Saltar ao contido

Moedas do Xubileu de Vitoria do Reino Unido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Vitoria, común aos anversos de toda a serie do Xubileu.

As moedas do Xubileu de Vitoria do Reino Unido (ou máis comunmente moedas do Xubileu) son unha serie numismática británica composta por moedas de ouro e de prata cun novo deseño, emitidas entre 1887 e 1893 en conmemoración do Xubileu de Ouro ou cincuentenario de ascenso ao trono da raíña Vitoria, en 1837.

Os anversos das moedas desta serie caracterízanse por un retrato de Vitoria deseñado por Joseph Edgar Boehm. A serie do Xubileu abrangue todos os valores faciais de prata e de ouro do sistema monetario británico circulante (desde 1887) e tamén as moedas cuñadas con ocasión do Royal Maundy (a partir de 1888). Entre eles está toda a emisión do dobre florín (1887-1890) e a derradeira cuñaxe da moeda de 4 peniquesgroat—, cuñado para a súa circulación na Güiana Británica.

En 1879, Boehm foi o artista escollido para crear unha nova representación de Vitoria adaptable á súa reprodución nas moedas, xa que, aínda que a raíña facía os 60 anos ese mesmo ano, algunhas das moedas en circulación seguían a amosala coa súa aparencia de catro décadas menos. A dedicación de Boehm a este proxecto foi intermitente e tardou varios anos en ver a luz, logo da súa aprobación por parte da raíña en 1887. Ao mesmo tempo cambiáronse tamén os deseños dos reversos dalgunhas moedas, que representaban motivos heráldicos, de cuxo gravado se ocupou Leonard Charles Wyon, que daquela ocupaba o posto de gravador xefe da Royal Mint.

Cando se puxeron en circulación as novas moedas en xuño de 1887, convertéronse de camiño nun recordo do chamado "Xubileu de Ouro" da raíña Vitoria, ou o que é o mesmo, o quincuaxésimo aniversario do seu ascenso ao trono, aínda que foron criticadas polo exiguo tamaño da coroa e tamén porque en case todos os casos se omitía o valor nominal da moeda. A moeda de 6 peniques comezou a ser bañada en ouro polos estafadores para a facer pasar polo medio soberano, practicamente coincidente en diámetro, o que motivou que fose retirada inmediatamente pola Royal Mint e substituída por outra co seu valor facial explícito.

As autoridades da Real Casa da Moeda comezaron a tomar en consideración a retirada da serie do Xubileu un ano despois do seu lanzamento, aínda que logo se abandonou esta idea durante un tempo, ata despois do falecemento de Boehm en 1890. Para estudar a substitución dos modelos estableceuse un comité ad hoc e en 1893 comezou a produción dunha nova serie de moedas cun deseño alternativo da raíña, creado polo artista Thomas Brock.

Antecedentes e preparación

[editar | editar a fonte]
A medalla Emperatriz da India (1877) xa representaba a Vitoria cunha coroa pequena.[1][2]

A finais da década de 1870, a maioría das moedas británicas en circulación amosaban deseños da raíña nos seus anversos creados por William Wyon e que comezaran a cuñarse xa en 1838, un ano despois do acceso ao trono de Vitoria, cando tiña 18 anos. En febreiro de 1879, o secretario privado da raíña, Henry Ponsonby, informou o mestre adxunto da Royal Mint,[3] Charles Fremantle, de que Joseph Edgar Boehm fora contratado para a realización dun retrato medallístico da raíña susceptible de ser adaptado á cuñaxe de moedas. Boehm, un artista de orixe austríaca con formación como medallista, recibira xa varias encargas escultóricas da familia real.[4]

A medalla de Afganistán (1881), tamén creada por Boehm.[5][6]

Non se estableceu unha data límite para esta encarga, o que motivou que Boehm deixase a un lado este traballo en favor doutros que lle resultaban máis urxentes. En xuño de 1879, Vitoria deixou constancia no seu diario de que "posara para Boehm para un baixorrelevo", e en agosto o secretario Ponsonby escribiulle a Fremantle para lle comunicar que a cabeza estaba concluída, o cal levou o mestre adxunto a se implicar máis no proxecto. No entanto, en novembro Boehm escribiu pedindo desculpas pola súa falta de progreso, aínda que o 1 de xaneiro de 1880 afirmou nunha carta que rematara varios modelos pequenos e mencionou que colocara unha pequena coroa sobre a cabeza da raíña Vitoria. Aínda que o estilo era similar ao da medalla Emperatriz da India, de 1877, Fremantle amosou as súas dúbidas sobre este toucado e escribiulle a Charles Francis Keary, numismático do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, para lle preguntar se había antecedentes ao respecto. Keary respondeulle: "no caso das moedas da Antiga Grecia, non preciso engadir que as coroas se colocaban como para as levar postas e non para que caian co menor movemento".[7]

