Xosé Franco Montes
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xaneiro de 1879 Vigo, España |
Morte | 31 de xullo de 1939 (60 anos) Vigo, España |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto, político |
José Franco Montes (en realidade José Franco Domonte[Cómpre referencia]), nado en Vigo o 22 de xaneiro de 1879 e finado ibídem o 31 de xullo de 1939,[1] foi un escultor, arquitecto e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Manuel Franco Franco (concelleiro de Vigo) e Matilde Domonte,[1] fixo os seus primeiros estudos e bacharelato no colexio dos xesuítas de Camposancos, A Guarda. Estudou na Escola de Arquitectura de Madrid[1] titulándose o 21 de agosto de 1903. Casou con Emérita Fernán-Díez na igrexa de Santiago de Vigo en 1915. Só tiveron unha filla, Matilde Franco Fernán-Díez, que casou co marqués da Sala de Partinico, Manuel Santiago Thomás de Carranza e de Luque-Romero.
En 1905 é nomeado arquitecto municipal de Vigo e en 1906 vicepresidente da Asociación de Arquitectos de Galicia. En 1908 funda a Cámara da Propiedade Urbana de Vigo. En 1909 é elixido secretario do Partido Liberal de Vigo e con 30 anos convértese en concelleiro do Concello de Vigo. Foi tamén deputado provincial e concelleiro honorífico da Coruña. En 1916 é nomeado arquitecto diocesano de Tui. Queda viúvo o 10 de xuño de 1936. Foi nomeado tenente de alcalde de Vigo en 1938, ostentando o cargo de alcalde en funcións de Vigo. Foi nomeado presidente do Padroado local de Formación Profesional de Vigo no mesmo ano.[2]
Arquitecto da Real Academia de San Fernando, profesor de Máquinas da Escola de Artes e Industrias de Vigo,[3] arquitecto municipal de Vigo e arquitecto diocesano de Tui. Foi vicepresidente e fundador da Asociación de Arquitectos de Galicia (actual Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), fundador da Cámara da Propiedade Urbana de Vigo, secretario do Partido Liberal, concelleiro, a partir de 1910, do concello de Vigo polo Partido Liberal, tenente de alcalde do Concello de Vigo e alcalde en funcións, apartado da vida política coa chegada da II República e nomeado deputado provincial en xullo de 1939 polo goberno de Francisco Franco.[1] Tamén foi escultor.[4] O Concello de Vigo dedicoulle o nome dunha rúa no lugar de Lavadores.
Obra
[editar | editar a fonte]A súa obra, de estilo modernista, desenvólvese dende 1904 até o final da súa vida. Entre os seus proxectos salientan:
- Chalé do Pilar, Vigo, hoxe "Casa da Xuventude" na rúa López Mora nº 31.[5]
- Obras de adaptación do Colexio dos Xesuítas en Camposancos.
- Igrexa de Santa Cristina de Sabarís, en Baiona.
- Casa do Concello da Estrada.
- Colexio Apóstolo Santiago dos Xesuítas, rúa Sanjurjo Badía en Vigo.[Cómpre referencia]
- Casa Palacio de Estanislao Núñez Saavedra (foi queimada durante a segunda república).
- Casa dos Condes de Torrecedeira, Vigo.
- Casa de Joaquín Pérez Boullosa, na Praza de Compostela nº 24, Vigo.
- Casa dos irmáns Suárez, en Montero Ríos nº2, Vigo.
- Obras en Lugo e Santiago de Compostela.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Gran Enciclopedia Galega.
- ↑ Boletín Oficial del Estado núm. 598 de 12/06/1938.
- ↑ Diario Faro de Vigo de decembro de 1903
- ↑ Parte da biografía de José Franco Montes aparece na Enciclopedia Universal Ilustrada de Espasa, no Tomo XXIV, páx. 1095.
- ↑ Rosa Ma. Creixell i Cabeza, Esteve Castañer Muñoz, Teresa M. Sala Garcia. Espaces intérieurs, Edicions Universitat Barcelona, 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xosé Franco Montes |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- A Estrada, Miscelánea Histórica e Cultural, Fundación Cultural Estrada, 2002.
- Artigo "FRANCO MONTES, José" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
- Entrada "Franco Montes, Xosé" do Dicionario biográfico de Galicia, Ir Indo Edicións, 2010-2011, Vigo.