Torre da Barreira
Torre da Barreira | |
---|---|
Concello | A Estrada |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 42°44′39″N 8°24′11″O / 42.74427, -8.40316 |
Estilo arquitectónico | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A torre da Barreira, coñecida tamén, en menor medida, como casa da Barreira ou fortaleza da Barreira, é un castelo, actualmente en estado ruinoso,[1] [2] situado no monte da Barreira, na parroquia de Riobó, no concello da Estrada.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]A Terra de Tabeirós na Alta Idade Media
[editar | editar a fonte]Durante a Alta Idade Media, a Igrexa de Santiago de Compostela recibiu por parte dos monarcas e dos nobres unha enorme cantidade de riquezas e terras que lle deron poder e prestixio aos arcebispos que a rexeron. Pero estes, sempre desconfiados destas doazóns, que ás veces se facían por compromiso momentáneo ou por un agradecemento puntual, tentaban por todos os medios que foren corroboradas polos novos reis que subían ao trono e, sobre todo, polos sumos pontífices, para que foren estes, co seu prestixio universal, os que lle deren lexitimidade case transcendente a estas dádivas. Estas confirmacións facíaas o papa por medio de bulas pontificias en que, despois de facer a súa presentación, daba unha relación dos territorios pertencentes á mitra e, deseguido, unhas aseveracións para salvar de calquera cobiza humana estas posesións. Quedaban deste xeito estas terras como sacralizadas e impedidas para que sobre elas se fixer un ataque por parte da nobreza, tan común na época medieval.[4]
A Terra de Tabeirós, que foi doada á Igrexa do Santo Xacobe por Dona Urraca, filla de Afonso VI e da súa terceira esposa Constanza de Borgoña, tivo o seu centro de poder, mediante xuíces meiriños nomeados polos arcebispos e o cabido da arquidiocese compostelá, na fortaleza da Barreira, verdadeiro signo de poder até que foi derrubada polos irmandiños nas postrimeías da Baixa Idade Media, e posteriormente espoliados os seus restos polos habitantes da zona até quedar reducida a uns mínimos vestixios cubertos de maleza.[2][4]
A primeira doazón importante á Igrexa de Santiago fíxoa Dona Urraca o 3 de xaneiro de 1115:[5][6]
[...] eu Urraca, raiña de España pola graza de Deus á unha co meu fillo Don Afonso, xa bendecido e consagrado para as altas dignidades do reino; para remedio da miña ánima e da dos meus parentes, fago esta escritura de conformidade, a favor da Igrexa do Santo Xacobe e para ti Don Diego, segundo bispo desa igrexa [...] de todas estas herdades e igrexas que se detallan: en primeiro lugar, Camanzo co seu mosteiro e coa súa fantástica riqueza e co seu beneficio [...] E doulle ademais, a seis igrexas que están arredor do Castro de Bite e o río Ulla, co seu saión, co seu débito e co seu foro [...] para que así, igual que as eu ostentei ata o de agora con todo o meu dereito, dende este día, todas estas posesións leven consigo, baixo o meu xuramento, o dominio do Santo Xacobe e así sonlle entregadas e confirmadas [...] Estas son as igrexas do Castro de Bite, que a man do escribán omiteu por esquecemento: [...] San Martiño de Dornelas, Santa María de Río Malo, San Salvador de Río Malo, San Miguel de Castro, Santa Eulalia de Cira e San Pedro de Orazo, coa súa xente e coas súas pertenzas. Eu Urraca, raíña de España pola gracia de Deus, firmo esta carta que mandei facer polo meu propio poder e autoridade.
O 8 de abril de 1154 o papa Anastasio IV confírmalle á Igrexa de Compostela os seus privilexios e as súas posesións:[7]
[...] Anastasio, bispo, servo dos servos de Deus [...] ao irmán Pelaxio, bispo desa Igrexa, [...] polo que lle confirmo as posesións que esa Igrexa ten en [...] Montes quos Suarios Froilet quendoque a vestra ecclesia tenuit. Taveirolus cum ecclesiis et possessionibus quas ibi habeatis [...] Eu Anastasio, bispo da Igrexa católica. Custodi me Domine, tu pupilam oculi. Dada en Letrán no ano MCLIIII, sendo Pontífice Anastasio IV. Primeiro ano do seu Pontificado.
