Xeografía do Brasil
Brasil é o quinto país do mundo en extensión: ocupa o 1,7% da superficie do globo terrestre e o 47% da de América do Sur. Ten unha área de 8.511.965 km², dos cales 8.456.510 corresponden a terra. Inclúe o arquipélago de Fernando de Noronha e tamén as illas Trindade, Martín Vaz, Grande, Ilhabela e outras.
Fronteira terrestre
[editar | editar a fonte]Total: 14.691 km de fronteiras
País | Extensión |
---|---|
Arxentina | 1.223 km |
Bolivia | 3.400 km |
Colombia | 1.643 km |
Güiana Francesa | 673 km |
Güiana | 1.119 km |
Paraguai | 1.290 km |
Perú | 1.560 km |
Suriname | 597 km |
Uruguai | 985 km |
Venezuela | 2.200 km |
A liña costeira do Brasil ten unha extensión de 7.491 km, constituída principalmente de praias de mar aberto.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima do Brasil é, en gran parte, tropical, pero o sur do país presenta clima subtropical.
A rexión Norte, que comprende os Estados do Acre, Amazonas, Amapá, Pará, Rondonia, Roraima, Tocantins e ten clima ecuatorial, que confire á rexión unha boa distribución anual de choivas, con temperaturas elevadas e baixa amplitude térmica anual.
A rexión Nordeste ten clima diverso, variando de ecuatorial (Maranhão e parte do Piauí) a semiárido (a rexión da Caatinga, comprendendo boa parte do Nordeste), e tropical, no centro e sur da Baía. Os estados da rexión son Maranhão, Piauí, Baía, Pernambuco, Ceará, Sergipe, Alagoas, Rio Grande do Norte e Paraíba.
A rexión Centro Oeste, cos Estados de Mato Groso, Mato Groso do Sur e Goiás, e tamén o Distrito Federal, presenta clima tropical semihúmido, especialmente no período de choivas, que alimenta o Pantanal Mato-Grossense.
Na rexión Sueste, que comprende os Estados de Minas Xerais, Sao Paulo, Río de Xaneiro e Espírito Santo, predomina, nas partes máis altas, un clima tropical agradable, co catro estacións ben distintas. No extremo oeste de Sao Paulo e de Minas Xerais predomina o clima tropical semihúmido, e no litoral un clima tropical con choivas intensas no verán.
A rexión Sur do país ten clima subtropical, co baixas temperaturas nas serras gaúcha (estado de Río Grande do Sur) e catarinense (estado de Santa Catarina), sendo común a formación de xeadas durante o inverno. Hai tamén caída de neve nas serras en anos moi fríos. Composta de tres estados: Santa Catarina, Paraná e Río Grande do Sur.
Altitudes e puntos extremos
[editar | editar a fonte]As altitudes do territorio brasileiro son, en xeral, modestas. O territorio non presenta grandes cadeas de montañas, cordilleiras ou similares.
O punto mais elevado no Brasil é o Pico da Neblina, con 2.997 m de altura.
Ó norte, o límite é a nacente do río Ailã, no Monte Caburaí, Roraima, fronteira coa Güiana.
Ó sur, o límite extremo é unha curva do arroio Chuí, no Río Grande do Sur, na fronteira co Uruguai.
Ó este, o punto extremo é a Ponta do Seixas, no estado da Paraíba.
O punto extremo do oeste é a nacente do río Moa, na Serra de Contamana o Serra do Divisor, no Acre, fronteira co Perú.
División político-administrativa
[editar | editar a fonte]As 27 unidades da federación agrúpanse, para fins estatísticos e, nalgúns casos, de orientación da actuación federal, en cinco grandes rexións: Centro-Oeste, Nordeste, Norte, Sueste e Sur. Cada Estado, así como o Distrito Federal, ten os seus propios órganos executivos (na figura do Gobernador), lexislativos (Asemblea Lexislativa unicameral) e xudiciais (tribunais estatais).
Os estados subdivídense en concellos, que varían en número, entre 15 (Roraima) e 853 (Minas Xerais). Estas unidades autónomas menores dispoñen só do poder Executivo, exercido polo prefecto, e Lexislativo, na cámara municipal.
- Rexión Centro-Oeste
- Distrito Federal (DF)
- Goiás (GO)
- Mato Grosso (MT)
- Mato Grosso do Sul (MS)
- Rexión Nordeste
- Alagoas (AL)
- Baía (BA)
- Ceará (CE)
- Maranhão (MA)
- Paraíba (PB)
- Pernambuco (PE)
- Piauí (PI)
- Rio Grande do Norte (RN)
- Sergipe (SE)
- Rexión Norte
- Rexión Sudeste
- Espírito Santo (ES)
- Minas Xerais (MG)
- Río de Xaneiro (RJ)
- San Paulo (SP)
- Rexión Sul
- Paraná (PR)
- Rio Grande do Sul (RS)
- Santa Catarina (SC)