Pazo de San Roque
- Non confundir co pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
Pazo de San Roque | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | casa señorial ![]() | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | provincia de Pontevedra | |||
Concello | Vigo ![]() | |||
[ Wikidata ] |
O pazo de San Roque é unha casa señorial de finais do século XVII que se atopa no outeiro de San Roque, en Vigo. O edificio é propiedade de Abanca, porén a leira da antiga mansión é hoxe en día un parque municipal aberto ao público, o Parque de San Roque. Cada 16 de agosto celébranse, dende o século XVIII, na carballeira e capela de San Roque as festas de San Roque, de gran devoción en Vigo.
Historia
[editar | editar a fonte]A historia do pazo e a capela de San Roque están pouco documentadas. Sabemos que a capela ergueuse por volta de 1600 despois de que a peste batese con forza na vila de Vigo en 1598 con máis de dúas mil vítimas e a xente atribuíse a curación a San Roque.
O pazo construíuse en 1688, e nel morou nos seus comezos a familia Méndez de Soutomaior. Un dos últimos inquilinos foi Francisco Xavier Quiroga, comandante de Mariña de Vigo. Despois de anos de abandono, no ano 1925 a casa foi mercada pola antiga Caixa de Aforros Municipal de Vigo, hoxe Abanca, polo que é de propiedade privada, só abríndose en días sinalados, como nas Festas de San Roque, cada 16 de agosto. No ano 1935 o Concello de Vigo converteu a leira nun xardín municipal. No ano 2003, o, daquela, Novagalicia Banco rehabilitou todo o edificio para acoller eventos[1]. Restaurouse a fachada, cambiáronse as cubertas, incluídas as estruturas de madeira, e substituíuse o coro da capela. Tamén se restauraron os tres retablos decimonónicos de San Roque, Nosa Señora do Rosario e a Dolorosa[2].

Estilo
[editar | editar a fonte]Típico pazo galego de finais do século XVII, de fábrica de cantaría de granito galego cunha superficie total de 640 m², que conta con dous andares, semisoto e planta terrea.
Á leira accédese grazas a un portalón de pedra cun amplo panel, cun oco con linteis e decorado con brasóns e xanela central. O pazo é un edificio ameado con muros encalados, agás os recercamentos de fiestras, brasóns e esquinais. Preto do pazo atópase a Capela de San Roque, ampla, con brasóns e espadana, que se comunica cunha singular ponte en arco a unha construción circular[3]. Cómpre salientar tamén o pombal.
Xardíns
[editar | editar a fonte]Malia ser un pazo de propiedade privada, a leira é un parque público, Parque de San Roque. Ten unha superficie de 17.000 m² e acolle ademais do pazo, a capela de San Roque, o pombal e ademais conta con árbores senlleiras, especialmente eucaliptos e carballos centenarios. Ademais atópanse outras especies como castiñeiros, camelias, cerdeiras, bidueiros, magnolias, abetos, loureiro e acacias. Existe ademais un palco da música de recente construción, e que na súa parte inferior acolle as oficinas da Irmandade de Devotos de San Roque[4].
Afundación
[editar | editar a fonte]Dende que Afundación adquiriu o edificio fixo unha serie de reformas para o habilitar para sala de reunións, conferencias, convencións, xantares, ceas etc. cos máis modernos medios tecnolóxicos. No semisoto áchase o vestíbulo, aseos, almacén, cociña e un salón-comedor, na planta terrea existe outro vestíbulo, a área de recepción, aseos, gardarroupa, gabinete, a sala de xuntas e dúas salas de conferencias[5].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O pazo en Turismo de Vigo
- ↑ "Pazo en Quehacerenvigo". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2016. Consultado o 16 de febreiro de 2016.
- ↑ Pazo en Turgalicia
- ↑ "Pazo en Galicia Máxica". Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2015. Consultado o 16 de febreiro de 2016.
- ↑ Pazo en Afundación