O 3 de setembro de 1165 o rei de Galicia e León Fernando II dóalle as Terras do Deza á mitra Compostelá como desagravio polas inxurias que esta recibira con motivo da aversión que lle tomaran ao arcebispo Martín Martínez. Neste documento sinálanse os lindes das terras de Deza:[8]
...imprimis quomodo dividit ipsa Decia cum castello Cirae... et inde quomodo dividit cum Taveirolos e inde quomodo dividit cum Montibus.
O 12 de abril de 1173 dispúñase a partir para Roma o bispo de Salamanca e arcebispo electo de Santiago Pedro Suárez de Deza, que fixo na igrexa compostelá varias reformas, entre elas a distribución da diocese en cinco distritos, adxudicándolle ao deán o goberno e a administración dun deles e os catro restantes a catro arcediagos. O título que asignou a cada un dos catro arcediagos foron o de Nendos, o de Trastámara, o do Salnés e o de Cornado. Estes catro subsistiron até o Concordato de 1851. Ao arcediago do Salnés correspondíanlle os arciprestados de Montesacro (Ribadumia), de Tabeirós, dos dous Montes (Montes e Cotobade), de Moraña, do Salnés e do Morrazo.[9]
Na constitución que se fixo o 17 de maio de 1177, pola que o mesmo arcebispo Pedro III fixou o número e as atribucións dos arcediagos da Igrexa de Santiago, fálase dos Archipresbiteratibus de Montesacro et de Tabeirolis et de utriusque Montibus.[10] Todas estas posesións e privilexios da Igrexa de Compostela son de novo confirmados mediante a bula de Alexandre III:[11]
Alexandre, bispo, servo dos servos de Deus, ao venerábel irmán Pedro ... confirmo as posesións que ten esa Igrexa ... de Montibus utriuque, de Taberiolis et de Cira, de Pilonio…Montes quos Suarios Frile quandoque a vestra ecclesia tenuit cum altera medietate integros; Tabeirolos cum ecclessies et posessionibus quas ibi habeatis ... Eu Alexandre, bispo da Igrexa Católica, confirmo: Vias tuas, Domine, demostra mihi. Dado en Letrán a 13 días das Kalendas de abril do ano da encarnación do Señor de MCLXXVIII, do ano XX do pontificado do papa Alexandre III.
En pleno século XII xa estaban perfectamente definidas. O 8 de maio de 1187 Pedro Muñiz Tacón e a súa dona María Peláez doáronlle á Igrexa de Santiago «unha erdade en Moimenta, nas terras de Tabeirós».[12] No ano 1188 foi o rei Afonso IX de León quen lle confirma á Igrexa de Santiago as súas posesións:[13]
«... Eu o rei Afonso, igualmente que o fixera o noso pai, o victoriosísimo señor, o rei Fernando ...confirmamos e corroboramos a perpetuidade e para sempre as vosas valiosas posesións entre as que enumeramos as seguintes: Deza, Salnés, Citofeita, O Burgo, que se coñece como Pontevedra coa igrexa e terras; a que se coñece como val do Morrazo; a terra que se chama Montes na que está o castelo de Cotobade e a metade daqueles Montes que foron de Suárez Frilaz, aínda que a outra metade xa a poseía a vosa igrexa; as terras de Superato co mostesteiro de Mezonzo; toda a cidade de Compostela; o Burgo do Faro ... as terras que ten en Castela o santo Xacobe; a metade de Souto e as que están onda o Burgo da ribeira do Avia; a metade de Rebordáns e Amarantes... Esta carta foi redactada en Zamora nas IV nonas de maio da era MCCXXVI, reinando D. Afonso, rei de León, Galicia, Asturias e Extremadura
Tabeirós, co seu centro capitular na Barreira, foi gobernado por medio de xuíces meiriños que emanaban o seu poder directamente do arcebispo e do cabido compostelán. Había tamén os xuíces segrares, que aparecen nos tempos de Afonso X O Sabio e cuxa forma de elección foi acordada no artigo II do Diploma expedido por este rei, en Sevilla, o 21 de febreiro de 1261. Nun principio o nomeamento destes xuíces segrares dependían tamén directamente do prelado. Máis adiante os burgueses aspiraron a participar neste nomeamento e estas dúas tendencias púxoas en harmonía o rei Afonso X co citado diploma. A lei mandaba que o día primeiro de cada ano o concello presentase unha proposta de doce homes honrados para que entre eles o arcebispo elixise dous «dos que pensara foran mellores para o cargo».[14]
