Saltar ao contido

Tartaruga xigante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As tartarugas xigantes son réptiles quelonios testudínidos de gran tamaño que actualmente se encontran en dous grupos de illas tropicais: o atol de Aldabra nas Seychelles (Índico) e as illas Galápagos no Pacífico fronte a Ecuador (as especies que existían nas illas Mascareñas foron exterminadas arredor de 1900). Estas tartarugas poden pesar ata 417 kg e medrar ata 1,3 m de longo. Os antepasados das tartarugas xigantes orixinalmente fixeron a viaxe ata as illas onde agora viven desde o continente; por exemplo, as tartarugas xigantes de Aldabra e das Mascareñas están emparentadas coas tartarugas de Madagascar (á súa vez de orixe africana continental) mentres que as tartarugas das Galápagos están relacionadas coas tartarugas do continente suramericano. O fenómeno de excesivo crecemento nas illas que experimentan algunhas especies coñécese como xigantismo das illas ou insular e inicialmente pensábase que estas tartarugas eran un exemplo. Ocorre cando o tamaño do animal que está illado nun arquipélago ou illa incrementa o seu tamaño drasticamente en compración cos seus parentes continentais. Isto débese a varios factores como a relaxación das presións de predación, liberación competitiva ou a unha adaptación ao aumento das flutuacións ambientais nas illas.[1][2] Porén, as tartarugas xigantes xa non se consideran un bo exemplo de xigantismo das illas, xa que o seu tamaño masivo se cre que evolucionou no continente. As tartarugas xigantes eran antes comúns nas faunas do Cenozoico de Eurasia, África e as Américas.[3][4]

Especie tipo (YPM 3000) de Archelon ischyros do Cretáceo no Museo Peabody de Historia Natural, Universidade Yale.

Estes animais pertencen a un antigo grupo de réptiles, que apareceron hai uns 250 millóns de anos. No Cretáceo superior, hai 70 ou 80 millóns de anos, algunhas xa se converteran en xigantescas. Por exemplo, Archelon do Cretáceo medía uns 4 m de longo e case 5 de largo dunha punta dunha aleta á outra.[5] Hai 1 millón de anos as tartarugas chegaron ás illas Galápagos. A maioría das especies xigantes recentes empezaron a desaparecer hai uns 100 000 anos. Só hai 250 anos había polo menos 20 especies e subespecies en illas do océano Índico e 14 ou 15 especies nas illas Galápagos.[6]

Tartaruga xigante das Galápagos da illa de Santa Cruz.

Aínda que a miúdo se consideraron exemplos de xigantismo das illas, antes da chegada do Homo sapiens as tartarugas xigantes tamén vivían en localizacións non insulares, ou en illas máis accesibles. Durante o Plistoceno, e principalmente durante os últimos 50 000 anos, as tartarugas da parte continental ou grandes illas do sur de Asia (Colossochelys atlas),[7] Norte[7] e Suramérica,[8] Indonesia,[7] Madagascar (Dipsochelys),[7] e incluso a illa de Malta[7] acabaron por extinguirse. As tartarugas xigantes antigas de África extinguíronse algo antes, durante o Plioceno tardío.[9] Aínda que o momento da desaparición de varias especies de tartarugas xigantes parece correlacionarse coa chegada dos humanos, as evidencias directas da implicación humana nestas extincións xeralmente non existen, pero ditas evidencias obtivéronse no caso da tartaruga xigante das Meiolaniidae emparentada distantemente Meiolania damelipi en Vanuatu.[10][11] Un relicto interesante é unha coiraza dunha tartaruga xigante extinta que se encontrou nun sumidoiro cárstico mergullado en Florida cunha lanza de madeira cravada, para a que a datación de carbono deu unha idade de 12 000 anos.[12] Hoxe, só unha das especies do océano Índico sobrevive na natureza, a tartaruga xigante de Aldabra (tense considerado que existen dúas ou máis poboacións en poboacións en catividade ou voltas a liberar, pero algúns estudos xenéticos puxeron en dúbida a validez de separar estas especies) e 10 especies existentes nas illas Galápagos.

