Saltar ao contido

Ábsida central de San Clemente de Taüll

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ábsida central de San Clemente de Taüll
ArtistaMestre de Taüll
Data1123
TécnicaFresco
Dimensións630 cm × 360 cm
LocalizaciónMuseo Nacional de Arte de Cataluña (Barcelona)

A ábsida central de San Clemente de Taüll[1] (en catalán: absis central de Sant Climent de Taüll) é unha pintura mural que pertence ó conxunto da igrexa de San Clemente de Taüll de La Vall de Boí, lugar onde se atopa a meirande concentración de arte románica de toda Europa, cunha igrexa por cada 25 km².[2] O conxunto de igrexas románicas de La Vall de Boí foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000.

Os trazos característicos e diferenciais desta obra, realizada polo autor coñecido como Mestre de Taüll, fan que sexa considerado «un dos exemplos máis puros da arte románica europea»[3] e «unha das iconas máis representativas do románico catalán, especialmente pola forza que se reflicte na súa faciana».[4] Trasladada baixo a dirección de Puig i Cadafalch a comezos do século XX, a obra está exposta no Museo Nacional de Arte de Cataluña, o museo coa mellor colección de pinturas murais románicas do mundo.[5]

Igrexa de San Clemente de Taüll.
Inscrición nunha columna da igrexa de San Clemente coa data da consagración.

A igrexa de San Clemente de Taüll foi consagrada por Ramon Guillem, bispo de Roda, no ano 1123, tal como o proba a data pintada nunha das columnas da nave, data á cal se asocia a creación da pintura mural da ábsida central:[6]

(latín) ANNO AB INCARNACIONE
DNI: M: C: XX: III: III: IDUS: DBR
VENIT RAIMVNDUS EPC BARBASTRE
NSIS CONSECRAVIT HAC ECLESIA IN HONORE
SANCTI CLEMENTIS MARTIRIS ET PONENS RELIQUIAS
IN ALTARE SANCTI CORNELLI EPISCOPI ET MARTIRIS
(galego) O ano da Encarnación
do señor 1123, o 10 de decembro
veu Ramón, bispo de Barbastro,
consagrou esta igrexa na honra
de san Clemente mártir e puxo reliquias
no altar de san Cornelio bispo e mártir.[7]

Segundo o historiador Joan Ainaud de Lasarte, asóciase a consagración da igrexa coa reconquista definitiva de Barbastro e Zaragoza e outros núcleos como Tudela, Daroca e Calatayud. Segundo esta teoría, o rei de Aragón, Afonso o Batallador, recompensou economicamente os exércitos non aragoneses que participaron na reconquista destes territorios, entre os cales había cataláns como o conde de Pallars e a familia Erill; baixo esta último familia estivo o dominio feudal de La Vall de Boí, co cal o bispo Ramon Guillem mantiña unha estreita relación. As pinturas murais de San Clemente de Taüll puideron terse levado a cabo grazas a estas ganancias.[8][9]

Co paso do tempo, as pinturas románicas quedaron agochadas detrás de retablos, do cal ou perdéronse para sempre, até que a comezos do século XIX, coa vontade de recuperación da cultura catalá que se produciu na Renaixença, recuperaron importancia.[2]

Redescubrimento

[editar | editar a fonte]

No ano 1904 o arquitecto Lluís Domènech i Montaner, acompañado seguramente polo fotógrafo Adolf Mas, fixo un estudo científico da maioría das igrexas románicas de La Vall de Boí. Entre outras, realizaron a primeira fotografía que se coñece do interior da igrexa, onde se pode ver parte dos frescos románicos detrás do retablo gótico de madeira. No ano 1907, o Institut d'Estudis Catalans levou a cabo unha expedición en San Clemente de Taüll que culminou coa publicación dun traballo co obxectivo de dar a coñecer a obra. Anos despois, en 1915, alertouse sobre o interese en comprar pintura mural dos Pireneos cataláns que mostraban coleccionistas privados estadounidenses (tales como Hearst, Widener, Kress ou Rockefeller) e do espolio ao cal estaban sometidas as obras.[a] Algúns reitores da zona xa venderan algunhas pezas a coleccionistas e museos.[2][10]