Así, durante o reinado de Afonso VII O Emperador, rei de Galicia, de León, de Castela e de Toledo, toda a zona de Tabeirós pasou a mans dos arcebispos de Santiago de Compostela, que, a cambio, renunciaron á posesión do castelo de Faro, na provincia da Coruña. O historiador Manuel Mosquera Agrelo sinalou que, tras a súa incorporación ao señorío dos arcebispos composteláns, a Barreira pasou a ser un enclave fundamental no sistema administrativo da comarca de Tabeirós e tamén á hora de recadar as rendas da zona, xa que se converteu no punto clave do camiño que conducía ás cidades de Ourense e Santiago de Compostela.[15]
Ademais, dito autor afirmou que este castelo merece recibir o nome de «fortaleza», xa que no 96 % dos casos se menciona con este nome nos libros, e tamén sinalou que unha fortaleza medieval era o máximo rango que se podía alcanzar dentro da arquitectura militar ou «do poder» na Idade Media.[16] Así mesmo, o citado historiador sinalou que a Barreira foi unha das fortalezas máis importantes do territorio controlado polos arcebispos de Santiago, que nalgunha ocasión chegarían a residir nela, aínda que só durante breves estancias. Porén, si hai constancia de que na fortaleza había un meiriño que era nomeado directamente polo arcebispo de Santiago ou polo individuo que tivese a fortaleza ao seu cargo, e tamén de que houbo numerosos meiriños ao longo do tempo e de que non ocuparon o cargo moito tempo. E Mosquera Agrelo afirmou que algunha das torres da Barreira ou o bastión da súa porta de entrada puido ser usado como fogar ou residencia polos administradores da fortaleza.[17]
O asedio de 1342
[editar | editar a fonte]A fortaleza da Barreira pertencía en 1342 a un nobre chamado Vasco Pérez. O 5 de abril dese ano o rei Afonso XI de Castela ordenoulle que rendese homenaxe ao arcebispo Martín Fernández de Gres pola Barreira, xa que esta se achaba dentro do señorío ou pértego da Igrexa de Santiago de Compostela e había probas de que desde alí se cometían nesa época «toda clase de violencias» contra os habitantes da comarca e os peregrinos. En relación con ese mandato do rei, o cóengo e historiador Antonio López Ferreiro sinalou:[3]
Fora dado en vista da representación que o Arcebispo fxera en Sevilla o ano anterior, e do voto emitido por «caballeros ancianos et de buena fama vasalos de la dicha Iglesia» aos quen se consultara sobre este particular.
Porén, Vasco Pérez negouse a lle render homenaxe pola torre da Barreira ao prelado compostelán, aínda que «fingiendo gran lealtad» —en palabras de López Ferreiro— acudiu a loitar canda o rei Afonso XI no sitio de Alxeciras.[18] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés sinalou que ese nobre «se las ingenió para conseguir el favor» durante o asedio do monarca castelán,[19] aínda que previamente deixou a Barreira en mans de numerosos «hombres desalmados y dispuestos a cometer toda clase de atropellos», crendo que o arcebispo acudiría coas súas tropas a axudar o rei no cerco de Alxeciras e que non repararía nos actos violentos que se levaban a cabo desde daquela.[18] E os individuos que quedaran na Barreira, segundo López Ferreiro, «no defraudaron las esperanzas» de Vasco Pérez, xa que a fortaleza se converteu nunha gorida de bandidos desde a que se levaban a cabo toda clase de roubos e violencias contra os habitantes da zona.[20]
Porén, antes de dirixirse a Alxeciras, o arcebispo Martín Fernández de Gres «se creyó en el deber de deshacer aquel nido de malhechores», aínda que a conquista da Barreira era unha empresa difícil, xa que estaba ben defendida por homes habituados «a toda clase de aventuras».[20] Non obstante, o prelado compostelán comezou a asediala no verán de 1342 acompañado por varios dos seus cóengos e do chantre Suero Gómez, e López Ferreiro sinalou que:[20]
Comezou por cercar o castelo e construír unha gran bastida, ou sexa torre movíbel de made'ra, desde a cal se puidesen combater (a) os defensores da fortaleza.
