Saltar ao contido

Lodoeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lodoeiro

lodoeiro (Celtis australis) en Otto Wilhelm Thomé Flora von Deutschland, Österreich und der Schweiz, 1885
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Hamamelidae
Orde: Rosales
Familia: Cannabaceae
Xénero: Celtis
Especie: C. australis
Nome binomial
Celtis australis
L. Sp.Pl., 2: 1043, 1753 [1]

O lodoeiro ou lodón bravo (Celtis australis), é unha especie pertencente á familia Ulmaceae, aínda que algúns autores a inclúen nas Cannabaceae. En Galiza aparece soamente como ornamental, sendo común coma árbore de beirarrúa.

Nome galego

[editar | editar a fonte]

A RAG recolle os termos lodoeiro e lodón[1]. A publicación Termos esenciais de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela recolle ademais o termo virgondoiro e a variante dialectal lidueiro. Nalgúns vocábulos aparece como lamigueiro, pero cómpre non confundilo coas árbores do xénero Populus, tamén chamados chopos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

É unha árbore caducifolia que pode chegar a medir entre 20 e 25 metros de altura, de tronco recto e casca cinsenta e lisa, semellante á da faia, sen fendas ou engurras; posúe unha copa arredondada e larga. As follas, de 5 a 15 cm de longo, son alternas, pecioladas e de forma ovo-lanceoladas e delicadamente serradas, con dentes de punta máis clara; a face é de cor verde escura algo pubescente e o envés, de cor máis clara con pilosidade nos nervios. Ten estípulas caedizas.
As flores pentámeras son inconspicuas, pois non teñen pétalos e o único periantio está formado por 5 sépalos caducos; son de cor amarela verdosa. O froito, é comestíbel e de sabor agradábel; é unha drupa carnosa de arredor dun centímetro de diámetro, case negro por fóra e amarelo no miolo cando está ben chegado, cunha carabuña do tamaño dun gran de pementa. Medra solitario sobre longos pedúnculos nas axilas das follas.

Florea entre marzo e abril, e os seus froitos chegan a fins do verán e polo outono.

Cariotipo

[editar | editar a fonte]

Táxones infraespecíficos

[editar | editar a fonte]

Medra en cavorcos, abas e nas bandas máis afastadas das orelas de ríos e regueiros, sendo citado coma especie dos bosques de ribeira mediterráneos, formacións de lamigueiros hidrófilas e de ulmeiros[5], sempre de climas temperados. Non adoita formar bosques, aparecendo xeralmente illado sobre solos soltos e frescos, incluso pedrentos, independentemente da súa natureza calcaria ou silícea.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Nativo da Conca Mediterránea e Europa central, até altas latitudes[6]. Naturalizado e/ou cultivado no resto do mundo.

Está moi estendido na rexión mediterránea e o suroeste de Asia, empregándose acotío coma árbore ornamental en parques e xardíns, e na aliñación de rúas pola súa tolerancia á contaminación. Tense usado tradicionalmente, por mor á boa relación peso-resistencia que ten a súa madeira, para facer certas ferramentas agropecuarias como angazos, forcas e as súas raíces para elaborar pipas para fumar.

Na Península Ibérica é relativamente frecuente en toda a vertente mediterránea, Andalucía e Estremadura. En Galiza é máis común coma ornamental.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodúcese tanto por semente como por esgallo, e a súa capacidade para se establecer sobre solos predrentos faino moi útil en traballos de restauración e suxeición de terreos degradados. Del aliméntanse as larvas do lepidóptero Hestina persimilis.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Principios activos: contén taninos e mucilaxes.[7]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 05 de abril de 2013. 
  2. Datos cariológicos de algunas plantas salmantinas. Sánchez Anta, M. A., F. Gallego Martín & F. Navarro Andrés (1987), Stud. Bot. Univ. Salamanca 6:, p. 169-171
  3. Celtis en The Plant List
  4. Celtis australis en The Plant List
  5. "Vegetación de Ribera de la Mitad Norte Española". Lara, F.; Garilleti, R., y Calleja, J.A.; Monografías CEDEX; M81
  6. Celtis australis en The Euro+Medit Plantbase
  7. "Celtis australis". Plantas útiles: Linneo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23/11/2010. Consultado o 27/11/2009.