Duración da vida

[editar | editar a fonte]

As tartarugas xigantes están entre os animais máis lonxevos que existen, cunha duración da vida media de 100 anos ou máis.[6] Un exemplar de tartaruga de Madagascar Astrochelys radiata á que se lle deu o nome Tu'i Malila morreu cando tiña 188 anos en Tonga en 1965 (era propiedade da familia real de Tonga). A tartaruga Harriet (que inicialmente se pensaba que era unha das tres tartaruga das Galápagos que se trouxo a Inglatera no barco Beagle no que viaxara Charles Darwin, pero que despois se viu que procedía dunha illa que non visitara Darwin) segundo informou o Zoo de Australia tiña 176 anos cando morreu en 2006. Ademais, en 2006, unha tartaruga xigante de Aldabra chamada Adwaita morreu nos Xardíns zoolóxicos de Alipore en Calcuta. Chegou ao zoo na década de 1870 desde a facenda de Lord Clive e pénsase que morreu aos 255 anos.[13] Na época do seu descubrimento foron capturadas en tanta cantidade que estaban virtualmente extintas en 1900. As tartarugas xigantes están agora baixo estritas medidas de conservación e están catalogadas como especies ameazadas.

Tartaruga xigante do atol Aldabra

[editar | editar a fonte]

A tartaruga xigante de Aldabra vive no remoto atol de Aldabra das illas Seychelles do océano Índico. É a única especie de tartaruga xigante do Índico que vive hoxe, xa que outras se extinguiron pouco despois da chegada de colonos humanos; entre elas a tartaruga xigante das Seychelles que se cre agora que está extinta na natureza, aínda que as tartarugas de Aldabra e de Seychelles son tan similares xeneticamente que algúns autores pensan que son a mesma especie.[13][14]

Hoxe, a tartaruga xigante de Aldabra está na lista de especies vulnerables á extinción na natureza. Porén, o atol de Aldabra está agora protexido da influencia humana ao ser declarado Patrimonio da Humanidade, e é o fogar dunhas 152 000 tartarugas xigantes de Aldabra, o que é a maior poboación do mundo desta especie. Outra poboación illada máis pequena de tartaruga xigante de Aldabra vive na illa de Zanzíbar, e hai outras poboacións en catividade en parques naturais de Mauricio e Rodrigues. Os programas de crianza en catividade nesas outras illas están tratando de recuperar esta especie, e hoxe as poboacións nelas parecen estar prosperando.[13]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

As tartarugas de Aldabra reprodúcense e poñen uns 25 ovos elásticos entre febreiro e maio. O apareamento é ruidoso, xa que os machos urran coma touros, e perseguen as femias. Durante a copulación, a cola do macho guía o seu pene na posición axeitada para fecundar a femia, e a copulación dura de 10 a 15 minutos.[15] Os ovos son depositados nun niño seco e pouco profundo no chan, o que os fai especialmente vulnerables aos predadores. Crese que as femias poden facer máis dunha posta de ovos ao ano. As crías eclosionan dos ovos despois dun período de incubación de 8 meses. As crías tenden a eclosionar todas durante un mesmo período de dúas semanas, que coincide co inicio da estación chuviosa.[13] Chegan á madurez sexual aredor dos 30 anos.[15] Aínda que algúns individuos poden vivir máis de 250 anos, a súa expectativa de vida adoita estar entre 80 e 120 anos.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Tartaruga xigante de Aldabra refrescándose nunha poza de auga doce en Curieuse, Seychelles.

A tartaruga xigante de Aldabra ten unha coiraza abovedada que actúa como armadura protectora para o seu corpo brando e vulnerable. Teñen un pescozo moi longo que utilizan para arrincar follas das ramas altas das árbores. Os machos, aínda que non son moito maiores, pesan case 100 kg máis que as femias. Son animais de patas grosas e curtas e arredondadas, pés case planos que lles axudan a camiñar pola area.

Viven principalmente en praderías e pantanos nas illas do atol de Aldabra. Viven nestas illas con outras especies de tartarugas xigantes, pero moitas delas foron cazadas ata a extinción nos séculos XVIII e XIX. Aínda que se encontran en áreas de densa vexetación baixa e percorren rexións máis espalladas e rochosas cando hai escaseza de comida. Poden encontrarse frecuentemente descansando na sombra ou en pozas pouco profundas para refrescarse.[13] As tartarugas de Aldabra tenden a pasar a vida pastando pero percorren distancias sorprendentes na busca de comida e están tamén a gusto en solos pouco fondos e rochosos. Poden beber en pozas pouco fondas a través dos seus orificios nasais, e o nome Dipsochelys, que tamén se lles deu, refírese a esta salientable adaptación.[16]

