Saltar ao contido

Paderne

Modelo:Xeografía políticaPaderne
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°17′00″N 8°10′28″O / 43.283333333333, -8.1744444444444
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
CapitalO Consistorio Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación2.436 (2023) Editar o valor en Wikidata (63,6 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie38,3 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico e Ría de Betanzos Editar o valor en Wikidata
Altitude156 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataSergio Platas Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Paderne Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15314–15319 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15064 Editar o valor en Wikidata

Páxina webconcellodepaderne.com Editar o valor en Wikidata

Paderne é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Betanzos. Segundo o IGE en 2014 tiña 2.502 habitantes (2.672 no 2009, 2.735 no 2006, 2.715 no 2005, 2.689 en 2004, 2.680 en 2003). Ten unha superficie de 39,8 km².

Demografía

[editar | editar a fonte]
Censo total 2014 2.502 habitantes
Menores de 15 anos 205 (8.19 %)
Entre 15 e 64 anos 1.457 (58.23 %)
Maiores de 65 anos 840 (33.57 %)
Evolución da poboación de Paderne   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
4.737 4.632 4.566 3.690 2.689 2.672 2.628 2.597 2.534 2.502 2.467 2.445 2.441 2.419 2.394 2.383 2.393
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía física

[editar | editar a fonte]

Situación e comunicacións

[editar | editar a fonte]

O concello de Paderne ten 39,8 km², e abrangue 9 parroquias con 61 entidades de poboación. A capital é Consistorio, núcleo da parroquia de Paderne. O municipio limita con Miño, Bergondo, Betanzos, Coirós e Irixoa. A principal vía de comunicación é a N-VI, que no seu tramo Betanzos-Ferrol discorre á beira da ría.

Climatoloxía

[editar | editar a fonte]

A zona ten un clima oceánico húmido, con precipitacións abundantes e temperaturas medias entre 9 °C e 18 °C e de cando en cando baixa a menos de 0 °C ou sobe a máis de 30 °C. En Paderne, os veráns son quentes; os invernos son longos, fríos e húmidos e está parcialmente nubrado durante todo o ano.

Orografía

[editar | editar a fonte]

Entre os seus montes destacan o Pico do Feal (409 m, en Vilamourel), Monte Petón (338 m), O Penedo (319 m), Monte do Castro (288 m, en Vigo), Esperela (271 m, en Vigo), Alto de Velouzás (222 m), Montes do Pereirón (200 m), As Poceiras (192 m, en Velouzás) e o Monte da Croa (en Obre).

Hidrografía

[editar | editar a fonte]

O concello está atravesado polo río Mandeo e o río Lambre. Está en plena desembocadura da ría, estivo tradicionalmente adicada á pesca (recibe o seu nome polo xurelo) e o marisqueo. Nela recollíase berberecho, longueirón, mexillón, mincha e ameixa. As algas coñecidas como marmulo eran recollidas para fertilizante e como remedio para algunhas doenzas. A praia da Abeleira, á que se accede pola Ponte do Porco, está situada na desembocadura do río Lambre, e coa marea baixa queda unida á anterior. Até a década de 1950 nela construíanse pequenas embarcacións. Ten unha pequena fonte na que se recollía auga e se lavaba a roupa. A praia da Xurela está situada no lugar de Insua (Viñas).

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O topónimo do concello provén do xenitivo latino Paterni, que faría alusión ó propietario das terras. Paternus é relativo ó pai, indicando non só paternidade física, senón tamén a función social do xefe de familia.

Hai rexistros escritos do topónimo desde a Idade Media[1]: Munio presbiter de Paderni, 1174; Munio Mougo de Paderni, 1182; Sayoane de Villa Mourel et Santiago de Dragonte et Paderne, 1270; do rregueiro que ven de Paderne para o dito rio de Mandeu, 1362; Johan Domínguez morador en Paderne, 1381; san Juã de Paderne, 1437; Simón de Paderne, veciño de Betanzos, 1509.

O escudo municipal inclúe unha ponte cun porco bravo no medio e a cada extremo unha cuncha de vieira, símbolo de peregrinos, que fai referencia ó paso da vía inglesa do camiño de Santiago.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]

No alto do monte de San Antón, xunto á ermida de San Cosme, hai unha necrópole con varias mámoas e dolmens. Hai restos de cinco poboados castrexos: Castro da Croa (Obre), Castro do Monte do Castelo (Areas, Adragonte), Castro de Insua (Alto de Tixoso, lugar de Insua, Viñas), Castro de San Mamede (San Xulián de Vigo) e Castro de Montecelo. Na igrexa de Paderne foi atopado o 13 de maio de 1964 un ídolo fálico prerromano, conservado actualmente no Museo Arqueolóxico da Coruña. Na parte traseira da igrexa parroquial de Santiago de Adragonte hai un sartego antropomorfo anterior ó século XIII.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Durante a idade media esta zona dependía dos Andrade Fernán Pérez de Andrade, O Boo mandou construír no século XIV a Ponte do Porco, sobre o río Lambre, para comunicar Pontedeume e Betanzos. En 1445 Xoán de Guende fundou en Souto (parroquia de Chantada) o Hospital de Guende, para acoller os peregrinos. Segundo deixou escrito Frei Martín Sarmiento trala súa viaxe en 1745, o hospital foi abandonado en 1720 ao non cumpriren os herdeiros de Xoán de Guende coas obrigas que lles correspondían..

