Rexións do Brasil
As Rexións do Brasil son unhas divisións que teñen carácter legal e que foron proposta polo Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística (IBGE) en 1969. O IBGE tomou en consideración aspectos naturais na división do país, como o clima, o relevo, a vexetación e a hidrografía; por esa razón, as rexións tamén son coñecidas como "rexións naturais do Brasil". Hai unha pequena excepción con relación á rexión Sueste, que se creou tendo enconta en parte aspectos humanos (desenvolvemento industrial e urbano). As rexións brasileiras son:
- Rexión Centro-Oeste (Região Centro-Oeste) , que se compón dos estados: Goiás, Mato Grosso e Mato Grosso do Sul e do Distrito Federal. Posúe un territorio de 1 604 852 km² (18,9% do territorio nacional). A súa poboación é de cerca de 12 millóns de habitantes.
- Rexión Nordeste (Região Nordeste), que se compón dos estados: Maranhão, Piauí, Ceará, Rio Grande do Norte, Paraíba, Pernambuco, Alagoas, Sergipe e Baía. Posúe unha área de 1 556 001 km² (18,2% do territorio do Brasil), dentro dos cales está localizado o Polígono das secas. A súa poboación é un pouco superior a 50 millóns de persoas.
- Rexión Norte (Região Norte), que se compón dos estados: Acre, Amazonas, Roraima, Rondônia, Pará, Amapá e Tocantins. Ten un territorio de 3 851 560 km² (45,2% da área brasileira), e unha poboación duns 14 millóns de habitantes – o que fai dela a rexión con menor densidade demográfica.
- Rexión Sueste (Região Sudeste), que se compón dos estados: Minas Gerais, Espírito Santo, Río de Xaneiro e São Paulo. Posúe un territorio de 927 286 km² (10,6% do territorio nacional). A súa poboación é de cerca de 77 millóns de habitantes.
- Rexión Sur (Região Sul), que se compón dos estados: Paraná, Santa Catarina e Rio Grande do Sul. Posúe un territorio de 575 316 km² (6,8% do territorio nacional) e a súa poboación é de máis de 26 millóns de persoas.
Os límites das rexións sempre coinciden cos límites de estados, non habendo estados que se espallen por dúas rexións.
A área correspondente ao estado de Tocantins (integrante da rexión Norte), por ter sido orixinaria do desmembrado de Goiás (Centro-Oeste), foi a última alteración na delimitación das rexións brasileiras.
Actualmente, moitos xeógrafos e científicos sociais prefiren a división xeoeconómica proposta por Pedro Pinchas Geiger no 1967, que toma en conta os aspectos naturais e humanos. Esa división consiste de tres rexións e as súas fronteiras non coinciden coas fronteiras estatais, a saber: Amazonia, Centro-Sur e Nordeste.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Xeografía Xeral e do Brasil Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.