Saltar ao contido

Unicorn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anverso dun unicorn de Xacobe IV
Reverso da mesma moeda

O unicorn foi unha moeda escocesa de ouro do sistema da libra escocesa cuñada entre 1484 e 1525, caracterizada pola representación nos seus anversos dun unicornio, un dos símbolos nacionais de Escocia.

Unicorns de Xacobe III e de Xacobe IV. Museo Nacional de Escocia, Edimburgo.

Xacobe III (1460-1488) introduciu o unicorn como nova moeda de ouro no sistema monetario escocés, co valor de 18 xilins escoceses. Tiña un peso de 3,81 gramos, unha lei de 21 quilates e un diámetro de arredor de 26 mm.[1][2][3][4]

Aqueles primeiros unicorns caracterizábanse pola lenda EXVGAT : DE : ET : DISIPENT : NIMICI : E :[5] ("que Deus se erga e que os seus inimigos sexan dispersados") no anverso, rodeando o motivo principal do unicornio en pé cara á esquerda cunha coroa no pescozo e unha cadea baixo as patas, que sostén un escudo coas armas de Escocia. A lenda do reverso era unha variante da do anverso, EXVRGAT DE ET DISIPENT NIMICIE, e o centro estaba ocupado por unha estrela de raios ondulados sobre unha cruz florida.[1][4][6]

As emisións desta moeda baixo Xacobe IV (1488-1513) reproducen as emitidas polo seu pai, coa única diferenza substancial da lenda do anverso, que neste caso era IACOBVS : DEI : GRACIA : REX : SCOTR ("Xacobe, pola graza de Deus, rei dos escoceses").[7][6] Xacobe IV emitiu tamén moedas de medio unicorn, con valor de 9 xilins, un peso de 1,9 gramos e un diámetro de arredor de 19 mm.[4][8]

O unicorn tamén foi emitido a nome de Xacobe V (1513-1542), seguindo a mesma tipoloxía xeral dos seus predecesores mais agora cun valor inicialmente de 20 xilins escoceses e que chegou finalmente a 22 xilins.[9] Este monarca foi o derradeiro en cuñar o unicorn.[10][6]

  1. 1,0 1,1 "1 Unicorn - James III". Numista.
  2. Stewart, I. (1955).
  3. Belaubre, J. (1996).
  4. 4,0 4,1 4,2 Clarke, J. (1971).
  5. Salmos, 67:2.
  6. 6,0 6,1 6,2 Grueber, H. (1899).
  7. "1 Unicorn - James IV". Numista.
  8. "½ Unicorn - James IV". Numista.
  9. "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
  10. "1 Unicorn - James V". Numista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]