Saltar ao contido

Moeda de 20 centavos de dólar estadounidense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
20 centavos de dólar [1]
A/: Liberdade sedente ollando á esquerda con escudo e barrete frixio nunha lanza. 13 estrelas Data.

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY.

R/: aguia de fronte coas ás abertas, que sostén frechas e pólas de oliveira coas súas gadoupas.

Lendas: E PLURUBUS UNUM / ONE CENT / UNITED STATES OF AMERICA

A moeda de 20 centavos de dólar estadounidense é unha moeda de prata co valor facial de 20 centavos, cuñada entre 1875 e 1878 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. A súa existencia foi moi efémera, entre outras cousas por mor da confusión que xeraba coa moeda de 25 centavos ou un cuarto de dólar, tanto no seu valor como na súa aparencia e no seu tamaño.

En 1874, o senador por Nevada John P. Jones presentou un proxecto de lei para a creación dunha moeda de prata de 20 centavos que, segundo el, aliviaría a escaseza de moeda miúda no Vello Oeste. Este proxecto de lei foi aprobado polo Congreso e, en consecuencia, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Henry Linderman, escolleu tanto para o anverso como para o reverso modelos similares aos doutras moedas de prata en circulación e ordenou a súa cuñaxe en 1875.

Malia teren un canto liso, como elemento diferenciador doutras moedas de prata do sistema, a nova moeda aproximábase moito á dun cuarto de dólar, ata o punto de que se confundía con ela. Ademais, o anverso de ambas as moedas era case idéntico. Logo do primeiro ano en circulación, 1875, no que se cuñou máis dun millón de exemplares, a súa demanda por parte da poboación foi moi escasa. O segundo ano a tiraxe foi de arredor de 25.000 exemplares, e os dous seguintes só se cuñaron uns centos de exemplares cun acabamento especial para os coleccionistas, ata que en 1878 se determinou a súa cancelación. Polo menos un terzo da produción foi fundido posteriormente polo Goberno.

O numismático Mark Benvenuto cualificou a moeda de 20 centavos de dólar como "un capítulo da historia da moeda estadounidense que se pechou case antes de comezar".[2]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Xa en 1791 xurdira unha proposta encamiñada á creación dunha moeda de 20 centavos de dólar, e outra novamente en 1806, mais ambas foran rexeitadas.[3] O proxecto de lei de 1806, presentado polo senador por Connecticut Uriah Tracy, procuraba tanto unha moeda de dous centavos de billón como unha de 20 centavos de prata, que el denominaba como double dimedime é como se coñece en inglés a moeda de 10 centavos—. Este proxecto de lei foi aprobado en dúas ocasións polo Senado, en 1806 e en 1807, mais non logrou ser aprobado na Cámara de Representantes.[4] Malia non emitirse ningunha moeda de 20 centavos de dólar con anterioridade á década de 1870, a poboación estaba moi afeita a esa denominación, dado que a moeda española de dous reais de prata —coñecida nos Estados Unidos como piastreen—, se utilizaba adoito nos Estados Unidos co valor de 20 centavos de dólar.[5]

Foron varios os factores que converxeron para a creación da moeda de 20 centavos na década de 1870. Un deles foi a escaseza de moeda miúda no Vello Oeste, onde non circulaban as moedas de metais básicos. Os pagamentos do Goberno en prata e en ouro suspendérase durante o caos económico ocasionado pola guerra civil, xa que as moedas destes metais se atesouraban —excepto na costa do Pacífico— e non se utilizaban no comercio ao seu valor facial. A moeda de menor valor en prata era a de 5 centavos (half dime), que aínda que non circulaba no Leste era cuñada en cantidades importantes na Casa da Moeda de San Francisco; esta moeda foi abolida pola Lei da Moeda de 1873, o que ocasionou unha escaseza de valores pequenos na circulación, tendo en conta ademais que as moedas de 10 centavos se utilizaban no comercio da xoiaría. Os clientes queixábanse de que non lles podían dar a volta exacta por un artigo que custaba 10 centavos cando pagaban cunha moeda dun cuarto de dólar. O numismático David Lange afirma que esta situación se tería arranxado cun envío masivo ao Oeste de moedas de 5 centavos de níquel, de uso moi común no Leste, aínda que tamén é probable que non fosen aceptadas, por mor dos prexuízos que alí había contra o diñeiro carente de contido de prata ou de ouro.[6][7][8]

