Saltar ao contido

Tintín (personaxe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tintín
Información editorial
EditorialLe Petit Vingtième, suplemento infantil do xornal Le Vingtième Siècle
Primeira apariciónTintín no país dos soviets (1929)
CreadoresHergé
CompañeirosCapitán Haddock, Milú, Hernández e Fernández, Profesor Tornasol

Tintín (/ˈtɪntɪn/;[1] Francés: [tɛ̃tɛ̃]) é un personaxe de cómic protagonista titular de As aventuras de Tintín, a serie de cómics do debuxante belga Hergé. O personaxe creouse en 1929 e presentouse en Le Petit Vingtième, un suplemento xuvenil semanal do xornal belga Le Vingtième Siècle.[2] Aparecendo como un mozo cunha cara redonda e un peiteado con topete, Tintín é representado como un reporteiro precoz e multitalentoso que percorre o mundo co seu can Milú.[3]

Evolución[editar | editar a fonte]

Tintín aparece por primeira vez en Le Petit Vingtième, suplemento infantil do diario belga Le Vingtième Siècle (o século vinte) o 10 de xaneiro de 1929. Xa desde a primeira historieta a Tintín acompáñalle un can branco chamado Milú.

Orixinariamente é un reporteiro de Le Petit Vingtième. Máis adiante seguirá sendo reporteiro, aínda que non se dirá de que publicación e de feito nunca lle veremos actuar como tal. Ao principio o seu compañeiro é só o can Milú, pero a partir do noveno álbum, O caranguexo das tenaces de ouro, acompañaralle tamén o capitán Haddock e ocasionalmente outros personaxes secundarios, como o profesor Tornasol, Bianca Castafiore ou os irmáns Hernández e Fernández. Ata Tintín no país do ouro negro, o protagonista vive co seu can nun piso situado no número 26 da rúa Labrador, nunha cidade mal definida aínda que de xeito evidente trátase de Bruxelas. A partir do álbum mencionado, trasládase ao castelo de Moulinsart, residencia do capitán Haddock.

Descrición[editar | editar a fonte]

A imaxe de Tintín, un mozo de cara redonda[4] correndo cun fox terrier branco ao seu carón, é facilmente unha das iconas visuais máis recoñecibles do século XX.

Hergé creou a Tintín como un mozo belga, loiro, baixo, de cara redonda e cun característico topete. Natural de Bruxelas, cos valores conservadores de Hergé e respectuoso coas normas tradicionais.[5].[6][a] Na súa primeira aparición, Tintín viste un longo abrigo e chapeu de viaxe, unhas páxinas máis tarde adopta o seu pantalón de golf, traxe de cadros, medias negras e colo de Eton.[7][b] Ao principio, o famoso topete estaba pegado á fronte de Tintín, pero durante unha persecución de coches particularmente rápida, o seu topete levantouse e xa quedou así.[9] Cando chega a Chicago para a súa terceira aventura, tanto Hergé como os seus lectores senten que coñecen ben a Tintín, e pouco cambiaría de aspecto ou de vestimenta.[10] O entrevistador Numa Sadoul preguntoulle unha vez a Hergé como se desenvolveu o personaxe de Tintín, el respondeu: "Practicamente non evolucionou. Graficamente, quedou como un contorno. Mirade os seus trazos: o seu rostro é un bosquexo, unha fórmula."[11][c] Assouline fíxose eco desta opinión: "Tintín era tan simple como a historia".[6]

Hergé nunca explicou por que escolleu Tintín como nome do personaxe, afirmando que non ten ningún significado inherente[13] Anteriormente fixera uso da aliteración co nome do seu personaxe anterior, Totor.[14] Michael Farr cre que "Tintín", se nos atemos aos usos sociais belgas, é probablemente o apelido do personaxe porque outros personaxes, como a súa caseira, ocasionalmente refírese a el como o señor Tintín (como está impreso no timbre da porta).[15] Assouline afirmou que non pode ser o seu apelido porque carece dunha familia,[16] crendo que Hergé o adoptara porque "sonaba heroico, claro e alegre", ademais de ser doado de lembrar.[16] A diferenza doutros personaxes da serie, o lector nunca coñecerá o seu nome completo (como si ocorre con Haddock ou o malvado Rastapopoulos).

A súa idade é difícil de determinar, nunca se especifica: non é adolescente pero tampouco adulto. Como adoita ocorrer cos personaxes de cómic, Tintín apenas cambia ao longo dos anos. Desde 1929 ata 1976 manterá o seu aspecto xuvenil e a súa vestimenta variará pouco, apenas a cor dos calcetíns ou o da camisa. Só na última das súas aventuras publicadas, Tintín e os pícaros cambiará os seus bombachos por uns pantalóns campá, máis á moda. En canto ao seu carácter, encarna a perfecta bondade, non fuma, non bebe salvo contadas ocasións máis que auga e non parece ter interese algún polo sexo. Non parece ter ningunha afección en particular nin practica ningún deporte, aínda que lle gustan os paseos polo campo e nalgunha ocasión móstrasenos facendo ximnasia caseira e despois ioga. É extremadamente intelixente e enxeñoso, ten bastante máis forza física da que aparenta, unha incrible facilidade para os idiomas e sabe conducir todo tipo de vehículos, incluídos avións e carros de combate. Tamén é un bo tirador. É moi sensible ante a inxustiza e capaz de sacrificarse por socorrer aos débiles. En Tintín no Tíbet un lama dirá que ten o "corazón puro".

O mellor amigo de Tintín é Tchang Tchong Yen, un adolescente chinés ao que coñece en O Loto Azul, a súa quinta aventura. Nisto si que é un alter ego de Hergé, xa que Tchang está baseado nun amigo real do autor, igualmente separado del por diversas circunstancias.

