Historia da Coruña
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2020.) |
Historia da Coruña | |
Recorte dun mapa da Coruña de 1847. | |
Historia | da Coruña, Galicia |
Categoría | Historia da Coruña |
Relacionados | |
Historia | Historia de Galicia · Historia de Santiago · Historia de Lugo · Historia de Pontevedra · Historia de Vigo · Historia de Ourense |
A historia da Coruña abrangue a historia da cidade da Coruña. Érguese nunha península situada na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O territorio que abrangue o actual concello da Coruña foi sucesivamente poboado en época castrexa e romana, pero é a comezos do século XIII cando a cidade é refundada na localización orixinal da Cidade Vella ao sueste da península. Co paso dos séculos a cidade estenderase progresivamente a través do tómbolo cara ao continente.
Prehistoria
[editar | editar a fonte]Asúmese que A Coruña pode ser a poboación que Tolomeo menciona no século II d.C. como Brigantium; estaría habitada polos Ártabros. Baixo esa suposición, algúns autores afirman que a parte máis antiga da cidade, coñecida popularmente como Cidade Vella, Cidade Alta ou a Cidade, está edificada sobre un castro, mais até o momento nesta parte da cidade non apareceu ningunha evidencia arqueolóxica na que apoiar esta afirmación.[1] Si que hai restos arqueolóxicos de época castrexa noutras zonas do termo municipal, coma os do Castro de Elviña e o de Nostián.
Idade Antiga
[editar | editar a fonte]A chegada dos romanos á zona prodúcese da man de Xulio César no ano 62 a.C.. A vila comezou a medrar, en particular durante os séculos I e II d.C. (cando se constrúe a Torre de Hércules), para decaer a partir do século IV d.C. e especialmente coas incursións normandas, que parece que teñen feito fuxir á poboación cara ao interior da ría do Burgo. A poboación recibe daquela o nome de Burgo do Faro.
Idade Media
[editar | editar a fonte]Tras a caída do Imperio Romano, A Coruña aínda conta cun porto comercial conectado ó estranxeiro, se ben os contactos co Mediterráneo van sendo substituídos por África Occidental e a fronte atlántica europea. Mais o proceso desurbanizador que segue á caída do Imperio tamén afecta á cidade. Nos séculos VII e VIII a cidade é unha pequena aldea de labregos e mariñeiros situada na praia que hoxe está baixo as rúas Real e Rego de Auga
O Cronicón Iriense -escrito no século XI-, cita a Faro (é dicir, A Coruña) coma unha das dioceses que o rei Miro concedeu ó episcopado de Iria Flavia no ano 572:
"Mirus Rex Sedi suae Hiriensi contulit Dioceses, scilicet Morratium, Salinensem, (...) Bregantinos, Farum..."
[O Rei Miro conferiu á súa sé iriense as dioceses de Morrazo, Salnés (...). Bergantiños, Faro...] Cómpre dicir que naquel tempo o termo "diocese" non era sé do bispo, senón máis ben unha subdivisión do territorio que este abranguía.
A invasión árabe da Península non inflúe nos restos arqueolóxicos atopados na cidade e non se pode afirmar que os árabes chegaran á cidade con rotundidade. O meirande problema que enfrontan os cidadáns da cidade na alta idade media son as razzias normandas (estaría mellor falar de viquingos, xa que os normandos pese a te-la mesma orixe, era un pobo cristián e máis interesado na influencia sobre Francia e a Heptarquía anglosaxoa). Ó longo do século IX prodúcense varios ataques viquingos á cidade chamada Faro ou Faro Bregancio.
No ano 991, o rei Vermudo II emprende a construción de postos militares costeiros con carácter defensivo. En Faro, nos restos da Torre de Hércules establécese unha fortaleza que terá unha guarnición militar permanente. Para sufraga-lo seu custo, cede a potestade da vila ó bispo de Santiago quen será a figura predominante en Galicia ata o século XV.
O 1 de xuño de 1208[3], Afonso VIII refundou Crunia como porto de reguengo (iuxta Turrim de Faro in loco qui dicitur Crunia, na carta do Foro de Benavente). Co privilexio de desembarcar e vender sal sen pagar ningún imposto, a vila enceta un grande desenvolvemento mercante e pesqueiro. A cidade medra e esténdese polo tómbolo da península. O actual centro da cidade era "A Peixería", e nela asentábase o gremio dos mareantes. En 1446 Xoán II concédelle o título de cidade. Os Reis Católicos instalaron nesta cidade a Real Audiencia do Reino de Galicia, abandonando Compostela, para evitar así a intromisión arcebispal. A Coruña recibiu tamén a sede do Capitán xeneral.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Carlos I reuniu na Coruña as Cortes que o coroarían emperador, e a Xunta do Reino de Galicia conseguiu entre 1522 e 1529 que se lle concedese a Casa da Especiaría, o que lle permitiu distribuír en Europa as especias. Autorizouse o comercio coas Indias entre 1529 e 1575. Como protección construíuse o Castelo de San Antón.
Do seu porto partiu en 1554 Filipe II para casar con María Tudor e en 1588 a Armada Invencible, rumbo ao seu desastre. Francis Drake cercouna o ano seguinte pero foi rexeitado e naceu entón o mito de María Pita cando esta muller colleu a arma do seu home morto e continuou disparando. Tras queimar o mosteiro de San Domingos, o barrio de San Tomás e A Peixería, os ingleses retiráronse o 19 de maio.
Nos séculos XVI e XVII, as continuas guerras da monarquía española implicaron un grande aumento dos impostos e o recrutamento da poboación, co que a cidade sufriu unha recesión. En 1620, Filipe III creou a Escuela de los Muchachos del Mar. En 1682 restaurouse a Torre de Hércules a cargo do arquitecto Antúnez.
Na guerra de sucesión, a cidade volveu a sufrir a alza dos impostos e o recrutamento. Co remate da guerra en 1716 seguiu medrando, grazas ás actividades produtoras e exportadoras dos empresarios cataláns afincados na cidade. A partir de 1764, coa instalación dos Reais Correos Marítimos a América, A Coruña adquiriu o pulo portuario e comercial definitivo. Tamén se creou o Consulado do Mar.
En 1804 creouse a Fábrica de Tabacos da Coruña, berce do movemento obreiro e durante o século XIX fóronse instalando lentamente outras industrias (vidro, fundición, tecidos, gas, mistos etc., aínda que foi o comercio marítimo e a emigración o que atraeu os investimentos cataláns, maragatos, belgas, franceses ou ingleses. O Banco de La Coruña fundouse en 1857 e a Caja de Ahorros en 1876. Tamén influíu no desenvolvemento económico a nova división provincial de 1832, que reduciu o número de provincias de 7 a 4 e aumentou a actividade burocrática administrativa. Con efecto, A Coruña converteuse na capital rexional de facto.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Século XIX
[editar | editar a fonte]A resistencia durante a Guerra da independencia española estivo desde o principio liderada por Sinforiano López, e A Coruña foi a única cidade galega que logrou oporlle resistencia aos franceses. O 16 de xaneiro de 1809, na batalla máis significativa, a Batalla de Elviña, as tropas francesas acosaron as inglesas que fuxían e nela morreu o xeneral inglés Sir John Moore, logrando a pesar disto o seu obxectivo, que era embarcarse rumbo a Inglaterra. Os franceses abandonaron Galiza a finais de maio.
O 19 de agosto de 1815, o mariscal de campo Juan Díaz Porlier, "O Marquesiño", pronunciouse contra Fernando VII e na defensa da Constitución de 1812. Contaba co apoio da burguesía e da intelectualidade. Marchou co exército sobre Santiago mais, o 22 de agosto foi traizoado, preso e levado para o Castelo de Santo Antón. Foi enforcado no Campo da Leña dous meses máis tarde.[4] En todos os levantamentos do século XIX Coruña aliñouse do lado liberal. A Coruña xogou tamén un papel vital no Rexurdimento e nela fundáronse a Real Academia Galega en 1906 e as Irmandades da Fala en 1916.
Na primeira metade do século, a cidade experimentou un notábel aumento de poboación, pasando de 12.000 habitantes a 20.000.
Século XX
[editar | editar a fonte]A comezos do século XX, A Coruña contaba cuns 45.000 habitantes, que se multiplicaron até máis de 133.000 após a Guerra civil española. A partir da década de 1960, recobrou a iniciativa empresarial que perdera desde comezos de século da man do grande promotor da cidade, Barrié de la Maza (Banco Pastor, Fenosa, Aluminio de Galicia, Genosa, Emesa etc.); obtivéronse tamén a refinaría de petróleo e algúns dos primeiros Polos de Desenvolvemento.
As eleccións de 1931
[editar | editar a fonte]Nas eleccións españolas de 1931 tódolos partidos políticos sabían o que estaba en xogo. Grande foi a campaña de Unión Monárquica na Coruña, apoiada por El Ideal Gallego. Mentres, republicanos e socialistas constituíron un bloque, formado pola ORGA, republicanos independentes, PSOE e os radical-socialistas.
Nas eleccións, os republicanos obtiveron 34 das 39 concellarías. Os mellores resultados foron os da ORGA e os do Partido Republicano Radical Socialista, e baixou moito o Partido Radical.
Agrupación políticas durante a Segunda República Española
[editar | editar a fonte]- A dereita involucionista, entre eles a Unión Monárquica Nacional, non tiña grandes apoios na cidade. Había na Coruña dous grupos das JONS, liderados por Juan Canalejo Castells e Enrique Sáez, que recibiron a Ramiro Ledesma na súa visita á cidade en 1933. Máis apoios tivo a Falange, especialmente trala unión coas JONS. Deixando de lado á Falange e ós seus achegados, destacaba tamén un sector arredor do xornal El Ideal Gallego.
