Saltar ao contido

Porco

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Porcino»)

Porco

Porca co seu leitón
Estado de conservación
Domesticado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Suidae
Xénero: Sus
Especie: 'Sus scrofa'
Linnaeus, 1758
Subespecie: S. s. domesticus
Nome trinomial
Sus scrofa domesticus
Erxleben, 1777
Sinonimia[1]
  • Sus scrofa domestica
    Erxleben, 1777
  • Sus domesticus Erxleben, 1777
  • Sus domestica Erxleben, 1777

O porco[2] (tamén coñecido como cocho,[3] marrán,[4] chino[5] ou quino[6]) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.

O porco domesticouse en Anatolia sobre o ano 7.000 a. C.[7] Chegou a Europa dende Turquía, e hai probas da súa domesticación no sitio arqueolóxico de Çayönü, aínda que hoxe neste país este animal non aparece na gastronomía tradicional debido a ser agora un país islámico e esa relixión prohibe o consumo deste mamífero. Non existe en estado salvaxe na natureza.

En Galicia, a crianza do porco goza de gran tradición, como queda reflictido na popular matanza do porco de San Martiño ou a fama de xamóns coma o de Lalín (concretamente na parroquia de Bermés, ou o da Cañiza.[8]

Utilidade

[editar | editar a fonte]

O porco críase sobre todo pola súa carne, ben para ser consumida fresca, en salazón ou transformada en embutidos ou outros produtos cárnicos. Entre outros, do porco saen o lacón, o xamón, o touciño ou o chourizo. Este é o seu uso principal sobre todo na cría tradicional doméstica. Pero o porco fai bo o que se di del e ten outros moitos usos:

  • Manufacturas:
    • Pel: coiro suave[9] e xoguetes para animais.
    • Pelo: para facer as cerdas dos cepillos.
    • Vexiga: unha vez limpa, inchada e seca podía ser usada como xoguete para os nenos. Hoxe fai parte da vestimenta das pantallas do entroido de Xinzo de Limia.[10]
  • Medicina:
    • Órganos internos: pola súa similitude cos humanos poden usarse para o estudo e a experimentación[11]
    • Corazón: próteses valvulares cardiacas.[12]
    • Ollos: concretamente as córneas, que se usan como base para crear córneas bioartificiais que poidan ser transplantadas a humanos.[13]
    • Intestino:
  • Industria alimentaria:
    • Pel, tendóns e outros restos: xelatina de uso alimentario, tamén coñecida como aditivo E-441. Neste caso aproveitase o coláxeno presente nos seus tecidos.
    • Graxa: convertida por cocción en manteiga, esta pode ser usada como remedio tradicional, lubricante artesán ou como líquido de fritir ou materia prima doutras preparacións. O seu subproduto, o roxón, úsase para comer directamente ou como ingrediente doutras comidas.

Amais diso, tradicionalmente, sobre todo en Italia, usábase o porco para buscar trufas. O seu olfacto permítelle detectalas e co fociño e as patas foza ata atopalas.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Entre outros nomes para porco en galego están o de cocho ou marrán. As crías do porco reciben os seguintes nomes (especialmente cando son moi novos e aínda maman): bácoro[16] ou bacoriño,[17] leitón,[18] marrancho,[19] rancho,[20] reco,[21] rello,[22] relo,[23] rengo,[24] zacote[25] ou marrote.[26] O porco macho adulto denomínase verrón,[27] cacheiro,[28] cachaceiro[29] ou cachazo.[30] Se se dedica a cubri-las femias, porco da semente, porco colludo, porco pai e castal,[31] castizal[32] ou castizo[33] (de aí o alcume de O Castizo que leva Cibrán, o protagonista da novela A esmorga de Eduardo Blanco Amor).

Produción

[editar | editar a fonte]
Bacoriños nunha granxa.

Os porcos críanse en numerosos países, aínda que os maiores consumidores de porco a nivel mundial están en Asia. Existe un importante comercio internacional e mesmo intercontinental de porcos e de carne de porco. Aínda que a China ten a meirande produción en termos absolutos, precisa importar grandes cantidades para satisfacer a demanda, que se ten incrementado notabelmente ao longo do seu desenvolvemento como potencia económica. Os principais exportadores de porco son os Estados Unidos, a Unión Europea e o Canadá. Por exemplo, a produción canadense foi de 22,8 millóns de porcos no ano 2008 e máis da metade foi exportada a 143 países.[34]

Listaxe dos 10 principais criadores de porcos (2014)
País Produción (millóns)
China 474,1
Estados Unidos de América Estados Unidos 67,7
Brasil 37,9
Alemaña Alemaña 28,3
Vietnam 26,8
España España 26,6
Rusia Rusia 19,1
México 16,1
Myanmar 13,9
Francia 13,3
En todo o mundo 986,6
Fonte: Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura

FAO Arquivado 30 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.

Razas de porco doméstico

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Lista de razas de porcos.

Porco celta

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Porco celta.
Porco celta.

A raza de porco celta é unha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galiza. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. O apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das cualidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana maioritaria en Galiza, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento.

Dous porcos vietnamitas.

Outras razas: Berkshire, porco ibérico, porco tamworth, porco vietnamita e porco galés.