Ocupación[editar | editar a fonte]

Desde a primeira aventura de Tintín, vive a vida dun xornalista de campaña.[17] É enviado á Unión Soviética, onde escribe un despacho ao seu editor.[18] Viaxa ao Congo belga, onde se dedica ao fotoxornalismo. Cando viaxa a China en O Loto Azul, o Shanghai News presenta o titular da primeira páxina, "A propia historia de Tintín". En A orella rota, co caderno na man, Tintín interroga ao director do Museo de Etnografía por un roubo recente. Ás veces, Tintín é o que está a ser entrevistado, como cando un reporteiro de radio lle preme para obter detalles: "Nas túas propias palabras".[19] Pero, ademais destes poucos exemplos, Tintín nunca é realmente visto consultando co seu editor ou entregando unha historia.[20]

Mentres as súas aventuras continúan. Tintín é visto con menos frecuencia informando e é máis frecuentemente visto como un detective,[19] que realiza o seu xornalismo de investigación desde o seu apartamento no número 26 da rúa Labrador.[21] Outros personaxes refírense a el como Sherlock Holmes, xa que ten un intelecto agudo, ollo para os detalles e poderes de dedución. Como Holmes, ocasionalmente é un mestre do disfrace, e en Rastapopoulos ata ten un archienemigo.[19]

A ocupación de Tintín esvaécese aínda máis nas aventuras posteriores, abandonando toda pretensión de informar noticias e, no seu lugar, facer noticia no seu papel de explorador.[22] Claramente libre de preocupacións financeiras, despois de O tesouro de Rackham o Roxo instálase como hóspede permanente no maxestoso Castelo de Moulinsart co mariño retirado Capitán Haddock e o científico Profesor Tornasol.[21] Tintín pasa todo o seu tempo cos seus amigos, explorando o fondo do mar, as cimas das montañas e a superficie da Lúa (dezaseis anos antes que os astronautas Neil Armstrong e Buzz Aldrin).[19] Ao longo de todo isto, Tintín atópase no papel de cruzado social internacional, defendendo aos desfavorecidos e coidando dos menos afortunados que el.[23]

Destrezas e habilidades[editar | editar a fonte]

Desde o primeiro volume, Hergé describiu a Tintín como un experto en conducir ou arranxar calquera vehículo mecánico que se atope.[24] Ante a oportunidade, Tintín está a gusto conducindo calquera automóbil, conduciu un tanque lunar e está cómodo con todos os aspectos da aviación. Tamén é un hábil operador de radio con coñecementos do código Morse.[25] dá golpes sólidos á mandíbula dun vilán cando é necesario, demostra habilidades de natación impresionantes e é un crack disparando.[26] Demostra que é un enxeñeiro e científico capaz durante a súa aventura á Lúa.[25] Tamén é un excelente atleta, en excelentes condicións, capaz de camiñar, correr e nadar longas distancias. Hergé resumiu as habilidades de Tintín así: "un heroe sen medo e irreprochable".[8] Tintín, máis que calquera outra cousa, é un pensador rápido e un diplomático eficaz. Simplemente é un todoterreo, bo en case todo, que é o que lle gustaría ser ao propio Hergé.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A native of Brussels as opposed to Belgian", says Assouline.[6]
  2. Hergé lembra un estudante canadense da súa facultade do cal se burlaron por levar postos pantalóns de golf e medias Argyll; sen dúbida unha inspiración.[8]
  3. Se o lector examina algunha imaxe de Tintín nas súas tiras cómicas, "verá que Tintín sempre se move de esquerda a dereita, facendo avanzar a historia. Os obstáculos achéganlle de dereita a esquerda, e cando se move nesa dirección adoita sufrir un retroceso". (Harry Thompson, engadindo que Os xarutos do faraón de 1934 tivo que ser redibuxado en 1955 xa que non se adherira a esta fórmula.)[12]
Referencias
  1. Modelo:Cite LPD
  2. "The essentials about Tintin and Hergé". www.tintin.com. Consultado o 2022-08-18. 
  3. "Tintin — Tintin.com". www.tintin.com. Consultado o 2022-08-18. 
  4. Thompson 1991, p. 81.
  5. Calamur, Krishnadev (2016-06-03). "Coming to Terms With Tintin". The Atlantic (en inglés). Consultado o 2024-04-25. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Assouline 2009, p. 20.
  7. Assouline 2009, p. 19.
  8. 8,0 8,1 Thompson 1991, p. 35.
  9. Farr 2007, p. 16; Thompson 1991, p. 33; Assouline 2009, p. 9; Peeters 2012, p. 37.
  10. Farr 2007, p. 18.
  11. Farr 2007, p. 18; Sadoul 1975.
  12. Thompson 1991, p. 71.
  13. "Tintin — Tintin.com". www.tintin.com. Consultado o 2024-04-25. 
  14. Farr 2007, p. 31.
  15. Farr 2007, p. 17.
  16. 16,0 16,1 Assouline 2009, p. 21.
  17. Thompson 1991, p. 119; Farr 2007, p. 14.
  18. Thompson 1991, pp. 38–39; Farr 2007, p. 15.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Farr 2007, p. 15.
  20. Thompson 1991, pp. 34; Farr 2007, p. 15; Peeters 2012, p. 34.
  21. 21,0 21,1 Thompson 1991, p. 119.
  22. Thompson 1991, p. 147; Farr 2007, p. 15.
  23. Thompson 1991, pp. 24, 77.
  24. Farr 2007, p. 19; Peeters 2012, p. 36.
  25. 25,0 25,1 Farr 2007, p. 19.
  26. Farr 2007, p. 20.
  27. Farr 2007, p. 21.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]