Bolero (Ravel)
Bolero (Boléro, no título orixinal francés) é unha obra musical dun só movemento escrita para orquestra por Maurice Ravel. Composta orixinalmente para un ballet, a obra, estreada en 1928, está considerada a obra máis famosa de Ravel. [1]
A música
[editar | editar a fonte]Composto entre xullo e outubro de 1928 no Tempo di Bolero, moderato assai ("tempo de bolero, moi moderado"), o Bolero ten un ritmo invariable (escrito para = 72, é dicir, cunha duración teórica de catorce minutos e dez segundos), e unha melodía uniforme e repetitiva. Deste xeito, a única sensación de cambio vén dada polos efectos de orquestración e dinámica, cun crescendo progresivo (a obra chámase en broma ás veces "o crescendo máis longo do mundo") e unha pequena modulación en mi maior preto do final, pero volve ao dó maior orixinal con só oito compases do final. Orixinalmente, na propia copia da partitura de Ravel, a marca do metrónomo é = 76, pero este está tachado e 66 está a substituír a marca orixinal. [2] Ravel sinala esta segunda marca na súa gravación coa Orquestra Lamoureux.[2] Posteriormente, outras edicións do Bolero suxiren o 72.[3] Na primeira gravación de Piero Coppola,[4] na que Ravel estivo presente, o Bolero tivo unha duración similar de 15 minutos e 40 segundos. Ravel comentou máis tarde a un xornalista do Daily Telegraph que o traballo duraría 17 minutos.[5] O director portugués Pedro de Freitas Branco, amigo de Ravel, dirixiu unha lenta interpretación da obra ( = 54), que fixo que a obra durase 18m30s.
Constitúe unha obra singular, que Ravel consideraba un simple estudo de orquestración. A súa inmensa popularidade tende a facer secundaria a amplitude da súa orixinalidade e os verdadeiros obxectivos do seu autor, que pasou por un exercicio compositivo privilexiando as dinámicas nas que se pretendía unha redefinición e reinvención dos movementos da danza. O propio Ravel quedou sorprendido pola difusión e popularidade da obra, en gran parte debido ás variacións que numerosos directores, entre eles Willem Mengelberg e Arturo Toscanini, introduciron nas súas interpretacións.
Orixe
[editar | editar a fonte]A orixe do Bolero provén dunha petición da bailarina Ida Rubinstein, quen encargou a Ravel a creación dun ballet con carácter hispano. Ravel pensou que podería conseguir algúns extractos de Iberia, un conxunto de pezas para piano de Isaac Albéniz, pero non puido obter os dereitos para facer o que desexaba, xa que Albéniz cedera os dereitos de arranxo ao seu alumno Ferdinand Enrique Arbos.
En vez diso, Ravel compuxo unha nova obra.
A estrea tivo lugar en París, na Ópera Garnier, o 22 de novembro de 1928 baixo a dirección de Walther Straram, con coreografía de Bronislava Nijinska e decorados de Alexandre Benois. Unha das bailarinas foi Ida Rubinstein, e a obra causou un escándalo pola sensualidade da coreografía.
