, e despois expandíronse cara gran parte de Europa e cara Suecia. Estudos de ADN amosaron que a poboación de cazadores (que existira en Europa dende hai 40 000 anos) non absorbeu o ADN da poboación campesiña, pero esta última si o fixo da de cazadores e tamén dun terceiro grupo que chegou a Europa dende Siberia ao mesmo tempo. A antiga cultura de cazadores-recolectores que xa vivía en Suecia puido vivir coa cultura dos campesiños ao redor de 1 000 anos, despois do cal a cultura de cazadores cesou (agás no interior de Norrland). A poboación campesiña de Suecia chegou a recibir aproximadamente a mesma proporción de ADN da poboación de cazadores de Europa que da poboación campesiña inmigrante.[6][7][8]
Outra onda de poboacións de cazadores chegou a Europa hai 5 000 anos e foron pastores esteparios de Rusia. Dende entón non houbo máis grandes migracións cara Europa ata os tempos modernos. Estes pobos trouxeron consigo a chamada cultura iamna centrada nas ovellas e na la, con novos deuses e cunha visión distinta da propiedade e a herdanza. Deron orixe á cultura da machada de batalla no sur de Suecia e Noruega, que foi o inicio dos dramáticos cambios da Idade de Bronce.[9]
O Neolítico divídese tradicionalmente en tres períodos, o Neolítico inicial, o medio e o final. No Neolítico inicial, entre o 3 950 e o 3 300 a. C., a poboación pasou de ser cazadora-recolectora a campesiña. Xurdiron novas estruturas na sociedade ou déuselles un novo significado, como as áreas de caza ou os territorios tribais. O Neolítico medio é o tempo no que a cultura da cerámica perforada está moi estendida, aproximadamente dende o 3 300 ata o 2 350 a. C. O período divídese en dous subperíodos. Na primeira parte houbo tamén unha cultura dos vasos de funil máis nova, cuxa parte máis antiga é do Neolítico inicial. O segundo período é contemporáneo á cultura da machada de batalla. A cerámica perforada estendeuse principalmente en Gotland, pero con elementos tamén na costa occidental sueca, e subsistiu principalmente en industrias campesiñas e e recursos do mar. A etapa final do Neolítico, a partir do 2 300 a. C., é chamada ás veces Idade do Cobre, porque comezaron a importarse obxectos individuais de cobre. Como o período no norte de Europa é culturalmente semellante á Idade de Pedra considérase parte do Neolítico final, mentres que é un período separado na arqueoloxía do sur de Europa. Porén, as xerarquías están volvéndose máis claras no material arqueolóxico. Entre outras cousas, isto pode verse na mestura de casas grandes e pequenas que se poden atopar nas comunidades.[10]
Durante este período levantáronse varios monumentos megalíticos, como dolmens, tumbas de andadeiro e cistas.
O esquí máis antigo do mundo, kalvträskskidan (o esquí de Kalvträsk), foi atopado na vila de Kalvträsk, ao suroeste de Skellefteå en Västerbotten, e data do ano 3 200 a. C.[11]
Idade de Bronce (1700-500 a. C.)
[editar | editar a fonte]Durante a Idade de Bronce aumentou significativamente o comercio internacional, o que pode deberse á domesticación dos cabalos. Isto puido levar á extracción de estaño dende Inglaterra. Este combinouse co cobre doméstico para producir bronce, usado para fabricar ferramentas e armas.[12]
Bronce antigo (1700-1100 a. C.)
[editar | editar a fonte]Durante o primeiro Bronce antigo chegou a Sueca a chamada cultura dos túmulos, con enterramentos en grandes túmulos, storhögar, (en Escania e Småland) ou amilladoiros, gravrösen.[13] Tamén trouxo consigo novas carruaxes e carros de guerra tirados por cabalos.[14][15] O comercio xunto coas novas armas de bronce fixeron aos xefes moi poderosos, como pode verse nos seus grandes túmulos. Principalmente importábase metal e sal, e exportábase ámbar.[16] Ademais dos cabalos, os barcos eran moi importantes en Suecia, como pode verse nos petróglifos.[14]
Bronce recente (1100-500 a. C.)