Non obstante, o día 24 de setembro de 1342, e mentres se achaba no asedio da Barreira, o arcebispo compostelán recibiu unha carta despachada por Afonso XI desde Alxeciras na que o monarca lle rogaba que levantase o asedio e suspendese a construción da bastida que se estaba facendo para tomar a Barreira. O rei afirmaba que Vasco Pérez permanecía canda el mentres se asediaba Alxeciras, e que este último lle rogara ao soberano «que se dejasen estar las cosas en el estado que antes tenían mientras él no fallase en derecho lo que debería hacerse».[20] Cando terminou de ler a carta, o mensaxeiro ou correo que o rei enviara, Juan Pérez, leu o «escrito de intimación» en que Afonso XI lle ordenaba ao arcebispo cumprir o que lle manifestara na carta anterior, pois o monarca «acollera baixo a súa garda e encomenda» a Vasco Pérez e todos os seus bens.[21]
Porén, a reposta do prelado consistiu, segundo López Ferreiro, en solicitar que se lle deixase unha copia da carta do rei e da súa «notificación». Dous días despois, o 26 de setembro de 1342, envioulle ao rei unha carta en que incluíu a orde que o monarca dera o 5 de abril dese mesmo ano en Tordesillas, onde lle ordenaba a Vasco Pérez, baixo pena de morte e de confiscación de todos os seus bens, que lle rendese homenaxe ao prelado pola torre da Barreira.[22] Na súa resposta ao rei, o arcebispo tamén declarou que Vasco Pérez non soamente desobedecera o rei ao non render homenaxe, senón que deixara a fortaleza en mans de «malfeitores que estragaban a terra e cometían toda clase de delitos e falcatruadas»; que antes de comezar a asediala lles solicitara aos seus moradores que lla entregasen ao meiriño maior de Galicia, Lope Díaz de Rojas, «que estaba presente para que este a tivese da súa man»; e tamén que xa informara o monarca de todo este asunto por medio do pertegueiro maior de Santiago, Pedro Fernández de Castro, por outras cartas ou «instrumentos» que se intercambiaran sobre o asunto.[22] A carta do prelado ao rei, cuxo fragmento final transcribiu López Ferreiro, concluía solicitándolle que reconsiderase o cumprimento da sentenza que outorgara en Tordesillas onde ordenaba a Vasco Pérez que rendese homenaxe ao prelado pola torre da Barreira:[23]
Atreuendose aa merece de noso señor el Rey et por que sabe que se paga de Justina o dito señor Rey et quer que se faça et censurando da sua sentença (la dada en Tordesillas) o puyna todo na sua mao et na sua merece et lle pedía por onrra de Santiago que teuesse por ben de veer a dita sentença que por el fora dada... e que mande sobre lo lo que sua merce ffor et el que assy o gardara et comprira em todo, que el et a jglesia de Santiago et a suas cassas et fortalezas todas som para seruiço de deus et de noso señor el Rey.
