Saltar ao contido

Manuel García Diéguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaManuel García Diéguez
Biografía
Nacemento25 de novembro de 1871 Editar o valor en Wikidata
valor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Morte28 de agosto de 1962 Editar o valor en Wikidata (90 anos)
Vilaza, España Editar o valor en Wikidata
Alcalde de Santiago de Compostela
6 de novembro de 1936 – 15 de novembro de 1938
← Juan Varela de LimiaJuan Gil Armada →
Alcalde de Santiago de Compostela
28 de xullo de 1936 – 10 de outubro de 1936
← Ánxel CasalJosé Puente Castro → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar, político Editar o valor en Wikidata

Manuel García Diéguez, nado o 25 de novembro de 1871[1] e finado en Vilaza (Monterrei) o 28 de agosto de 1962, foi un militar e político galego. Foi o primeiro alcalde compostelán do franquismo, en xullo de 1936.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Carreira militar

[editar | editar a fonte]

Probablemente procedía da vila monterreiresa de Vilaza, onde abunda o apelido Diéguez e onde adoitou pasar os seus períodos de descanso ao longo da súa vida.[Cómpre referencia] Foi militar de profesión, alistándose coa data do 11 de marzo de 1894[1], cando contaba 22 anos de idade. Entre 1898 e 1900 cursou a súa capacitación como oficial na Academia de Infantaría de Toledo[2][3].

O seu primeiro destino, co ascenso ao grao de tenente 2º, obtívoo o 5 de abril de 1900 cara ao Rexemento de Zaragoza nº 12, con sede en Santiago de Compostela[1]. O derradeiro día de 1903 tivo o ascenso a tenente 1º[4], permanecendo en Santiago ata setembro de 1909. Neste tempo foi un membro activo da chamada Sociedade Cooperativa Cívico-Militar da cidade, baixo a presidencia do político local Juan Varela-de Limia López. Esta primeira etapa compostelá finalizou co seu traslado en setembro do devandito ano ao Rexemento de Ceriñola nº 42, con base en Ourense, que ao pouco de chegar foi movilizado para participar na guerra de Melilla ata febreiro de 1910. Ao seu regreso, incorporouse de novo ao Rexemento de Ceriñola, que nese momento estaba en Pontevedra[5].

Tras obter un novo ascenso o 29 de setembro de 1910, neste caso ao grao de capitán, foi adscrito en outubro á Zona de Recrutamento de Coruña nº 50 con destino á Caixa de Recruta de Santiago[6][7], dando inicio así ao seu segundo período compostelán. Este traballo no proceso de alistamento da tropa apenas durou un ano, logo que a finais de novembro de 1911 foi incorporado outra vez ao Rexemento de Zaragoza nº 12, na mesma cidade, onde disfrutaría do seu período de servizo máis longo da súa carreira militar. Neste tempo, á parte das súas labores de instrutor da tropa, formou parte de diversos consellos de guerra, como por exemplo o que xulgou en decembro de 1911[8] a chamada matanza de Noia, sucedida o 24 de novembro do ano anterior[9], que foi o derradeiro motín de consumos producido en Galicia, na que participaron uns tres mil manifestantes.

En xaneiro de 1918 foi novamente trasladado, deixando Galicia. Neste caso foi ao Batallón de Cazadores Gomera-Hierro nº 23, con sede en San Sebastián de la Gomera[10]. Porén, apenas seis meses despois regresou á península por permuta con outro capitán[11], incorporándose por segunda vez á Caixa de Recruta de Santiago nº 105[12]. En 1919 este destino cambiou de denominación, pasando a ser a Caixa de Recruta de Santiago nº 97, dentro da Zona de Recrutamento de Coruña nº 42[13], onde permanecería ata setembro de 1924. Nesta data, sendo aínda capitán, obtivo un novo emprego no Somatén Armado da VIII Rexión Militar (Galicia)[14][15], con sede na Coruña, onde se mantivo tras o seu ascenso a comandante, producido con data de 5 de xaneiro de 1925[16]. O Somatén foi un corpo auxiliar do Exército de carácter parapolicial que, tradicionalmente, funcionou en Cataluña e no País Vasco, pero que a ditadura de Primo de Rivera estendeu a todas as rexións españolas por un real decreto do 23 de setembro de 1923, co cometido de manter a orde pública, inspirándose para a súa organización nas camisas negras italianas do fascismo mussoliniano. Porén, García Diéguez durou moi pouco neste posto, xa que a principios de marzo de 1925 foi declarado dispoñible para un novo destino en Galicia[17], o que se materializou a finais do mesmo mes co seu traslado á Caixa de Recruta de Allariz nº 104, dentro da Zona de Recrutamento de Ourense nº 65[18][16], na que tomou posesión a finais de abril[19]. En Allariz precisamente a súa filla María coñecería ao industrial de Valverde Benito Conde Conde, co que finalmente casou en Vilaza en decembro de 1927[20].

O seu paso por Ourense foi, novamente, breve, posto que en 1926 foi declarado excedente do Exército[21], adscrito á cidade de Pontevedra[22], pero mantendo a súa residencia en Santiago. Tras varios anos nesta situación, a finais de outubro de 1929 foi nomeado xefe local do novo Servizo Nacional de Educación Física, Cidadá e Premilitar (SNEFCP) da vila de Arzúa[23][24][25]. O SNEFCP foi unha organización, creada na mesma ditadura de Primo de Rivera co obxectivo de adoutrinar militarmente aos mozos antes de chegaren ao servizo militar e de «mellorar a raza»[26], que durou entre xaneiro de 1929 e xaneiro de 1931. Tras a caída de Primo de Rivera, este servizo disolveuse e García Diéguez foi declarado o día 4 excedente forzoso en situación de dispoñible da VIII Rexión militar[27]. De feito, isto significou a súa baixa do Exército, porque coa chegada da Segunda República, separouse do servizo a un gran número de militares do antigo réxime.

A alcaldía compostelá

[editar | editar a fonte]

Durante o tempo da República, García Diéguez continuou residindo en Compostela. Ao producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e triunfar o día 20 en Santiago[28], o alcalde compostelán Ánxel Casal entregoulle ao día seguinte o mando ao xefe do cuartel, o comandante José Bermúdez de Castro. Este á súa vez foi substituído o día 27 polo tenente coronel Luis Mariñas Gallego, quen á súa vez foi substituído o día 31 polo coronel Francisco Judel.

O tenente coronel Luis Mariñas nomeou o día 28 unha xestora municipal baixo a presidencia de Manuel García Diéguez[29], quen ocupou a alcaldía compostelá ata que foi cesado o día 10 de outubro e substituído polo doutor José Puente Castro[30]. Non obstante, a autoridade militar botouse atrás e no nomeamento dunha nova corporación municipal no día 23 xa non figuran o doutor Puente nin Manuel García Diéguez[31].

Dun modo insospeitado, o 6 de novembro foi cesado Juan Varela de Limia e o comandante García Diéguez volveu tomar posesión do cargo de "Alcalde-Presidente da Comisión xestora desta cidade"[32], que non abandonou ata a súa substitución o 15 de novembro de 1938 por Juan Gil-de Araujo Armada, marqués de Figueroa. Durante o seu mandato municipal, desenvolveuse unha "represión sistemática de todos os fieis á República"[33], dando comezo ás depuracións e paseos, como a de Ánxel Casal e tantos outros.

Pouco antes do seu cesamento como alcalde, o 23 de outubro, foi nomeado vogal da Xunta Provincial de Economía e Abastos con sede na Coruña, e pouco despois, a partir do 5 de decembro, proposto e designado deputado na Deputación da Coruña. Continuou como deputado provincial ata 1942. Retirouse do exército coa graduación de tenente coronel.

Finou na súa casa de Vilaza (Monterrei) con 90 anos.[34]


Predecesor:
Ánxel Casal Gosenge
 
Alcalde de Santiago
 
1936
Sucesor:
José Puente Castro
Predecesor:
Juan Varela de Limia García
 
Alcalde de Santiago
 
1936-1938
Sucesor:
Juan Gil-de Araujo Armada

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Concepción Rivadulla Codesido, coa que tivo dúas fillas, Rosa (alcumada Tita) e María (Maruja). Adoitaba pasar longas tempadas coa familia nas súas posesións en Vilaza (Monterrei). Entre as súas afeccións estivo o xadrez, participando en competicións domésticas[35].