[editar | editar a fonte]Durante o Bronce recente comezaron a ter lugar cambios de poder no Mediterráneo, onde os gregos, entre outros, equiparon os soldados con armas de ferro en lugar de bronce. Porén os romanos equiparon os oficiais con armas de bronce, pero non os soldados de a pé. Isto levou a un cambio de poder, que levou á ruptura de relacións comerciais. En relación a isto chegou a cultura dos campos de urnas a Europa central. Porén, en Suecia, existiu a Idade de Bronce e seguiron construíndose túmulos en Escania e Småland. Despois dunha serie de cambios climáticos entre 850 e 500 a. C. o clima volveuse máis frío e húmido, moi semellante ao presente. A Idade do Bronce tamén rematou en Suecia e comezou a utilizarse o ferro en lugar do bronce ao mesmo tempo que os túmulos deixaron de levantarse. O bosque de abetos foi o dominante en Norrland dende entón, e a agricultura e o traballo dos metais chegaron a esa zona. A produción de bronce tivo lugar no norte de Norrland coa axuda de cerámica de amianto de tipo finés, que algúns investigadores asociaron a unha cultura pre-saami.
Idade de Ferro (550 a. C.-1050 d. C.)
[editar | editar a fonte]Durante a Idade de Ferro podíase producir metal domesticamente, o que significaba que as ferramentas de ferro, a diferenza dos obxectos de bronce anteriores, non estaban reservadas só para a elite. Ao inicio deste período comezaron a formarse novas estruturas sociais. En lugar de en grandes túmulos, os enterramentos producíanse en tumbas de urna, probablemente debido a que o poder dos líderes diminuíu. A primeira parte da Idade de Ferro foi case tan fría como o presente, o que levou á pobreza e á emigración. Dende a Idade de Ferro atópanse os contos de fadas e anotacións máis antigas conservadas en escritos europeos sobre Suecia, o que significa que se pode obter unha descrición moito mellor desta época que de períodos anteriores. O período divídese nunha Idade de Ferro máis antiga, que á súa vez consiste nunha Idade de Ferro prerromana e unha Idade de Ferro romana, e unha máis nova, tempos de migracións, rexurdimento e dos viquingos.
Idade de Ferro prerromana (550-1 a. C.)
[editar | editar a fonte]Varias cousas indican que durante a Idade de Ferro prerromana Suecia estivo relativamente illada do mundo exterior, feito que cambiou un pouco ao final do período, de cando ocasionalmente poden atoparse achados de ouro, o que pode indicar a reanudación das relacións comerciais co continente. O patrón de construción máis común da época son as casas unifamiliares.[17] Hai poucos achados de cerámica do período, e trátanse de case o mesmo tipo de cerámica que a da Idade de Bronce, agás porque os recipientes eran algo máis finos, aínda que cara ao final do período volvéronse máis grosos e faceteados. O maior cambio con respecto á Idade de Bronce é que os recipientes queimábanse en pozos, dándolle unha cor gris escura.[18]
Cara ao final do período a cultura saami tamén comezou a tomar forma. Desenvolveuse unha proto-lingua saami neste tempo, probablemente cunha orixe saami-finesa, que á súa vez procede dunha proto-lingua ugrofinesa. O antigo saami dividiuse a partir de entón en varias linguas.
No ano 0 Suecia tiña ao redor de 200 000 habitantes.[19]
Idade de Ferro romana (1-375 d. C.)
[editar | editar a fonte]A expansión do Imperio Romano e a proliferación das tribos xermánicas fixeron que os contactos aumentasen substancialmente nos séculos posteriores a Cristo. Entre outras cousas, os romanos enviaron expedicións cara ao norte e no seu libro do ano 98 d. C. Xermania Publio Cornelio Tácito describe svioner, o que se interpretou como "suións" (suecos). Tácito continúa falando sobre os barcos dos suións e sobre que o home común non tiña dereito a portar armas en tempos de paz.[20] Un dos barcos máis antigos atopados en Suecia é o Björkebåten, un caiuco datado inicialmente entre os anos 100 e o 200 d. C., aínda que a datación do Carbono-14 sitúao no 400 a. C.[21]
Varios importantes elementos culturais chegaron a Suecia neste tempo, como por exemplo mellores ferramentas e melloras na agricultura, sen esquecer o alfabeto de 24 runas máis antigo, que probablemente se desenvolveu a partir dos alfabetos do leste do Mediterráneo; porén, moitas das inscricións rúnicas máis antigas atopáronse en Escandinavia, entre elas o futhark máis vello do mundo da pedra de Kylver (Kylverstenen), atopada en Gotland.