Especies e subespecies

[editar | editar a fonte]
  • Aldabrachelys (antes Dipsochelys)
    • A. abrupta - de Madagascar, (extinguida)
    • A. gigantea – a tartaruga xigante de Aldabra, con catro subespecies recoñecidas
      • A. g. arnoldi – de Seychelles
      • A. g. daudinii – de Seychelles, (extinguida)
      • A. g. gigantea – do atol de Aldabra, Seychelles
      • A. g. hololissa – é a chamada tartaruga xigante de Seychelles
    • A. grandidieri – do suroeste de Madagascar, (extinguida)

Tartarugas xigantes das illas Canarias

[editar | editar a fonte]
Restauración dun exemplar de Geochelone burchardi no Museo da Natureza e o Home de Santa Cruz de Tenerife.

Atopáronse restos nas illas Canarias de dúas especies extinguidas de grandes tartarugas: Geochelone burchardi e Geochelone vulcanica. Estas especies crese que se extinguiron debido a erupcións volcánicas.[17]

As tartarugas das illas Canarias eran similares ás que hoxe se encontran nas Galápagos e Seychelles. G. burchardi tiña unha coiraza máis grande, dunha lonxitude de 65 a 94 cm, mentres que a de G. vulcanica tiña 61 cm de longo. Ambas están relacionadas con especies do Norte de África do xénero Geochelone.[17]

Os restos datan principalmente do Mioceno. Crese que estas especies sobreviviron ata o Plistoceno superior.[17]

Tartaruga xigante das Galápagos

[editar | editar a fonte]

O parente máis próximo da tartaruga xigante das Galápagos é a tartaruga do Chaco (Chelonoidis chilensis) de menor tamaño de Suramérica, aínda que non é o seu antepasado directo. Os científicos cren que as primeiras tartarugas chegaron ás Galápagos hai 2 ou 3 millóns de anos flotando á deriva unhas 600 millas desde a costa de Suramérica sobre balsas de vexetación ou polos seus propios medios. Eran xa grandes animais antes de chegaren ás Galápagos. Colonizaron primeiro as illas máis orientais de Española e San Cristóbal, despois dispersáronse polo arquipélago, establecéndose finalmente unhas 16 poboacións separadas en dez das maiores illas das Galápagos. Actualmente, hai só 10 especies de tartarugas xigantes das Galápagos das 16 especies que había orixinalmente. Durante os séculos XVI e XVII, os Galápagos eran frecuentadas por bucaneiros que atacaban os barcos españois cheos de tesouros. Enchían as bodegas dos barcos con tartarugas porque era unha maneira fácil de almacenar comida, unha tradición que foi continuada polos baleeiros nos séculos que seguiron: "os barcos baleeiros eran case líricos nas súas loanzas da carne de tartaruga, considerándoa máis deliciosa que o polo, porco ou vacún'. Dicían que a carne da tartaruga xigante era unha 'carne suculenta e o aceite dos seus corpos tan puro como a manteiga, pero o mellor de todo, os xigantes podían hibernar na humidade dun barco durante un ano ou máis."[18]

Xurxo o Solitario, o último individuo coñecido da especie da illa Pinta Chelonoidis abingdonii

Estes bucaneiros capturaban estas grandes tartarugas non só debido á súa carne e aceite senón tamén polas súas incribles adaptacións que permitían a estes animais sobrevivir un ano sen comida nin auga. Unha vez que os bucaneiros, baleeiros e comerciantes de peles descubriron que podían ter carne fresca durante as súas longas viaxes ao almacenaren tartarugas xigantes vivas nas bodegas dos seus barcos, empezou a explotación masiva desta especie. As tartarugas eran tamén explotadas polo seu aceite, que foi utilizado como combustible para as lámpadas de iluminación de Quito. Dous séculos de explotación resultaron na perda de entre 100 000 e 200 000 tartarugas. Nese período extinguíronse tres especies, e unha cuarta especie desapareceu en 2012 ao morrer o seu último exemplar, chamado Xurxo o Solitario (Lonesome George). Estímase que hoxe nas illas viven entre 20 000 e 25 000 tartarugas.[19]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

