Monte da Madroa
O monte da Madroa é un monte que se atopa no lugar da Madroa, na parroquia de Candeán, no concello de Vigo.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Neste monte atópanse pegadas de asentamentos prehistóricos, como petróglifos e dolmens. Este campo megalítico conta cun gran número de túmulos, dos que o máis grande, coñecido coma A Casa dos Mouros[1], acada un diámetro de vinte metros e unha altura de 3,5 m; é posíbel que formaran parte dunha gran necrópole emprazada nas proximidades de Redondela.[2] Así mesmo, existen restos dunha vella construción medieval defensiva, coñecida como A Torre.[Cómpre referencia].
Tamén sobresae o miradoiro da Madroa, duns 250 m de altitude, desde o que se poden apreciar panorámicas da totalidade da ría de Vigo, a ponte de Rande, o casco urbano e as illas Cíes. Á beira do miradoiro sitúase unha área con merendoiro cun quiosco e áreas para facer lume.[2] Dentro da flora do parque destacan o piñeiro marítimo e acacia negra xunto coa reintrodución de especies de frondosas autóctonas (carballos, salgueiros, bidueiros, castiñeiros etc.).[2] Ademais, tamén se encontra nel o parque forestal do Vixiador, dependente do concello de Vigo, de máis de 15 hectáreas e cunha grande diversidade de especies de flora e fauna.[2]
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]Nas abas do monte da Madroa atópanse o zoolóxico de Vigo (único de Galiza con máis de 600 animais) e as instalacións deportivas auxiliares do Celta de Vigo.
Nas últimas décadas o monte sufriu varias perforacións para construír dúas importantes infraestruturas: os túneles para a autoestrada AP-9 e, máis recentemente, o túnel das Maceiras para o paso das vías do ferrocarril do eixe atlántico de alta velocidade que dá acceso desde Redondela á nova estación de Vigo-Urzáiz.[3][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Cultura con hasta seis milenios". Faro de Vigo (en castelán). 2017-05-28. Consultado o 2023-10-06.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Contorna". Vigo zoo. Consultado o 8 de xullo de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 "Fomento adjudica 68,4 millones a las obras de nueva estación Vigo-Urzáiz del Eje Atlántico de Alta Velocidad" en Interempresas.net (en castelán).