Período das migracións (375-550)
[editar | editar a fonte]O período das migracións comezou cando os hunos invadiron gran parte de Europa. Non está claro canta poboación de Suecia estivo involucrada no caos xeneralizado, pero grazas a unha serie de achados de ouro dese tempo sábese que os suecos estiveron involucrados en certa medida. Tamén en Suecia e Noruega as cousas volvéronse máis preocupantes, o que levou á construción de varias fortificacións e a que parte da poboación emigrase. Estableceuse unha cidade comercial en Helgö, lo lago Mälaren. A principios do século VI reanudáronse certas tradicións da Idade de Bronce, como a de Escania de construír grandes túmulos, que nese tempo tamén chegou a Bohuslän, Västra Götaland, Svealand e Mellannorrland. Estas zonas foron interpretadas como posibles pequenos reinos que posteriormente se unirían e se converterían en Suecia. As zonas con máis achados son Gamla Uppsala e o pequeno reino de Ranrike en Bohuslän.
Era de Vendel (550-800)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Era de Vendel.
A era de Vendel tomou o seu nome dos ricos achados do campo de tumbas de barcos de Vendel, ao norte de Uppsala. Neste período acumulouse unha considerable cantidade de riqueza ao redor de Gamla Uppsala, probablemente con cartos procedentes da minería e o comercio. Os barcos volvéronse cada vez máis importantes e os cabalos da Suecia da era de Vendel foron mencionados como particularmente bos. As tumbas de barcos fixéronse cada vez máis comúns como lugar de enterramento, e os enterramentos en túmulos foron decrecendo. As tumbas de barcos ao igual que os barcos de pedra, que xa existían dende a Idade de Bronce pero que se fixeron máis populares da era de Vendel e na era viquinga, mostran que as vías marítimas eran moi importantes. As tumbas de barcos da era de Vendel son ricas en achados e os contactos internacionais foron importantes.
O protonórdico era a lingua falada nos países nórdicos durante a Idade de Ferro romana, o período das migracións e a era de Vendel (aproximadamente 150-800 d. C.). Ao final do período do protonórdico (ca. 600-800 d. C.) a lingua cambiou moi rapidamente e orixinouse o nórdico antigo.[22] Ao mesmo tempo o alfabeto rúnico de 24 letras foi substituído polo de 16 letras en toda Escandinavia, o que indica un grao de cooperación entre os reis.
As terminacións toponímicas suecas -hem, -land, -landa, -lösa e -löv orixináronse xeralmente no período das migracións ou noutros momentos da Idade de Ferro.
Era viquinga (800-1050)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Era viquinga.
Practicamente non hai escritos suecos da era viquinga sobre o período, a excepción das inscricións rúnicas, e o que está dispoñible ou vén de fóra ou é dunha época posterior. Unha gran cantidade de información procede dunha biografía do primeiro misioneiro, Ansgar (801-865), de crónicas estranxeiras das viaxes viquingas, de sagas nórdicas e británicas, e de investigación arqueolóxica contemporánea.
Os escandinavos foron chamados nórdicos (nordmän) e varegos (varjager), e viquingos suecos polo pobo rus' (ruser), por autores europeos que os coñeceron. Segundo algúns investigadores o nome do pobo rus' deriva de Roden, no presente Roslagen (rexión sueca que comprende a costa da provincia de Uplandia), e está relacionado co finés ruotsi e o estonio rootsi, que no presente significan Suecia. A diferenza doutros nórdicos os viquingos suecos viaxaron a miúdo cara ao leste. Fundaron o rus de Kíiv, deron orixe á dinastía Rurícovich que gobernou Rusia ata 1598, e formaron a garda varega, a garda persoal dos emperadores bizantinos. A expedición de Ingvar foi unha expedición dos viquingos suecos cara ao leste que se levou a cabo entre os anos 1036 e 1041, que podería estar formada por uns 3 000 homes e chegou ao mar Caspio e ao mar Negro, aínda que poucos sobreviviron.
Inicialmente había unha serie de pequenas comunidades e folklands que xuntas formaban un landskap. Neles o poder mantíñao en parte o pobo nalgunhas cousas, e en parte os xefes locais, ambos como órganos xudiciais. Dado que a colección de Suecia cara a un estado unificado non foi probablemente implementada por completo ata a Idade Media, pode dicirse que a historia do país no sentido de estado sueco e poder estatal sueco comeza agora.