- Á CEDA únense na Coruña a Federación Católica Agraria, de Vázquez Gundín. Conta na cidade co apoio do xornal El Ideal Gallego. Nesta agrupación militou Benito Blanco Rajoy.
- A dereita republicana vese representada na cidade pola Asociación Social Republicana, dirixida por Eliseo Sánchez Otero; que é parte do Partido Liberal Republicano.
- O Partido Radical conseguiu unicamente en 1931 tres concelleiros na cidade. Cambiaron de táctica en 1933 facendo coalición co Partido Republicano Gallego e obtiveron dous deputados pola provincia da Coruña. Coa escisión de 1934, o sector coruñés intégrase no Partido Radical Demócrata de Diego Martínez Barrio.
Durante a ditadura de Francisco Franco
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ditadura de Francisco Franco.
- Véxase tamén: Oposición ó franquismo.
A maioría dos que defenderon á república durante a guerra civil española marcharon ó exilio, e os que quedaron sufriron a represión do novo réxime. Os vencedores ocuparon tódolos postos dos "depurados", seguindo o dos títulos universitarios "por guerra", e rematando coa toma de postos da administración polos máis "leais e fieis". Namentres, os nazis asasinaban 13 coruñeses en Mauthausen[5].
Un grupo de franquistas, liderado por Pedro Barrié de la Maza, adquiriu o pazo de Meirás por 400.000 pesetas (uns 2.400 euros), que foron obtidas mediante subscrición popular (non sempre voluntaria), co que agasallaron ó ditador. No ano 1970, ETA estivo a piques de atentar contra Franco no seu veraneo, pero fallou a loxística no derradeiro momento.
No plano urbanístico e ambiental, o franquismo foi nefasto para A Coruña. Houbo construción desenfreada, arrasando nalgúns casos antigos lugares característicos da cidade (praza de touros, praza de Pontevedra, antigo hotel Atlántico); privatízanse praias, constrúese indiscriminadamente arredor da praia de Riazor; etc.
Na etapa dos plans de desenvolvemento, A Coruña sufriu pola mala xestión do seu Plan de Desenvolvemento, coa construción de industrias na mesma cidade, o desenfreado expansionismo urbano (provocado pola inmigración descontrolada) e unha mala integración social. Aínda hoxe a cidade sofre as consecuencias.
A oposición
[editar | editar a fonte]Namentres, a oposición non estaba inactiva. Primeiramente, toda a oposición procede dos "fuxidos", aínda que máis adiante organízanse unhas novas guerrillas galegas. Estas operan no rural, pero executan algunhas das súas accións na cidade (como Manuel Bello, que asasina ó redactor de El Ideal Gallego Arcadio Vilela en 1946, ou as aparicións de Foucellas).
A CNT, pola súa parte, consegue grazas a Manuel Fernández e Juan García Durán reorganizarse na cidade. Tras varias "conspiracións contra a legalidade", son detidos. Durán é condenado a morte, pero finalmente conmútaselle a pena. Coa súa detención, a Policía desmantela practicamente toda a estrutura da CNT.
Os galeguistas, pola súa parte, fanse xa presentes no ano 1952, e organízanse a partir de 1963 arredor da asociación cultural O'Facho. Os promotores da editorial Galaxia, conseguirán facerse co control da Real Academia Galega. A dona Victoria Armesto escribe un artigo en La Voz de Galicia a prol do idioma galego, polo que o Ministerio de Información e Turismo, dirixido por Manuel Fraga Iribarne, expedienta o xornal e multa o seu director.
Xa nos anos sesenta e setenta, a apertura parcial do réxime fai que novas ideas democráticas entren no país, e hai unha clara evolución a respecto da oposición á ditadura. UGT e CCOO ían asentándose entre as clases traballadoras.
Restauración democrática
[editar | editar a fonte]Desde o 1983 ata o 2006 foi alcalde Francisco Vázquez Vázquez, que acometeu unha renovación da súa fisionomía e a conversión nunha cidade de servizos, pero tamén contou con críticas pola súa falta de respecto á lingua galega e pola súa actuación urbanística. O 20 de xaneiro de 2006 o Consello de Ministros nomeou a Paco Vázquez embaixador no Vaticano, co cal tivo que deixar a alcaldía. Substituíuno Javier Losada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Historia de La Coruña, p. 53. José María Bello et al. Vía Láctea. 1995.
- ↑ Los Príncipes inauguran un monumento que conmemora 800 años de A Coruña como ciudad
- ↑ Pallares Méndez, María del Carmen e Portela Silva, Ermelindo, De Xelmírez aos Irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV). A gran historia de Galicia, Tomo V, Volume 1. Arrecife Edicións Galegas (2007). ISBN 978-84-96931-09-1.
- ↑ "Jefe de guerrillas en León durante la ocupación napoleónica". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2016. Consultado o 12 de setembro de 2016.
- ↑ Historia de la ciudad de La Coruña, páxina 509 (José Ramón Barreiro Fernández), Biblioteca Gallega.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia da Coruña |
A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |