Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia
Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia | |
---|---|
Tipo | academia |
Data de fundación | 1831 |
Fundador(es) | Fernando VII |
Premios | Medalla de Ouro de Galicia |
Sede | A Coruña |
En | A Coruña |
País | Galicia |
43°22′04″N 8°24′18″O / 43.367819480255, -8.4048766577607 | |
Na rede | |
https://www.ramycga.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia é unha institución creada en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1831, co nome de Real Academia de Medicina y Cirugía de Santiago de Compostela, ao mesmo tempo e en pé de igualdade que outras nove instaladas en Madrid, Valladolid, Sevilla, Cádiz, Granada, Valencia, Barcelona, Zaragoza e Palma, en virtude dun Real Decreto de Fernando VII asinado o 28 de agosto de 1827. Instalouse en Santiago o 7 de abril de 1831. Suxeitas as tales Academias á Real Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirugía, atribuíuselle, á galega, un territorio propio de actuación que comprendía Galicia e Asturias.[1]
Na actualidade a súa sede está na rúa Durán Loriga, 10, A Coruña.[2]
Nacemento
[editar | editar a fonte]O nacemento das citadas Academias representou a primeira tentativa seria para organizar, de maneira global, o devir da Medicina naquel momento, como demostra a cantidade e calidade das atribucións que lles foron encomendadas:[1]
- impartir determinadas ensinanzas útiles á "ciencia de curar" (Matemáticas, Física experimental, Botánica);
- favorecer os progresos da medicina estimulando a súa investigación;
- publicar traballos científicos, preferentemente sobre "Bibliografía Médico-Cirúrxica", "Topografía médica" etc., na súa aplicación española;
- manter correspondencia con outras Academias médicas nacionais e estranxeiras;
- formar unha Biblioteca propia;
- ocuparse da saúde pública (epidemias, vacinación antivariólica);
- perseguir o intrusismo médico-cirúrxico;
- supervisión de medicamentos;
- asesorar aos xuíces en asuntos médico-legais etc.;
- velar pola "Policía da Facultade" (elaboración de censos dos profesionais sanitarios; control de titulacións; realización dos exames do "grao de bacharel" en Medicina e das parteiras; participación nas "Juntas de Sanidad del Reino");
- participar nos tribunais de oposición para médicos directores de establecementos hidrotermais etc.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Presididas estas Academias pola "Real Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirugía", que delegaba as súas funcións no Capitán Xeneral das rexións que o tiñan, como era o caso de Galicia, estruturáronse nos tres niveis seguintes:[1]
- Os académicos numerarios. Pertencían a esta clase, por razón do seu cargo, os catedráticos dos Reales Colegios de Medicina y Cirugía e os de Medicina das Reais Universidades. Outros eran propostos e votados entre os profesionais da "ciencia de curar" máis prestixiosos, académicos agregados e académicos correspondentes, elixíndose, de entre os primeiros a quen debían desempeñar os cargos de goberno, que eran:
- Vicepresidente, que de ordinario actuaba como Presidente "en funcións" pois, como se di arriba, a Academia estaba presidida polo Capitán Xeneral. O primeiro que ostentou este cargo foi Juan de Barcia y Ávila La Cueva.
- Secretarios, un "de goberno" e outro "de correspondencias estranxeiras" e Bibliotecario-arquiveiro.
Sesións e comisións. As cuestións estudábanse en sesións ou xuntas, "literarias" (onde se trataban asuntos científicos) e "de goberno" (nas que se vían e dilucidaban os asuntos referentes ao control sanitario e ás cuestións da propia Institución) tanto ordinarias como extraordinarias celebradas, aquelas, con periodicidade quincenal, habitualmente. Existían Comisións especializadas para o mellor tratamento dos problemas que se presentaban. O seu número e denominación variou ao longo do tempo, baixo o influxo dos cambios daqueles: así, por exemplo, diremos que en 1 de xaneiro de 1833, existían seis "Comisións permanentes":
- de Sanidade ou Hixiene Pública
- de Policía da Facultade
- de Topografías
- de Vacinación
- de Augas minerais
- de Subdelegacións
Subdelegacións. O territorio asignado a cada Academia estaba dividido en "Subdelegacións" que correspondían aos "partidos xudiciais". Delas eran responsábeis os académicos agregados ou "Subdelegados" (podía haber até dous, un para o "ramo" de Medicina e outro para o de Cirurxía, que en tempos pasados correspondían a titulacións diferentes) aos que se consideraba como "académicos agregados". Bos coñecedores da problemática da súa Subdelegación eran, nela, os "ollos e oídos" da Academia, comunicándolle, por escrito, todas as irregularidades que detectaban e esperando, para executalo, o que para resolvelas decidía aquela nas súas "Xuntas de Goberno”.