Unha serie de reis lendarios son mencionados na literatura de sagas tardía, pero só os reis da área da moderna Svealand mencionados en conexión co misioneiro Ansgar, como Björn, que o invitou a Birka, se consideran confirmados por unha fonte crible. O poder dos reis era moi débil, e era só durante as guerras cando tiñan un poder real, como comandar ao leidang (que apareceu no século XI), e mentres durou o paganismo para manter o Templo de Uppsala. Inicialmente non había ningún goberno nacional real. O reino era, de feito, só unha das asociacións persoais de congregacións autónomas do rei, que baixo a guía dos propios lexisladores manexaban os seus asuntos. Dende entón os campesiños prosperaron, ao aumentar a súa riqueza grazas ás expedicións viquingas, e a sociedade experimentou unha crecente estratificación social. No século XI comezou a división local en hundreds. Atopáronse edificios urbanos da era viquinga nos países nórdicos (locais comerciais permanentes), por exemplo na Uppåkra danesa, que despois se moveu a Lund, asó como en Köping en Öland, Birka e Gamla Uppsala en Svealand, e Paviken en Gotland. Fundáronse cidades nos países nórdicos ao final do século X, como por exemplo Lund, Sigtuna e Skara.
Atopáronse edificios de templos da era viquinga en Uppåkra e Uppsala. A relixión, que moito máis tarde chamouse Asatro, non parece que estivese organizada senón que se baseaba nun colectivo. O deus da morte e da guerra Odín era o máis popular entre as clases altas, mentres que o deus das treboadas Thor semella que era o máis popular entre as clases baixas. Tamén parece que os elementos das crenzas posteriores, como a crenza no tomtes ou nas almas en pena, estaban moi estendidos. O misioneiro Ansgar fundou unha congregación cristiá en Birka no ano 829 e construíu unha capela, pero no ano 936 non quedaba rastro da misión. O cristianismo sueco comezou primeiro en Västergötland, Escania e Jämtland. Atopouse un cemiterio cristián, construído a finais dos século IX, en Varnhem, alí onde se levantou no ano 1040 a igrexa de pedra sueca máis antiga coñecida fóra de Escania e o cristianismo se fixo permanente.[23]
O primeiro rei de Svealand confirmado por fontes contemporáneas é Erik Segersäll, que pode ter sido o primeiro que reinou tanto sobre os suións como sobre os gautas.[24] Gobernou dende aproximadamente o ano 970 e morreu no 995,[25] e fundou a cidade de Sigtuna ao redor do 980. Despois gobernou o seu fillo, Olof Skötkonung, que foi un rei elixido sobre os suións e os gautas e foi o primeiro rei de Svealand que segundo as fontes contemporáneas foi bautizado e permaneceu como cristián. Tamén foi o primeiro rei en cuñar moedas en Suecia.
A fonte do dereito máis antiga conservada dos países nórdicos é probablemente o Forsaringen de Hälsingland, que a meirande parte dos investigadores datan no século X,[26] aínda que outros na Idade Media.[27]
A lingua nórdica antiga dividíuse a principios da era viquinga no dialecto occidental, no oriental e no gútnico antigo. O dialecto oriental pode estudarse en fontes rúnicas suecas e danesas, que a finais da era comezaban a amosar pequenas diferenzas.[22]
No ano 1000 Suecia tiña ao redor de 400 000 habitantes.[19]
Idade Media
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia medieval de Suecia.
Alta Idade Media (1050-1250)
[editar | editar a fonte]Durante a Alta Idade Media Suecia non tivo un goberno estatal estable ata a etapa final da formación nacional no século XVIII, aínda que os landskaps no val do Mälaren (Svealand) e ao redor do lago Vättern (Götaland) xeralmente estaban unidos baixo o mesmo rei. O período comezou con Emund o vello converténdose no rei sueco, o seu sucesor Stenkil converteuse despois no proxenitor da casa de Stenkil. Tras a súa morte houbo unha loita de poder entre a casa de Sveker e a casa de Erik que levou á morte das dúas familias en 1282 e 1250 respectivamente.
A Västgötalagen é a máis antiga das leis dos landskaps conservada, rexistrada ao redor de 1280. No século XVI Olaus Petri referiuse a un fragmento da lei agora desaparecido, a lei pagá, que é un exemplo das leis tradicionais locais máis antigas que existían antes da chegada das leis nacionais.[28]
A cristiandade en Suecia comezou en Götaland. O final da cristianización dos suións levouse a cabo en Uppsala, cando os seus líderes se converteron. O último rei pagán repórtase que foi Blot-Sven. Crese que o templo de Uppsala foi queimado e demolido ao redor do ano 1087 por orde do rei Inge o vello, que aboliu o blót e ordenou que todos os suións fosen cristianizados.