Traslado e exposición

[editar | editar a fonte]

Perante esta situación, e atendendo aos principios de difusión e preservación do patrimonio catalán pola cal foi creada, a Xunta de Museos de Cataluña levou a cabo, entre 1919 e 1923, a primeira campaña de retirada e traslado de pinturas murais dos Pireneos, entre as que se atopaba o conxunto de San Clemente de Taüll.[11] A ábsida central atopábase cuberta en gran parte por un retablo gótico, tal como demostra a primeira fotografía realizada en 1904 por Domènech i Montaner.[12]

A técnica para a retirada, chamada strappo, foi introducida en Cataluña polo restaurador italiano Franco Steffanoni, contratado para a campaña de salvagarda das pinturas murais de Taüll. Esta técnica consiste no desprendemento da capa pictórica sen morteiro. Aplícanse dúas capas de telas de cotón sobre a superficie pictórica limpa cunha cola orgánica quente; unha vez seca, a cola contrae a superficie e arrinca a capa pictórica da pintura.[2][13]

Unha vez arrincadas as telas, foron enroladas e embaladas en caixas de madeira. As pinturas murais de Taüll foron transportadas con mulas até La Pobla de Segur, dende onde se trasladaron en tren e camións até Barcelona,[2] onde foron custodiadas no daquela Museo de Arte de Cataluña, con sede na Ciutadella. Posteriormente, en 1934 foron trasladadas ao Palau Nacional, actual sede do Museo Nacional de Arte de Cataluña.[14]

Guerra civil

[editar | editar a fonte]

Por mor da guerra civil española e o perigo de sufrir un bombardeo, as obras foron trasladadas de novo, xunto con outras ábsidas románicas, a Olot e outras vilas pequenas como por exemplo Darnius.[14]

Co galllo da Exposición Internacional de París de 1937 organizouse unha exposición para denunciar a situación política do país. Baixo o título L'art catalan du Xe au XVe siècle, expuxéronse moitas das obras do museo, entre elas a ábsida de San Clemente, dende o 18 de marzo até o 10 de abril de 1937 no Jeu de Paume de París. Posteriormente expuxéronse tamén en Maisons-Laffitte até o 20 de maio. Joaquim Folch i Torres, daquela director do museo, fixo unha nova proposta de exposición das ábsidas románicas, que xa constituían unha parte moi importante das obras do museo. Creáronse uns falsos marcos arquitectónicos que evocaron os orixinais das igrexas.[15]

Logo de rematar a guerra, a colección regresou ao Palau en 1940, e reinauguráronse as salas de arte románica o 12 de xuño de 1942 baixo a dirección de Xavier de Salas.[15]

Reprodución no lugar orixinal

[editar | editar a fonte]

Nun principio non se propuxo a reprodución da pintura mural de San Clemente de Taüll na igrexa orixinaria. Porén, por mor do crecente recoñecemento que desfrutou a igrexa e das numerosas visitas que recibiu logo da recuperación das pinturas, no ano 1959 encargóuselle unha réplica a Ramon Millet. O artista, que traballou durante dous anos, creou a réplica por anacos e a unha escala inferior ca a orixinal.[2][16]

Durante os anos 2000 e 2001 descubríronse algúns fragmentos de pinturas murais dentro da igrexa de San Clemente de Taüll, que no presente se manteñen no lugar.[7]

En marzo de 2013 comezou a retirada das pinturas realizadas por Ramon Millet para levalas a outro espazo en exposición en La Vall de Boí,[17] para proceder a unha representación das pinturas murais orixinais mediante a técnica do video mapping con proxeccións en 3D sobre os muros. A proxección consta de dúas partes: por unha banda, a presentación das pinturas que se atopan no Museo Nacinoal de Arte de Cataluña e, por outra banda, represéntase a igrexa policromada, tal como se cre que podía ser na data da súa construción.[18]

