Saltar ao contido

Igrexa católica etíope

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Igrexa Católica Etíope»)
Igrexa católica etíope
Historia
Fundación1961 (erección da arquieparquía de Adís Abeba)
MotivoVolta á comuñón coa Igrexa católica de cristiáns etíopes
Separada deIgrexa etíope tewahedo
Parte deIgrexa católica
Goberno
Tipo de gobernoEpiscopal
Metropolita de Adís AbebaBerhaneyesus Souraphiel
EstruturaDividida en 7 eparquías
AgrupaciónsCongregación para as Igrexas orientais
Clasificación
GrupoCatolicismo
OrientaciónCristianismo oriental
Demografía e cultura
Fieis302.000
PaísesEtiopía
Linguas litúrxicaslingua ge'ez
Outros datos
Sede centralAdís Abeba
Páxina webecs.org.et

A Igrexa católica etíope, antigamente coñecida como a Igrexa abisinia uniata, é unha Igrexa particular metropolitana oriental, parte da Igrexa católica. Estabelecida en 1930, os seus fieis son habitantes de Etiopía.

Como as outras Igrexas católicas orientais, a Igrexa católica etíope está en plena comuñón coa Santa Sé. Acepta a doutrina cristolóxica do Concilio de Calcedonia e a xurisdición universal do Papa. Isto distínguea da Igrexa etíope tewahedo, a Igrexa ortodoxa oriental (non calcedoniana) á que pertencen a maioría dos cristiáns nestes dous países.

Comparte con ditas Igrexa o rito litúrxico alexandrino, empregando a lingua ge'ez como lingua litúrxica.

Os descubrimentos portugueses permitiron que se abriran novas vías de comunicación entre a Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa Etíope, coa chegada no século XIV de misioneiros católicos a Etiopía. O 28 de agosto de 1439 o papa Uxío IV mandou unha mensaxe de unidade coa Igrexa católica ao Emperador de Etiopía Constantino I pero os seus esforzos non deron resultado.[1]

Cos ataques islámicos de 1531 ameazando a Etiopía, o emperador buscou a axuda dos portugueses para derrotar ao Sultanato de Adel na Guerra Adel-Etíope. Xunto cos portugueses, chegaron misioneiros xesuítas, que centraron as súas actividades misioneiras na clase dirixente co propósito de buscar a unión da Igrexa ortodoxa etíope coa Igrexa católica. O emperador Sissinios converteuse principalmente pola predicación do xesuíta Pedro Páez. En 1622, Sissinios fixo do catolicismo a relixión do estado. Ao ano seguinte, o papa Gregorio XV designou a Afonso Mendes, un xesuíta portugués, como patriarca da Igrexa etíope. Mendes tentou latinizar a Igrexa etíope e foi apoiado por Sissinios, mais o efecto desexado foi o contrario e, logo da morte de Sissinios en 1632, o seu sucesor Fasílides expulsou en 1636 a Mendes do país, rematou a unión con Roma e expulsou ou matou os misioneiros que quedaban, permanecendo o país pechado aos misioneiros católicos por 200 anos.[1]

En 1839 os lazaristas e os capuchinos retomaron as actividades misioneiras no país, aínda que con certas limitacións. No mesmo ano, Xustino de Jacobis foi nomeado primeiro Prefecto Apostólico de Abisinia e lle foi encomendada a fundación de misión católicas no país. Logo de oito anos de traballo, foi nomeado bispo titular de Nilopolis en 1847, e pouco despois Vigairo Apostólico de Abisinia, pero rexeitou a dignidade episcopal até que lle foi imposta en 1849.[2]

En 1889 o Emperador Menelik II chegou ao trono e permitiu o acceso ao país aos misioneiros católicos. Coa conquista de Etiopía por Italia na Segunda Guerra Italo-Abisinia as actividades misioneiras aumentaron no país, do mesmo xeito que en Eritrea, baixo control italiano dende 1889.[1]

En 1919 foi fundado o Pontificio Colexio Etíope no Vaticano polo papa Bieito XV, coa Igrexa de santo Estevo, detrás da Basílica de San Pedro, como igrexa do colexio.[3]

A Igrexa latina xa fora establecida no sur do país, en territorios aínda non cristianizados e que foron incorporados ao país a finais do século XIX. A ocupación italiana de Etiopía en 1936 facilitou o aumento do número de xurisdicións de rito latino, mais a expulsión dos misioneiros estranxeiros co gallo do fin da segunda guerra mundial levou a que os cregos de rito etíope tiveran que ocuparse dos territorios até entón baixo réxime latino. En 1951 foi creado o Exarcado Apostólico de Rito Etíope de Adís Abeba, e o ordinariato para Eritrea foi elevado ao rango de Exarcado. Dez anos máis tarde, o 20 de febreiro de 1961, foi establecida unha provincia eclesiástica etíope, con Adís Abeba como Sé Metropolitana[4] con Asmara (en Eritrea) e Adigrat como eparquías sufragáneas.[1]

