Ernest Lawrence
Ernest Orlando Lawrence, nado en Canton (Dacota do Sur) o 8 de agosto de 1901 e finado en Palo Alto (California) o 27 de agosto de 1958, foi un físico estadounidense laureado co Premio Nobel de Física e coñecido sobre todo pola invención, utilización e mellora do ciclotrón, e polo seu traballo posterior en separación de isótopos de uranio no Proxecto Manhattan. Estivo ligado durante moito tempo coa Universidade de California, onde impartía clases de física. En 1939, outorgouse o Premio Nobel Lawrence polo seu traballo no ciclotrón. O elemento químico número 103 recibe o nome de "laurencio" na súa honra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lawrence asistiu a clases no St. Olaf College de Minnesota, pero foi transferido á Universidade de Dacota do Sur tras o primeiro ano. Conseguiu o título de bacharelato en 1922. Recibiu a súa tese doutoral en física pola Universidade Yale en 1925. Permaneceu en Yale como profesor dando clases de efecto fotoeléctrico, pasando a ser profesor asistente en 1927.
En 1928 foi nomeado profesor asociado de física na Universidade de California e dous anos máis tarde conseguiu unha praza de profesor, o máis novo de Berkeley. Alí recibiu o sobrenome de "Atom Smasher" (destrozador de átomos); o home que "tiña a clave" da enerxía atómica. "Quería facer 'física grande', o tipo de traballo que só podes facer a grande escala con moita xente involucrada" dixo Herbert York, o primeiro director do laboratorio Lawrence Livermore, como se di na páxina oficial do laboratorio.
A invención que lle reportou fama mundial partiu dun esbozo nun anaco de papel. Mentres estaba sentado na biblioteca unha tarde, Lawrence ollou un artigo e quedou intrigado ao ver un dos diagramas. A idea era producir as partículas de moi alta enerxía necesarias para a desintegración atómica mediante unha sucesión de "empuxóns" pequenos. Lawrence díxolles aos seus colegas que atopara un método para obter partículas de moi alta enerxía sen necesitar altas voltaxes.
O primeiro modelo de ciclotrón estaba feito de arame e cera, e probablemente custaba menos de 25$ en total. E funcionou: cando Lawrence aplicou 2.000 voltios de electricidade ao seu ciclotrón artesanal obtivo proxectís de 80.000 voltios. Mediante máquinas cada vez maiores, Lawrence foi capaz de proporcionar o equipamento necesario para os experimentos de física de altas enerxías. Ao redor deste dispositivo, Lawrence construíu o seu laboratorio de radiación, que sería un dos laboratorios máis avanzados no tocante á investigación en física. Recibiu a patente do ciclotrón en 1934, que concedeu á Research Corporation. En 1936 pasou a ser director do laboratorio de radiación da universidade, cargo que exercería ata a súa morte.
En novembro de 1939 Lawrence gañou o Premio Nobel de Física polo seu traballo no ciclotrón e as súas aplicacións. A cerimonia celebrouse en Berkeley (California) debido á segunda guerra mundial. Lawrence recibiu a súa medalla do Cónsul Xeral de Suecia en San Francisco.
Durante a segunda guerra mundial, Lawrence axudou en gran medida nas investigacións estadounidenses das armas nucleares. O seu laboratorio sería un dos centros principais para a investigación de armamento nuclear, e sería Lawrence o que introduciu a Robert Oppenheimer no Proxecto Manhattan.
Tras a guerra, Lawrence fixo campañas a favor das subvencións estatais aos grandes proxectos científicos. Lawrence era un forte defensor da "Gran ciencia", que necesita de grandes máquinas e moito diñeiro.
En xullo de 1958, o Presidente Eisenhower enviou a Lawrence a Xenebra para negociar a suspensión das probas nucleares coa Unión Soviética. Lawrence enfermaría en Xenebra, e foi obrigado a volver a Berkeley. Falecería un mes máis tarde en Palo Alto, California.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ernest Lawrence |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A páxina do American Institute of Physics History Center website sobre Ernest Lawrence
- Lawrence Livermore Lab: Biografía
- Ernest Lawrence
- Lawrence and His Laboratory: A Historian's View of the Lawrence Years Arquivado 18 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine. por J. L. Heilbron, Robert W. Seidel, and Bruce R. Wheaton.
- Bibliografía anotada de Ernest Lawrence da Alsos Digital Library
- biografía de Ernest O. Lawrence
- Ernest O. Lawrence Arquivado 01 de novembro de 2007 en Wayback Machine. e Leó Szilárd