Outro factor que favoreceu a creación da moeda de 20 centavos foi a ansiedade do Congreso por ver máis prata convertida en moeda, debido substancialmente á presión das compañías mineiras, e tamén a outros intereses económicos. A Lei da Moeda de 1873 puxo fin á práctica de permitir aos produtores de prata a conversión dos seus lingotes en dólares de prata na Casa da Moeda. Aínda que os produtores non optaran moito por esta práctica nos anos anteriores a 1873, por mor do elevado prezo da prata no mercado, o antigo director da Casa da Moeda, Henry Linderman, previu que estes prezos baixarían á medida que as minas fosen máis asequibles, debido á finalización do ferrocarril transcontinental que atravesaba os Estados Unidos, e que a cuñaxe resultante inflaría a moeda. En efecto, ao cabo dun ano os prezos da prata baixaron e os produtores intentaron en van depositar os seus lingotes na Casa da Moeda para os converter en moeda, mais isto xa non lles era posible. Nesta situación, os mineiros procuraron outras vías para lle vender a prata ao Goberno.[7][9]

O senador por Nevada John P. Jones, promotor da moeda de 20 centavos de dólar.[10]

O terceiro factor era o interese dos Estados Unidos por aliñar a súa moeda coa Unión Monetaria Latina e por adaptar os seus padróns ponderais da moeda ao sistema métrico decimal. En varias ocasións, nas décadas de 1860 e de 1870, a Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñou exemplares en proba por se esta aproximación se chegase a producir. A moeda de 20 centavos debía ser equivalente á dun franco francés desa época e, se se facía en proporción ás moedas máis pequenas que se estaban a cuñar, pesaría 5 gramos, un feito que atraeu os defensores do sistema métrico no Congreso.[11][12] Outra finalidade dunha emisión masiva de moedas de prata, independentemente do seu valor facial, era retirar a "moeda fraccionaria" —papel moeda de valores baixos, coñecido como shinplasters—. O Congreso aprobou en 1875 e en 1876 unha lei para a emisión de grandes cantidades de moeda de prata con este fin.[13]

Autorización

[editar | editar a fonte]

O promotor final da moeda de 20 centavos de dólar foi o senador por Nevada John P. Jones, copropietario da mina Crown Point, que accedera ao seu posto no senado en 1873. Unha das súas primeiras propostas lexislativas consistiu na presentación, o 10 de febreiro de 1874, dun proxecto de lei para autorizar a moeda de 20 centavos.[14][15] Ao defender a súa proposta citou o problema da falta de moeda miúda no Oeste. O director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Linderman, apoiou a creación da moeda.[16] Segundo o historiador numismático Walter Breen, "outros lexisladores apoiaron tamén o proxecto de lei, en gran medida como un favor ao senador Jones". Finalmente, o proxecto de lei foi aprobado e posteriormente asinado polo presidente Ulysses S. Grant, o 3 de marzo de 1875.[6] Do mesmo xeito que ocorría con outras moedas de prata de diversos valores,[12] o curso legal desta moeda estaba limitado á cantidade e cinco dólares.[17]

Preparación e deseño

[editar | editar a fonte]

En previsión da inminente aprobación da lei, o director da US Mint, Linderman, mandou preparar probas de diferentes deseños da moeda. En agosto de 1874, O superintendente da Ceca de Filadelfia, James Pollock, envioulle a Linderman unhas probas que amosaban no reverso a imaxe da Liberdade sedente gravada polo escultor de Filadelfia Joseph A. Bailly cun reverso creado polo gravador xefe da Casa da Moeda, William Barber. Pollock non aprobou a proposta de Bailly, por considerala demasiado semellante ao deseño da Liberdade sentada que aparecía daquela en todas as moedas de prata do país, co que a nova moeda sería difícil de distinguir da dun cuarto de dólar. O 31 de marzo e o 12 de abril de 1875 , xa despois da aprobación do proxecto de lei de Jones, Pollock enviou a Linderman novas probas, todas creadas por Barber. Pollock desaprobou un deseño de reverso cun escudo, mais a Linderman gustoulle e declarou que se tería aprobado de non ser porque a lei esixía que aparecese unha aguia nas moedas de prata de valor facial superior aos 10 centavos. Finalmente, Linderman seleccionou un anverso case idéntico ao das demais moedas de prata que se estaban a cuñar —ata 1916, as moedas de prata tiñan unha aparencia similar—.[18][19]