En 1995 foron creadas dous novas eparquías, Barentu e Keren, en Eritrea,[5] e a vigairía apostólica da Igrexa católica foi abolida, converténdose Eritrea no único país do mundo no que todos os católicos, sen importar o seu rito litúrxico, pertencían a unha xurisdición católica oriental.[3] En 2003 foi creada unha eparquía máis en Endibir na rexión das Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur de Etiopía,[4] e en 2012 outra máis en Segeneiti, no sur de Eritrea, quedando xa que logo estruturada a Igrexa en sete sedes, tres en Etiopía e catro en Eritrea.[3]

O 19 de xaneiro de 2015 o papa Francisco instituíu a Igrexa católica eritrea como Igrexa particular autónoma, separándoa da Igrexa etíope, e nomeando como primeiro metropolita ao arcebispo de Asmara, Menghesteab Tesfamariam.

Xurisdicións, estrutura e demografía

[editar | editar a fonte]
Mons. Berhaneyesus Souraphiel, arcebispo metropolitano de Adís Abeba, na inauguración dun programa médico cun sacerdote italiano.

Eparquías

[editar | editar a fonte]

A Igrexa Católica Etíope ten xurisdición eclesiástica sobre Etiopía. A Igrexa estrutúrase en 4 igrexas locais, unha arquieparquía e 3 eparquías sufragáneas dela. A arquieparquía de Adís Abeba cobre, xunto coas eparquías de Adigrat, Bahir Dar–Dessie e Embeder, a totalidade do territorio etíope.[6]

Xerarquía

[editar | editar a fonte]

A maior autoridade desta Igrexa é o arcebispo metropolitano de Adís Abeba, cargo que dende xullo de 1999 ocupa o Abuna Berhaneyesus Souraphiel CM. Por enriba del tan só está o Papa, segundo dispón o canon 43 do CCEO.[7]

Demografía

[editar | editar a fonte]

Os fieis da Igrexa católica etíope son unha pequena parte dos cristiáns etíopes, pertencendo a maioría deles á Igrexa ortodoxa etíope. Tamén hai certo número de fieis emigrados aos países do Medio Oriente,[8] e existen minorías en Somalia e Xerusalén. En total, os fieis católicos etíopes (sen contar aos de rito latino) son arredor de 150.000. A continuación amósanse os números do metropolitanato de Adís Abeba en 2016:

Números da Igrexa católica etíope[1]

Fieis Bispos Parroquias Sacerdotes seculares Sacerdotes relixiosos Relixiosos Relixiosas Diáconos permanentes Seminaristas

70.755

4

107

108

177

254

421

0

66

Características

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: rito ge'ez.

A Igrexa Etíope emprega na súa liturxia o rito ge'ez (ou etíope), que comparte coa Igrexa etíope tewahedo e coa Igrexa católica eritrea. Este rito é un dos dous ritos alexandrinos, sendo o outro o rito copto.

Disciplina

[editar | editar a fonte]
  • O celibato non é, como na Igrexa latina, obrigatorio, e en teoría pódense ordenar varóns casados. Porén, a Igrexa católica etíope (xunto cos católicos coptos e siríacos) ten adoptado o celibato como norma, mais permitindo certas dispensas do metropolitano.
  • Esta Igrexa só admite ao diaconado a varóns adultos, a diferenza da Igrexa etíope tewahedo que ordena como diáconos a rapaces.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 The Ethiopian Catholic Church, Catholic Near East Welfare Association, (en inglés).
  2. Blessed Justin de Jacobis, na Catholic Encyclopedia de 1913 (en inglés).
  3. 3,0 3,1 3,2 The Ethiopian Catholic Church, Ronald G. Robertson en Catholic Near East Welfare Association, p.2, (en inglés).
  4. 4,0 4,1 Metropolitan Archdiocese of Addis Abeba, Giga-Catholic Information (en inglés).
  5. The Eastern Catholic Churches 2010 Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine., Ronald G. Roberson para Catholic Near East Welfare Association, (en inglés).
  6. Arquieparquía de Adís Abeba (en inglés).
  7. CCEO, can. 43 (en latín).
  8. Intervention de Mgr Berhaneyesus Demerew SOURAPHIEL, Président du Conseil de l'Église Éthiopienne, Président de la Conférence épiscopale (Éthiopie et Érythrée) (ÉTHIOPIE), (en francés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]