[editar | editar a fonte]

Miss Piggy, Babe e Porky Pig son personaxes moi coñecidos no mundo audiovisual. Os tres porquiños, Piglet de A. A. Milne, Wilbur da novela Charlotte's Web, The Sheep-Pig, Zhu Bajie ou Napoleón do libro A revolta dos animais, son exemplos de porcos famosos na literatura.

En Galicia

[editar | editar a fonte]

O porco e os seus produtos constitúen un importante elemento na gastronomía galega. Así, non pode estrañar que estea presente en numerosas festas gastronómicas repartidas por toda Galicia:

  • Festa do Lacón: a mediados do mes de xullo, en Silleda (Pontevedra).
  • Festa do Porquiño á Brasa: último domingo de agosto, en Amil (Pontevedra).
  • Festa do Porquiño á Brasa: 16 de novembro, en Vilaxoán (Vilagarcía, Pontevedra).
  • Festa do Cocido: celébrase, en Lalín, o domingo anterior ó domingo de Carnaval, desde 1969.
  • Festa do Petote: celébrase en febreiro, en Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade. O petote, tamén chamado bolo de pote ou petelo, é un bolo feito de fariña milla e fariña triga, cocido na auga do cocido.
  • Cocido do Porco Celta: celébrase en Sarria, en febreiro.

O porco na mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Entre as escasas mencións ós porcos na literatura épica grega, pódense citar as seguintes.

Na Eneida, do poeta latino Virxilio, nárrase a fuxida de Eneas de Troia, a piques de ser incendiada polos gregos, e a súa viaxe polo Mediterráneo, buscando o lugar idóneo onde fundar a súa cidade. Este lugar será Italia, onde fundará a futura cidade de Roma. Nesta viaxe van dar a Butrinto (na rexión de Epiro), onde reinaba Héleno (un dos fillos de Príamo) coa súa esposa Andrómaca (viúva de Heitor). Héleno era un afamado adiviño e explica a Eneas cómo recoñecer o lugar onde fundar a cidade:

Direiche os sinais e ti telos gardados na túa memoria: cando, agoniado, xunto ás augas dun río agochado, atopes baixo as aciñeiras unha enorme porca branca deitada no chan, acabada de parir trinta bacoriños, coas brancas crías ó redor do seu ubre, ese será o lugar da túa cidade, o descanso seguro ás túas fatigas
Eneida III, 388-393

Doutra volta, neste caso na Odisea, de Homero, Ulises chega cos seus homes á illa de EEa, onde reinaba a feiticeira Circe. Ulises mandou a parte dos seus homes a explorar a illa. Cando estes chegaron ó palacio de Circe foron recibidos con gran hospitalidade e convidados a un espléndido banquete, pero terminaron convertidos en porcos. Logo, Ulises obrigaría a Circe a devolverlles a forma humana:

Ó punto golpeounos coa súa variña e encerrounos nun cortello. De porcos tiñan xa as cabezas, a voz, os pelos e o corpo, aínda que a súa mente permanecía tal como antes. Así, entre saloucos, quedaron encerrados. E Circe botounos de comer landras, faiucos e froitos do sangomiño, o que adoitan comer os porcos que fozan no chan
Odisea, X, 238-243

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Colin P. Groves (1995). "On the nomenclature of domestic animals" (PDF). Bulletin of Zoological Nomenclature 52 (2): 137–141. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de abril de 2011. Consultado o 18 de maio de 2013.  Biodiversity Heritage Library
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cocho.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marrán.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chino.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para quino.
  7. Gran Enciclopedia Galega, Silverio Cañada, Lugo 2003, tomo 37, s.v. porco.
  8. O refraneiro popular recolle así esta sona: Para porcos, na Cañiza. Ata 2024, as únicas festas gastronómicas en Galicia ó redor do xamón son a Feira do Xamón da Cañiza e a Festa do Xamón de Bermés (Lalín).
  9. http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/gallery/recursos_jcyl/am/5_34pielycuero/html/la_piel.htm
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2016. Consultado o 05 de febreiro de 2016. 
  11. "Estudio experimental en el cerdo para la disección y sutura de prótesis aórtica por laparoscopia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de maio de 2016. Consultado o 29 de abril de 2016. 
  12. http://www.fundaciondelcorazon.com/informacion-para-pacientes/tratamientos/protesis-valvulares.html
  13. http://elpais.com/diario/2010/11/22/necrologicas/1290380403_850215.html
  14. https://www.nlm.nih.gov/medlineplus/spanish/druginfo/meds/a682826-es.html
  15. http://scielo.sld.cu/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1025-02552009000500011
  16. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bácoro.
  17. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bacoriño.
  18. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para leitón.
  19. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marrancho.
  20. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rancho.
  21. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para reco.
  22. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rello.
  23. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para relo.
  24. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rengo.
  25. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para zacote.
  26. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marrote.
  27. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para verrón.
  28. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cacheiro.
  29. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cachaceiro.
  30. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cachazo.
  31. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castal.
  32. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castizal.
  33. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castizo.
  34. www.canadapork.com (ed.). "Canadian pork exports". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2017. Consultado o 6 de febreiro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]