Este deseño, do defunto gravador xefe Christian Gobrecht, creado a partir dun deseño de Thomas Sully e de Titian Peale, utilizárase por vez primeira en 1836, e en 1840 aparecía en todas as moedas de prata cuñadas daquela.[26] Pola súa banda, a aguia do reverso é case idéntica á que Barber realizara para o dólar de comercio, que comezara a cuñarse en 1873.[27] Linderman decatárase de que a diferenza de tamaño entre a nova moeda e a dun cuarto de dólar era pequena, e pensou que unha versión reducida do deseño do dólar de comercio resultaría adecuada para a moeda de 20 centavos, o cal se aplicou para o reverso.[28] A aguia leva as frechas da guerra na súa pouta dereita, a dominante, e a póla de oliveira na esquerda, polo que nesta heráldica se lle dá preferencia á guerra sobre a paz.[29]

Deseño orixinal da "liberdade sentada" de Thomas Sully (1835), no que se baseou Barber.

O historiador da arte Cornelius Vermeule describiu o anverso da moeda de 20 centavos de dólar como "unha síntese agradable de elementos tradicionais". No entanto, non foi tan eloxioso coa aguia do reverso, que cualificou como torpe e como unha versión máis grosa da aguia das moedas estadounidenses do século XVIII. Vermeule admiraba os deseños das probas que presentara Barber para esta moeda, especialmente o anverso que amosa a Liberdade sentada ollando o mar,[30][31] que segundo o historiador ten unha débeda coas moedas de cobre británicas daquela época, que representaban a Britannia nun xeito similar —Barber era inglés de nacemento—.[27]

O numismático Yancey Rayburn, nun artigo de 1970, escribiu que a moeda de 20 centavos está desprovista da maior parte das lendas habituais das moedas estadounidenses, xa que nela non aparecen nos lemas nacionais IN GOD WE TRUST nin E PLURIBUS UNUM.[32] Naquel momento a Lei da moeda de 1873 esixía a presenza do primeiro deles nas moedas estadounidenses, en tanto que a inclusión do segundo quedaba á discreción do secretario do Tesouro.[33] Ambos os lemas foron excluídos desta moeda debido a que resultaba demasiado pequena como para acollelos. A lei pola que se creou a moeda non dicía nada acerca do seu deseño, mais establecía que debía estar suxeita aos termos fixados pola Lei da Moeda de 1873.[34] Rayburn tamén admirou que o valor facial apareza na moeda na súa forma plena, TWENTY CENTS, xa que naquela época as moedas dun cuarto de dólar e de medio dólar amosaban a palabra DOLLAR abreviada como "DOL.".[35]

O deseño da nova moeda de 20 centavos de dólar foi aprobado o 12 de abril de 1875. No entanto, inmediatamente sufriu unha lixeira modificación para acadar unha mellor definición das follas de oliveira no extremo dereito da póla, sobre o N e o T de CENTS, xa que no deseño orixinal as follas se superpuñan entre si. O 15 de abril produciuse a aprobación desta modificación.[18]

Produción, consecuencias e coleccionismo

[editar | editar a fonte]

A produción desta moeda deu comezo o 19 de maio na Ceca de Filadelfia. Pouco despois, o 1 de xuño, incorporouse á súa produción a Ceca de Carson City —no estado de Nevada, onde nacera o senador Jones— e entre o 1 e o 17 de xuño fixo o propio a Ceca de San Francisco. Nese primeiro ano só se cuñaron 38.500 exemplares en Filadelfia; o groso da produción tivo lugar nas dúas cecas occidentais: 133.290 en Carson City e 1.155.000 en San Francisco.[36][37] O prezo da prata non baixara ata o punto en que o Congreso estivese disposto a autorizar a redención de papel moeda con moeda de prata, e non o faría ata abril de 1876, rebaixando a necesidade de cuñar máis pezas en Fladelfia.[18] Ademais, a moeda estaba concibida principalmente para a súa circulación no Oeste, outra razón para a reducida tiraxe na Ceca de Filadelfia.[38] A Casa da Moeda sobreestimou a necesidade da moeda en San Francisco, onde a moderada aceptación por parte da poboación se viu satisfeita sobradamente, ata que en 1877 o Departamento do Tesouro mandou refundir as súas existencias.[39]