Dereitos de autoría
[editar | editar a fonte]A obra é de dominio público en toda Europa desde o 1 de maio de 2016 [6]. En 1988 acadou esa condición no Canadá, no Xapón e nos demais países nos que a duración da protección é de 50 anos post mortem auctoris (a partir da morte do autor). Na Unión Europea (excepto Francia), e nos demais países onde a duración da protección é de 70 anos pma, entrou no dominio público en 2008. En Francia, tras o fallo da Cour de cassation (Tribunal de casación) do 27 de febreiro de 2007,[7] O Boléro estivo protexido até o 30 de marzo de 2016.[8] Ao ser publicado en 1929, o Boléro será de dominio público nos EEUU en 2024.[9]
Até 1993, o Boléro mantívose no primeiro lugar na listaxe de dereitos da Société des auteurs, compositeurs et éditeurs de musique (SACEM) de Francia. En 2005, aínda era a quinta obra musical francesa non incluída no dominio público máis exportada,[10] e reporta cada ano uns 1,5 millóns de euros de regalías. Como Ravel morreu sen fillos, a herdanza dos dereitos foi complexa. A xestión dos ingresos, que superou os 46 millóns de euros desde 1970, segue a ser motivo de polémica.[11]
Manuscrito
[editar | editar a fonte]A reprodución da partitura, documento de máis de trinta páxinas, entrou no dominio público en 1992. O Estado francés utilizou o dereito de retracto para adquirir o orixinal por unha cantidade de 1,8 millóns de francos franceses.[12] A Biblioteca Nacional de Francia é o depósito actual.[13]
Controversias
[editar | editar a fonte]Despois da morte de Ravel, en 1937, o seu irmán Edouard converteuse no único herdeiro. En 1954, Edouard Ravel e a súa muller sufriron un grave accidente de tráfico, que lles obrigou a contratar os servizos dunha enfermeira, Jeanne Taverne, de 48 anos. Tamén empregaron como chofer ao seu marido, Alexandre. Pouco despois morreu a muller de Edouard e os Taverne instáronse a vivir na casa do viúvo. En 1957 Edouard viaxou a París e prometeu publicamente que á súa morte o 80% dos ingresos por dereitos do autor do seu irmán pertencerían á cidade de París. A idea de Edouard era crear con estes cartos un premio anual para compositores ao estilo do Premio Nobel, unha promesa que nunca se cumpriu. No último momento, Edouard cambiou a súa vontade e deixou todo á súa enfermeira, Jeanne Taverne. O resto da familia Ravel non tomou ningunha medida até que se tomou a decisión e o caso foi levado aos xulgados. O xuízo durou unha década, Jeanne Taverne morreu en 1964 e o seu marido Alexandre continuou a disputa legal. Mentres, o Boléro seguía xerando millóns, pero o director xurídico da SACEM, Jean-Jacques Lemoine, decidiu conxelar os pagamentos até rematar o xuízo. En 1970, o último tribunal francés de apelación ditou sentenza: Alexandre Taverne, o marido da enfermeira do irmán do compositor, era o herdeiro lexítimo de Maurice Ravel. Durante os anos que durou o xulgado, os dereitos do autor xeraran unha fortuna, equivalente a uns 6 millóns de euros na actualidade. Poucos días despois de rematar o xulgado, Lemoine despediuse da SACEM, montou unha nova empresa e o seu primeiro cliente foi Alexandre Taverne.
Jean-Jacques Lemoine e Alexandre Taverne non se conformaron co botín millonario. Presentaron unha demanda contra o editor de Maurice Ravel e conseguiron renegociar os contratos anteriores. Ravel cedera as tres cuartas partes dos seus dereitos de autor á súa editorial, en lugar do terzo habitual. Gañoron Lemoine e Taverne. En 1972 Lemoine aumentou a súa participación no negocio. Creou unha empresa, ARIMA, á que, por razóns que non se explican, Alexandre Taverne e a nova esposa Georgette Taverne, cederon a maior parte da propiedade dos dereitos do autor de Ravel.
Outro dos grandes beneficiarios foi Jean-Manuel de Scarano, propietario de «Éditions Durand», editora de Ravel, de 1982 a 2000. Scarano, como presidente da Unión de Editores de Música de Francia, foi un dos que conseguiron convencer ao goberno francés de ampliar a duración dos dereitos de autor de cincuenta anos a setenta despois da morte do autor.
Segundo Scarano a The Guardian, a familia Taverne segue a cobrar a súa parte a través de ARIMA. Os que non reciben nada son os familiares directos de Ravel.[14]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]- O Bolero soa a diario na Praia do Jacaré en Paraíba durante o solpor, a cargo do músico Jurandy do Sax. Tamén en Belém, na Baía do Guajará, diariamente ás 18:00 horas soa o Bolero.
- A canción forma parte da banda sonora do anime Digimon Adventure, a película Legend of Galactic Heroes e o xogo Xenogears.
- En 1961, o bailarín e coreógrafo Maurice Béjart creou a súa versión para o Bolero. En 1980, a coreografía de Béjart foi reproducida polo bailarín arxentino Jorge Donn na película Les uns et les autres do director francés Claude Lelouch.
- Unha parte de Bolero reprodúcese no oitavo episodio da segunda tempada do remake da popular serie británica Doutor Who. Tamén aparecen fragmentos en series como ALF, Dragon Ball Kai, Shin-Chan, Cuéntame, Castle, Futurama etc. Directores como Akira Kurosawa e Brian De Palma usárono como BSO en filmes seus.
