Bodle
Bodle ou turner de Xacobe VI (1567-1625) | |
---|---|
· IACOBVS · D · G · MAG · BRIT; triplo cardo. | · FRAN · & · HIB · REX, león rampante. |
Bodle ou turner. (1623). CU. 19 mm. [1] |
O bodle (coas variantes boddle e bodwell) ou turner era unha moeda escocesa de cobre co valor de dous peniques ou 1/120 da libra escocesa (un terzo do bawbee), introducida por Xacobe VI (1567-1625) e que se mantivo en produción ata os derradeiros anos do século XVII.[2][3][4][5][6][7]
Historia
[editar | editar a fonte]Orixe da denominación
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente atribúeselle a orixe da denominación bodle ao apelido Bothwell, dun gravador ou director da casa de moeda de Edimburgo, aínda que non hai constancia da súa existencia nos rexistros conservados da ceca.[3][6][8][9] A denominación turner, pola súa banda, procedería da corrupción do termo francés tournois.[10] A este respecto, cómpre indicar que a primeira moeda cuñada con este valor estaba directamente inspirada no dobre tornés (double tournois) francés.[2][11]
Xacobe VI (1567-1625)
[editar | editar a fonte]Esta primeira emisión da moeda de dous peniques de cobre foi en 1597, a nome de Xacobe VI. Presentaba o busto acoirazado do monarca no anverso, rodeado pola lenda · IACOBVS · 6 · D · G · R · SCOTORVM ("Xacobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses"); no reverso aparecían tres cardos (un dos símbolos nacionais de Escocia), coa lenda · OPPIDVM · EDINBVRGI ("Cidade de Edimburgo") a modo de marca de ceca.[11]
Houbo unha segunda emisión baixo o mesmo monarca, en 1623, na que se mudou a tipoloxía. O novo anverso amosaba un cardo triplo e o reverso o tradicional león rampante das armas escocesas. A lenda do reverso reflectía xa a unión dos reinos de Escocia e de Inglaterra: · IACOBVS · D · G · MAG · BRIT ("Xacobe, pola graza de Deus [rei] de Gran Bretaña"), e continúa no reverso: · FRAN · & · HIB · REX ("Francia e Irlanda").[1]
Bodle ou turner de Carlos I (1625-1649) | |
---|---|
NEMO ME IMPUNE LACESSET ; cardo. | CAR D G SCOT ANG FRA E HIB R, iniciais C·R coroadas. |
Bodle ou turner. CU. 19 mm. 1,95 g.[12] |
Carlos I (1625-1649)
[editar | editar a fonte]A primeira emisión a nome de Carlos I, de 1629, recuperou esta mesma tipoloxía do triplo cardo e o león rampante, coa única diferenza do nome do monarca (CAROLVS no canto de IACOBVS).[13] Nas sucesivas emisións de turners ou bodles a nome de Carlos I variouse a tipoloxía. Aínda con variantes, o tipo xeral consistía nas iniciais do monarca coroadas no anverso, coa lenda CAR·D.G·SCOT·ANG·FR·ET·HIB·R ("Carlos, pola graza de Deus, rei de Escocia, Inglaterra, Francia e Irlanda"), e un cardo no reverso, rodeado pola lenda NEMO·ME·IMPVNE·LACESSIT ("Ninguén me fará dano impunemente").[12][14]
Carlos II (1660-1685)
[editar | editar a fonte]Nas primeiras cuñaxes de turners ou bodles a nome de Carlos II, entre 1663 e 1668, recorreuse ao segundo modelo do seu pai, coas iniciais CRII no anverso.[14][15]
Nas cuñaxes producidas entre 1677 e 1679 (as primeiras que aparecen coa data explícita), as iniciais do anverso foron substituídas pola representación dunha espada e un cetro coroados e dispostos de tal xeito que forman a cruz de Santo André (un dos símbolos nacionais escoceses). Polo demais, mantivéronse no substancial tanto o motivo do reverso como as lendas de ambas as faces, coas únicas variacións da actualización do nome do monarca no anverso (CAR · II, no canto de CAR).[14][16]
Bodle ou turner de Carlos II (1660-1685) | |
---|---|
CAR · D : G · SCOT · ANG · FRA · ET · HIB · R ·; iniciaisC·R II coroadas. | NEMO · ME · IMPVNE · LACESSET, cardo. |
Bodle ou turner. CU. 20 mm. 2,39 g.[17] |
Guillerme II (1689-1701) e María II (1689-1694)
[editar | editar a fonte]Durante os case catro anos de reinado de Xacobe VII de Escocia (1685-1688) houbo unicamente emisións de prata, polo que non se cuñou o turner ou bodle.
