Panificadora de Vigo
A panificadora de Vigo é unha antiga fábrica de pan, fariñas e outros subprodutos da panificación, coma pensos para animais e pastas alimenticias. Estivo en actividade produtiva entre 1924 e 1980. Atópase no centro da cidade, no barrio da Falperra; a media ladeira, entre o cumio do Castro e a ribeira do Berbés. A construción caracterízase polo uso masivo de formigón armado, unha solución de enxeñería novidosa na súa época[1].
Historia
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]A Panificadora de Vigo inaugurouse o 26 de outubro de 1924. Obra do arquitecto Manuel Gómez Román e o enxeñeiro Otto Werner. Era propiedade da Compañía Viguesa de Panificación SA (CVPSA), constituída en 1920 por varios empresarios panadeiros. Ata entón a produción de pan en Vigo facíase en pequenas-medianas tafonas escasamente mecanizadas ou incluso no fogar.
A Panificadora supuña unha decidida aposta pola tecnoloxía e a economía de escala. A maior parte da maquinaria importouse de Alemaña (da casa Werner und Pfleiderer), e o proxecto inicial marcábase un horizonte produtivo de 50 tm de pan diarias (moito máis do que consumía o conxunto da cidade naquel entón).
Desenvolvemento de infraestruturas
[editar | editar a fonte]En orixe a Panificadora só tiña unha sección de panificación automatizada. O edificio de panificación apenas ocupaba unha sétima parte do predio, víase acompañado dunha serie de obras e edificacións auxiliares (talleres, garaxes, pozo, báscula…) espalladas ao seu redor.
A partir de 1926 Antonio Valcarce García quedou como único accionista maioritario. En 1930, buscando un novo pulo, o edificio principal foi ampliado en varios andares para acoller a sección de moenda (enxeñería e maquinaria da casa catalá Andrés Morro). Para soportar esta nova actividade produtiva tamén se fixo necesario a construción duns silos na parte norte, e un almacén para os sacos de fariña e salvados na parte leste.
Os silos, figura senlleira da vista urbana do Vigo contemporáneo, pertencen a dúas etapas: unha primeira (rematada antes de 1931) formou 4 silos de sección circular rematados por un miradoiro; e unha segunda (rematada antes de 1940) ampliou con 6 máis de sección ovalada. Ámbolos dous construíronse en formigón armado por encofrado escorrente, e están comunicados co edificio principal por unha pasarela e un túnel. O almacén de sacos tamén ten unha característica solución técnica: unha cuberta inundable de formigón armado, que xunto a un sifón xigante, funcionaba como termorregulador para a mercancía.
Pan, fariña, lavadura e outros subprodutos da panificación eran logo distribuídos por camións, da propia empresa, para as localidades e buques do sur da provincia de Pontevedra.
En 1958 e en 1962, na cara oeste da Panificadora, no edificio da rúa Falperra, construíuse unha fábrica de pensos, dotada con tecnoloxía de Philips Duphar. No baixos habilitáronse oficinas e comercios. O proxecto das dúas ampliacións foi do arquitecto Antón Román Conde.
Evolución empresarial
[editar | editar a fonte]Os primeiros anos a CVPSA, baseándose na súa superioridade técnica e comercial, deu grandes beneficios. Os anos da II República xa non foron tan bos, en parte polas consecuencias da Gran Depresión, pero sobre todo, porque moitos antigos socios pasaron a ser competencia. A guerra civil implicou algunhas pequenas dificultades no abastecemento, pero a CVPSA e o Exército Nacional chegaron axiña a un acordo. Nos anos de posguerra a Panificadora perdeu marxe de beneficio, xa que o comercio de pan quedou estritamente regulado, pero pola contra viu asegurado o seu mercado coa asignación de 30.000 cartillas de racionamento, (cerca dos 150.000 consumidores, entre 40 e 50 tm de pan, cantidade que fora marcada como horizonte produtivo).