- Billie Joe Armstrong interpretou unha parte desta peza no primeiro álbum en directo da banda de punk rock Green Day.Outros músicos como Jeff Beck, Jimmy Page, Charlie Palmieri, Frank Zappa, Rufus Wainwright ou Tarja Turunen (Nightwish) fixeron versións en estilos rock, hard rock, jazz, mambo etc.
- Foi reproducido en varias cerimonias e soou en diversas probas no Mundial de Fútbol (1998 e 2006) e nos Xogos Olímpicos de Inverno e de Verán, entre elas a de Toquio 2020.
- En YouTube hai varias versións do Bolero con varios millóns de reproducións, entre elas a da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, con máis de 34 millóns de visitas.[15]
- Carlos Núñez tocou unha versión con gaita no Fórum de Barcelona en 2006.[16]
- Kalandraka publicou un libro ilustrado titulado O bolero de Ravel, protagonizado por animais en perigo de extinción personificados, en galego, portugués, castelán e éuscaro.[17]
Extractos de son en MIDI
[editar | editar a fonte]
|
|
|
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Orestein, Arbie, Ravel: Man and Musician (:"Ravel: Homem e Músico")---matéria Online em Inglês.
- ↑ 2,0 2,1 Woodley, Ronald (2000), "Syle and practice in the early recordings", em Mawer, Deborah, The Cambridge Companion to Ravel, Cambridge University Press, pp. 236-237, ISBN 0-521-64856-4 ---em Inglês
- ↑ Ravel & Orenstein, A Ravel Reader, "Correspondência, Matérias e Intrevistas", por Maurice Ravel, Arbie Orestein, Appendix F, p. 541---em Inglês.
- ↑ [Boléro de Maurice Ravel, The Gramophone Company, Audio (gravação), por Piero Coppola, Paris, 8 de janeiro de 1930.]
- ↑ Calvocoressi, M. D.. "M. Ravel discusses his own work: The Boléro explained", Daily Telegraph, 1931-07-11. re-editado em "Ravel & Orenstein", p. 477---em Inglês
- ↑ "Clássico musical, 'Bolero', de Ravel, entra para domínio público". 1 de maio de 2016. Consultado o 3 de maio de 2016.
- ↑ "«Arrêt n° 281 do 27 de febreiro de 2007»". Cour de cassation (en francés). Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2008. Consultado o 17 de outubro de 2008.
- ↑ Consulte tamén: Calamo. PostScriptum, ed. ""Chroniques": Un peu de gym grâce au Boléro : cas pratique sur les prorogations de guerre" (en francés). Consultado o 17 de outubro de 2008.[Ligazón morta]
- ↑ Os 95 anos despois do peche da publicación. Peter B. Hirtle. "Cornell Univ. Táboa de protección dos dereitos de autor nos Estados Unidos" (PDF). copyright.cornell.edu/public_domain (en inglés). Archived from the original on 16 de setembro de 2008. Consultado o 17 de outubro de 2008.
- ↑ Palmarès 2005. Portail SACEM, ed. "Les œuvres de la Sacem les plus exports en 2005 (en francés)". Sacem.fr (en francés). Archived from the original on 28 de novembro de 2008. Consultado o 17 de outubro de 2008.
- ↑ Irène Inchauspé, Rémi Godeau, Main basse sur la musique. Enquête sur la SACEM, Calmann-Lévy, París, 2003, 239 p. (ISBN 2-7021-3367-3).
- ↑ "Le «Boléro» (orixinal francés) L'Humanite". Consultado o 17 de outubro de 2008.[Ligazón morta]
- ↑ Bibliothèque nationale de France. "BnF-Collections : Musique - Partitions imprimeés et manuscrites" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2008. Consultado o 17 de outubro de 2008.
- ↑ Palmarès 2005. The Guardian, ed. "Jon Henley investiga o misterio dos millóns de Bolero desaparecidos" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2008.
- ↑ Bolero de Ravel pola Orquestra Xoven da OSG. 10-1-2022.
- ↑ "Carlos Núñez toca o Boléro". arquivado en Ghostarchive.org. Consultado o 2006.
- ↑ "O bolero de Ravel". Ed. Kalandraka. Arquivado dende o orixinal o 10-01-2022. Consultado o 9-1-2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Música clásica |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Béjart Ballet Lausanne
- Jorge Donn Arquivado 17 de decembro de 2014 en Wayback Machine.