Ata 1060 os reis de Uppsala gobernaron a meirande parte da actual Suecia agás as rexións costeiras do sur e do oeste, que permaneceron baixo goberno dinamarqués ata o século XVII. Tras un século de guerras civís apareceu unha nova familia real, que fortaleceu o poder da coroa a costa da nobreza, aínda que lle deu aos nobres privilexios como a exención de tributos a cambio de servizo militar. Suecia nunca tivo un sistema feudal completamente desenvolvido, e os seus labregos nunca foron reducidos a servidume.
A conversión dende o paganismo nórdico ao cristianismo foi un proceso complexo, gradual, e por momentos violento. A principal fonte temperá de influencia relixiosa foron Inglaterra debido ás interaccións entre os escandinavos e os saxóns en Danelaw, e os monxes misioneiros irlandeses. A influencia alemá foi menos obvia ao principio, a pesar dun intento misioneiro de Ansgar, pero foi emerxendo gradualmente como a forza relixiosa dominante na zona, especialmente despois da conquista normanda de Inglaterra. A pesar da estreita relación entre a aristocracia sueca e rusa, non hai evidencias directas de influencia ortodoxa, que puido deberse á barreira lingüística.
Ao redor do ano 1000 Olof Skötkonung converteuse no primeiro rei coñecido que gobernou tanto Svealand como Götaland, pero a historia posterior aínda é escura con reis cuxos períodos de rexencia e poder real non están claros. No século XII Suecia aínda estaba consolidándose coas loitas dinásticas entre os clans Erik e Sverker, que finalmente remataron cando un terceiro clan casou co Erik e fundou a dinastía Bjelbo no trono. Esta dinastía gadualmente consolidou unha Suecia anterior á Unión de Kalmar nun estado forte, e o rei Magnus IV tamén gobernou sobre Noruega e Escania. Tras a peste negra esta unión estaba severamente debilitada, e Escania perdeuse en favor de Dinamarca.
Durante o principio da Idade Media e estado sueco tamén se expandiu e ata controlar Norrland e Finlandia. Como ocorreu isto exactamente non está totalmente claro; algunhas das cruzadas para bautizar aos fineses que son mencionadas nalgunhas fontes non son consideradas históricas. O que está claro é que esa expansión xerou tensión cos estados rusos, unha tensión que continuaría ao longo de toda a historia sueca.
Despois da peste negra e de loitas de poder internas en Suecia, a raíña Margarida I de Dinamarca unificou aos países nórdicos na Unión de Kalmar no ano 1397 coa aprobación da nobreza sueca. Porén, a tensión continua dentro dos países e dentro da unión levou gradualmente cara un conflito aberto entre os suecos e os dinamarqueses no século XV.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia moderna de Suecia.
No século XVI Gustav Vasa loitou por unha Suecia independente, esmagando un intento de restaurar a Unión de Kalmar e sentando as bases da Suecia moderna. Ao mesmo tempo rompeu co papado e estableceu a igrexa luterana no país.
A desintegración final da Unión de Kalmar a principios do século XVI provocou unha longa rivalidade entre Noruega e Dinamarca por un lado e Suecia polo outro. Os bispos católicos apoiaran o rei dinamarqués Cristián II, pero este foi derrocado por Gustav Vasa (1490-1560), e Suecia foi independente novamente. Gustav usou a reforma protestante para frear o poder da igrexa e converterse no rei Gustavo I en 1523. En 1527 persuadiu ao Riksdag de Västerås (formado por nobres, clero, burgueses e campesiños libres) para confiscar as terras da igrexa, que comprendían o 21% das terras de cultivo. Gustavo tomou os reformistas luteranos baixo a súa protección e nomeou os seus homes como bispos. Gustavo suprimiu a oposición aristocrática ás súas políticas e esforzos eclesiásticos de centralización.
Imperio Sueco (1611-1718)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Imperio Sueco.
Idade da Liberdade (1718-1772)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Idade da Liberdade.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia contemporánea de Suecia.
Era Gustaviana (1772-1809)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Era Gustaviana.
Século XX
[editar | editar a fonte]Século XXI
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Norbert Götz. “From Neutrality to Membership: Sweden and the United Nations, 1941 to 1946.” Contemporary European History 25 (2016) 1: 75-95
- ↑ "Spår från 10 000 år - Medeltid 1050–1520 e Kr". web.archive.org. 2010-08-17. Archived from the original on 17 de agosto de 2010. Consultado o 2020-01-09.
