Saltar ao contido

Caranza, Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Caranza»)
Modelo:Xeografía políticaCaranza, Ferrol
Imaxe

Localización
Mapa
 43°28′47″N 8°12′11″O / 43.47975, -8.20309
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña
ConcelloFerrol Editar o valor en Wikidata

Caranza é un distrito de Ferrol. Situado no alfoz da cidade, a rentes do mar, ten a súa orixe no ano 1970 cando o Ministerio da Vivenda franquista ordenou a súa construción coa idea de que servise de aloxamento ás familias expulsadas mediante expropiación do antigo barrio de Esteiro, que foi demolido en 1974 polos planos urbanísticos. O novo barrio foi inaugurado o 22 de agosto de 1972 coa práctica totalidade das edificacións finalizadas. A entrega das novas vivendas, xa rematadas, viuse sometida a un escandaloso atraso, obrigando a maior parte das familias (de orixe obreira e humilde) a malvivir en barracóns durante máis de tres anos. No ano 1977 nunha acción espontánea e non organizada as casas comezan a ser ocupadas pola forza, sen maior oposición por parte das autoridades.

Caranza constituía parroquia de seu, e está documentada xa no século IX como Santa María de Carancia. En 1940, ao ser anexado o concello de Serantes polo de Ferrol, pasou a ser parroquia rural de Ferrol[1] e dende os anos setenta, coa construción do polígono residencial, en distrito da cidade.

O barrio, axiña convertido nun enclave-dormitorio para os obreiros da cidade, sufriu relativos abandonos por parte do poder municipal, configurándose cada vez máis a súa situación marxinal, e pasando a dotarse de moitas infraestruturas e actividades por iniciativa propia dos veciños, especialmente no ámbito deportivo. Iso tamén contribuíu a forxar parte da conciencia de barrio e do orgullo dos seus habitantes.

Na década de 1980 sufriu dun xeito especialmente intenso as consecuencias da crise naval, pasando a albergar unha boa parte dos novos parados ou afectados polas reconversións navais. A isto hai que sumarlle o impacto da heroína na súa mocidade, que o converteu durante boa parte dos anos oitenta nun dos lugares máis deprimidos, marxinados e violentos de Galiza, afectándolle tamén a consecuente caída demográfica conforme ían pasando os anos.[2]

Un grupo de persoas da veciñanza, profesionais e do mundo da política ferrolana comezaron en 1985 a súa loita particular, creando a primeira Asociación Ferrolán de Drogodependencias (ASFEDRO).[2]Na súa traxectoria, a asociación foi recoñecida en varias ocasións[3] e tras 25 anos de loitas contra a drogadición na comarca, o seu traballo foi recoñecido no ano 2010 co Premio Ferrolán do Ano, coa unanimidade do concello.[4]ASFEDRO foi declarada entidade de utilidade pública pola Xunta de Galicia en 2019.[5]

Carril bici en Caranza

En 1987 a Asociación de Veciños impulsou o Plan de Desarrollo Comunitario Barrio de Caranza centrado en superar os problemas relacionados coa drogodependencia,[6]con actuacións sociocomunitarias e educativas abertas a toda a poboación. Foi o primeiro dos plans comunitarios galegos, que rematou unha vez que se acadaron os obxectivos do mesmo.[7]Este plan comunitario involucrou a todo o barrio e valéulles o Premio Reina Sofía ao traballo social, en 1990.

Deste xeito o na década de 1990 o poder municipal levou a cabo unha serie de iniciativas, coa finalidade de mellorar as súas infraestruturas, en especial o transporte, e tamén o seu aspecto externo. Unidas á proximidade e posterior desenvolvemento do polígono comercial da Gándara, estas iniciativas normalizaron un tanto a relación do barrio co resto da cidade.

A comezos do século XXI construíronse un polideportivo, nomeado Xavier Gómez Noya,[8] unha nova igrexa[9] e un centro de día de maiores.

Educación

[editar | editar a fonte]

No barrio hai un colexio público, o CEIP Ledicia (antes Manuel Masdías, situado entre As Casas do Paseo, As Grises e o Mercado Municipal de Caranza), dous colexios concertados e de ámbito relixioso, o Santa Xoana de Lestonnac, da Compañía de María (nas Casas de Xava), e o La Salle Ferrol dos Colegios La Salle.[10] Tamén hai un instituto, o IES Carballo Calero, e un centro de formación, o Rodolfo Ucha Piñeiro.[11]

O Concello de Ferrol creou o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, no ano 1989, na Avenida do Mar, 2-4. A partir do ano 1997 pasou a ser xestionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.[12]

O EPAPU Santa María de Caranza, é un centro de formación para adultos fundado en 1984, e que despois de diferentes espazos estabeleceuse no edificio do desaparecido e antigo Centro de E.X.B Santamaría de Caranza, en 1995.[13]

Seguridade

[editar | editar a fonte]

O barrio de Caranza tivo fama de ser un dos barrios menos seguros de toda Galiza pola grande concentración de colectivos marxinados pola sociedade (pobo xitano) e a gran presenza de drogas nos anos 80.[14]

Posteriormente, Caranza volveu ser un barrio relativamente tranquilo, exceptuando situacións puntuais.[15]

No ano 2024, o barrio de Caranza foi protagonista na serie de televisión Rapa, como un dos escenarios no primeiro capítulo.[16]

O club Sociedad Cultural Deportiva Recreativa Galicia de Caranza, nado a finais dos anos vinte do pasado século, é o referente deportivo e futbolístico do barrio, xogando en Terceira Rexional Galega.[17]

  1. "Caranza". IES Ricardo Carballo Calero. 
  2. 2,0 2,1 "La generación perdida de Caranza - Edición impresa - EL PAÍS". web.archive.org. 2017-12-01. Archived from the original on 01 de decembro de 2017. Consultado o 2024-07-30. 
  3. "Reconocimientos - ASFEDRO" (en castelán). Consultado o 2024-08-04. 
  4. "Asfedro recibirá el viernes el título de Ferrolán do Ano". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-01-05. Consultado o 2024-07-30. 
  5. "DOG 92 del 15/05/2019 - ORDEN de 7 de mayo de 2019 por la que se declara de utilidad pública la Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro).". www.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2024-08-04. 
  6. "escritorio.jpg". Google Docs. Consultado o 2024-07-30. 
  7. "Plan Comunitario del Barrio de Caranza (Ferrol) – Proyecto Hogar" (en castelán). 2022-11-05. Consultado o 2024-07-30. 
  8. "El complejo de Caranza ya lleva el nombre de Javier Gómez Noya". La Voz de Galicia (en castelán). 2008-12-29. Consultado o 2024-07-30. 
  9. "Nueva iglesia para Caranza". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 
  10. "Historia do Colexio". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 
  11. "CIFP Rodolfo Ucha". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2013. Consultado o 26 de maio de 2013. 
  12. "Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño - Ferrol". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2024-07-30. 
  13. "EPA Ferrol". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2024-07-30. 
  14. "Documento_2022-08-04_161120.jpg". Google Docs. Consultado o 2024-07-30. 
  15. "Robos y reyertas marcan en Ferrol los barrios más castigados por la droga". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-09-04. Consultado o 2023-12-11. 
  16. "La discoteca Onda, Caranza y Pantín se reparten protagonismo en el primer capítulo de "Rapa"". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2024-10-03. 
  17. "Galicia de Caranza". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]