En xaneiro de 1880, a filla da raíña, a princesa Luísa, viu o proxecto de Boehm e suxeriu a substitución da coroa real por outra de maior tamaño. O 20 de febreiro, a propia Vitoria visitou o escultor e deu a súa aprobación á coroa revisada. Fremantle visitou a Boehm tres días despois e, preocupado aínda polo asunto da coroa, pediulle consello á Torre de Londres e ao Colexio de Armas. Vitoria reuniuse novamente con Boehm o 28 de febreiro, e nesa data o traballo avanzara ata o punto de que Fremantle suxeriu que o daquela gravador xefe da Royal Mint, Leonard Charles Wyon —fillo de William Wyon— preparase os cuños de aceiro para a produción das moedas. Así o fixo Wyon, e durante os tres anos seguintes elaboráronse en diversas ocasións cuñaxes de proba, aínda que ningunha foi da satisfacción xeral de todas as partes implicadas. O deseño de Boehm, cunha coroa grande sobre a cabeza da raíña, utilizouse para a medalla de Afganistán, de 1881. A finais de 1882, Fremantle propúxolle a Boehm a conveniencia de comezar de cero os traballos e o escultor, que estaba moi ocupado con outros traballos, estivo de acordo.[8]

Joseph Edgar Boehm, autor do característico busto de Vitoria para os anversos da serie.[9]

O gravador xefe Wyon non participou inicialmente neste segundo intento e Boehm invitou o escultor vienés Carl Radnitzky, con quen se formara, e Radnitzky declarou posteriormente que encargou parte do seu traballo a un dos seus alumnos, cuxa identidade se descoñece. En agosto de 1884, Fremantle fixo que o ministro de Facenda británico, Hugh Childers, lle amosase unha proba da moeda de media coroa á raíña, quen considerou que se lle parecía aínda que cuestionou a caída do velo e manifestou que prefería o busto das moedas daquela en circulación. Nesa proba, volvérase colocar a coroa pequena sobre a súa cabeza, e sobre ese modelo fixéronse máis revisións e enviáronse novos cuños desde Viena.[10]

En 1885 Leonard Wyon reincorporouse ao proxecto. O ano seguinte, Fremantle autorizou o pagamento de 200 guineas (210 libras) a Boehm polo seu traballo ata esa data, unha parte do cal lle foi enviado a Radnitzky. En xuño de 1886, o proxecto avanzara suficientemente como para que Fremantle lle dixese a Boehm que sería desexable que as novas moedas estivesen dispoñibles para o Xubileu de Ouro da raíña Vitoria en 1887. A raíña aprobou a nova efixie en xullo, cando posou novamente para Boehm. Foron necesarias máis revisións, e non foi ata marzo de 1887 cando o novo ministro de Facenda, George Goschen, aprobou as moedas, cuxos cuños foron gravados por Wyon seguindo os modelos de Boehm. A continuación leváronselle as probas a Vitoria para a súa aprobación, quen deu o seu consentimento, aínda que a súa suxestión de que as moedas amosasen algunha indicación do Xubileu foi desaconsellada por Fremantle, que desexaba que os cuños fosen enviados no seguinte correo ás cecas sucursais da Royal Mint en Australia. Fremantle afirmou que, ao seren cuñadas por vez primeira no ano do Xubileu de Ouro, a poboación ía asocialas sempre con esa celebración.[10]

Vitoria coa súa pequena coroa de diamantes.[11][12]

No anverso das moedas do Xubileu Vitoria loce a súa pequena coroa de diamantes,[12] que ela mesma adquirira para non ter que portar unha máis pesada.[13] Era a coroa que ela prefería levar naquela época, e con ela aparece en diversos retratos seus daqueles anos.[14] No entanto, a cuestión do tamaño da coroa non tardou en xerar controversia. Tal e como escribiron os autores numismáticos G. P. Dyer e P. P. Gaspar no seu estudo titulado A New History of the Royal Mint, "o retrato de Boehm, coa súa pequena coroa a piques de caer da parte posterior da cabeza da raíña, atraeu a maior parte das críticas".[15] John Craig, no seu traballo anterior The Mint, considerou "ridículo" o efecto da pequena coroa sobre a cabeza da raíña.[13] Pola súa banda, Kevin Clancy, na súa historia do soberano de ouro, indicou:[16]

A presenza dunha coroa pequena, que Vitoria estaba afeita a levar, foi citada adoito como o principal defecto da composición, mais non era o único elo débil. Boehm, un escultor consumado, puido ter pretendido un parecido fiel, mais os elementos da coroa, o velo de viúva e o truncamento estendido chamaron a atención sobre un perfil apuntado de Vitoria.