- ↑ Welinder, Stig (17 de setembro de 2009). Dick Harrison. red. Sveriges historia. 13 000 f.Kr. - 600 e.Kr.. ISBN 978-91-1-302376-2
- ↑ Östlund, Olof (2005). ”Stenåldersboplatsen i Kangos - nästan 10.000 år i glömska: den tidigaste kolonisationen i Norrbotten”. Norrbotten 2005,: sid. 141–149 : ill.. 0546-3467. ISSN 0546-3467
- ↑ "Arkeologi - Samer.se". www.samer.se. Consultado o 2020-01-10.
- ↑ "Nordens bönder kom från Turkiet". DN.SE (en sueco). 2010-11-21. Consultado o 2020-01-11.
- ↑ "Karin Bojs: Vi är en blandning av invandrare". DN.SE (en sueco). 2014-04-27. Consultado o 2020-01-11.
- ↑ "Svenska fyndet avslöjar européernas ursprung". DN.SE (en sueco). 2014-09-17. Consultado o 2020-01-11.
- ↑ "Karin Bojs: Mannen med yxan kom hit med en helt ny tid". DN.SE (en sueco). 2015-06-13. Consultado o 2020-01-11.
- ↑ "GUPEA: Bebyggelse och samhällsstruktur. Södra och mellersta Skandinavien under senneolitikum och bronsålder 2300-500 f. Kr." (PDF). web.archive.org. 2011-05-20. Archived from the original on 20 de maio de 2011. Consultado o 2020-01-16.
- ↑ "Västerbottens museum - Kalvträskskidan". web.archive.org. 2010-05-10. Archived from the original on 10 de maio de 2010. Consultado o 2020-01-16.
- ↑ "Ekonomi och näringar - Uppslagsverk - NE.se". www.ne.se. Consultado o 2020-01-16.
- ↑ "höggravskulturen - Uppslagsverk - NE.se". www.ne.se. Consultado o 2020-01-16.
- ↑ 14,0 14,1 "Kiviksgraven – Sveriges största bronsåldersgrav" (PDF). Riksantikvarieämbetet. Consultado o 16 de xaneiro de 2020.
- ↑ "Essä: Europeisk bronsålder i nygammalt perspektiv - Tvärsnitt". web.archive.org. 2010-08-30. Archived from the original on 30 de agosto de 2010. Consultado o 2020-01-16.
- ↑ "Tidig bronsålder - Uppslagsverk - NE.se". www.ne.se. Consultado o 2020-01-16.
- ↑ "Boplatslämningar från förromersk järnålder vid Heda" (PDF). Riksantikvarieämbetet. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de agosto de 2017. Consultado o 17 de xaneiro de 2020.
- ↑ "Keramil i Sverige under romersk järnålder" (PDF). Uppsala universitet. 2005-05-11. Archived from the original on 11 de maio de 2005. Consultado o 2020-01-17.
- ↑ 19,0 19,1 "Befolkningen i Sverige inom nuvarande gränser för perioden 4000 f.Kr.–2004 e.Kr". www.historia.se. Consultado o 2020-01-17.
- ↑ "Germania - kapitel 44". web.archive.org. 2009-10-02. Archived from the original on 02 de outubro de 2009. Consultado o 2020-01-18.
- ↑ Allmogebåtar Alvar Zacke Magnus Hägg 1973
- ↑ 22,0 22,1 Davis, Graeme (2006). Comparative Syntax of Old English and Old Icelandic: Linguistic, Literary and Historical Implications (en inglés). Peter Lang. ISBN 978-3-03910-270-9.
- ↑ "Medieval News: Archaeological project reveals Sweden's oldest church, evidence of early Christianity". Medieval News. 2009-12-21. Consultado o 2020-02-04.
- ↑ Lagerqvist, Lars O. & Åberg, Nils, Litet lexikon över Sveriges regenter, Vincent bokförlag, Boda kyrkby 2004. ISBN 91-87064-43-X
- ↑ Lagerqvist (1996), s. 27-30
- ↑ Källström, Magnus, "Forsaringen tillhör 900-talet", Fornvännen 105 (2010), p. 228-232
- ↑ Löfving, Carl (2010). "Forsaringen är medeltida".
- ↑ Svensk uppslagsbok, Malmö 1932
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Historia de Suecia |
----
Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |