Saltar ao contido

Basílica de Santa Maria del Mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Vista das naves cara ao presbiterio.

A basílica de Santa Maria del Mar é unha igrexa gótica de Barcelona, situada no barrio da Ribera e construída entre 1329 e 1383. Os mestres da obra foron Berenguer de Montagut (o deseñador principal do edificio) e Ramon Despuig. É considerada a única grande igrexa gótica catalá perfectamente acabada.

Algúns estudos actuais sustentan a hipótese de que foi construída sobre un antigo anfiteatro ou areas romanos.[1]

A construción comezou en 1329, tal como o testemuñan as lápidas do portal das Moreres (que dá ao Fossar de les Moreres). Un feito destacable, que aínda perdura: acórdase que a obra había de pertencer, exclusivamente, aos fregueses da zona do porto e da Ribera, únicos responsables materiais do templo, xa que eles foron quen a sufragaron, ben co seu diñeiro ou ben co seu traballo. Este feito está en clara contraposición á catedral que por aquelas mesmas datas tamén se estaba construíndo e que estaba asociada á monarquía, á nobreza e ao alto clero. Parece ser que na construción participou activamente toda a poboación da Ribera, en especial os descargadores do peirao, chamados galafates da Ribera ou bastaixos, os cales levaban as enormes pedras destinadas á construción da igrexa desde a canteira real de Montjuïc e desde as praias, onde estaban os barcos que as trouxeron a Barcelona, ata a mesmísima praza do Born, cargándoas nas súas costas, unha a unha. A porta principal da igrexa homenaxea aos bastaixos que axudaron á súa construción.

Os muros, as capelas laterais e a fachada termináronse ao redor de 1350. En 1379, a piques de acabarse o cuarto tramo de bóvedas, incendiáronse as estadas e as pedras sufriron importantes danos. Finalmente, o 3 de novembro de 1383 colocouse a última parte da bóveda e o 15 de agosto do ano seguinte celebrouse a primeira misa. En 1428 houbo un terremoto que causou o derrubamento do rosetón provocando algunhas mortes, pola caída das pedras do mesmo. Aínda que pronto se asinou un contrato para construír un novo de estilo flamíxero, que quedou acabado en 1459 e ao ano seguinte, foron colocadas as vidreiras do mesmo.

A maioría das imaxes e o altar barroco engadidos durante os seguintes séculos resultaron queimados durante o incendio do templo o 3 e 4 de agosto de 1936. Este incendio foi provocado polos anarquistas e comunistas que asaltaron o templo (así como moitas outras igrexas barcelonesas).

En 1923 recibiu o título de basílica menor, outorgado polo papa Pío XI.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Permanyer, Lluís (20 de marzo de 2011). "Unha investigación demostra que onde agora se alza Santa Maria do Mar había un anfiteatro romano". La Vanguardia. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2011. Consultado o 21 de marzo de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]