Meu (grupo musical)
Meu | |
---|---|
Orixe | A Coruña, Galiza |
Período | 2004 - presente |
Xénero(s) | post punk, power pop, indie rock |
Selo(s) discográfico(s) | Rock On! |
Membros | Nacho Mora Ricardo Saavedra Mikelini Martínez Alberto Dopico Alejandro González |
Antigos membros | Ramón Saleta |
Na rede | |
https://esquio.org/artist/meu/ | |
Meu é un grupo galego de post-punk, power pop e indie rock formado no ano 2004 na Coruña.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Despois da separación de Elephant Band, Xoel López pon en marcha Deluxe e o resto da banda crea Meu, un novo proxecto formado por dous exmembros de Elephant Band, Nacho Mora (voz) e Ramón Saleta (batería), ademais de Mikelini Martínez (baixo) e Ricardo Saavedra (guitarra), quen tamén formara parte de Deluxe ata 2003.
En 2004 gravan unha primeira demo que os levaría a contactar co selo independente catalán Rock On Music, co cal gravan en 2005 o seu primeiro longa duración What's Up! nos estudios de gravación Bonham na Coruña. No tema "Lightning Machine" colaboraría tamén Fernando García Vilaboy, o ex-membro de Elephant Band que faltaba.
Co lanzamento do álbum, levan a cabo unha intensa xira que os leva aos escenarios de varios dos principais festivais do Estado: Primavera Sound, Purple Weekend, Festival do Norte, Cultura Quente e Xiriapop entre outros.
A banda medra e pouco a pouco vai acadando unha maior repercusión. Participan nos concertos de Radio 3[1], no programa Ipop de TVE[2]. O videoclip do tema "Wretch, Wash Your Hair" prográmase en varios espazos da TVG[3], ademais de achegarse a Portugal para realizar unha xira polo país veciño.
Prodúcese a saída amistosa de Ramón Saleta da batería e Alberto Dopico pasa a formar parte de Meu. Coa súa incorporación, a banda comeza a preparar o que sería o seu segundo álbum Did You Hear?, que gravarían en 2007 en Madrid, baixo o mesmo selo que publicou o seu primeiro traballo: Rock On Music. A gravación realízase nos estudios Audiomatic da man de José María Rosillo en tarefas de produción.
No seu segundo traballo Meu pasa do son máis cru de What's Up! a un son máis elaborado e con máis arranxos. É o momento no que o quinto membro de Meu, Alejandro González, entra na banda para ocuparse dos teclados.
Ademais da xira de presentación do novo disco, a banda toca en directo no programa Banda Curta de TVG[4].
A pesar do bo momento da banda, problemas externos a Meu provocan un paro en 2009, cando estaban preparando temas para o seu terceiro traballo.
En 2023 a banda retoma a súa actividade coa súa participación no festival Noites do Porto.[5] Prepárase o seu terceiro disco e novas actuacións para 2024.
Discografía
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Noticia da web sonicwavemagazine relativa a gravación dos concertos de radio 3". www.sonicwavemagazine.com. Consultado o 2024-02-21.
- ↑ "Actuación de Meu no program Ipop de TVE".
- ↑ "Nova na web vieiros.com da emisión do videoclip "Wretch, Wash Your Hair" de Meu".
- ↑ "Actuación de Meu no programa Banda Curta de TVG".
- ↑ "Entrevista a Nacho Mora en La Opinión A Coruña o 16/09/2023". Consultado o 21/02/2024.