Saltar ao contido

Simone Scheers

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSimone Scheers
Biografía
Nacemento1 de agosto de 1943
Diegem, Bélxica (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeBelga.
EducaciónUniversidade Católica de Lovaina.
Q89547790Estudos de numismática céltica.
Actividade
Campo de traballoNumismática.
Ocupaciónnumismático Editar o valor en Wikidata
Influencias
Influencias en
- Colin Haselgrove.
- Nico Roymans.
- John Sills.
Premios
- 1979: Premio do Círculo de Estudos Numismáticos de Bruxelas.
- 1983: Premio Jeton de Vermeil, da SFN.
- 1984: Premio Derek Allen, da Academia Británica.
- 1996: Membro Honorario da SFN.

Simone Scheers, nada o 1 de agosto de 1943 en Machelen, no Brabante Flamengo, é unha numismática belga especializada nas moedas dos pobos celtas.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Durante a súa época de estudante de Historia Antiga e Arqueoloxía na Universidade Católica de Lovaina (ULeuven), Simone Scheers orientouse axiña cara á numismática co apoio do seu profesor Paul Naster, quen a puxo en contacto con Colbert de Beaulieu, eminente especialista da numismática da Idade de Ferro. Graduouse, cun mestrado en Historia Antiga, en 1966, e a súa memoria de licenciatura, titulada Les monnaies de la Gaule inspirées de celles de la République romaine ("As moedas da Galia inspiradas nas da República Romana") foi moi recoñecida polos especialistas pola súa calidade e foi publicada en 1969. Simone converteuse de camiño en asistente do profesor Naster, especialista en moeda da Antiga Grecia e antigo conservador do Gabinete de Medallas de Bruxelas, quen dirixiu a súa tese de doutoramento, na que se propuxo facer o inventario e o estudo das moedas da Idade de Ferro na Galia belga. En 1973, este traballo permitiulle acceder ao título de doutora en Arqueoloxía e Historia da Arte, e a súa publicación produciuse en 1977 baixo o título Traité de numismatique celtique. II. La Gaule Belgique ("Tratado de numismática. II. A Galia belga"). A crítica no ámbito académico numismático foi tan favorable que Simone Scheers pasou a ser considerada inmediatamente unha autoridade na materia.[1][2][3]

A partir de 1978, Simone Scheers comezou a impartir docencia na Universidade Católica de Lovaina, na que acadou o posto de profesora en 1984, sucedendo a Paul Naster na cátedra de numismática. Este novo labor como docente levouna a interesarse por outros períodos da historia da moeda (moedas gregas, cuñaxes romanas e emisións bizantinas e modernas), aínda que o foco das súas investigacións seguiu a ser a numismática da Idade de Ferro. En 2004 foi nomeada profesora emérita.

En paralelo á súa actividade académica, Simone Scheers foi igualmente un membro moi activo da Sociedade Real de Numismática de Bélxica, da que foi tesoureira de 1982 a 1986 e secretaria de 1986 a 1989. Foi tamén unha participante asidua das "xornadas" da Sociedade Francesa de Numismática; colaborou no proxecto Survey of Numismatic Research do Consello Internacional de Numismática e foi membro de importantes entidades do sector do Reino Unido, Suíza e outros países.[1]

Simone Scheers foi a primeira investigadora en estudar as moedas da Idade de Ferro dun xeito tan completo e sobre un territorio de tal extensión, o que posibilitou o estudo da circulación monetaria nesa época e a atribución de tipos monetarios ás súas correspondentes tribos.[2][3]

Grazas ao seu traballo, as moedas da Galia belga puideron comezar a ser estudadas como recursos históricos. Malia que algunhas das súas teses na cuestión cronolóxica chegaron a ser cuestionadas, o seu traballo segue a ser unha referencia na materia e serviu de influencia para numerosos científicos de sona, como Colin Haselgrove, Nico Roymans ou John Sills.[1][4]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Escolma de publicacións

[editar | editar a fonte]

Á parte da seguinte escolma de monografías, pódese ver unha listaxe dos seus artigos en revistas numismáticas no sitio web da Sociedade Real de Numismática de Bélxica.[9][10]

  • (1969): Les monnaies de la Gaule inspirées de celles de la République romaine. Lovaina. Universiteitsbibliotheek Leuven.
  • (1975): Les monnaies gauloises de la collection A. Danicourt à Péronne. Bruxelas. Cercle d'études numismatiques.
  • (1977): Traité de numismatique celtique. II. La Gaule Belgique. París. Les Belles Lettres. ISBN 978-2-251-60195-3
  • (1978): Monnaies gauloises de Seine-Maritime. Rouen. Musée départemental des antiquités.[11]
  • (1980): Les monnaies d'or des aulerci Eburovices. Lovaina.
  • (1982): Les monnaies gauloises du Musée d'Evreux. Pacy-sur-Eure. Jean Saussaye.
  • (1983): La Gaule Belgique: numismatique celtique. Lovaina. Peeters. ISBN 9782801702093
  • (1992): Un complément à l'Atlas de monnaies gauloises de Henri de la Tour. París: Maison Platt. ISBN 9789070296230
  • (2012): Late Iron Age gold hoards from the Low Countries and the Caesarian conquest of Northern Gaul (con N. Roymans e G. Creemers). Ámsterdam. Amsterdam University Press. ISBN 9789074605502
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Van Heesch, J. (2009). "Simone Scheers, a biographical sketch".
  2. 2,0 2,1 Nony, D. (1978). "Simone Scheers, traité de numismatique celtique (compte-rendu)". En Revue Numismatique. 20. Société fraçaise de numismatique. Páxinas 181-182.
  3. 3,0 3,1 Dhenin, M. (1978). "Simone Scheers, Traité de numismatique celtique. II, La Gaule belgique". En Revue du Nord. 239. Páxinas 895-896.
  4. Claes, L. (2017). "Docendo Discimus: the History of Numismatic Education in Belgium and some Recommendations for the Future". En Moens, J. (ed.). Belgian Numismatics in Perspective. Bruxelles. Páxina 24.
  5. "Le quinzième anniversaire du Cercle d'Études Nunrismatiques et l'attribution de son prix quinquenal". Reviste Belgue de Numismatique.126. Bruxelas. 1980. Páxinas 235-236.
  6. "Médaille et jeton de vermeil". Société Française de Numismatique (SFN).
  7. "Derek Allen Prize". The British Academy.
  8. "Derek Allen Fund Arquivado 10 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". The British Academy.
  9. "Publications de – Publicaties van : Simonne Scheers". Société royale de numismatique de Belgique.
  10. "Scheers, Simone". WorldCat.
  11. Comentario de M. Dhénin. En Revue Numismatique. 20. 1978. Páxina 183.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Van Heesch, J. (2009). "Simone Scheers, a biographical sketch". En J. van Heesch & I. Heeren (eds.). Coinage in the Iron Age. Essays in honour of Simone Scheers. Londres. Spink. Páxinas viii-xi.