Aínda que a Casa da Moeda dotara esta peza dun canto liso, para a diferenciar do canto estriado do cuarto de dólar, ambas as moedas comezaron a confundirse decontado.[6] A peza de 20 centavos, de 22 milimetros de diámetro, era só un pouco máis pequena que a dun cuarto de dólar, e os anversos de ambas eran practicamente idénticos. Os erros nas voltas no comercio eran sistemáticos, o que provocou que a moeda de 20 centavos se fixese moi impopular.[6] En abril de 1876, cando o Congreso comezou a permitir o troco en moeda metálica da moeda fraccionaria en papel — os populares shinplasters, introducidos despois da guerra civil— a moeda de 20 centavos figuraba entre a listaxe de moedas que podían cambiarse.[17] Porén, en xullo presentouse un proxecto de lei para abolir esta moeda. Aínda que este proxecto de lei non se aprobou inmediatamente, segundo o numismático Vernon Brown, a súa simple existencia foi suficiente para convencer a Casa da Moeda de que non tiña sentido continuar coa cuñaxe da moeda de 20 céntimos. A tiraxe de 1876 foi apenas testemuñal e produciuse unicamente en Filadelfia e Carson City. En 1877 e 1878 só se cuñaron 510 e 600 exemplares, respectivamente, na Ceca de Filadelfia, con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas.[40][41][42] A maior parte da tiraxe de 1876 da Ceca de Filadelfia vendeuse como recordo na Exposición Universal de 1876 en Filadelfia.[39]

A peza de 1876 cuñada na Ceca de Carson City é unha das grandes rarezas da numismática dos EEUU

En marzo de 1877, Linderman autorizou a fundición de 12.359 moedas de 20 centavos na ceca de Carson City. Esta cantidade incluía case toda a produción de 1876 (arredor de 10.000 pezas) e creou unha das maiores rarezas numismáticas os estados unidos, a peza de 1876-CC.[43] Hoxe coñécense dúas ducias de espécimes superviventes;[37] un dos cales, vendido en poxa pública por 564.000 dólares en 2013, fixou o récord de cotización dun exemplar da moeda de 20 centavos.[44] No seu artigo de 2003, o numismático Michele Orzano sostén que os escasos exemplares que chegaron a nós foran distribuídos como recordos obtidos por visitantes ás instalacións da ceca.[45]

O Congreso aboliu a moeda de 20 centavos de dólar o 2 de maio de 1878. O día anterior, Linderman ordenara a todas as cecas sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos que fundisen todas as moedas de 20 centavos das que dispuxesen, para volver a cuñar ese metal noutros valores faciais.[6] Daquela, os grupos sociais favorables á cuñaxe da prata triunfaran ao aprobar a Lei Bland–Allison, que obrigaba o Goberno a adquirir grandes cantidades de prata para os cuñar en moedas dun dólar.[46] A moeda mantivo a súa circulación no oeste durante uns anos, aínda que cara a 1890 xa case non se vía.[47]

Das 1.351.540 moedas de 20 centavos de dólar cuñadas para a súa posta en circulación, máis dun terzo foron refundidas polo Goberno entre 1895 e 1954, sobre todo en 1933.[3] A moeda máis común, segundo a edición de 2014 do catálogo de R. S. Yeoman A Guide Book of United States Coins (o Red Book), é a de 1875 de San Francisco,[48] á que este catálogo lle atribúe un prezo no mercado numismático de 110 dólares nun estado de conservación medio. Yeoman opina, nesta obra, que a moeda de 20 centavos de dólar fracasou porque "a poboación estaba confundida pola similitude da moeda coa dun cuarto de dólar, que estaba máis asentada como base do pequeno comercio estadounidense". Yeoman apunta tamén a que esta nova moeda era "en esencia só un substituto de dúas moedas de dez centavos".[49]

Tiraxes por ceca

[editar | editar a fonte]

As marcas de cena, que indican en concreto que ceca sucursal da Casa da Moeda dos Estados Unidos se encargou da cuñaxe das moedas, atópanse, de ser o caso, na parte inferior da aguia do reverso.