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

O 15 de novembro de 1779, John Adams – quen sería o segundo presidente dos Estados Unidos e un dos seus “Pais Fundadores”– parte de Boston na fragata francesa Sensible para iniciar unha accidentada viaxe que debería culminar en Francia, pero que finaliza no Ferrol debido a unha vía de auga que obriga a entrar no porto galego. Vai acompañado do seu primo e home de confianza, o avogado John Thaxter, e dos seus dous fillos, John, que acababa de cumprir 12 anos e que chegaría a ser o sexto presidente dos Estados Unidos, e Charles, de 9 anos.[2] Hai constancia de que a zona da ponte do porco foi visitada polo presidente dos Estados Unidos John Adams, nunha carta remitida a súa muller, onde parou a comer e describía a zona como fértil e cultivada dende a montaña ata a beira do mar[3][4]

O río Lambre arriba consérvanse os restos de varios muíños, coñecidos como muíños da Misericordia, muíños do Rei, ou muíños de Bermúdez. Foron construídos no século XVIII para o Arsenal de Ferrol, e restaurados cara a 1845. As construcións forman un rectángulo alongado, con 16 ollos.

Preto da igrexa de Velouzás celebrouse a Feira do 27, entre comezos do século XIX e a década de 1930. Acadou o seu máximo apoxeo na época de 1825, e deixou de celebrarse coa apertura da estrada cara a Betanzos.

Trala caída do antigo réxime e logo da división territorial de España en 1833, o concello de Paderne naceu como tal en 1835. Anteriormente as parroquias pertenceran a tres xurisdicións distintas. En 1831 figuraba o actual municipio dividido en dous: o de Vigo e o de Quintas. En 1842 estivo a piques de ser absorbido por Betanzos.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

O 16 de abril de 1943 inaugurouse a Ponte do Pedrido, deseñada por Eduardo Torroja Miret substituíndo o servizo de pasaxe que funcionou até entón.

A casa consistorial foi rematada en 1927, sendo alcalde José María Pérez González. Fixéronse varias reformas, a última delas en 2001 sendo alcalde César Longo Queijo.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

As pegadas do Neolítico son máis que evidentes en Paderne, hai que destacar o elevado número de mámoas existentes[5], que se recollen a continuación:

  • Mámoas de Brañas Chás: Sen catalogar. Atópanse case no límite con Irixoa, preto da necrópole do monte de San Antón. Trátase de tres enterramentos de 26, 20 e 17 metros de diámetro.
  • Mámoa do Monte do Penedo: Ten uns 17 metros de diámetro e un de altura.
  • Mámoa do Monte Pequeno: Ten uns 25 metros de diámetro e un de altura. Cráter de violación. Cortada parcialmente por un muro, e afectada pola maquinaria pesada durante a talla de árbores.
  • Mámoa do Monte do Pico: Inédita. Situada a uns 400 metros de altitude. Ten unhas medidas duns 25 metros de diámetro. Afectada por unha plantación recente de eucaliptos.
  • Mámoa do Rapadoiro: No monte Coto do Souto. De 18 metros de diámetro.     
  • A Medoña: Foi destruída no ano 2009.  
  • Necrópole no monte de San Antón: Xunto a ermida de San Cosme, lindeira co concello de Irixoa

O Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos localizou ata 12 túmulos sen inventariar. A maior parte das mámoas presentan un mal estado de conservación. Tres están afectadas por valados de leiras, dúas por pistas ou estradas e unha por unha canteira. Os túmulos foron atopados nas zonas de Souto, Velouzás, Adragonte e Vigo, sendo estes dous últimos os máis interesantes, con catro e cinco enterramentos respectivamente. A localización maioritaria dos xacementos é en terreo chan (58%), seguidos de ladeiras (25%), e menos en cumes (17%).