As tartarugas das Galápagos son herbívoras, alimentándose principalmente de cactos, herbas e froitos. Beben grandes cantidades de auga cando dispoñen dela que almacenan nas súas vexigas durante longos períodos de tempo. Teñen dous tipos principais de coirazas con forma de sela ou de bóveda. Ambas proporcionan adaptacións especiais a diferentes ambientes. As coirazas con forma de sela son as que teñen as especies máis pequenas, pero presentan pescozos e patas moi longos, e viven en zonas áridas e aliméntanse de cactos. As coirazas abovedadas téñenas as especies de pescozos e patas máis curtos, e viven en illas con máis vexetacións e aliméntanse de herbas.[20] Pasan como media 16 horas ao día descansando. O seu nivel de actividade depende da temperatura ambiente e da dispoñibilidade de comida. Na estación fría, están activas ao mediodía, durmindo pola maña e as primeiras horas da tarde. Na estación cálida, o seu período activo é o inicio da mañá e as horas finais da tarde, mentres que ao mediodía descansan e tratan de manterse frescos á sombra de arbustos ou medio mergullados en pozas de barro.

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

As tartarugas reprodúcense principalmente durante a estación cálida de xaneiro e maio; porén, as tartarugas poden verse apareándose en calquera mes do ano. Durante a estación fría (de xuño a novembro), as tartarugas femias migran ás zonas de nidación, que se localizan xeralmente nas terras baixas das illas, para poñeren os ovos. Unha femia pode poñer ovos en de 1 a 4 niños na tempada de nidación de xuño a decembro. Escavan un burato coas patas posteriores, deixan caer nel os ovos, e finalmente o cobren de terra coas patas posteriores. O número de ovos que poñen vai de 2 a 7 nas tartarugas de coiraza con forma de sela a ás veces máis de 20 ou 25 ovos nas tartarugas de coiraza abovedada. Os ovos incúbanse durante de 110 a 175 días (os períodos de incubación dependen do mes en que se fixo o niño, e os ovos que se poñen ao inicio da estación fría necesitan unha incubación máis longa que os postos ao final de dita estación, cando a maioría das incubacións ocorren ao inicio da estación cálida). Despois da eclosión, as crías novas permanecen no niño durante unhas poucas semanas antes de emerxer por un pequeno burato adxacente á parte superior do niño. Usualmente a temperatura do niño inflúe no sexo das crías. As temperaturas cálidas orixinan máis femias, mentres que as temperaturas máis frías orixinan máis machos.

Especies e subespecies

[editar | editar a fonte]
  • Xénero Chelonoidistartaruga xigante das Galápagos
    • Chelonoidis abingdonii – da illa Pinta (Listada como extinguida. O último individuo coñecido, ao que se lle chamou Xurxo o Solitario (Lonesome George), morreu en 2012, pero podería haber algúns superviventes na illa Isabela (onde algúns foron trasladados hai tempo), segundo os datos xenéticos sobre a presenza de híbridos.[21][22]
    • Chelonoidis becki – no volcán Wolf da illa Isabela
    • Chelonoidis chathamensis – na illa de San Cristóbal
    • Chelonoidis darwini – na illa de Santiago
    • Chelonoidis duncanensis – na illa Pinzón
    • Chelonoidis guentheri – no volcán Sierra Negra de Isabela
    • Chelonoidis hoodensis – na illa Española
    • Chelonoidis microphyes – no volcán Darwin de Isabela
    • Chelonoidis nigra – na illa Floreana (extinguida)
    • Chelonoidis phantastica – na illa Fernandina (de existencia dubidosa)
    • Chelonoidis porteri – da illa de Santa Cruz
    • Chelonoidis donfaustoi – do leste da illa de Santa Cruz (reclasificada despois dun estudo de ADN, atopada na rexión de Cerro Fatal)[23][24]
    • Chelonoidis vandenburghi – no volcán Alcedo de Isabela
    • Chelonoidis vicina – de Isabela
    • Chelonoidis wallacei – da illa Rábida (de dubidosa existencia)
    • Chelonoidis sp. 1 – da illa de Santa Fe (de dubidosa existencia)
    • Chelonoidis sp. 2 – da rexión de El Fatal da illa de Santa Cruz (extinguida)
    • Chelonoidis sp. 3 – da rexión de Cerro Montura de Santa Cruz (extinguida)

Tartarugas xigantes das Mascareñas

[editar | editar a fonte]