Ano de emisión Marca de ceca Tiraxes [36]
Circulantes Versión proof
1875 36.910 2.790
CC 133.290 0
S 1.155.000 12
1876 14.640 1.260
CC 10.000 0
1877 0 510
1878 0 600
  1. "20 Cents "Seated Liberty"". Numista.com
  2. Benvenuto, T. (2003). Páxina 60.
  3. 3,0 3,1 Breen, W. (1988). Páxina 335.
  4. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 141.
  5. Julian, R. W. (2014). Páxina 56.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Breen, W. (1988). Páxina 334.
  7. 7,0 7,1 Lange, D. W. (2006). Páxinas 118-119.
  8. Shavorinsky, D. (1974). Páxina 69.
  9. Van Allen, L. C.; Mallis, A. GG. (1991). Páxinas 21-23.
  10. Neale, W. (1899). Autobiographies and portraits of the President, Cabinet, Supreme Court, and Fifty-fifth Congress. 1. The Neale Company, Washington. Páxina 150.
  11. Brown, V. L. (1970). Páxinas 41-42.
  12. 12,0 12,1 Bureau of the Mint (1904). Páxina 54.
  13. Olds, R. (1978). Páxina 44.
  14. Brown, V. L. (1970). Páxina 42.
  15. LaMarre, T. (2003). Páxina 10.
  16. "Proposed Issue of a Twenty-Cent Coin". United States Mint.
  17. 17,0 17,1 Bureau of the Mint (1904). Páxina 69.
  18. 18,0 18,1 18,2 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 262-263.
  19. Hammer, T. R. (1947). Páxina 167.
  20. "20 Cents "1864" Pattern; silver". Numista.com
  21. "J1358/P1503[Ligazón morta]". Uspatterns.com
  22. "20 Cents "1875 1/5 Dollar" Pattern; silver". Numista.com
  23. "J1398/P1541[Ligazón morta]". Uspatterns.com
  24. "J1407/P1550 Arquivado 21 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". Uspatterns.com
  25. "J1407/P1550 Arquivado 21 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". Uspatterns.com
  26. Lange, D. W. (2006). Páxinas 46-47.
  27. 27,0 27,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 73.
  28. LaMarre, T. (2003). Páxina 11.
  29. Young, R. (1979). Páxina 56.
  30. "20 Cents "1875 1/5 Dollar" Pattern; silver". Numista.com
  31. "J1398/P1541 Arquivado 21 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". Uspatterns.com
  32. Rayburn, Y. (1970). Páxinas 42-43.
  33. Bureau of the Mint (1904). Páxina 55.
  34. Bureau of the Mint (1904). Páxinas 68-69.
  35. Rayburn, Y. (1970). Páxina 43.
  36. 36,0 36,1 "Seated Liberty Twenty Cent Piece Mintages". Twentycentpiece.com
  37. 37,0 37,1 Breen, W. (1988). Páxinas 334-335.
  38. LaMarre, T. (2003). Páxina 12.
  39. 39,0 39,1 Julian, R. W. (2014). Páxina 58.
  40. "1877 Proof Liberty Seated Twenty Cent Piece". Twentycentpiece.com
  41. "1878 Proof Liberty Seated Twenty Cent Piece". Twentycentpiece.com
  42. Brown, V. L. (1970). Páxina 41.
  43. "Lot #2299. Auction #1124". Heritage Auctions. 30 de abril de 2009.
  44. "1876-CC Liberty Seated Twenty Cent Piece". Twentycentpiece.com
  45. Orzano, M. (2003).
  46. Lange, D. W. (2006). Páxina 119.
  47. Julian, R. W. (2014). Páxina 59.
  48. McMorrow-Hernandez, J. (2021)."The 1875-S 20 Cent Coin". Professional Coin Grading Service. 23 de xuño.
  49. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 163.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Libros e catálogos

[editar | editar a fonte]

Artigos e outras fontes

[editar | editar a fonte]
  • Benvenuto, T. (2003). "Not quite a quarter". En Coins. Krause Publications. Agosto. Páxina 60.
  • Brown, V. L. (1970). "The 20-cent folly". En Coins. Krause Publications. Novembro. Páxinas 40-42.
  • Hammer, T. R. (1947). "The twenty-cent piece". En The Numismatist. American Numismatic Association. Febreiro. Páxinas 167–169.
  • Julian, R. W. (2014). "The curious "double-dime". En COINage. Beckett Media. Agosto. Páxinas 56-59.
  • LaMarre, T. (2003). "The short-lived 'double-dime'". En Coins. Krause Publications. Xaneiro. Páxinas 10-12, 14.
  • "The new twenty-cent coin". En The Mansfield Herald. 29 de abril de 1875.
  • Olds, R. (1978). "Pesky petty paper". En Coins. Krause Publications. Agosto. Páxinas 40-45.
  • Orzano, M. (2003). "Short-lived series". En Coin World. 27 de outubro. Páxina 55.
  • Rayburn, Y. (1970). "Coins of America's 'Gilded Age'". En Coins. Krause Publications. Outubro. Páxinas 41-44.
  • Shavorinsky, D. (1974). "Almost a quarter". En Coins. Krause Publications. Febreiro. Páxina 69.
  • Young, R. (1979). "Coins America hated before 'Susie-Bucks'". En Coins. Krause Publications. Decembro. Páxinas 54-58.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]