O erudito numismático Howard Linecar considerou que o deseño das moedas do Xubileu era "conservador, agás polo desafortunado busto coroado".[17] Para Richard Lobel, na súa obra Coincraft's Standard Catalogue of English and UK Coins, "a pequena coroa colocada na parte posterior da cabeza da raíña facía que esta parecese algo parva".[18] André Celtel e Svein H. Gullbekk, no seu libro sobre o soberano e os seus antecedentes, describiu a cabeza do Xubileu como "quizais o menos afagador dos retratos das moedas de Vitoria, xa que presenta unha raíña de mediana idade e aspecto máis ben chepudo, que leva unha coroa desproporcionadamente pequena sobre o seu velo de viúva".[19] Para o escritor numismático Stephen Skillern "o retrato da raíña do Xubileu non fixo intento ningún de ocultar nin de suavizar os resultados do tempo no rostro da vella raíña".[20] O tamén numismático Lawrence W. Cobb, en 1985, adoptou unha postura máis matizada a este respecto: "parece que Wyon intentou suavizar o aspecto da raíña, [...] mais ao facelo perdeu parte da forza e do vigor do espírito indomable da raíña. Non obstante, mesmo cos seus defectos, o retrato de Wyon conserva a maxestosidade da presenza da raíña".[21] Leonard Forrer escribiu, "desgraciadamente, a súa cabeza da raíña Vitoria carecía tanto de mérito artístico que foi criticada duramente por todos os expertos e nunca gañou o favor do público".[22]

Ademais da cuestión da coroa, como se dixo, a cabeza de Vitoria leva un velo de viúva. Logo do pasamento en 1861 do seu marido, Alberte, Vitoria gardou loito marcado por un velo de cor negra.[17] Este velo descende nas moedas desde un barrete de viúva que leva por baixo da coroa.[21] A raíña amosa tamén un colar de perlas e un pendente visible na súa orella esquerda. Tamén se aprecian a cinta e a estrela da Orde da Xarreteira e a insignia da Orde da Coroa da India. No truncamento do busto inclúense as iniciais do artista, JEB (Joseph Edgar Boehm).[23]

Algunhas moedas do Xubileu expostas no Museo Numismático de Atenas.

Para os diversos reversos, consonte Dyer e Gaspar, "Fremantle recuperou algúns dos mellores deseños heráldicos de tempos pasados", xa que consideraba que un deseño simple do reverso co valor facial no centro dunha coroa ou dunha grilanda era demasiado 'feble', e prefería deseños máis artísticos.[24] Fremantle seleccionou deseños orixinalmente creados para a Gran Recuñaxe de 1816 e mesmo anteriores, e estes foron gravados por Wyon.[25]

En 1873, pouco despois de asumir o seu cargo como mestre adxunto, Fremantle conseguira que, por primeira vez en case medio século, se lle devolvese ao soberano de ouro o deseño orixinal de San Xurxo e o Dragón que Benedetto Pistrucci creara en 1817.[24] [26] Ademais de no soberano, este mesmo deseño aparece tamén no dobre soberano e na moeda de 5 libras do Xubileu, así como na coroa de prata.[27] A partir da emisión do Xubileu recuperouse o guecho de cabelo de San Xurxo, que figuraba no deseño orixinal de Pistrucci pero que despois se omitira na versión definitiva do soberano.[28]

A moeda de 6 peniques, o xilin, o florín, a media coroa, o medio soberano e unha nova moeda, o dobre florín, amosan variantes do escudo de armas do Reino Unido. Consonte a orde que creou estas moedas en maio de 1887, ao medio soberano correspondíalle "un escudo adornado e coroado coa coroa real" en tanto que a media coroa luciría "un escudo liso rodeado pola Xarreteira, co lema HONI SOIT QUI MAL Y PENSE e o Colar da Xarreteira".[27] Pola súa banda, o reverso do medio soberano era unha lixeira modificación das anteriores moedas vitorianas dese mesmo valor, e o seu escudo coroado non difería moito dos deseños utilizados desde a creación desa moeda en 1817.[29] En cada un dos reversos das moedas de 6 peniques e superiores figuraba no exergo a data de cuñaxe, mais en ningún se amosaba a indicación do valor facial da moeda.[30] Desde 1861, a moeda de 6 peniques levara ata entón unha coroa vexetal aberta co valor da moeda no centro,[31] xa que esta moeda e o medio soberano tiñan o mesmo tamaño e en ocasións a moeda de prata se bañaba en ouro con ánimo fraudulento, para a facer pasar no comercio como medio soberano.[15]

A moeda de prata de 3 peniques, así como as moedas da serie Maundy —que non apareceron co anverso do Xubileu ata 1888, xa que o Royal Maundy xa tivera lugar antes de que as novas moedas estivesen listas— continuaron cos reversos que lles eran propios desde 1822, consistentes no número coroado correspondente ao seu valor en peniques,[32][33] aínda que se fixeron pequenos axustes nas coroas, e a moeda de 2 peniques amosaba ademais un estilo diferente no número 2. Leonard Wyon realizou estas modificacións a partir dos deseños de Jean Baptiste Merlen, que seguían a utilizarse para as moedas do Royal Maundy.[34][35]

Non se fixo cambio ningún con motivo do Xubileu da raíña Vitoria nas moedas británicas de bronce, é dicir, no penique e nas súas fraccións, xa que daquela había un gran excedente desas pezas en circulación.[27] Mesmo así, chegaron a deseñarse e a cuñarse probas para as moedas dun penique, de medio penique e dun farthing (¼ penique) con anversos similares ao creado por Boehm, que non chegaron finalmente a pórse en circulación.[36]