Historia
[editar | editar a fonte]O traslado da Capitanía Xeneral de Galicia de Santiago de Compostela á Coruña determinou que a Academia se trasladase a esta cidade, dado que o seu presidente era o Capitán Xeneral. Isto ocorreu o 18 de xullo de 1833, oito días despois da orde cursada pola "Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirugía". Nesta cidade da Coruña, a Academia mantense até os nosos días.
Durante o período 1833-1900, a rexia institución continuou o exercicio das súas competencias en forma similar, estatutaria, a como fixera en Santiago entre 1831-33.
En 1854 participou na loita contra as epidemias que asolaron Galicia durante a segunda metade do século XIX, a maioría de cólera e tifo. En 1898 creáronse os Colexios Oficiais de Médicos que, ao ir asumindo progresivamente determinadas competencias que tiñan as Reais Academias, determinaron a perda fáctica das mesmas por estas. Esa redución competencial proseguiu, sen que ningunha disposición oficial o determinase de forma expresa, por dúas novas causas fundamentais: o exercicio paralelo das mesmas funcións por outros organismos, novos ou reestruturados (Sanidade estatal, Facultades de Medicina etc.) e o progreso das ciencias médicas que, ao erradicar, por exemplo, a maioría das vellas epidemias, fixo innecesarias moitas das actuacións neste campo.
En 1918 cesou a actividade da Academia por mor da epidemia de gripe que asolou Europa durante o bienio 1918-19 (despois da I Guerra Mundial). Tamén parou a actividade entre 1923 e 1925 por problemas de local e motivos económicos.
En 1945 a Academia pasou a denominarse "Real Academia de Distrito de Galicia y Asturias", co ánimo de igualar o seu territorio ao do respectivo "distrito universitario", neste caso o da Universidade de Santiago de Compostela, dotándose, ademais, dun novo Regulamento. Dito regulamento determinaba que podían seren nomeados académicos numerarios doutores non residentes na cidade da Coruña. O primeiro ingreso desta etapa foi o de D. Arturo Fernández Cruz, Catedrático de Patoloxía Médica da Facultade de Medicina de Santiago (8-III-1947).
En 1972 creouse a "Real Academia de Medicina de Asturias", en Oviedo (ao mesmo tempo que as situadas en Bilbao e Salamanca, para as súas respectivas zonas). En 1986 a Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia pasa a integrarse no Instituto de España como Academia asociada.[1]
A Academia na actualidade
[editar | editar a fonte]Estatutos
[editar | editar a fonte]Os Estatutos vixentes, que datan de 1970, especifican que as "misións principais" son:
- 1ª Cultivar e estimular o estudo e a investigación das ciencias médicas.
- 2ª Estudar e publicar a xeografía médica do Distrito respectivo.
- 3ª Recoller cantos materiais sexan útiles para a formación da Historia crítica e da Bibliográfica da Medicina patria.
- 4ª Auxiliar á autoridades nas cuestións sanitarias, ben evacuando as consultas que se lle fagan, ben elevando espontaneamente escritos oportunos relacionados con asuntos médicos de interese.
- 5ª Emitir os informes de medicina forense e de medicina do traballo que polas autoridades competentes lles foran interesados.
- 6ª Emitir os informes a particulares sobre asuntos da súa competencia.
- 7ª Conservar e cultivar unha Biblioteca especializada, adquirindo as obras nacionais e estranxeiras e as revistas máis importantes que os seus orzamentos lles permitan.
- 8ª Informar a cantos investigadores o desexen sobre as cuestións sanitarias, científicas e bibliográficas que se lles consulten.