En novembro de 2013 presentouse o novo sistema de representación. O proxecto consiste na reconfiguración do espazo orixinal da ábsida co fin de expoñer toda a súa complexidade pictórica e de estabelecer unha nova planta na ábsida para mellorar a funcionalidade da igrexa. Tamén se instalou unha reprodución virtual que recrea as pinturas orixinais da ábsida e de todo o presbiterio. A recreación fíxose mediante proxección audiovisual (mapping). Previamente, retiráronse as imaxes da ábsida que expuxeron até daquela, reproduccións das orixinais, restauráronse todos os anacos de pintura orixinal que quedaban ao seu arredor, nos muros da ábsida. Tamén se habilitou unha nova iluminación que permite salientar as pinturas orixinais existentes na igrexa. O orzamento desta actuación na igrexa de San Clemente de Taüll foi de 400.000 euros, achegados integramente por unha entidade financeira.[19]

O autor da ábsida é coñecido como Mestre de Taüll no mundo da historia da arte, do cal se coñecen poucos datos. Durante a Idade Media, os que hoxe son considerados artistas eran daquela artesáns que poñían as súas capacidades artísticas ao servizo de abades, bispos e señores; o seu oficio estaba ao nivel de calquera outro. Existen dúas teorías sobre a procedencia do autor que apuntan cara a direccións diferentes. Por unha banda, a primeira postula que se trataba dun mestre estranxeiro, de orixe italiana, que contaba coa axuda de colaboradores de menos traza (como amosan as figuras dos serafíns)[20] e que adquirira e empregara técnicas hispánicas; por outra banda, a segunda teoría sinala que era un artesán local.[21]

Cómpre ter presente a dificultade de estabelecer delimitacións estilísticas no tocante á pintura románica europea, xa que os artistas a miúdo traballaban para múltiples cortes e abadías, achegando e adquirindo elementos doutros estilos. A forte expansión de manuscritos medievais e a falta de novas ideas propiciou tamén o traspaso estilístico dos libros á pintura mural.[22] O Mestre de Taüll é, segundo os expertos, unha mostra da converxencia de difusión de novas correntes, de coñecemento dos mestres e de capacidade de adaptalos cunha técnica e personalidade propias.[23]

Pinturas murais

[editar | editar a fonte]
Pintura orixinal in situ que representa san Clemente.

A pintura mural da ábsida central da igrexa de San Clemente de Taüll forma parte do conxunto pictórico que comprende tamén a decoración dos arcos triunfais, a da ábsida lateral, a inscrición de consagración e unha fiestra anterior. Hai máis pintura in situ.[24]

Pintura in situ

[editar | editar a fonte]

Na parte frontal de separación entre a ábsida maior e a do costado norte hai unha imaxe de san Clemente. Dentro desta maesma absidiola atópanse restos de pinturas decorativas na parte inferior, así como un animal de catro patas na parte superior dereita do fondo, sobre unha franxa de decoración xeométrica. Na parte frontal de separación da ábsida maior coa ábsida sur, facendo parella co san Clemente da parte norte, atópase a representanción de san Cornelio. No interior do primeiro arco de triunfo do costado dereito pódese ver unha escena onde probabelmente se representa o momento da morte de Abel a mans do seu irmán Caín. Na ábsida central (ou maior) atopáronse unhas pinturas de orlas decorativas que non foron extraídas en 1920 e que se manteñen na mesma igrexa.[25]

Pintura no MNAC

[editar | editar a fonte]

A carón do muro esquerdo do primeiro arco triunfal, onde está o Agnus Dei, represéntanse as figuras de dous personaxes descoñecidos, e baixo eles desenvólvese unha escena na cal un can lambe as feridas de Lázaro o leproso diante da porta do rico Epulón. Esta parábola aparece no evanxeo de san Lucas e está presente na decoración doutras igrexas románicas como a de San Xoán de Boí.[26] No segundo arco, máis achegado á ábsida, está representada A man dereita de Deus (Dextera Domini).[27]

Nunha absidiola lateral (a do lado do Evanxeo) hai restos da decoración mural que representaba, sobre un fondo de bandas de cores, un coro de seis anxos, dos cales só quedan dous fragmentos a lado e lado da pequena fiestra central. Crese que estas pinturas foron realizadas por outro autor de menos calidade ca o Mestre de Taüll e que podería ter traballado tamén na igrexa de Santa María de Taüll na mesma poboación.[26][28]

Composición

[editar | editar a fonte]

A cronoloxía das pinturas toma como referencia a inscrición pintada que se conservou sobre unha columna do lado do Evanxeo, a cal nomea a consagración da igrexa no ano 1123 e presenta os caracteres do mesmo tipo que as diferentes inscricións das pinturas da ábsida.[29]

A obra da ábsida, ao servizo do tema relixioso, está representada mediante temas antinaturalistas e de abstracción, con trazos simplificados e cambios cara a modelaxe xeométrica das formas naturais humanas, seguindo as características comúns da arte románica. Trátase dunha Maiestas Domini (e non dun Pantocrátor) a epifanía do Deus lexislador, todopoderoso, que vén xulgalo pobo.[30]

A ábsida de San Clemente de Taüll presenta un colorido con tons amplos e liñas negras que configuran os contornos das imaxes representadas. A composición estrutúrase en varios rexistros:[31]

Composición das pinturas na ábsida central:
Rexistro superior: Maiestas Domini co tetramorfo; trazada en liñas verdes a representación da Santa Trindade.
Rexistro intermedio: a Virxe María e os apóstolos
Rexistro inferior: elementos decorativos que representan a Terra.
  • Rexistro superior: representa o «Ceo». Está a Maiestas Domini (coa súa característica mandorla que a diferenza dun pantocrátor) cos pés sobre a bóla do mundo. A súa man dereita bendí con dous dedos á maneira grega, e a man esquerda leva un libro aberto co inscrición latina EGO SUM LUX MUNDI ('eu son a luz do mundo'). A faciana alongada, con ollada penetrante, está realizada con liñas marcadas. Ten as cellas arqueadas, e os ollos, boca, barba e cabelos debuxados de maneira simétrica. A cor está aplicada con pintura plana mais con dúas tonalidades, unha máis clara e outra máis escura, para acadar unha certa modelaxe, que o pintor salienta nos amplos pregos das vestidura. O tetramorfo está representado mediante anxos que levan os símbolos dos evanxelistas: San Mateu, o anxo ou o home; San Marcos, o león; San Xoán, a aguia; e San Lucas, o touro. Dúas figuras simétricas flanquean a composición, as cales representan un serafín e un querubín de tres pares de ás.[32][33] A cunca absidal ten un fondo dividido en tres bandas de diferentes cores: negro, ocre e azul.[34]
    • Representación trinitaria: En Taüll, así coma noutros casos do románico catalán, represéntase unha tripla visión da divindade que non responde á ortodoxia trinitaria formada por Deus pai, Cristo fillo e o Espírito Santo (este último representado habitualmente por unha pomba).[35] Así, a decoración pictórica da parte superior dos dous arcps preabsidais completan a representación trinitaria da divindade xunto coa Maiestas Domini.
      • A man dereita de Deus (Dextera Domini), que representa o poder do pai,[36] no arco máis achegado á ábsida.
      • O año de Deus (Agnus Dei), que representa o Cristo sacrificado vencedor da morte,[37] no segundo arco.
      • As tres representacións forman un eixo cara aos fieis. A man de Deus está representada dentro dun círculo branco baleiro pero con dous dedos cruzando o seu perímetro no arco máis próximo á conca. O año de sete ollos segue a narración da Apocalipse de San Xoán; os sete ollos representan os seus atributos: poder, riqueza, sabenza, fortaleza, honra, gloria e beizón. Está rodeado e representado lixeiramente arqueado, coas súas patas dianteiras apoiadas no Libro dos Sete Selos.[38] A súa cabeza está rodeada por un nimbo crucífero (un halo cunha cruz inscrita).[39]
  • Rexistro intermedio: vense cinco apóstolos e María. De esquerda a dereita as figuras representan probablemente a Santo Tomé, San Bertomeu, a Virxe María, San Xoán, Santiago o Maior e unha última figura moi mutilada asociada a San Filipe. As figuras, en pé, están colocadas a unha a carón da outra e están separadas entre elas mediante a representación pictórica de elementos arquitectónicos, neste caso dunha arcada con columnas e capiteis. Nunha franxa sobre as súas cabezas hai inscricións co seu nome que os identifican.[40] Simboliza a Igrexa universal dando fe de Cristo.[41]
  • Rexistro inferior: polo xeral obsérvanse elementos que pertencen ao mundo terreal, así como ornamentos de carácter vexetal ou xeométrico, que representan a Terra. Non se conservan moitos restos pictóricos do rexistro inferior; sintúense elementos decorativos en zigzag, propios destes rexistros, que seguramente determinaban espazos con figuras animais. Abaixo debeu estar decorado con cortinas; nada se conserva desta parte.[29]
Detalle da faciana de Cristo.