Desta carta que o arcebispo Martín Fernández de Gres lle enviou ao rei fixéronse dúas copias ou «traslados»; hai constancia de que unha quedou en poder do prelado e a outra foi enviada ao rei por medio do mensaxeiro ou correo Juan Pérez.[24] Porén, López Ferreiro sinalou que dos documentos que se conservaron deste asunto non é posíbel inferir cal foi o desenlace do asedio da Barreira, aínda que si sinalou que Vasco Pérez «debeu de ser despoxado, como exixían os seus merecementos, da posesión da Torre da Barreira», que a partir de entón pertenceu aos arcebispos de Santiago de Compostela.[24]
A Barreira e o conde Pedro Enríquez (1379-1400)
[editar | editar a fonte]En 1379 o conde Pedro Enríquez de Castilla, que era neto do rei Afonso XI de Castela e conde de Trastámara, de Lemos e de Sarria,[25] dooulle a Rui Soneira de Rioboo, que era un «fidalgo notorio» e vasalo seu, as freguesías de San Martiño de Riobó, onde se achaba a torre da Barreira,[26] e a de Corcoesto.[25] O conde Pedro Enríquez, que tamén era pertegueiro maior de Santiago, apoderouse da «famosa» torre da Barreira, en palabras de López Ferreiro, e reedificouna por completo, a pesar de que con iso quebrantaba a disposición que o obrigaba, por ser o pertegueiro maior da terra de Santiago, a non posuír castelos ou casas fortes en territorio compostelán.[27]
En 1384 o arcebispo de Santiago de Compostela, Juan García Manrique, e o conde Pedro Enríquez iniciaron un preito pola posesión de diversas propiedades entre as que figuraban unhas casas na praza das Mazarelas de Santiago de Compostela, a fortaleza e o territorio de Castro de Montes, na Terra de Montes, e a torre da Barreira, na parroquia de Riobó, que eran reclamadas por ambos os magnates, xunto coas terras desas zonas.[28] O preito intentouse resolver perante a Real Audiencia e Chancelaría de Valladolid, sendo os oidores (xuíces) nese momento o arcebispo de Toledo Pedro Tenorio, o bispo de Oviedo Gutierre de Toledo, e os doutores Álvar Martínez, Juan Alfonso e Pero Fernández. Na sentenza que se pronunciou en Torrijos sobre o preito o 17 de marzo de 1384,[29] quedou establecido que o conde Pedro Henriques debería devolverlle todas esas propiedades ao arcebispo compostelán nun prazo de trinta días a contar desde a publicación da sentenza, e aboar os costos do proceso, que ascenderon a mil trescentos cincuenta e nove marabedís.[30]
Pero, a pesar de que na sentenza emitida en Torrijos en 1384 quedara establecido que todos eses bens deberían ser devoltos ao arcebispo polo conde de Trastámara, este último, alegando diversos dereitos e argüindo «un pretexto detrás doutro», conseguiu pospoñer a aplicación da sentenza e retivo todos eses bens, xa que no caso das vivendas da praza das Mazarelas alegaba que se realizaran nelas traballos considerábeis ás súas expensas, aínda que admitiu que as tomara ilegalmente e pola súa «propia autoridade».[31]
Porén, o 24 de novembro de 1388, achándose o arcebispo Juan García Manrique e o conde Pedro Enríquez en Medina del Campo, ambos acordaron someterse ao veredicto que emitise unha comisión, á que outorgaron amplos poderes, que estaba composta por Lope Gómez de Lira, Fernán Peres de Andrade o Boo e Juan Rodríguez de Biedma, e quedou establecido que esta comisión ou tribunal tería potestade para facer cumprir o veredicto que se establecese acerca do destino deses bens e para sancionar, cunha multa de 10 000 dobras de ouro castelás, o arcebispo ou o conde en caso de que algún deles non se sometese ao veredicto establecido.[31] O 10 de decembro de 1388, en Medina del Campo, os membros da comisión antes mencionada sentenciaron que o conde de Trastámara xamais tivera «dereito ningún» sobre as casas da praza das Mazarelas, polo que foi obrigado a devolverllas ao arcebispo xunto con outras propiedades e a conseguir que a súa esposa, a condesa Isabel de Castro, aceptase a sentenza e se comprometese a respectala no futuro.[32]
Así e todo, a sentenza non foi totalmente desfavorábel para o conde, xa que para evitar que no futuro se produciren «discordias et contiendas et debates» quedou establecido que o arcebispo lle entregaría ao conde en dous prazos consecutivos 300 marcos de prata, en concepto das sumas que o conde investira nesas propiedades, e outros 30 000 marabedís «da moeda vella», polo que gastara nas casas da praza das Mazarelas.[32]