Xunta de goberno
[editar | editar a fonte]A xunta de goberno en 2022 está formada por:[3]
- Francisco Martelo Villar - Presidente
- Álvaro Ruibal Morell - Vicepresidente
- Alberto Juffé Stein - Secretario Xeral
- Carlos Acuña Castroviejo - Vicesecretario-contador
- Rosa Meijide Failde - Tesoureira
- Luís Ferrer i Balsebre - Bibliotecario
Académicos
[editar | editar a fonte]- Martinón Sánchez, Federico — Pediatría
- Noya García, Manuel — Neuroloxía
- Jorge Barreiro, Francisco Javier — Anatomía Humana
- Gestal Otero, Juan J. — Medicina Preventiva
- Labella Caballero, Torcuato — Otorrinolaringoloxía
- Ansede Martínez, Alicia — Xenética
- Teijeiro Vidal, Jorge — Radioloxía
- Potel Lesquereux, Joaquín — Cirurxía Xeral e Dixestiva
- Varela Durán, Juan — Anatomía Patolóxica
- Regueiro García, Benito — Viroloxía
- Díez Baños, Pablo — Ciencias Afíns: Veterinaria
- Martelo Villar, Francisco — Cirurxía Plástica, Reparadora, Estética
- Acuña Castroviejo, Carlos — Fisioloxía
- Vázquez Fernández, Francisco — Cadeira Territorial (Lugo)
- Martínez Vázquez, José M. — Medicina Interna
- Martínez Pérez-Mendaña, Javier — Cadeira Territorial (Ferrol)
- Ferrer i Balsebre, Luís — Psiquiatría
- Gil Gil, Pedro — Cadeira Territorial (Vigo)
- Campos Villarino, Luís — Cadeira Territorial (Pontevedra)
- Suárez Quintanilla, David — Odontoestomatoloxía
- Juffé Stein, Alberto — Cirurxía Cardíaca
- Casanueva Freijo, Felipe — Endocrinoloxía
- Gelabert González, Miguel — Neurocirurxía
- Varela Cives, Ramiro — Cirurxía Infantil
- López López, Rafael — Oncoloxía
- De Toro Santos, Francisco Javier — Reumatoloxía
- Novo Domínguez, Alejandro — Obstetricia e Xinecoloxía
- Pereiro Ferreiros, Manuel — Dermatoloxía
- Domínguez Muñoz, Juan Enrique — Aparato Dixestivo
- Ruibal Morell, Álvaro — Medicina Nuclear e Image Molecular
- Álvarez Escudero, Julián — Anestesioloxía e Reanimación
- Pino Mínguez, Jesús — Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica
- García Alcón, José Luis — Medicina Militar
- Meijide Failde, Rosa — Hidroloxía Médica
- González Martín, Marcelino — Uroloxía
- Ponte Hernando, Fernando Julio — Historia da Medicina.[3]
Académicos de honra
[editar | editar a fonte]Académicos eméritos
[editar | editar a fonte]- José Miñones Trillo
- Miguel Gil de la Peña
- José Peña Guitián
- Luís Concheiro Carro
- Manuel Sánchez Salorio
- Ángel Belmonte Vicente [3]
Novos académicos
[editar | editar a fonte]No marco da sesión plenaria da institución celebrada o 6 de outubro de 2022, a Academia designou aos titulares de dúas prazas de nova creación e a tres titulares de cadeiras xa existentes:[4]
As cadeiras de nova creación foron a de Medicina e Rehabilitación, para a que se elixiu a Teresa Jorge Mora, xefa do Servizo de Rehabilitación da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, que desenvolveu a súa actividade clínica no campo da rehabilitación da patoloxía neurolóxica e da rehabilitación intervencionista mediante o desenvolvemento de técnicas ecoguiadas minimamente invasivas para o tratamento de diversos procesos, principalmente a espasticidade e a dor, e a de Medicina de Familia e Comunitaria, para a que foi designado Rosendo Bugarín, especialista en medicina e en medicina de urxencias, que na actualidade é médico de familia do Centro de Saúde de Monforte de Lemos do que é xefe do servizo, e que anteriormente ocupou diversos postos directivos de xestión no Sergas e é profesor da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo.[4]
Para as outras cadeiras os elixidos foron Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, director da Fundación Pública de Xenómica e actual presidente da Academia Internacional de Medicina legal , un dos científicos de maior impacto en todo o mundo na medicina forense e da xenética clínica, e que nos últimos quince anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e da medicina xenómica; Carmen Montero Martínez, xefa do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, que dedicou especial atención á broncoscopia, ao cancro de pulmón e á enfermidade intersticial, e foi presidenta da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (2007-2011), e Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e profesor titular de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela.[4]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Origen, territorio, atribuciones y estructura Arquivado 16 de outubro de 2022 en Wayback Machine.. RAMCG.
- ↑ RAMCG. Contacto.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Organigrama funcional de la Academia (a marzo de 2022) Arquivado 14 de outubro de 2022 en Wayback Machine.. RAMCG. Consultado o 11 de outubro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 La Voz de Galicia, Redacción (11 de outubro de 2022). "Carracedo, Teresa Jorge, Federico Martinón, Rosendo Bugarín y Carmen Montero, académicos de Medicina". La Voz de Galicia. Consultado o 11 de outubro de 2022.