Tortellà é un concello da comarca da Garrotxa que se atopa na Alta Garrotxa, nas Comarques Gironines. É o décimo terceiro concello máis habitado da comarca con 771 habitantes (2010) e unha área de 11,07 km².[1] A vila está a 276 metros por riba do nivel do mar e a 18 quilómetros de Olot, 31 de Figueres e 38 de Xirona. O termo municipal delimita, comezando polo norte e seguindo o senso das agullas do reloxo, con Sales de Llierca, Argelaguer e Montagut i Oix.
A parte máis setentrional do termo municipal pertence ó PEIN da Alta Garrotxa, e está a tres quilómetros dos grandes eixos viarios da comarca, que conectan Olot con Xirona. A industria é o sector máis importante da poboación, seguido dos servizos e do sector agrícola.[2] Xunto coas poboacións limítrofes e Sant Jaume de Llierca forman unha agrupación administrativa local chamada Vall del Llierca. Estas poboacións comparten asuntos de mobilidade, de servizos, relixiosos e educativos (ZER El Llierca).