Operación Triunfo 2017 é a novena edición do programa de televisión musical Operación Triunfo en España, a cal volve emitirse na 1 tras 16 anos dende a súa primeira emisión. O programa estreouse líder de audiencia, conseguindo un 19% de cota de pantalla en horario de máxima audiencia. Durante o resto das súas emisións, o programa continuou rexistrando bos datos de audiencia. O seu récord de tempada produciuse na décima gala, anotando un 19,5% de cota con máis de 2,6 millóns de espectadores.
Tras varios rumores e despois do éxito obtido por OT: O Reencontro, o 26 de abril de 2017, e tras 13 anos da súa última emisión na 1 de TVE, a súa directora de contidos confirmou que o programa regresaría, cunha novena edición que contará con catorce galas, unha por semana. Incluíndo os castings e un resumo de 25 minutos das actividades na academia.
Poderase votar de balde a través da app, votos que se sumarán aos tradicionais feitos co teléfono.
Os estudos do Parque Audiovisual de Cataluña, situados en Terrasa, acolleron tanto o estudio de gravación como a academia. As instalacións, que ocupaban 2 200 metros cadrados, contaban cun edificio de tres plantas e un estudio de gravación de grandes dimensións.
As galas emitíanse na primeira cadea da Televisión Española, é dicir, La 1, mais tamén na TVE Internacional asemade, ás 22:35 da noite dos luns. As galas volvían a ser emitidas nos sábados das súas respectivas semanas, ás 10:30 en La 1 e ás 22:55 en Clan.
Ao rematar cada gala, comezaba, nas canles La 1 e TVE Internacional, «El Chat de OT» ás 01:30 da mañá.
Nesta edición engadiuse, na canle oficial de Operación Triunfo en YouTube e na plataforma de pago Sky España, a novidade do 24h. Grazas a isto, os espectadores podían ver o que ocorría dentro da academia dende as 08:30 da mañá ata as 23:00 da noite.
Cepeda foi o oitavo expulsado da edición despois da súa actuación na que interpretou « Say You Won't Let Go », de James Arthur. Ao final da Gala 9, o público decidiu, cun 73% dos votos, que Cepeda debía abandonar a academia.
O primeiro sinxelo de Cepeda, titulado « Esta vez », publicouse o 1 de xuño e debutou no número 1 na lista oficial de vendas española, sendo desta maneira o primeiro concursante masculino en conseguilo.
Raoul foi o sétimo expulsado da edición trala súa actuación na que interpretou « Every Breath You Take », de The Police. Ao final da Gala 8, o público decidiu, cun 54% dos votos, que Raoul debía abandonar a academia.
O 19 de xuño do 2019, publicou o seu primeiro sinxelo en solitario, chamado «Estaré ahí». A canción trátase dunha balada baseada en experiencias persoais do artista. O videoclip acadou máis de 200 000 visualizacións en YouTube ao longo do primeiro día do lanzamento e o sinxelo chegou a estar no posto 1 en todas as plataformas de venda dixitais.
Mireya Bravo foi a sexta expulsada da edición logo da súa actuación na que interpretou « Ni un paso atrás », de Malú. Ao final da Gala 7, o público decidiu, cun 53% dos votos, que Mireya debía abandonar a academia.
O 22 de xuño do 2018, Mireya publicou « Tu Reflejo », o seu álbum debut. Ese mesmo día tamén lanzou o seu primeiro sinxelo, chamado « Corazón vendío », que está incluído no disco. « Tu reflejo » debutou na posición número 2 das listas de vendas de álbums españois.
Ricky Merino foi o quinto expulsado da edición despois da súa actuación na que interpretou « Let Me Entertain You », de Robbie Williams. Ao final da Gala 6, o público decidiu, cun 53% dos votos, que Ricky debía abandonar a academia.
O 26 de novembro do 2018, Ricky estreou o seu primeiro sinxelo « Miénteme », adaptación ao castelán de « Lie To Me », tema que compuxo antes de entrar no concurso. O sinxelo debutou no número 1 das listas de vendas das plataformas dixitais en España. O videoclip da canción, porén, foi censurado en YouTube aos tres días do lanzamento polo seu contido sexual, séndolle aplicado unha restrición de idade por parte de dita plataforma.[1]
Marina foi a cuarta expulsada da edición trala súa actuación na que interpretou « The Voice Within », de Christina Aguilera. Ao final da Gala 5, o público decidiu, cun 63% dos votos, que Marina debía abandonar a academia.
O 21 de setembro do 2018, baixo o nome de Marina Jade, lanzou o seu primeiro sinxelo titulado « Drinking Like I'm Sober », composto por Ruth Lorenzo.[2] Marina foi a primeira dos concursantes en sacar unha canción en inglés, que debutou na posición 99 de cancións máis vendidas en España e acadou máis de 450 000 visualizacións en menos de 48 horas na plataforma de YouTube.
Thalía Garrido foi a terceira expulsada da edición logo da súa actuación na que interpretou « Cenizas », de Malú. Ao final da Gala 4, o público decidiu, cun 69% dos votos, que Thalía debía abandonar a academia.
En outubro de 2018, cando se estaba por cumprir o aniversario da súa saída do concurso, Thalía era unha das poucas concursantes da edición que aínda non publicara o seu primeiro traballo. Xusto no momento no que a artista proxectaba sacar o seu primeiro sinxelo, as súas redes sufriron o ataque dun hacker turco que, amais de xerar moitas bromas e memes, estivo a punto de rematar coa paciencia da cantante.
Finalmente, Thalía recuperou as súas contas e puido anunciar o seu primeiro sinxelo, « Quien Quiero Ser », que debutaría no mercado musical o 23 de novembro do 2018.
Juan Antonio foi o segundo expulsado da edición despois da súa actuación na que interpretou « A puro dolor », de Son By Four. Ao final da Gala 3, o público decidiu, cun 91% dos votos, que Juan Antonio debía abandonar a academia.
O 7 de setembro do 2018, Juan Antonio publicou o seu primeiro sinxelo chamado « No te echo de menos », que se posicionou no número 1 de iTunes e conseguiu obter máis de 800 000 visualizacións en YouTube en menos dun mes.
Mimi, agora máis coñecida como Lola Índigo, foi a primeira expulsada da edición, logo da súa actuación na que interpretou « A-Yo », de Lady Gaga. Ao final da Gala 2, o público decidiu, cun 53% dos votos, que Mimi debía abandonar a academia.
O 20 de xullo do 2018, xa baixo o pseudónimo de Lola Índigo, lanzou o seu primeiro sinxelo « Ya no quiero ná », o cal debutou no número 3 na lista oficial de vendas española, conseguindo vender máis de 80 000 copias e sendo certificado como dobre Disco de Platino. Amais, o videoclip acadou o millón de visualizacións en 24 horas.
Durante a semana o público podía votar ao seu concursante favorito a través da aplicación oficial. A persoa que era pregoada « favorito/a da semana » tiña o privilexio de librarse do xuízo do xurado, é dicir, asegurábase a súa estadía na academia polo menos dúas semanas máis.
Os concursantes nomeados non podían ser candidatos a « favorito/a da semana », xa que só se enfrontaban á votación de expulsión.
Operación Triunfo 2017 contou con catorce galas normais e tres galas especiais. Logo de anunciar, en cada gala, o nome do concursante expulsado, sinalábanse aos tres concursantes con máis votos durante esa semana, e o que posuíse o maior número era pregoado favorito. Este era sempre o primeiro en cruzar a pasarela e non podía ser nomeado. Ao final da noite, dous novos concursantes eran propostos para abandonar a academia.