Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás | |
---|---|
Fachada norte do Museo | |
País | Galicia |
Cidade | Santiago de Compostela |
Tipo | Arte contemporánea, arte galega |
Inauguración | 2012 |
Superficie | 20734 m² |
Na rede | |
https://www.cidadedacultura.gal/gl/content/museo-centro-gaias | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo Centro Gaiás é un centro de exposicións situado dentro do complexo arquitectónico da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Foi inaugurado no ano 2011 e comezou a funcionar no ano 2012. Acolle exposicións temporais relacionadas sempre con Galicia e é de titularidade pública.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O edificio foi deseñado polo arquitecto estadounidense Peter Eisenman dentro do proxecto de Cidade da Cultura, e é o de maior altura de todo o complexo. O edificio ten 6 plantas; as tres superiores están adicadas case en exclusiva a ó espazo expositivo; as plantas 0 e -1 teñen varios usos, podendo ser empregadas como espazo expositivo, ou para albergar eventos de todo tipo, concertos, teatro, proxeccións, coloquios, conferencias ou actividade lúdicas. Ó mesmo tempo a planta 0 posúe unha cafetería e a propia recepción do centro e unha das vistas mais icónicas do complexo. Por último a planta -2 emprégase para cuestións técnicas como a almacenaxe de obra.
As exposicións
[editar | editar a fonte]2012
[editar | editar a fonte]A primeira exposición que se celebrou no museo foi Gallaecia Petrea, un percorrido polo traballo en pedra en Galicia dende a prehistoria ata a escultura contemporánea. Rematouse o ano coa exposición Códices[1] na que estivo exposto xunto a outros códices o Códice Calixtino, só uns poucos meses despois de que fose recuperado polas autoridades tras o seu roubo.
2013
[editar | editar a fonte]Tras o remate de Códices expúxose no Gaiás, Orinoco, que percorría o río suramericano e afondaba no coñecemento das tribos que habitan nun dos lugares máis remotos do planeta.
2014
[editar | editar a fonte]Produciuse Agua Doce que empregando a auga como vehículo condutor presentou obra de artistas como Gerhard Richter, Hans Haacke, John Constable, Piranesi, Jenaro Pérez Villaamil, Oskar Kokochka, Louise Bourgeois, Olafur Eliasson, Mario Merz, Chema Madoz, Richard Pare, Cristina García Rodero ou David Hockney.
O ano rematou con Cinegalicia 25 na que aproveitando os 25 anos da estrea de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal facía un percorrido polo audiovisual galego.
2015
[editar | editar a fonte]Camiño, a orixe foi a primeira exposición do ano, de temática xacobea, e levou ó museo Santiago Apóstolo de Durero ou o Pórtico da Gloria de Genaro Pérez Villamil.
Pechouse o ano facendo unha exposición monográfica sobre o fotógrafo de Allariz José Suárez titulada José Suárez, uns ollos vivos que pensan.
2016
[editar | editar a fonte]2016 foi o ano do centenario do nacemento de Camilo José Cela e o Museo Centro Gaiás rendeulle homenaxe ó ganador do Nobel de literatura con Camilo José Cela: 1916-2016. O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade.[2]
No mesmo ano presentouse Con-Fío, en Galicia[3] un percorrido pola historia do téxtil galego.
2017
[editar | editar a fonte]A exposición inicial do 2017 adicóuselle o mundo da madeira e o deseño. Da árbore á cadeira expuxo traballos de deseño de Isaac Díaz Pardo, Xosé Bar Boo ou os irmáns Jesús e Alejandro de la Sota.
Ese mesmo ano o centro adicoulle unha exposición individual a Antón Lamazares na que este traballaba para a creación da súa obra plástica sobre a poesía de Uxío Novoneyra, a exposición titulouse Flor Novoneyra.[4]
2018
[editar | editar a fonte]No 2018 programouse Galicia Universal[5] que da man das coleccións privadas das antigas caixas de aforros constituía un percorrido pola arte galega. Maruja Mallo, Genaro Pérez Villamil, Ovidio Murguía, Luís Seoane, Leopoldo Nóvoa, Castelao, Urbano Lugrís, Manolo Paz, Francisco Leiro, os membros do Grupo Atlántica ou artistas máis novos como Mónica Alonso, Jorge Perianes, Rubén Ramos Balsa ou Santi Jiménez. A exposición incluía un debuxo da etapa coruñesa de Pablo Picasso.
O fotógrafo de Castroverde Baldomero Pestana foi o protagonista da segunda exposición do ano, unha monográfica na que se puxo en valor a súa figura. Borges, García Márquez, Dizzy Gillespie, Man Ray, Vargas Llosa, Quincy Jones ou Lalo Schifrin foron algúns dos nomes propios que posaron para Pestana é que formaban parte da colección de retratos de Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.[6]
En outubro inaugurouse Castelao Maxistral na que se trouxo por primeira vez a Galicia o cadro A derradeira leición do mestre, no cal Castelao xa enfermo reinterpretou unha das súas láminas do álbum Galicia mártir para renderlle homenaxe a Alexandre Bóveda. O cadro pasou en Galicia uns pouco meses antes de retornar ó Centro Galego de Buenos Aires. A exposición pechouse con máis de 40 000 visitantes nos catro meses que estivo aberta.[7]
2019
[editar | editar a fonte]Pensar coas mans[8] foi unha exposición que xirou arredor do mundo da artesanía en Galicia, centrándose na cestaría, a xoiaría e a cerámica incluíndo tamén pezas artísticas de Sorolla, Ivan Prieto, Elena Colmeiro ou Xavier Toubes.
Galicia, un relato no mundo,[9] comisariada por Manuel Gago é unha exposición que fai un percorrido pola historia de Galicia e que achegou ao Gaiás pezas singulares como a Biblia Kennicott, o Libro das invasións ou o Cancioneiro da Vaticana.
2020
[editar | editar a fonte]No ano 2020 a exposición Galicia, un relato no mundo viuse interrompida ao pechar o Museo Centro Gaiás por culpa da pandemia da COVID-19.
O 22 de xullo inaugurouse Cinema e Emocións, Unha viaxe á Infancia. Comisariada pola Cinematheque Française e que profunda na representación da infancia a través do cinema. A exposición posúe pezas orixinais das rodaxes de filmes como As vacacións do Sr. Hulot, de Jaques Tati, ou materiais preparatorios de Persépolis de Marjane Satrapi ou Kirikou et la Sorcière de Michel Ocelot.[10]
2022
[editar | editar a fonte]De lugares e cousas: obras de 36 artistas contemporáneos, que forman parte da colección de arte Banco Sabadell.
2024
[editar | editar a fonte]Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum: con pezas do tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, formado polas doazóns das monarquías católicas europeas ó longo de 500 anos.
Unha vida viquinga: exposición que recolle, a través de 120 pezas históricas e arqueolóxicas, a cultura viquinga entre os séculos VIII e IX, incluída a súa violenta relación con España e con Galicia en particular.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Códices | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Evento: O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade | Cultura de Galicia". www.cultura.gal (en castelán). Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "INICIO". Con–Fío en Galicia. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Flor Novoneyra | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Galicia universal. El arte gallego en las colecciones de ABANCA y Afundación | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Baldomero Pestana, la verdad entre las manos | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ Diario, Nós. ""Castelao maxistral", a exposición máis visitada da historia do Gaiás". Nós Diario. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Galicia, un relato no mundo | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-08-07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Centro Gaiás |