Carlos Núñez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de xullo de 1971 (53 anos) Vigo, España |
Educación | Real Conservatorio Superior de Música de Madrid |
Actividade | |
Campo de traballo | Música |
Ocupación | músico |
Período de actividade | 1996 - |
Xénero artístico | Música celta |
Instrumento | Gaita, gaita galega e Frauta |
Selo discográfico | Sony Music |
Compañeiro profesional | Alan Stivell |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Páxina web | carlos-nunez.com |
Carlos Núñez Muñoz, nado en Vigo o 16 de xullo de 1971, é un músico galego recoñecido como intérprete de gaita galega, frauta galega, ocarina, frauta irlandesa,[1] whistle[2] e low whistle.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Vigo en 1971 nunha familia comunista (o seu pai, Carlos Núñez Rodríguez, era un dos líderes do PCG), e comezou a tocar a gaita galega aos oito anos. Aos doce, foi invitado para tocar na Orquestra Sinfónica de Lorient e en 1989 gañou o Trofeo Macallan de Gaita, no Festival Intercéltico de Lorient, despois de quedar segundo nas dúas edicións anteriores.[3][4] Tamén ese ano gravou xunto ao grupo irlandés The Chieftains a banda sonora da película Treasure Island, cos que seguiría colaborando até ser coñecido como o sétimo Chieftain. Núñez ademais completou a súa formación no ensino académico obtendo a cualificación de matrícula de honra e Premio Extraordinario Fin de Carreira no instrumento frauta de pico polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.
Carlos Núñez é un estudoso incansábel da música celta e no panorama internacional está considerado como un erudito do tema. As súas investigacións seguen basicamente dúas liñas relacionadas entre si: a orixe da música celta e a súa fusión coas músicas do mundo actuais. O seu interese polo tema levouno a percorrer o globo e a relacionarse con músicos e artistas dos países que visitou, para logo plasmar os seus coñecementos e experiencias na súa prolífica discografía.
Obra discográfica
[editar | editar a fonte]En 1996 publicou o seu primeiro disco, A Irmandade das Estrelas que supuxo o boom da música celta en España. Neste disco, Núñez céntrase sobre todo na exploración da súa Galiza natal con influencias irlandeses.
No seu seguinte disco, Os amores libres, Carlos Núñez presentou unha reflexión en torno ao concepto celta explorando, entre outras, as conexións existentes entre a música tradicional galega e o flamenco. Os textos que acompañan as cancións deste disco están redactados polo escritor Manuel Rivas.
Xa en 2000 e coa publicación de Mayo longo, con Núñez xa consagrado como músico de renome e proxección internacional, o gaiteiro compuxo unha canción co ex-Supertramp Roger Hodgson. Este disco é un retorno á tradición galaica e á sinxeleza e destacou principalmente por introducirse nas radiofórmulas do momento.
O seu seguinte álbum foi Almas de Fisterra, publicado en 2003 en España e en Francia como Un Galicien en Bretagne cunha lista de cortes lixeiramente diferente. Este disco foi o resultado dunha longa permanencia do músico na Bretaña, Francia, e nel móstranse músicas tradicionais bretoas gravadas xunto a músicos famosos da Bretaña francesa.
Tamén editou un álbum recompilatorio de grandes éxitos con varios cortes novos chamado Todos os mundos e en 2004 editou un CD+DVD que contén un concerto gravado en Vigo co título de Carlos Núñez & Amigos coas súas cancións máis emblemáticas. Núñez tamén participa na banda sonora da película de Alejandro Amenábar Mar adentro.
A banda sonora do filme xaponés Gedo Senki, composta e dirixida por Tamiya Terashima, contou con Carlos Núñez como colaborador clave, contribuíndo coa súa ocarina, frauta e gaita galega en 11 das 21 pistas. Un álbum máis, "Melodies from Gedo Senki", estreouse o 17 de xaneiro de 2007, incluíndo novo material da banda sonora e temas inéditos de Núñez.[5][6]
Colaboracións
[editar | editar a fonte]Unha característica fundamental de Carlos Núñez e a súa música é a de colaborar con todo tipo de músicos de calquera nacionalidade tanto na gravación dos seus discos como nas súas actuacións en directo. A Carlos Núñez banda coa que toca en directo componse de reputados músicos como o seu irmán Xurxo Núñez -percusionista-, Pancho Álvarez -guitarrista e violinista- e Begoña Riobó -violinista-.
Así, Núñez colaborou con destacados artistas españois como Vicente Amigo, Carles Benavente, Luz Casal, Cristian Silva, Kepa Junkera ou Carmen Linares. De entre os moitos músicos internacionais cos que tocou ou gravou destacan The Chieftains e os seus integrantes Paddy Moloney, Sean O'Ríada e o defunto Derek Bell. Ademais deles, cabe destacar a Dan Ar Braz, Jackson Browne, Phil Cunningham, Ry Cooder, Ronnie Drew, Frankie Gavin, Roger Hodgson, Paddy Keenan, Noa, Máirtin O'Connor, Liam O`Flynn, Dulce Pontes, Teresa Salgueiro, Sharon Shannon, Donald Shaw e La Vieja Trova Santiaguera.
Discografía
[editar | editar a fonte]- A Irmandade das Estrelas (1996)
- Os amores libres (1999)
- Mayo longo (2000)
- Todos os mundos (2002)
- Almas de Fisterra (2003)
- Cinema do mar (2005)
- Carlos Núñez & Amigos (CD+DVD) (2006)
- Alborada do Brasil (2009)
- Discover (Recompilatorio) (2012)
- Inter-Celtic (2014)
Premios
[editar | editar a fonte]- 2011: recibiu o Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia outorgado pola Xunta de Galicia.
- 2012: Xuíz Honorario[7] do Couto Mixto.
- 2013: Medalla Castelao.
- 2023: Medalla de Galicia.[8]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ FolkWorld, FolkWorld Article: Interview with Carlos Núñez, maio de 1997
- ↑ Denselow, Robin. Carlos Núñez, Philip Pickett and Musicians of the Globe – review, 3 de febreiro de 2013
- ↑ "Alta calidad de los artistas gallegos en el Festival Intercelta de Lorient". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de agosto de 1987. p. 19.
- ↑ Bouza Barcia, X. (10 de agosto de 1988). "O enguedello do Macallan". La Voz de Galicia (en castelán). p. 20.
- ↑ Ghibliworld, MEMORIES FROM GEDO SENKI WITH CARLOS NUNEZ Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., 19 de decembro de 2006
- ↑ (en xaponés) Studio Ghibli, カルロス・ヌニェスのニューアルバムの発売決定! Arquivado 30 de decembro de 2016 en Wayback Machine., 11 de decembro de 2006
- ↑ Jainer Barros Díaz (09/07/2012). COUTO MIXTO 2012 NOMBRAMIENTO NUEVOS JUECES HONORARIOS. CARLOS NÚÑEZ (YouTube).
- ↑ "Medalla da Galiza para Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez". Nós Diario. 13 de xullo de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos Núñez |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web oficial Arquivado 03 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
- Vídeo musical: "O pozo de Arán"