As moedas do Xubileu levan como lenda —nuns casos só no anverso e noutros repartidas entrambas as faces—diversas formas abreviadas —en función do tamaño da moeda— da expresión latina VICTORIA DEI GRATIA BRITANNIARUM REGINA FIDEI DEFENSOR ("Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos británicos, defensora da fe").[27][37] Como abreviatura de BRITANNIARUM adoptouse a forma BRITT, con dobre "T", xa que Gladstone, un político e especialista na cultura clásica, indicara que a abreviatura dun substantivo plural latino debería rematar cunha consoante dobre.[20]

Lanzamento

[editar | editar a fonte]

Posta en circulación

[editar | editar a fonte]

O 12 de maio de 1887, Fremantle fixo o anuncio oficial dos cambios nos deseños das moedas de ouro e de prata, así como da introdución da nova moeda do dobre florín, e o 17 de maio publicouse, para tal efecto, unha disposición do Consello en The London Gazette, o diario oficial do reino. Ese mesmo mes, o informe anual do mestre adxunto da Royal Mint contiña xa os gravados cos modelos da nova emisión.[30]

Inmediatamente comezaron a xurdir na prensa comentarios acerca das moedas que axiña se porían en circulación. O 10 de xuño, no xornal Ipswich Journal opinábase: "cremos que cando estean en circulación a poboación admitira que supoñen un claro avance artístico sobre a maioría das que se usan actualmente".[38] O mesmo día, no Church Times publicábase unha crítica: "non podemos unirnos aos aplausos que recibiu o San Xurxo de Pistrucci, que se manterá nos soberanos; non é probable que alguén que saia a loitar contra dragóns esqueza pór outra roupa que un casco, unha capa e un par de zapatos".[39]

A data oficial de posta en circulación das novas moedas do Xubileu fixárase inicialmente para o 21 de xuño, cando se celebraría o Xubileu de Ouro da raíña Vitoria,[40] mais tendo en conta que ese día se proclamou como festivo, a data adiantouse ao 20 de xuño. Ese día, as moedas deberían ser trasladadas desde a Royal Mint ata o Banco de Inglaterra, para poder atender nesa institución os pedidos realizados polos bancos londinienses.[41] Con todo, pequenas cantidades destas moedas estaban xa dispoñibles para o público nalgúns bancos de Londres o sábado 18 de xuño.[42]

Os bancos provinciais non disporían das novas moedas ata polo menos o 22 de xuño.[41] Os bancos irlandeses de Dublín puideron subministrar as moedas de prata á poboación o mesmo día 20, xa que foran trasladadas directamente desde a Royal Mint. No relativo ás moedas de ouro, o Freeman's Journal, de Dublín, informaba de que non se esperaba que puidesen estar dispoñibles antes do día 22 de xuño.[43] Os esforzos da Royal Mint para distribuír axiña as moedas víronse obstaculizados por un incidente co cuño da moeda dunha coroa, que atrasou a súa produción.[42]

Ao pouco da súa posta en circulación, as novas moedas xeraron unha reacción moi negativa tanto na poboación como na prensa. Consonte Dyer e Stocker, no seu estudo de 1984:[44]

Cando estoupou a tormenta de condenas, Fremantle parecía realmente sorprendido polo "triste xiro que tomaron os acontecementos, do máis inesperado para min". Foi unha tempestade: preguntas no Parlamento, críticas abertas de todos os sectores da prensa, caricaturas satíricas e chistes en publicacións como "Fun" e "Punch", e mesmo algún comentario pouco amigable de John Evans no seu discurso presidencial ante a Royal Numismatic Society. As novas moedas consideráronse do peor xeito: mal executadas, indignas polo seu anverso e ineficaces por non expresar os seus valores nos reversos.

Controversia xerada

[editar | editar a fonte]
Sátira da emisión de moedas do Xubileu no número da revista Punch, or the London Charivari (1887).[45]

The Standard publicou o 29 de xuño: "o retrato da raíña non está mal, aínda que certamente non é agradable nin digno, e no relativo á coroa e o toucado, son innecesarios e unha clara desfiguración".[46] Pola súa banda, no Freeman's Journal líase, "quen viu as novas moedas non está entusiasmado con elas: o busto da raíña coa coroa caendo por detrás da súa cabeza non ten mérito artístico ningún [...], as moedas de prata máis pequenas non levan expresado o seu valor, o que é outro inconveniente; en conxunto, as moedas do Xubileu non van suscitar moito entusiasmo".[43] No Western Mail de Cardiff indicábase que "a cabeza da raíña en todas as moedas tamén é xeralmente obxectada; a Súa Maxestade non ten nada da aparencia digna que adoita presentar nas ocasións de Estado, e a coroa en miniatura é case desprezable pola súa mesquindade".[42]

O Birmingham Daily Post publicaba o 24 de xuño:[47]