As illas Mascareñas de Mauricio, Reunión e Rodrigues antes albergaban cinco especcies de tartarugas xigantes, dúas das cales vivían en Mauricio, outras dúas en Rodrigues e unha en Reunión. As tartarugas eran endémicas desas illas e adquiriran varias adaptacións especiais en ausencia de predadores terrestres. Difiren de calquera outra especie de tartaruga xigante debido ás súas mandíbulas modificadas, escamas reducidas nas patas e coirazas que como media tiñan só 1 mm de grosor. As coirazas destas tartarugas xigantes estaban moi abertas polos extremos; de feito, o seu nome científico Cylindraspis significa de forma cilíndrica. Esta era unha adaptación específica en resposta á falta de predadores, xa que non lles eran necesario ter coirazas grosas e pesadas.

No século XVI coa chegada dos humanos e a subseguinte introdución de animais domésticos, particularmente porcos, as tartarugas foron cazadas rapidamente ata a extinción. Desafortunadamente para elas, as coirazas delgadas non as protexían contra eses novos invasores; porcos, ratas e gatos devoraron os seus ovos e crías e miles delas eran recollidas vivas para fornececer alimento aos barcos. Ás veces incluso eran cazadas para obter aceite, que era moi valioso daquela porque proporcionaba unha cura para moitas padecementos, como o escorbuto.

En Mauricio, a tartaruga xigante desapareceu da illa principal no século XVII e os últimos exemplares sobreviviron en pequenos illotes do norte ata 1730. A finais de 1800, descubríronse un gran número de ósos de tartarugas nas escavacións en Mare aux Songes. Isto resultou na descrición de dúas especies de tartarugas xigantes de Mauricio, a Cylindraspis inepta e a Cylindraspis triserrata.[25]

Hoxe todo o que queda desas cinco especies son varios restos fósiles e coirazas, uns poucos debuxos de animais vivos, e unha tartaruga xigante de Rodrigues disecada no Museo Nacional de Historia Natural de Francia.[26]