Cara aos anos sesenta, coa paulatina superación da posguerra, o pan perdeu peso na cesta da compra. A Panificadora, virou o seu fronte de interese comercial e investimento cara aos subprodutos do pan. Foi entón cando Pescanova, coa súa liña de peixe empanado e ultraconxelado, converteuse no principal cliente.
En 1967, a CVPSA constituíu a empresa Galega de Nutrición Animal S.A.(GANASA), e despois, continuando coa concentración vertical, participa na formación de Productora Avícola do Noroeste S.A. (ProANoSA).
Peche
[editar | editar a fonte]GANASA resultou ser unha empresa deficitaria: devorou o escaso marxe de beneficio da CVPSA. En 1978 morreu o fundador da Panificadora, Antonio Valcarce. En 1979 quebrou GANASA e os acredores recibiron a propiedade do edificio da Falperra, que ao mesmo tempo era parte do capital da CVPSA. Tamén en 1979 Pescanova deixou de ser cliente da Panificadora. Finalmente, en 1980, a CVPSA quebrou, e o seu capital, fundamentalmente o inmoble, entrou en concurso de acredores.
A Panificadora na actualidade
[editar | editar a fonte]Na actualidade a propiedade da Panificadora encóntrase repartida entre dúas empresas inmobiliarias, INVOGA e Promociones Montelouro S.A., e a CVPSA[2]. Dende 1988 estas promotoras fecharon un convenio co concello de Vigo para a demolición e reedificación[3], pero este convenio, integrado no PEPRI, inda non puido ser executado por cuestións legais.
Namentres a Panificadora está sufrindo un proceso de ruína, con espolios e incendios incluídos, tan só os baixos comerciais da Falperra manteñen un certo nivel de uso.
Por outra banda, a ruína non está impedindo o seu crecente recoñecemento coma senlleira testemuña da industrialización e coma símbolo da cidade viguesa. A leira da Panificadora foi promovida polo COAG coma Ben de Interese Cultural, catalogado pola fundación DoCoMoMo (Documentación y conservación del Movimiento Moderno en España y Portugal) e parcialmente integrado no Conxunto Histórico-Artístico do Vigo Vello. Amais, arquitectura, historia e imaxe da Panificadora ten sido obxecto de multitude de documentais, reportaxes televisivas, unha novela (Panificadora, de Xosé Cid Cabido), artigos de prensa[4] e iconografías, sempre en moi estreita relación coa identidade viguesa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Informe A Panificadora. Patrimonio arquitectónico Industrial. Vigo. Colexio Oficial de Arquitectos, subdelegación de Vigo, 1995.
- ↑ "Un juzgado embarga fincas de La Panificadora a Montelouro por demandas de otros propietarios" Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine., artigo no Faro de Vigo, 4 de abril de 2008 (en castelán).
- ↑ Convenio urbanístico da leira A Panificadora Arquivado 19 de setembro de 2011 en Wayback Machine., PEPRI do casco vello de Vigo, decembro de 2006.
- ↑ "Panificadora" Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine., artigo de Méndez Ferrín no Faro de Vigo, 1 de maio de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Facal Rodríguez, M. J.: "Antonio Valcarce García. O Rei do pan", en Empresarios de Galicia, coord. Xoán Carmona Badía. Ed. CIEF, 2006.
- Facal Rodríguez, M. J.: Publicacións na web da Universidade de Vigo.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Panificadora de Vigo en Proxecto ARGA.
- Plataforma pola rehabilitación e reutilización.Arquivado 19 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- Asociación para a participación cidadá.
- Blog[Ligazón morta]. Recollida virtual de sinaturas para a conservación da Panificadora.
- Dossier Panificadora de Vigo, de Entremos na Panificadora e Tank (Territorio ANimado Kolectivo)
- Planos da Panificadora, de Entremos na Panificadora e Tank (Territorio ANimado Kolectivo)
- Panificadora de Vigo, en Patrimonio Galego