No relativo ás moedas en xeral, son particularmente pobres en deseño e febles en execución. Temos moitos gravadores de cuños en Birmingham que sentirían vergoña de telas feito, e se a Casa da Moeda non pode facer nada mellor, poderíaselles permitir probar a algúns dos nosos propios medallistas coas súas propias mans, co resultado seguro de redimir o crédito na moeda nacional [...] A non ser que se faga un cambio, os 6 peniques serán electrodourados para os facer pasar por medios soberanos en grandes cantidades, xa que non hai diferenza apreciable entre as dúas moedas, nin en peso nin en aparencia [...] Así e todo, o peor das moedas é o retrato da raíña, que non é nin valioso como representación exacta da Súa Maxestade nin digno, se se debe tomar como imaxe idealizada, en tanto que a pequena coroa de aspecto estraño, que parece estar a piques de caer, fai que o retrato sexa absolutamente ridículo.
"Vitoria deshonrada": a revista Fun (1887) parodia o florín e o dobre florín do Xubileu.[48]

Os colegas artistas de Boehm uníronse ás críticas. O pintor Edward Poynter, ao inaugurar unha exposición de arte en South Kensington o 28 de xullo de 1887, declarou: "a cabeza foi modelada polo señor Boehm e, tendo en conta a necesidade de compracer a un ilustre mecenas, que pode ter levado a Boehm a aceptar absurdos estruturais como a coroa de xoguete e o velo recto, é difícil de crer que un escultor da súa eminencia realizara unha obra tan absolutamente mala; porque a cabeza é mala por todas as partes [...] Algúns dos novos elementos heráldicos son as cousas máis pobres deste tipo que tivemos nunca".[49] Pola súa banda, o deseñador e artista decorativo Lewis Foreman Day publicou ese mesmo ano unha crítica das moedas en The Magazine of Art, na que comentaba que os artistas británicos se sentían "xustamente agraviados cando se presenta unha produción, presumiblemente como o mellor que podemos facer, cando eles mesmos saben que está moi lonxe de presentar o nivel do deseño nacional, e agrava o seu agravio pensar que o artista favorecido nin sequera leva un apelido inglés".[50]

Estas críticas tan xeneralizadas chegaron mesmo á Cámara dos Comúns, onde o ministro Goschen tivo que responder ás preguntas sobre as novas moedas os días 23 e 28 de xuño. O ministro dixo aos deputados que os funcionarios da Real Casa da Moeda preferían deseños artísticos de épocas pasadas para a cuñaxe no canto de textos que indicasen os valores nos reversos. Pola contra, a poboación non confundiría o florín coa media coroa, nin o dobre florín coa coroa, se amosasen o valor. O parlamentario conservador Lewis Henry Isaacs, preguntou se non se podería facer unha reclamación e facer despois uns deseños máis acaídos, ao que Goschen respondeu que a demanda pública das novas moedas fora tan grande que mesmo se estaba a pagar unha prima pola peza de 5 libras, e que a representación da raíña era similar a outras representacións que tamén foran autorizadas por ela.[51]

Continuación na circulación

[editar | editar a fonte]

O dobre soberano e a moeda de 5 libras non tiveron unha circulación ampla e máis ben se destinaron a servir como recordo.[52] Con todo, tratábase da primeira vez que a Royal Mint cuñaba a moeda de 5 libras para a circulación xeral, xa que as emisións anteriores foran simplemente probas ou emisións con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas.[53]

Pouco despois da emisión das novas moedas produciuse unha protesta porque a nova moeda de 6 peniques de prata era igual en tamaño e moi similar en deseño á de medio soberano de ouro, polo que se fixo habitual que se dourase a primeira para a facer pasar pola segunda, de valor moi superior. Pola contra, aínda que os tamaños do xilin de prata e do soberano de ouro eran tamén case idénticos, era menos frecuente que o primeiro se dourase con ánimo fraudulento, xa que o deseño do reverso de ambos difería considerablemente. No número de xullo de 1887 da revista Numismatic Magazine anunciouse que se interrompía a produción da moeda de 6 peniques, á espera de novas investigacións en relación coa fraude do baño de ouro. Antes de finalizar o ano, a Royal Mint recuperou a cuñaxe da moeda de 6 peniques mais cun reverso totalmente reformado, no que aparecía a expresión do seu valor facial, SIX PENCE ("seis peniques") baixo a coroa real e rodeado por unha coroa vexetal aberta.[54] A nova moeda de 6 peniques foi posta en circulación por unha disposición datada o 28 de novembro de 1887.[55]

Soberano do Xubileu (1887) utilizado como xoia nunha cadea para reloxo.[56]

