Saltar ao contido

Capela de San Miguel de Celanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «San Miguel de Celanova»)
Capela de San Miguel de Celanova
Capela de San Miguel de Celanova
Datos xerais
PaísGalicia Galicia
TipoIgrexa
AdvocaciónSan Miguel
LocalizaciónCelanova
Coordenadas42°09′08″N 7°57′23″O / 42.152352, -7.956489
CatalogaciónMonumento Nacional
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseOurense
Arquitectura
Construción937-942 (Antigo Reino de Galiza )
FundadorSan Rosendo
EstiloMozárabe, Arte de repoboación
San Miguel de Celanova en Galicia
San Miguel de Celanova
San Miguel de Celanova
Localización da Capela de San Miguel de Celanova
editar datos en Wikidata ]

A Capela de San Miguel de Celanova é unha construción prerrománica de estilo mozárabe, ou de repoboación,[1] a carón do mosteiro de San Salvador de Celanova. Foi declarada Monumento Nacional en 1923.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Da época da fundación do mosteiro só resta, na horta, esta pequena capela prerrománica de influencia mozárabe consagrada a San Miguel (coñecida como Capela de San Miguel), única no seu estilo en Galicia. Foi construída entre os anos 937[3] e 942[4] e ergueuna San Rosendo como santuario-oratorio e hospedería para peregrinos[5] dedicado ao seu irmán o conde Froilán Gutiérrez, creador do mosteiro de San Salvador, nas proximidades.

O material é perpiaño granítico[3] de gran calidade.

O templo consta de tres espazos que están delimitados por arcos de ferradura: a nave ou vestíbulo, o espazo central e a ábsida. O primeiro, presenta unha entrada lateral e sobre o lintel aparece unha inscrición en latín, na que se menciona ao conde Froilán. Está cuberta, interiormente, por unha bóveda de canón e o seu muro refórzase con contrafortes e, exteriormente, está cuberto por un tellado a dúas augas. Tamén contén unha pequena fiestra cun arco de ferradura.

Inscrición no lintel Placa conmemorativa coa tradución
† Auctor huius operis tu Deus esse crederis: dele pe-

cata omnibus te Christe pie orantibus: instat

præseis memoria indigno famulo Froila: que obtat

et in Domino te coniurat o bone dilecte qui legis ut me pec-

catore memoria habeas sacra et oratione

Ti, oh Deus, autor desta obra es crido

Ti, oh Cristo, borra os pecados dos que rezan:

O presente recordo recomenda a Froila, o teu indigno servo

quen desexa e no señor vos conxura, oh ben amado, que les isto

para que te lembres de min, pecador, na sagrada oración .

O corpo central, ou cruceiro, tamén leva contrafortes no muro exterior, tellado a catro augas que se apoia sobre unha cornixa decorada con modillóns ou canzorros de rolos con baixorrelevos nos que alternan espirais e rosetas de seis pétalos, semellantes aos de Santiago de Peñalba (León)[6]. Interiormente, garda unha bóveda de arestas que se apoia sobre arcos de ferradura que caen sobre canzorros lobulados.

A ábsida está cuberta por un tellado a dúas augas e a menor altura có primeiro corpo. Interiormente ten unha planta case circular, moi pequena, de 1’35 m. de diámetro, separada do resto da construción por un arco de ferradura enmarcado por un alfiz, e está cuberto por unha cúpula galonada.[6]

A orientación, cara ao leste, está pensada para que o sol nacente atravese, nos equinocios, as fiestras do corpo central.[7]

Medidas euclidianas

[editar | editar a fonte]

Segundo o investigador da Universidade de Vigo Roberto Vázquez Rozas a capela foi construída segundo as proporcións matemáticas de Euclides[8]. O módulo central ten 3,836 metros de longo, o duplo da lonxitude do rectángulo da ábsida (1,915 m x 2,31 de ancho). Estas proporcións están relacionadas coas medidas árabes, que posiblemente determinaron o tamaño da edificación. Así, na capela aparece a relación de proporción de 6, 9 e 12 pés árabes na ábsida, a nave e o espazo cadrado central. Isto responde aos principios da sección áurea expostos por Euclides cara ao século III a. C.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Freire Fernandez, Rubén - Carlos. "Celanova". revistaiberica.com. Consultado o 20-7-2019. 
  2. "Celanova". revistaiberica.com. Consultado o 17-12-2017. 
  3. 3,0 3,1 "Guía monumental (arte e historia) de Celanova, Orense". arteguias.com. Consultado o 18-12-2017. 
  4. "San Miguel de Celanova". udc.es. Consultado o 18-12-2017. [Ligazón morta]
  5. "Capilla de San Miguel de Celanova". artehistoria.com. Arquivado dende o orixinal o 06-09-2017. Consultado o 18-12-2017. 
  6. 6,0 6,1 "San Miguel de Celanova". arquivoltas.com. Consultado o 18-12-2017. 
  7. Rodríguez, Maite (20-03-2014). "El espectáculo del equinoccio de primavera desde la capilla mozárabe de San Miguel de Celanova". lavozdegalicia.es. Consultado o 18-12-2017. 
  8. "Descobren que a capela de Celanova segue a xeometría de Euclides", La Voz de Galicia, 3 de agosto de 2009.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]