[editar | editar a fonte]

Fernán Pérez de Andrade “O Boo” no século XIV, mandou construír unha ponte sobre o río Lambre para establecer unhas boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos, cabeza dos seus feudos, tamén chamada Ponte do Porco, nome que fai referencia ó xabaril que simboliza a casa dos Andrade. Nesta ponte é onde probablemente ocurriu a lenda que deu lugar ó nome de Ponte do Porco[6][7] e que é coñecida como a lenda de “Roxín Roxal e os amores da fidalga”[8] que a continuación transcribimos:

Nela fálannos de Roxin Roxal, servidor do señor de Pontedeume, Don Nuno Freire de Andrade. Este mozo, criado polo señor de Pontedeume, namorouse de Tareixa, filla nova do seu señor. Aínda que Roxin Roxal era correspondido pola nobre dama e contaba co afecto de Don Nuno, esta tivo que casar co señor de Osorio, Don Enrique, por orde do seu pai xa que o rapaz non era de nobre condición, sendo Roxin desterrado a fin de evitar que o romance dificultara o casamento de Tereixa. Como mostra do profundo aprecio que Don Nuno sentía polo rapaz e a fin de compensar o malestar que o seu desterro lle causaba, regaloulle unha valiosa daga na súa despedida. Un día houbo unha batida de caza para perseguir un enorme porco bravo que estaba a facer estragos nas colleitas dos campesiños; Don Enrique, gran afeccionado á caza convenceu á súa muller para que lle acompañara. Cando estaban situados ambos na ponte apareceu o porco. O señor de Osorio feriu ó enorme animal, pero non dabondo, pois o porco bravo revolveuse contra del e a súa dona; Don Enrique o velo animal correndo cara a si saltou pola ponte ó río e berroulle á súa muller para que fixera o mesmo, pero Dona Tareixa quedou cravada na ponte morta de medo e o porco bateu contra ela matándoa. Poucos días despois apareceu morto na mesma ponte o porco bravo; tiña cravada na gorxa unha daga, que Don Nuno recoñeceu; era a daga que el mesmo lle regalara a Roxin Roxal había moito tempo. A partir dese momento a ponte foi coñecida como a Ponte do Porco.

Política municipal

[editar | editar a fonte]

Histórico de alcaldes do concello:

  • Blas Bretón ( - 1864)
  • Genaro Martínez (1864 - 1865)
  • Antonio Vázquez (1865 - 1868)
  • Agustín Riveira (1868 - 1871)
  • Antonio Vázquez (1871 - 1874)
  • Francisco Doporto Cortés (1874 - 1876)
  • Jacobo Cortés Picado (1876 - 1878)
  • Julián López (1878 - 1880)
  • Vicente Cal Pérez (1880 - 1882)
  • Pedro Faraldo Freire (1882 - 1884)
  • Antonio Amado Vázquez (1884 - 1885)
  • Francisco Miño Castelos (1885 - 1898)
  • José María Pérez González (1899 - 1923)
  • Pedro González Pérez (1923 - 1924)
  • Domingo Río Otero (1924)
  • Tomás Varela López (1924 - 1927)
  • Gabriel García Novo (1927 - 1931)
  • Eduardo Monteiro Fraga (1931 - 1934)
  • Gumersindo Couce Domínguez (1935 - 1936)
  • Benito Saya Crespo (1939 - 1944)
  • Fabián Sánchez Crespo (1944 - 1946)
  • Antonio Bonome Panete (1946 - 1952)
  • Segundo Alonso Romero (1952 - 1958)
  • Francisco Bonome Dapena (1958 - 1979)
  • Antonio Penas Sánchez (1979 - 1986)
  • José Luis Pico Espiñeira (1986 - 1995)
  • José Abrodos López (1995 - 1996)
  • José Luis Pico Espiñeira (1996 - 1999)
  • César Longo Queijo (1999 - 2023)
  • Sergio Platas Casal (2023 - )

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Paderne.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Paderne

Adragonte (Santiago) | Obre (Santo André) | Paderne (San Xoán) | Quintas (Santo Estevo) | San Pantaleón das Viñas (San Pantaleón) | San Xulián de Vigo (San Xulián) | Souto (Santa María) | Vilamourel (San Xoán) | Vilouzás (San Salvador)

Lugares de Paderne

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Paderne vexa: Lugares de Paderne.

  1. Navaza, Gonzalo (2021). Toponimia municipal. Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. p. 76. ISBN 978-84-17807-09-2. 
  2. Fuertes Manjón, Roberto (2018). "Una singular mirada a la España dieciochesca". Argutorio. 
  3. "Historia do Concello". Concello de Paderne. Consultado o 24/09/2021. 
  4. Núñez - Varela y Lendoiro, José Raimundo (2021). "El Camino Real que pasa por San Pantaleón das Viñas". Ruta Jacobea. 
  5. Moure, Xabier. "Mámoas e antas de Galiza/Galicia (Provincia da Coruña).". O Noso Patrimonio. Consultado o 24/09/2021. 
  6. de Frutos, Pedro (1980). Leyendas gallegas: de Breogán al fin del mundo. El Caldero. p. 135. ISBN 84-85208-12-9. 
  7. Mouzo Riobó, Íñigo. "A lenda da Ponte do Porco, onde un xabarín matou á filla de Nuno Freire de Andrade “O Mao". Historia de Galicia. Consultado o 24/09/2021. 
  8. "Historia do Concello de Paderne". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.