En setembro, o semanario The Graphic informaba de que as novas moedas escaseaban na circulación e falábase de que moitas delas foran enviadas ás colonias. Comentábase tamén que os 6 peniques retirados tiñan un sobreprezo, do mesmo xeito que a moeda de 5 libras, e que había constancia de que se bañaran en ouro algunhas moedas dunha coroa de prata, para as facer pasar por moedas de 5 libras, de idéntico tamaño.[57] O correspondente en Londres do Sheffield Independent informou o 17 de setembro de que os 6 peniques retirados se vendían xa a media coroa cada un, e de que ademais das moedas enviadas ás colonias, grandes cantidades foran retiradas da circulación por xoieiros para as incorporar ás súas creacións, e tamén por visitantes a Londres que procuraban recordos do Xubileu, especialmente estadounidenses.[58]

En maio de 1888, Fremantle comunicou que aínda que a nova emisión fora recibida "con algunhas críticas adversas", houbera unha demanda considerable destas moedas, moi por riba do que resultaba necesario para a circulación, o que motivou a cuñaxe dunha tiraxe superior de moedas de prata nos anos seguintes.[59] Á marxe do cambio na moeda de 6 peniques, non houbo ningún outro movemento inmediato para a substitución das moedas do Xubileu. O numismático Jeffery L. Lant expuxo que "as emisións do Xubileu eran populares entre a poboación, malia as críticas vertidas contra elas. Inicialmente constituíron o mellor xeito de recordo do Xubileu". Lant sinalou que a Royal Mint vendeu 1.881 estoxos con acabamento especial proof para coleccionistas da serie do Xubileu de 1887 por un prezo de 11 guineas (ou sexa, 11 libras e 11 xilins), arredor dun 25 % por riba do seu valor nominal, e que a demanda da medalla do Xubileu cun busto similar ao deseñado por Boehm para as moedas foi tamén moi alta. A Royal Mint estaba tan ocupada cuñando as moedas do Xubileu que se viu obrigada a solicitar un orzamento extraordinario para sufragar os gastos de man de obra. Estes factores favoreceron que a Real Casa da Moeda esperase varios anos despois de pasar o Xubileu para empezar a considerar a substitución destes deseños.[60] Neste sentido, o ministro de Facenda, Goschen, escribiulle ao secretario da raíña, Ponsonby, en setembro de 1889: "como o debate xeral acerca das moedas do Xubileu se calmou e parece que a poboación se afixo ás novas moedas, pensei que talvez sería mellor deixar repousar o asunto durante un tempo".[61]

Estoxo coa presentación proof da serie do Xubileu de 1887.

As moedas de 4 peniques —coñecidas tamén como groats— non circulaban en Gran Bretaña desde 1855. Aínda que non gustaban, por teren o mesmo diámetro que as de 3 peniques —aínda que menos grosor e peso—, gozaban de certa popularidade en Escocia, e tamén circularon na colonia da Güiana Británica, como equivalentes a un cuarto de guilder (o florín local). En 1888 fíxose a derradeira emisión deste valor, dentro da serie do Xubileu, co busto e co reverso deseñado por William Wyon que xa se utilizara desde a súa versión inicial en 1836. Aínda que a moeda era de curso legal no Reino Unido, a súa emisión estivo destinada á Güiana Británica.[62]

Vitoria aproveitou a oportunidade, cando inspeccionaba os cambios propostos para o xilin en xuño de 1888, para lle pedir a Goschen que incluíse o seu título de emperatriz da India nas moedas —INDIAE IMPERATRIX, abreviado como IND. IMP.—. Dado que a lei que lle permitía a Vitoria asumir o devandito título lle impedía a un tempo utilizalo no Reino Unido, Groschen non lle deu curso á petición da raíña. Así e todo, Vitoria acadou o seu propósito na seguinte serie de moedas, a partir de 1893,[63] xa que o Goberno determinou en 1891 que a abreviatura podería aparecer nas moedas británicas que tamén circulasen nas colonias.[64]

En 1889, ambas as faces do xilin sufriron uns lixeiros axustes: a raíña aprobou unha versión meirande da súa efixie realizada por Boehm e introducíronse tamén pequenos cambios no reverso.[65][66] No entanto, en setembro de 1889, Vitoria escribiu: "á raíña desgústalle moito a nova moeda e desexaría que se seguise a utilizar a anterior, e que a nova ficase gradualmente en desuso, e logo cuñar unha nova".[67] En resposta, Goschen prometeulle consultar coas autoridades da Royal Mint acerca das opcións posibles.[61]

Substitución e fin da serie

[editar | editar a fonte]

O dobre florín fora unha moeda obxecto de controversia, xa que había quen cuestionaba a necesidade dunha moeda dese tipo e quen se queixaba de que o seu tamaño era demasiado semellante ao da moeda dunha coroa, o que xeraba confusión. As anécdotas polas perdas sufridas polos taberneiros, que aceptaban o dobre florín baixo a idea errónea de que era unha moeda de 5 xilins (como a coroa) fixeron que esta peza recibise o alcume de "ruína dos taberneiros". O Goberno intentou incentivar a súa circulación incluíndoa nas nóminas dos seus traballadores, mais a súa produción se interrompeu de xeito definitivo en agosto de 1890.[23][68]

A "cabeza velada" ou "cabeza vella", deseñada por Thomas Brock, substituíu en 1893 o deseño do Xubileu.[69]