Antonio López Ferreiro sinalou que talvez se debese a «manexos do conde» Pedro Enríquez o feito de que o alcalde do rei, Fernán Sánchez de León, exixira a principios de 1385 que o casteleiro ou alcaide da torre da Barreira, cuxa posesión disputaban o conde e o arcebispo Juan García Manrique, rendese preito de homenaxe, aínda que hai constancia de que o rei Xoán I de Castela prohibiu o día 3 de febreiro dese mesmo ano que o homenaxe se levase a cabo.[33]
Ademais, Pardo de Guevara y Valdés sinalou que o fallo emitido en Medina del Campo perseguía conseguir que o arcebispo e o conde quedasen satisfeitos ou polo menos aceptasen a resolución da comisión, e tamén que o preito quedase resolto para sempre, polo que a compensación económica que «diplomaticamente» recibiu o conde debe ser, en palabras de dito autor, «entendida a modo de consolación» pola súa derrota.[34] A sentenza aprobada en Medina del Campo foi aceptada «sen reserva ningunha» polo conde e a súa esposa, xa que ambos se comprometeron «baixo xuramento» a respectar a sentenza no sucesivo. López Ferreiro engadiu que no Arquivo Arcebispal de Santiago se conservaban as «cartas de pago dadas polo conde» sobre os 300 marcos de prata e os 30 000 marabedís que recibiu a modo de compensación.[35] Porén, Pardo de Guevara subliñou o feito de que, aínda que a sentenza «non fería ou desairaba» nin o conde nin o arcebispo, si era unha nova e clara vitoria do prelado e poñía de relevo a débil e «pouco brillante» posición do conde de Trastámara na Corte, pois o arcebispo soubera defender os intereses da sede compostelá e contaba, grazas ao apoio do rei Xoán I de Castela, que era primo carnal do conde Pedro Enríquez, cunha inmensa «influencia».[36]
Porén, nos seus últimos anos de vida, o conde de Trastámara retomou o preito co arcebispo Juan García Manrique pola posesión das fortalezas de Castro de Montes e da Barreira.[37] O día 24 de outubro de 1398 foilles concedido un poder aos cóengos Alfonso Arias, Domingo Fernández de Cándamos, que era doutor en Decretos, e Juan Vázquez de Collora, licenciado en Leis, para que proseguiren o preito ante a corte castelá.[38] Porén, no testamento que o conde Pedro Enríquez outorgou na cidade de Ourense o día 29 de abril de 1400, dous días antes da súa morte, cedeulle a «fortaleza e a terra da Barreira», completamente «desembargada», ao arcebispo de Santiago de Compostela Lope de Mendoza, aínda que previamente o prelado debería devolverlles ao conde ou aos seus herdeiros a débeda que tiña con el e cuxo importe se descoñece.[39]
A Barreira no século XV
[editar | editar a fonte]En 1420 o arcebispo Lope de Mendoza entregoulle en encomenda ao duque Fadrique Enríquez de Castilla, que era o fillo e herdeiro do conde Pedro Enríquez, a torre da Barreira, que xa fora a finais do século XIV, como sinalou Pardo de Guevara y Valdés, «motivo de soadas contendas» entre o conde Pedro Enríquez e os arcebispos composteláns.[40] López Ferreiro dixo erroneamente, secasí, que lle fora entregada ao duque en 1424 polo arcebispo xunto coa fortaleza de Castro de Montes «para que as amparase e defendese».[41]
A torre da Barreira foi destruída, ao igual que outras moitas fortalezas, durante a Revolta Irmandiña. Aínda que posteriormente foi reconstruída, encóntrase en estado ruinoso.[1]
A torre da Barreira na literatura
[editar | editar a fonte]A poeta estradense Anxos Romeo escribiu este poema sobre a torre da Barreira:[2]
Medo da infancia, do interior
do océano alumeado de Boj
Teño medo, temos medos
abruptamente acuminados nas rúas,
mais non é chuvia,
nin anos reclinados nin coraxes
é a noiva do sepulcro a estatua
a que ten a inflamada suavidade das pontes,
a Torre da Barreira no pulso frío
do albergue e os cisnes de palla
Somos cor do medo e do silencio, falamos
nun ceo esbrancuxado que se indisciplina ó caer.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Mosquera Agrelo 1999, p. 112.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 A Torre da Barreira: un secreto subterráneo baixo un castelo invisíbel.