  1. 1,0 1,1 1,2 Ministerio da Guerra, ed. (1902). "Anuario Militar de España. Año 1902". Anuario Militar de España: 480. 
  2. Ministerio da Guerra, ed. (1899). "Anuario Militar de España. Año 1899". Anuario Militar de España: 55. 
  3. Ministerio da Guerra, ed. (1900). "Anuario Militar de España. Año 1900". Anuario Militar de España: 61. 
  4. "Crónica local". El Correo de Galicia (en castelán). 12-1-1904. p. 2. .
  5. "Información militar". El Eco de Galicia (en castelán). 18-2-1910. p. 1. 
  6. "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 31-10-1910. p. 2. 
  7. Ministerio da Guerra, ed. (1911). "Anuario Militar de España. Año 1911". Anuario Militar de España: 367. 
  8. "Consejo de Guerra en Santiago". El Diario de Pontevedra (en castelán). 26-12-1911. p. 1. 
  9. Torna, Cilia (24-11-2018). "A matanza de Noia de 1910". Nós Diario. Consultado o 4-5-2020. 
  10. "Notas militares". Diario de Galicia (en castelán). 25-1-1918. p. 1. 
  11. "Notas militares. Guerra. Infantería". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 16-5-1918. p. 2. 
  12. Ministerio da Guerra, ed. (1919). "Anuario Militar de España. Año 1919". Anuario Militar de España: 226 e 367. 
  13. Ministerio da Guerra, ed. (1920). "Anuario Militar de España. Año 1920". Anuario Militar de España: 228 e 375. 
  14. "Noticias". El Compostelano (en castelán). 16-9-1924. p. 2. 
  15. Ministerio da Guerra, ed. (1925). "Anuario Militar de España. Año 1925". Anuario Militar de España: 274 e 685. 
  16. 16,0 16,1 Ministerio da Guerra, ed. (1926). "Anuario Militar de España. Año 1926". Anuario Militar de España: 274. 
  17. "Noticias militares". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 4-3-1925. p. 2. 
  18. "Noticias". El Compostelano (en castelán). 31-3-1925. p. 2. Han sido destinados: (...) comandante D. Manuel Diéguez García, de la Caja de Santiago a la de Allariz 
  19. "Noticias". El Compostelano (en castelán). 25-4-1925. p. 2. Ha sido pasaportado para la Caja de Allariz el comandante don Manuel García Diéguez 
  20. "De sociedad". El Eco de Santiago (en castelán). 17-12-1927. p. 2. 
  21. Ministerio da Guerra, ed. (1927). "Anuario Militar de España. Año 1927". Anuario Militar de España: 260. 
  22. "Noticias". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 24-10-1929. p. 3. 
  23. "Santiago". El Eco de Santiago (en castelán). 23-10-1929. p. 2. Han sido nombrados jefes locales del servicio Nacional de Educación física, ciudadana y premilitar, los comandantes de Infantería don José Corredor Arana, de Santiago, y don Manuel García Diéguez, de Arzúa 
  24. "Información regional. Ecos compostelanos". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 23-10-1929. p. 5. Han sido nombrados jefes locales del servicio Nacional de Educación física, ciudadana y premilitar, los comandantes de Infantería don José Corredor Arana, de Santiago, y don Manuel García Diéguez, de Arzúa 
  25. "Información militar. Ejército". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 24-10-1929. p. 2. Infantería.- Han sido designados para ocupar el cargo de jefes locales del Servicio Nacional de Educación física ciudadana y premilitar, de los puestos que se indican, los siguientes comandantes: D. José Corredor Arana, excedente en la ocatava región, de Santiago de Compostel; D. Manuel García Diéguez, excedente en ídem, de Arzúa; D. Manuel Ariza Díez de Bulnes, excedente en ídem, de Allariz 
  26. González Calleja, Eduardo (2005). La España de Primo de Rivera. La modernización autoritaria 1923-1930 (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. pp. 200–210. ISBN 84-206-4724-1. 
  27. "Ministerio del Ejército. Disposiciones del 'Diario Oficial' fecha de hoy. Infantería". La Correspondencia Militar (en castelán) (Madrid). 4-1-1931. p. 2. 
  28. Portela Silva, E.: (coord.): Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, pp. 559 e ss.
  29. "Vida municipal. La nueva Comisión Gestora". El Eco de Santiago (en castelán). 29-7-1936. p. 2. He aquí la relación de los gestores nombrados: Sres. Don: Manuel García Diéguez, alcalde-presidente, Ricardo Bescansa Castilla, Jorge de la Riva Barba, Antonio Carro García, Juan Harguindey Harguindey, Santiago Mosquera Cimadevila, Arturo Ruibal Castro, Manuel López Sendón, Andrés Penas Portas, Juan Rodríguez Lema, Miguel Pérez Esteso, Esteban Ceinos, Luis Peña Andrés, Domingo Sánchez Guisande, Fermín Zelada Varela, Francisco Pérez Rodríguez 
  30. El Compostelano, 13-10-1936, p. 1.
  31. El Compostelano, 23-10-1936, p. 2.
  32. El Compostelano, 6-11-1936, p. 2.
  33. Portela Silva, E.: (coord.): Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, pp. 562 e ss. Nesta obra afírmase que a «fase aguda deste tipo de actuacións» alongouse entre o 7 de agosto de 1936 e o 14 de decembro de 1937, que ocupou precisamente case que todo o seu mandato.
  34. Necrolóxica en La Noche, 28-8-1962, p. 2.
  35. "Resumen del torneo de ajedrez celebrado en el Recreo Artístico". El Compostelano (en castelán). 20-7-1920. p. 2.