Masoucos, Castroverde
Masoucos | |
---|---|
Igrexa parroquial de Masoucos | |
Concello | Castroverde[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 42°59′53″N 7°16′58″O / 42.99801815, -7.28290389 |
Poboación | 29 hab. (2019) |
Entidades de poboación | 2[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santiago de Masoucos é unha parroquia que se localiza no concello lugués de Castroverde. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 47 habitantes (27 homes e 20 mulleres), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando tiña 54 habitantes. Amais dos lugares de Masoucos e Trascastro, no Barreal hai unhas 5 casas e unha acea, separadas claramente do núcleo de Masoucos.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Está situada nunha costa, na aba da serra de Mordei. Limita coas parroquias da Frairía ó norte, Barreiros e Riomol ó sur, A Esperela e Pousada (as dúas do concello de Baleira) ó leste e A Frairía e Barreiros ó oeste.
O clima é oceánico con matices continentais, cunha oscilación térmica de máis de 20 °C entre temperaturas invernais baixas (-5,6 °C en xaneiro) e as suaves do verán (17,7 °C). A pluviosidade é duns 1.000 mm anuais.
Está regado polo rego de Masoucos, tamén chamado Cubeiro. Ten moitas fontes: Abelleira, Alargo, Barral, Caspalledo, Cubeiro, Grobiña, Lamas, Masoucos de Arriba, dos Pollos, Reboira, Senela, Travesela e Trascastro.
Entre os seus montes destacan A Devesa (798 metros) e O Puñago (820 metros).
Monumentos
[editar | editar a fonte]O templo parroquial, rodeado do adro e do camposanto, está levantado sobre un antigo castro, no cumio dun outeiro. Existe unha cova cerca da igrexa que segundo a lenda foi feita polos mouros e que podería ter conexión co castro. A igrexa parroquial presenta unha nave rectangular, co teito de madeira a dúas augas sobre tres vigas tirantes. Ten unha porta na fachada sur. Frontispicio de perpiaño de bos bloques de pedra granítica. A porta é adintelada. Espadana dun corpo con dúas troneiras, e unha campá; cimacio cunha troneira e tres pináculos. Protexe o acceso un amplo e forte cabido, cerrado por unha repisa con só acceso frontal; sobre da repisa, como baseamento corrido, elévanse seis piares que soportan o teito, a tres augas. Pola parte interior unha repisa corrida ou podio que serve para asento.
O presbiterio é algo máis amplo e elevado cá nave, e cóbrese ás catro augas; con muros caleados, igual que a nave. Arco triunfal de medio punto, rebaixado, de impostas saíntes e pilastras. A sancristía está na parte posterior, na mesma liña, pero máis baixa, a tres augas, con dúas portas de acceso desde o presbiterio.
O retablo maior é sinxelo e neoclásico, sen tallas. O retablo sur, de 2 metros, é barroco, con dúas columnas salomónicas con motivos da vide. Santiago o Maior, de 0,70 m, titular; santa María Madanela, de 0,80 m, de sabor romántico; O Salvador, de 0,80 m, bendice coa dereita e sostén a bola do mundo na esquerda. Tallas populares do século XV. Cáliz sinxelo, de prata, de 0,21 m.
O castro, que serviu como localización para esta igrexa, xa case non é perceptible (vese ben desde a foto aérea). Descubríronse varios sartegos (sarcófagos) neste castro, e algún deles aproveitouse nas reformas da tapia do adro da igrexa.
Historia
[editar | editar a fonte]Trala división territorial de España en 1833 a parroquia de Masoucos pasou a formar parte do concello de Neira de Rei[2]. En 1840 pasou a formar parte do concello de Neira de Xusá. O veciño de Masoucos, Constantino Dourado, foi elixido presidente do Sindicato Agrícola Republicano de Castroverde no ano 1933[3].
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Masoucos
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Masoucos no concello de Castroverde (Lugo) | |
---|---|
Parroquias de Castroverde
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ "Neira de Rei e Neira de Xusá". Concello de Baralla. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 29 de maio de 2007.
- ↑ El Pueblo Gallego, domingo, 19 de febreiro de 1933, px. 9.