Torta de Santiago
Torta de Santiago | |
Torta de Santiago clásica. | |
Tipo | Sobremesa |
Orixe | Santiago de Compostela, Galicia |
Gastronomía | Gastronomía de Galicia |
Ingredientes | |
Orixe animal | Ovo |
Orixe vexetal | Azucre Améndoa Limón |
A torta de Santiago[1] é unha sobremesa tradicional da cociña galega, orixinaria de Santiago de Compostela. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa, o azucre e os ovos. É unha das sobremesas que máis recoñecemento internacional acadou sendo considerada unha das mellores tortas de todo o mundo.[2]
Dende o 3 de marzo de 2006 a torta de Santiago fai parte do rexistro de Indicación Xeográfica Protexida baixo o nome castelán de "Tarta de Santiago".
Características
[editar | editar a fonte]Un dos ingredientes principais da torta é a améndoa (33% do total da masa) que se esmaga e se mestura con ovo (outro terzo da masa) e azucre (o outro cuasi-terzo restante) nunha masa compacta (adoita levar algunha cantidade de manteiga) que se aromatiza con canela e reladura de limón, para ser posteriormente introducida no forno nun recipiente refractario, normalmente entre 180 °C e 200 °C durante case 45 minutos.
A torta pode ter ou non base; se a ten non pode representar máis do 25% do total do peso. A base poder ser de follado, elaborado con fariña de trigo, manteiga, auga e sal ou de masa crebada (fariña de trigo, manteiga, azucre refinado, ovo enteiro, leite e sal)[3].
Segundo as receitas pode incorporar brandy ou augardente como aromatizadores. O pastel queda no forno ata que se empeza a poñer unha capa dura na tona. É moi frecuente poñer un modelo coa silueta de cruz de Santiago e botar azucre glas sobre a superficie, de modo que ó retirar o modelo fica a cruz "impresa".
O aroma característico desta torta é unha mestura equilibrada entre a améndoa e o ovo, cando se corta o contido debe ter unha cor dourada e a súa textura debe ser lixeiramente esponxosa e algo graúda.
Historia
[editar | editar a fonte]Non se sabe nada sobre o consumo de améndoa en Galicia durante a Idade Media pero sábese que a carestía deste alimento convertíao nun luxo reservado a poucos. A primeira noticia que se ten do uso deste "biscoito de améndoa", ó que hoxe coñecemos como torta de Santiago, procede de 1577 durante unha visita de Pedro de Porto Carrero á Universidade de Santiago[4] aínda que daquela era denominada "torta real" pero tiña a mesma proporción nos ingredientes. As primeiras receitas fiables proceden de apuntamentos de Luis Bartolomé de Leybar que datan de 1838 baixo a epígrafe de "Tarta de Almendra".
A orixe da Cruz de Santiago representada na súa superficie data de 1924, ano no que a compostelá «Casa Mora» comeza a adornar as tortas de améndoa coa que sería a súa silueta característica, acadando grande éxito en Galicia e no resto de España.
O 3 de marzo de 2006 a torta de Santiago entrou no rexistro de Indicación Xeográfica Protexida baixo o nome castelán de "Tarta de Santiago".[4]
Consumo
[editar | editar a fonte]Aínda que na maioría dos casos adoita ser unha sobremesa servida tralas comidas, acompañada dun café con leite, existen outras variantes que permiten degustar esta torta cun viño doce.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «Tarta de Santiago»
- ↑ Rodríguez, Ricardo (2015-09-17). "La tarta de Santiago entre las mejores del mundo". Cadena SER (en castelán). Consultado o 2021-12-14.
- ↑ Tarta de Santiago Arquivado 14 de decembro de 2021 en Wayback Machine.. Galicia Calidade
- ↑ 4,0 4,1 Boe número 69. RESOLUCIÓN de 3 de marzo de 2006, de la Dirección General de Industria Agroalimentaria y Alimentación, por la que se da publicidad a la solicitud de registro de la Indicación Geográfica Protegida «Tarta de Santiago» Páxinas: 11254 - 11255. (en castelán)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torta de Santiago |