Nesta obra semellan converxer tres correntes artísticas, ademais da románica:

  • Romana de Oriente: caracterizada polo hieratismo das figuras, a simetría e a concepción plana da composición. As figuras amosan claramente o aspecto antinaturalista da obra: a posición na que se atopan é estática e queda ben remarcada a frontalidade do debuxo. Ademais, os corpos amosan moita rixidez e, nalgúns casos, severidade.[42]
  • Mozárabe: común na arte románica do norte da Península Ibérica, que dá vitalidade e expresividade, tal como se ve nas facianas das figuras. O autor enfatizou os ollos e as cores da cara. Centrouse no nariz, nos ollos, nas cellas e na boca, xogando co dinamismo que ofrecen as liñas: as cellas abertas únense coas liñas do nariz, que levan cara aos beizos, enmarcados pola bigoteira caída; esta última dirixe o espectador cara á barba que, á vez leva a vista cara aos cabelos.[42]
  • Islámica: en oposición á corrente romana de Oriente, racha co hieratismo e expresa desexo de asimetría. Esta influencia pódese ver nos arabescos e liñas curvas que recrean a sinuosidade da roupa e do cabelo, sobre todo nas Maiestas Domini, coas que o autor destaca o movemento destes. Todos estes detalles que enchen a Maiestas Domini salientan a súa magnificencia e superioridade. A vontade de rachar coa frontalidade é evidente nos símbolos dos evanxelistas, debuxados cunha lixeira perspectiva que permite ver dúas partes diferenciadas do elemento, a cara interior e a exterior, diferenciadas por dúas cores distintas.[42]

A técnica empregada polo Mestre de Taüll é a da pintura ao fresco, aínda de que se identificaron numerosos retoques en seco.[43] Para utilizar este tipo de técnicas, primeiro preparouse o muro con varias capas de morteiro e cunha última capa só de cal. Mentres a preparación aínda estaba húmida, aplicáronse pigmentos mesturados con auga, sen aglutinante, xa que o propio cal cumpría esta función. Deste xeito, os pigmentos permanecían pegados á capa de cal, sendo imposible de disolver.[2]

Aínda que os artesáns traballaban a miúdo en diferentes territorios, os pigmentos tendían a ser locais. No caso da ábsida central de San Clemente de Taüll, a maioría dos pigmentos son terras naturais e minerais autóctonos, entre os que destaca a aerinita, coa que o autor conseguiu os azuis. Porén, tamén se atoparon alí elementos non autóctonos, como o cinabrio e o azurita, procedentes do sur da Península Ibérica e de Italia, respectivamente.[43]

Simboloxía

[editar | editar a fonte]

A pintura románica tiña unha finalidade didáctica, era funcional. As pinturas de Taüll estaban dirixidas a unha comunidade relativamente pequena, pobre e analfabeta, na que a igrexa era o centro da vila, o lugar onde se reunían e tomaban decisións. As obras, de temática relixiosa, tiñan como obxectivo difundir escenas tomadas da Biblia dun xeito comprensible para todos, para que chegase aos analfabetos. Debido a isto, os personaxes bíblicos foron representados levando sempre os mesmos obxectos, grazas ao cal podían identificarse facilmente.

A obra representa diversas narracións bíblicas (a Apocalipse, o Libro de Isaías e o Libro de Ezequiel) e culmina co Xuízo Final. Deus móstrase dende a perspectiva máis sobrenatural da visión apocalíptica, xa que aparece en todo o seu poder e gloria para xulgar á humanidade. Por iso preséntase a Deus con todas as características que o identifican como o ser supremo e que sinalan a súa magnificencia; a máis importante delas son as dimensións sobrenaturais da Maiestas Domini.[44]

Dextera Domini.

A presentación do Cristo en Maxestade na cunca absidal, presidindo o conxunto da composición pictórica da igrexa, é característica e habitual da arte románica catalá. Cristo apoiando os pés na mandorla representa o mundo e, polo tanto, trátase de Deus que lembra cal é o seu papel, o de Deus legislador, xuíz, quen goberna sobre o terreal.[20][2] Alén de San Clemente de Taüll, aparece noutros lugares como Santa María de Mur, San Pedro de la Seu d'Urgell ou San Paulo e San Pedro de Esterri de Cardós.[45] Cristo represéntase frontalmente, lixeiramente sobresaínte da mandorla, co brazo dereito erguido facendo o sinal da beizón coa man e co libro aberto á esquerda, apoiado sobre os xeonllos. O protagonismo de Cristo en Maxestade na composición é característico da pintura do alto románico, a diferenza da pintura do románico serodio, que lle dará un papel máis secundario e unha representación máis terrestre.[46] O alfa e omega, primeira e última letra do alfabeto grego, están situadas a cada banda de Cristo e simbolizan o comezo e o remate e, polo tanto, a Deus como creador e ao mesmo tempo destrutor.[47] A inscrición EGO SUM LUX MUNDI ('eu son a luz do mundo') refírese á luz como símbolo da verdade absoluta, do Ben e do camiño para acadar a salvación.[48]

No eido cristián, a man dereita de Deus (Dextera Domini, en latín) ten diversos significados: indica protección divina, lexitimación dun poder ou ben calquera testemuño. Hai representacións tanto da palma como do dorso da man. Preséntase frecuentemente no ceo entre as nubes e dirixido cara á terra, cos dedos abertos ou bendicindo. Aínda que a maioría das veces forma parte dunha representación ou dun cadro máis amplo, ás veces só se representa a man sen contexto como ocorre, por exemplo, no fresco de San Clemente de Taüll.[49]

As figuras que simbolizan o tetramorfo, así como os anxos que os representan, están inscritos en rodas ou círculos ligados entre si. Esta iconografía pódese relacionar coas visións do profeta Ezequiel, nas cales os querubíns que dan gloria a Deus aparecen entre catro rodas cheas de ollos. A referencia ás rodas, no trono de Deus, tamén aparece nas profecías de Daniel.[50]

A representación da Virxe María na época románica supoñía a consideración de María como o camiño para a redención da humanidade e adoitaba situarse, como no caso de San Clemente de Taüll, entre o colexio apostólico como testemuña ocular da divindade de Cristo.[47] María ten na súa man unha especie de copa, un símbolo iconográfico que corresponde ao salmo 116: "Levantarei a copa da salvación e invocarei o nome de Iavé". Así mesmo, tamén se invoca como "vaso de elección" e "cáliz do mundo",[41] ou como patena que irradia luz.[47]

  1. O espolio ten que entenderse dende un punto de vista contemporáneo; daquela as leis non protexían o patrimonio artístico e cultural, e as antigas igrexas -moitas delas abandonadas e en ruínas- non eran percibidas polos habitantes e propietarios da época como obras de arte.