Especies e subespecies

[editar | editar a fonte]
  1. Pritchard P. C. H. 1996 The Galapagos tortoises: nomenclatural and survival status. Lunenburg, MA: Chelonian Research Foundation in association with Conservation International and Chelonia Institute.
  2. "The evolution of island gigantism and body size variation in tortoises and turtles". royalsocietypublishing.org. PMC 3130210. PMID 21270022. doi:10.1098/rsbl.2010.1084. Consultado o 2019/02/06. 
  3. Cione, A. L.; Tonni, E. P.; Soibelzon, L. (2003). "The Broken Zig-Zag: Late Cenozoic large mammal and tortoise extinction in South America" (PDF). Rev. Mus. Argentino Cienc. Nat., n.s. 5 (1): 1–19. ISSN 1514-5158. Archived from the original (PDF) on July 6, 2011. Retrieved 2011-02-06.
  4. Hansen, Dennis M.; Donlan, C. Josh; Griffiths, Christine J.; Campbell, Karl J. (2010). "Ecological history and latent conservation potential: large and giant tortoises as a model for taxon substitutions". Ecography (en inglés) 33 (2): 272–284. ISSN 1600-0587. doi:10.1111/j.1600-0587.2010.06305.x. 
  5. "Archelon". BBC - Science & Nature. Consultado o 2009-05-25. 
  6. 6,0 6,1 "Galápagos Tortoise". National Geographic. 2010-09-10. Consultado o 2019-02-06. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Hansen, D. M.; Donlan, C. J.; Griffiths, C. J.; Campbell, K. J. (April 2010). "Ecological history and latent conservation potential: large and giant tortoises as a model for taxon substitutions" (PDF). Ecography (Wiley) 33 (2): 272–284. doi:10.1111/j.1600-0587.2010.06305.x. Consultado o 2011-02-26. 
  8. Cione, A. L.; Tonni, E. P.; Soibelzon, L. (2003). "The Broken Zig-Zag: Late Cenozoic large mammal and tortoise extinction in South America" (PDF). Rev. Mus. Argentino Cienc. Nat., n.s. 5 (1): 1–19. ISSN 1514-5158. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2011. Consultado o 2011-02-06. 
  9. Harrison, T. (2011). "Tortoises (Chelonii, Testudinidae)". Paleontology and Geology of Laetoli: Human Evolution in Context, Vol. 2: Fossil Hominins and the Associated Fauna. Vertebrate Paleobiology and Paleoanthropology. Springer Science+Business Media. pp. 479–503. ISBN 978-90-481-9961-7. doi:10.1007/978-90-481-9962-4_17. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 28 de outubro de 2017. 
  10. White, A. W.; Worthy, T. H.; Hawkins, S.; Bedford, S.; Spriggs, M. (16 August 2010). "Megafaunal meiolaniid horned turtles survived until early human settlement in Vanuatu, Southwest Pacific". Proc. Natl. Acad. Sci. USA 107 (35): 15512–15516. PMC 2932593. PMID 20713711. doi:10.1073/pnas.1005780107. Consultado o 2011-08-30. 
  11. Keim, Brandon (17 de agosto de 2010). "Extinct, King Koopa-Style Giant Turtle Found on Pacific Island". Wired.  (Presentación popular dalgúns materiais do artículo de PNAS)
  12. http://www6.miami.edu/miami-magazine/spring01/time.html
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 A-Z-Animals.com. "Aldabra Giant Tortoise". a-z-animals.com (en inglés). Consultado o 2019-02-06. 
  14. "Taxonomy of Dipsochelys (Aldabra giant tortoise)". nhm.ac.uk. National History Museum. Consultado o 31 December 2014. 
  15. 15,0 15,1 "Biology of Dipsochelys (Aldabra giant tortoise)". nhm.ac.uk. National History Museum. Consultado o 31 December 2014. 
  16. "Habitat of Dipsochelys (Aldabra giant tortoise)". nhm.ac.uk. National History Museum. Consultado o 31 December 2014. 
  17. 17,0 17,1 17,2 "La Paleontología de vertebrados en Canarias" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de outubro de 2018. Consultado o 28 de outubro de 2017. 
  18. "Floreana History – Pre 1900's". Diving The Galapagos blog. Diving The Galapagos Blog. 28 July 2009. Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2011. Consultado o 2011-02-26. 
  19. "Giant Tortoises". Galapagos Conservancy (en inglés). Consultado o 2019-02-06. 
  20. Fitter, Julia; Fitter, Daniel; Hosking, David (2007). Wildlife of Galapagos (2 ed.). UK: collins. p. 256. ISBN 978-0-00-724818-6. 
  21. Raferty, Isolde. "Lonesome George, last-of-its-kind Galápagos Tortoise, dies". MSNBC.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2012. Consultado o 2012-06-24. 
  22. Russello, Michael A.; Beheregaray, Luciano B.; Gibbs, James P.; Fritts, Thomas; Havill, Nathan; Powell, Jeffrey R.; Caccone, Adalgisa (1 May 2007). "Lonesome George is not alone among Galápagos tortoises". Current Biology 17 (9): R317–R318. PMID 17470342. doi:10.1016/j.cub.2007.03.002. Consultado o 2012-01-11. 
  23. http://www.smithsonianmag.com/science-nature/new-species-galapagos-tortoise-found-santa-cruz-island-180957004/?no-ist
  24. http://www.livescience.com/52545-new-species-galapagos-tortoise.html
  25. Hume, Julian Pender (setembro de 2010). "Mascarene Giant Tortoises – Naturalis Biodiversity Center". www.naturalis.nl. Naturalis. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2014. Consultado o 31 December 2014. 
  26. "Recently Extinct Animals – Species Info – Saddle-backed Rodrigues Giant Tortoise". The Extinction Website. PeterMaas. August 2009. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 31 December 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • IUCN (2006). 2006 IUCN Red List of Threatened Species. [1]. Descargado o 20 de maio de 2006.
  • Gerlach, J. (editor) (2014). Western Indian Ocean Tortoises: Ecology, Diversity, Evolution, Conservation, Palaeontology. Siri Scientific Press, Manchester, 352 pp, 200+ illustrations. ISBN 978-0-9929979-0-8
  • Pritchard P.C.H. (1996). The Galapagos tortoises: nomenclatural and survival status. Lunenburg, MA: Chelonian Research Foundation in association with Conservation International and Chelonia Institute.
  • Fitter, Julia; Fitter, Daniel; Hosking, David (2007). Wildlife of Galapagos (2 ed.). UK: collins. p. 256. ISBN 978-0-00-724818-6. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]