A morte de Joseph Edgar Boehm en decembro de 1890 deulle liberdade á Real Casa da Moeda para comezar a considerar a posibilidade de substituír os deseños das moedas en circulación, sen se preocupar pola opinión do que fora o gravador favorito da raíña. En febreiro de 1891, Goschen nomeou un comité encargado do redeseño das moedas, presidido polo banqueiro e político John Lubbock, e do que tamén formaban parte Fremantle e outras personalidades como Frederic Leighton, presidente da Royal Academy. O cometido deste comité era "examinar os deseños das diversas moedas postas en circulación en 1887, así como as melloras dos devanditos deseños suxeridas desde entón, e facer as recomendacións sobre ese asunto que puidesen parecer acaídas, e informar sobre que moedas, de ser o caso, deberían ter os seus valore expresados en palabras e cifras".[70] Na súa primeira xuntanza, o 12 de febreiro de 1891, o comité recomendou o cesamento da cuñaxe do dobre florín, o que foi confirmado por Groschen o 25 de maio.[71]

Convocouse un concurso e pedíuselles a varios escultores invitados que presentasen dúas propostas para un novo anverso das moedas antes do 31 de outubro. O deseño elixido foi un dos presentados por Thomas Brock, que representaba a Vitoria cun diadema e un velo. O comité decidiu manter o deseño de San Xurxo e o Dragón creado por Pistrucci nas moedas en que xa aparecía, así como amplialo á moeda de medio soberano. Tamén se determinaron os novos modelos para os reversos, algúns do propio Brock e outros de Poynter, para o resto das moedas de 6 peniques e superiores, e o comité recomendou que o valor aparecese en todas as moedas desde os 3 peniques ata a media coroa.[72]

O 30 de xaneiro de 1893 proclamouse unha disposición real pola que se aprobaban as novas moedas, que gozaron dun acollemento favorable.[73] Algúns soberanos de 1893 cuñáronse aínda co deseño de Boehm nas sucursais da Royal Mint en Australia,[74] e cuñáronse medios soberanos dese mesmo tipo tanto en Londres como en Australia.[75] Con respecto ás moedas de prata, cuñáronse en Londres algunhas moedas de 6 peniques e de 3 peniques en 1893, pero polo demais, as cuñaxes da serie do Xubileu da raíña Vitoria chegaron á súa fin.[18][76]

As "moedas do Xubileu"

[editar | editar a fonte]
Valor facial Anverso Reverso Autor do reverso Anos de emisión
5 libras ou
Quíntuplo soberano
[77]
Benedetto Pistrucci
[78]
1887
[79]
Dobre soberano
[80]
Benedetto Pistrucci 1887
[81]
Soberano
[82]
Benedetto Pistrucci 1887-1892 (Londres)
1887-1893 (Melbourne)
1887-1893 (Sydney)
[74]
½ soberano
[83]
Leonard Charles Wyon
[25]
1887, 1890-1893 (Londres)
1887, 1893 (Melbourne)
1887, 1889, 1891 (Sydney)
[84]
Coroa
[85]
Benedetto Pistrucci
[86]
1887-1892
[87]
Dobre florín
[88]
Leonard Charles Wyon
[89]
1887-1890
[89]
½ coroa
[90]
Leonard Charles Wyon
[25]
1887-1892
[91]
Florín
[92]
Leonard Charles Wyon
[93]
1887-1892
[94]
Xilin
[95][65]
Leonard Charles Wyon
[25]
1887-1892
[96]
6 peniques
[97][98]
Leonard Charles Wyon
[25]
1887
[99]
Leonard Charles Wyon
[25]
1887-1893
[99]
4 peniques
(groat)
[100]
William Wyon
[101]
1888
[101]
3 peniques
[102]
Jean Baptiste Merlen
[103]
1887-1893
[103]
Serie Maundy
[104]
Jean Baptiste Merlen.
[105]
1888-1892
[106]
  1. Mayo, J. H. (1897). Medals and Decorations of the British Army and Navy. Vol. II". Constable, Westminster. Páxina 512.
  2. "Empress of India Medal, gold". Orders & Medals Society of America.
  3. A Lei da Moeda de 1870 atribuíulle ao Ministro de Facenda ex officio o cargo de Master of the Mint, aínda que o mestre adxunto era quen exercía as funcións realmente Véxase Seaby, P. (1985), páxina 156.
  4. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 274.
  5. Mayo, J. H. (1897). Medals and Decorations of the British Army and Navy. Vol. II". Constable, Westminster. Páxina 402.
  6. "Afghanistan Medal".AucklandMuseum.com
  7. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 275.
  8. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxinas 275-277.
  9. "Sir Edgar Boehm". En The Review of Reviews. Vol. III. Nº 13. Xaneiro de 1891. Páxina 32.
  10. 10,0 10,1 Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxinas 277-280.
  11. "Queen Victoria". National Portrait Gallery.
  12. 12,0 12,1 "Queen Victoria's Small Diamond Crown 1870". Royal Collection Trust.
  13. 13,0 13,1 Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 342.
  14. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 281.
  15. 15,0 15,1 Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 536.
  16. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 75.
  17. 17,0 17,1 Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 110.
  18. 18,0 18,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 65.
  19. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 108.
  20. 20,0 20,1 Skillern, S. (2013). Páxina 31.
  21. 21,0 21,1 Cobb, L. W. (1985). Páxina 257.
  22. Forrer, L. (1904). Páxina 204.
  23. 23,0 23,1 "Coin - Double-florin, Queen Victoria, Great Britain, 1889". Museums Victoria.
  24. 24,0 24,1 Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 535.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 282.
  26. Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 97.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Lant, J. L. (1973). Páxina 134.
  28. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 454.
  29. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 467-469.
  30. 30,0 30,1 Lant, J. L. (1973). Páxinas 134-135.
  31. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 546-547.
  32. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 555-556, 564-565.
  33. Seaby, P. (1985). Páxina 160.
  34. Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 103.
  35. Robinson, B. (1992). Páxina 49.
  36. Peck, C. W. (1960). Páxinas 493-495.
  37. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 416-417.
  38. "Notable Events and Prominent Personages". En Ipswich Journal. 10 de xuño de 1887. Páxina 5.
  39. Lant, J. L. (1973). Páxina 135.
  40. "The New Coinage". En Sheffield Independent. 28 de maio de 1887. Páxina 8.
  41. 41,0 41,1 "The New Coins". En Dundee Courier. 10 de xuño de 1887. Páxina 3.
  42. 42,0 42,1 42,2 "London Correspondence". En Western Mail. Cardiff, Gales. 21 de xuño de 1887. Páxina 2.
  43. 43,0 43,1 "The Jubilee Celebrations in Dublin". En Freeman's Journal. Dublín. 21 de xuño de 1887. Páxina 6.
  44. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 280.
  45. Punch, or the London Charivari. Volume 93. 9 de xullo de 1887. Páxina 7.
  46. Lant, J. L. (1973). Páxina 136.
  47. "News of the Day". En Birmingham Daily Post. 24 de xuño de 1887. Páxina 4.
  48. Fun. Volume XLVI. 6 de xullo de 1887. Páxina 5.
  49. Lant, J. L. (1973). Páxina 139.
  50. Day, L. F. (1887). Páxina 420.
  51. Lant, J. L. (1973). Páxinas 136-137.
  52. Seaby, P. (1985). Páxina 157.
  53. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 109.
  54. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 547.
  55. Lant, J. L. (1973). Páxina 138.
  56. "Lot #54443. Auction #5369". Heritage Auctions. 24 de outubro de 2018.
  57. "Topics of the Week". En The Graphic. 17 de setembro de 1887. Páxina 298.
  58. "Notes From London". En Sheffield Independent. 17 de decembro de 1887. Páxina 5.
  59. "The Jubilee Coinage". En The Standard. 30 de maio de 1888. Páxina 5.
  60. Lant, J. L. (1973). Páxina 140.
  61. 61,0 61,1 Stocker, M. (1996). Páxina 67.
  62. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 559-560.
  63. Lant, J. L. (1973). Páxinas 139-141.
  64. Stocker, M. (1996). Páxina 76.
  65. 65,0 65,1 "1 Shilling - Victoria 2nd portrait; 2nd type". Numista.com
  66. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 534-536.
  67. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 283.
  68. Dyer, G. P. (1995). Páxinas 114-117.
  69. "2 Pounds - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  70. Stocker, M. (1996). Páxinas 67-68.
  71. Stocker, M. (1996). Páxina 67.
  72. Stocker, M. (1996). Páxinas 68-77.
  73. Stocker, M. (1996). Páxina 80.
  74. 74,0 74,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 456-457.
  75. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 468-469.
  76. Lant, J. L. (1973). Páxina 141.
  77. "5 Pounds - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  78. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 427-428.
  79. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 428.
  80. "2 Pounds - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  81. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 440.
  82. "1 Sovereign - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  83. "½ Sovereign - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  84. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 469-470.
  85. "1 Crown - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  86. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 488.
  87. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 490.
  88. "2 Florins - Victoria 2nd portrait; 'Double Florin'". Numista.com
  89. 89,0 89,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 495.
  90. "½ Crown - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  91. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 510-511.
  92. "1 Florin - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  93. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 517.
  94. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 519.
  95. "1 Shilling - Victoria 2nd portrait; 1st type". Numista.com
  96. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 535-536.
  97. "6 Pence - Victoria 2nd portrait; 1st reverse". Numista.com
  98. "6 Pence - Victoria 2nd portrait; 2nd reverse". Numista.com
  99. 99,0 99,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 548-549.
  100. "4 Pence - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  101. 101,0 101,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 559-560.
  102. "3 Pence - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  103. 103,0 103,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 564-566.
  104. Serie Maundy: "1 Penny", "2 Pence", "3 Pence", "4 Pence". Numista.com
  105. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 555-556, 564.
  106. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 556.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]