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. edu.xunta.gal (ed.). "A visión do mundo na Idade Media". Consultado o 12 de setembro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 RTVE, ed. (2012). "La mitad invisible. El Pantocrátor de Sant Climent de Taüll" (en castelán). 
  3. Barral i Altet 1992, p. 60.
  4. Soler Llopis & Masafret Seoane 2006, p. 100.
  5. Barral i Altet 1992, p. 47.
  6. Carbonell & Cirici 1977, p. 14.
  7. 7,0 7,1 Patrimoni.gencat (ed.). "Sant Climent de Taüll". Consultado o 7 de xullo de 2012. 
  8. Centre del Romànic de la Vall de Boí (ed.). "El romànic. Una mica d'història". Consultado o 7 de xullo de 2012. 
  9. Ainaud de Lasarte 1973, pp. 106-108.
  10. Estamariu «7. L'art exiliat del Pirineu»
  11. Barral i Altet 1992, p. 51.
  12. Melgar Fuentes, Natacha. Historia y Gestión del Patrimonio Artístico, ed. "El conjunto románico de la Vall de Boí" (PDF) (en castelán). pp. p.6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de xaneiro de 2016. Consultado o 7 de xullo de 2012. 
  13. Barral i Altet 1992, p. 52.
  14. 14,0 14,1 Barral i Altet 1992, p. 54.
  15. 15,0 15,1 Barral i Altet 1998, p. 90.
  16. Melgar Fuentes, Natacha. Historia y Gestión del Patrimonio Artístico, ed. "El conjunto románico de la Vall de Boí" (PDF) (en castelán). pp. p.14. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016-01-27. Consultado o 7 de xullo de 2012. 
  17. Patrimoni gencat (ed.). "S'ha retirat la còpia de les pintures de l'absis de Sant Climent de Taüll". Consultado o 13 de abril de 2013. 
  18. Marimon, Sílvia (5 de marzo de 2013). "Taüll tindrà un pantocràtor virtual". Ara. Consultado o 5 de marzo de 2013. 
  19. "Es presenten els treballs de restauració i museïtzació de l'absis de l'església de Sant Climent de Taüll". Generalitat de Catalunya. 23/11/2013. Arquivado dende o orixinal o 3 de decembro 2013. Consultado o 24 de novembro de 2013.  "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 2013-12-03. Consultado o 2013-11-24. 
  20. 20,0 20,1 VVAA, Visualart. «Les pintures de l'absis de Sant Climent de Taüll»(2002), p. 155
  21. Ainaud de Lasarte 1973, p. 106.
  22. VVAA. El románico (1996), p. 406
  23. Junyent 1970, p. 184.
  24. Les col·leccions Online del MNAC (ed.). "Absis de Sant Climent de Taüll". Consultado o 4 de xullo de 2012. 
  25. Europa Press (ed.). "Una imagen proyectada reemplazará las pinturas románicas de Sant Climent de Taüll" (en castelán). Consultado o 9 de marzo de 2013. 
  26. 26,0 26,1 Barral i Altet 1998, p. 119.
  27. Sureda 1981, p. 63.
  28. Español et al.
  29. 29,0 29,1 Barral i Altet 1998, p. 112.
  30. Mâle, Emile (2018). The Gothic Image : Religious Art In France Of The Thirteenth Century (en inglés). pp. p 365–376. ISBN 978-0-429-97244-7. 
  31. Hartt 1989, p. 475.
  32. Sureda 1981, p. 61.
  33. Lafuente 1987, pp. 39-40.
  34. Barral i Altet 1998, p. 118.
  35. Sureda 1981, p. 68.
  36. Sureda 1981, pp. 63-64.
  37. Sureda 1981, p. 67.
  38. Ap "4-11". BibleGateway (en castelán). 
  39. Sureda 1981, pp. 67-68.
  40. Hatje 1973, pp. 277-278.
  41. 41,0 41,1 Sureda 1988, p. 154.
  42. 42,0 42,1 42,2 VVAA, Op. Cit., p. 155
  43. 43,0 43,1 MNAC,Op. Cit., p.60
  44. Soler Llopis & Masafret Seoane 2006, p. 101.
  45. Sureda 1981, p. 57.
  46. Sureda 1981, pp. 57-58.
  47. 47,0 47,1 47,2 Durand 2006, p. 101.
  48. Hartt 1989, p. 456.
  49. Esteban Lorente 1989, p. 268.
  50. Sureda 1981, p. 62.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]