A cuñaxe deste valor foi retomada no reinado de Guillerme II de Escocia e María II, entre os anos 1691 e 1694. O máis característico destas novas emisións é a presenza dun gran monograma formado polas letras W e M (William - Mary), rodeado pola lenda D G MAG BR FR ET HIB REX ET REGINA ("Pola graza de Deus, rei e raíña de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[18][19]
Logo do falecemento de María, Guillerme II cuñou unha nova emisión do bodle ou turner entre os anos 1695 e 1697, para a que se recuperou a imaxe da espada e o cetro cruzados que caracterizara a derradeira emisión de Carlos II, en substitución do monograma W-R.[20][19]
O reverso correspondente a estas dúas series é común e retoma o utilizado nas emisións de Carlos II, caracterizado polo cardo no centro e a lenda NEMO ME IMPUNE LACESSET.[19][18][20][21]
A derradeira cuñaxe desta moeda produciuse en 1697.[6][20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "1 Turner - James VI Issue of 1623". Numista.
- ↑ 2,0 2,1 "Turner". En Dictionary of the Scots Language. 2004. Scottish Language Dictionaries Ltd.
- ↑ 3,0 3,1 "bodle", En Encyclopædia Britannica. 1911.
- ↑ "Bodle". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 38.
- ↑ "Turner o Bodle". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 539.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Bodle". En Frey, A. R. (1916). Páxina 28.
- ↑ Klütz, K. ( 2004).
- ↑ "Bodle". En Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Páxina 38.
- ↑ Grueber, H. (1899).
- ↑ "Turner". En Frey, A. R. (1916). Páxina 249.
- ↑ 11,0 11,1 "1 Turner - James VI". Numista.
- ↑ 12,0 12,1 "1 Turner - Charles I". Numista.
- ↑ "1 Turner - Charles I Coinage of 1629". Numista.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 Murray, J. K. R.; Stewart, G, H, I. (1972). Páxinas 107-119.
- ↑ "1 Turner (1663-1668) - Charles II". Numista.
- ↑ "1 Turner (1677-1679)- Charles II". Numista.
- ↑ "1 Turner - Charles II". Numista.
- ↑ 18,0 18,1 "1 Bodle - William & Mary". Numista.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 "The copper coinage of 1691 to 1697". En Murray, J. K. R.; Stewart, G, H, I. (1972). Páxinas 119-135.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 "1 Bodle - William II". Numista.
- ↑ "National Museums of Scotland - Coin (Reverse), bodle or turner, from reign of Charles II". nms.scran.ac.uk. Consultado o 2022-03-21.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bateson, D, (1987). Scottish Coins. Shire Publications Ltd. ISBN 0-85263-847-7
- Burns, E. (1887). The Coinage of Scotland. Volume I, volume II, volume III. Black, Edimburgo.
- De Cardonnel, A. (1786). Numismata Scotiæ or a series of the scottish coinage, from the reign of William the Lion to the Union. Edimburgo. G. Nicol.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Grueber, H. (1899). Handbook of the Coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres. [Reimpresión en 1970; ISBN 1-4021-1090-1]
- Holmes, N. (1998). Scottish Coins. Edimburgo. NMS Publishing. ISBN 1-901663-02-7
- Holmes, N. (2006). Sylloge of Coins of the British Isles. 58. Scottish Coins in the National Museum of Scotland, Edinburg. Part I. Oxford University Press. ISBN 0-19-726328-3
- Klütz, K. (2004). Münznamen und ihre Herkunft. Viena. Moneytrend Verlag. ISBN 3-9501620-3-8
- Mackay, J.; Mussel, J. (2016). Coin Price Guide to British Coins. Token Publishing Ltd.
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Murray, J. K. R.; Stewart, G, H, I. (1972). "The scottish copper coinages, 1642-1697". En British Numismatic Journal. British Numismatic Society. Páxinas 105-135.
- Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Coins of Scotland Ireland and the Islands. Sanford J. Durst. ISBN 978-0900652646
- Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.