- ↑ 3,0 3,1 López Ferreiro 1903, p. 110.
- ↑ 4,0 4,1 A Torre da Barreia: unha fortaleza da mitra compostelá.
- ↑ López Ferreiro 1900 Apéndice Nº XXXII.
- ↑ Traducción do latín ao galego: Gulías Lamas, X. (2004): Revista O Quince. nº 20, pp. 21-23. Ed. Concello de Beariz.
- ↑ Tombo B da Catedral de Santiago de Compostela, fol. 266.
- ↑ Tombo A, fol. 48; Tombo B, fol. 70. En Antonio López Ferreiro. Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. Apéndices, pp. 89-91.
- ↑ López Ferreiro 1900b, pp. 311 e seguintes.
- ↑ López Ferreiro 1900b, pp. 122-124.
- ↑ Tombo B, fol. 234. en Antonio López Ferreiro, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, Tomo IV. Apéndices, páx. 134.
- ↑ Tombo C, fol 180. / Op. cit. Tomo V. páx. 23.
- ↑ Tombo A, fol. 58. En Antonio Lópeza Ferreiro, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo V. Apéndices, páxs. 3-7.
- ↑ López Ferreiro 1900b, pp. 214-215.
- ↑ Mosquera Agrelo 1999, p. 117.
- ↑ Mosquera Agrelo 1999, pp. 112-113.
- ↑ Mosquera Agrelo 1999, p. 118.
- ↑ 18,0 18,1 López Ferreiro 1903, pp. 110-111.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 147.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 20,3 López Ferreiro 1903, p. 111.
- ↑ López Ferreiro 1903, pp. 111-112.
- ↑ 22,0 22,1 López Ferreiro 1903, p. 112.
- ↑ López Ferreiro 1903, pp. 112-113.
- ↑ 24,0 24,1 López Ferreiro 1903, p. 113.
- ↑ 25,0 25,1 Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 215.
- ↑ López Ferreiro 1903, p. 213.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 216.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 225.
- ↑ López Ferreiro 1903, pp. 224-225.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, pp. 225-226.
- ↑ 31,0 31,1 Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 226.
- ↑ 32,0 32,1 López Ferreiro 1903, p. 226.
- ↑ López Ferreiro 1903, p. 225.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 227.
- ↑ López Ferlreiro 1903, p. 226.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, pp. 227-228.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 238.
- ↑ López Ferreiro 1903, p. 268.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, pp. 244-245.
- ↑ Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 273.
- ↑ López Ferreiro 1904, p. 42.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Tomo III. Santiago de Compostela: Impresión y encuadernación del Seminario Conciliar Central.
- López Ferreiro, Antonio (1900b). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Tomo IV. Santiago de Compostela: Impresión y encuadernación del Seminario Conciliar Central.
- López Ferreiro, Antonio (1903). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Tomo VI. Santiago de Compostela: Impresión y encuadernación del Seminario Conciliar Central. OCLC 644528391.
- López Ferreiro, Antonio (1904). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Tomo VII (PDF). Santiago de Compoostela: Impresión y encuadernación del Seminario Conciliar Central. OCLC 644528391.
- Mosquera Agrelo, Manuel (1999). "Aproximación ó mundo das fortalezas na Galicia medieval. As torres da Barreira en Riobó-A Estrada". Miscelánea histórica e cultural (A Estrada: Museo Manuel Reimóndez Portela) (2): 109–118. ISSN 1139-921X. Consultado o 13 de marzo de 2018.
- Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (2000). Los señores de Galicia: tenentes y condes de Lemos en la Edad Media (Tomo I) (1ª ed.). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. Edición preparada por el Instituto de Estudios Gallegos «Padre Sarmiento» (CSIC). ISBN 84-89748-72-1.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Información sobre a fortaleza da Barreira en Castillos.net Arquivado 14 de abril de 2018 en Wayback Machine.. (en castelán).
- A Barreira na páxina web da Asociación española de amigos de los castillosArquivado 08 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. (en castelán).
- Xesús Antonio Gulías Lamas (2005): A Torre da Barreia: unha fortaleza da mitra compostelá.
- Manuel Gago (2009): A Torre da Barreira: un secreto subterráneo baixo un castelo invisíbel.