Lingua catalá
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
Catalán Català / Valencià | ||
---|---|---|
Outros nomes: | Valenciano | |
Falado en: | Cataluña País Valenciano Illas Baleares Franxa de Aragón El Carche Andorra Cataluña do Norte L'Alguer | |
Total de falantes: | 10 047 102[1] | |
Posición: | 75 (Ethnologue 2009)[2] | |
Familia: | Indoeuropeo Itálico Románico Galoibérico Occitanorrománico Catalán | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Andorra. Cooficial en Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e L'Alguer | |
Regulado por: | Institut d'Estudis Catalans Acadèmia Valenciana de la Llengua | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | ca
| |
ISO 639-2: | cat | |
ISO 639-3: | cat
| |
SIL: | CAT
| |
Mapa | ||
Status | ||
O catalán[4], coñecido como valenciano no País Valenciano e no Carche, é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural.[5]
É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.
Historia
[editar | editar a fonte]As primeiras testemuñas de catalán escrito son do século IX, aínda que o primeiro documento considerado literario en catalán son as Homilies d'Organyà, do século XIII. Ata os séculos XVI e XVII, cando empeza o retroceso da lingua en favor do castelán, o catalán esténdese e a súa literatura é desenvolvida por autores como Ramon Llull (s.XIII-XIV), Ausiàs March e Joanot Martorell (s.XV).
O uso do catalán foi prohibido no Principado de Cataluña no campo oficial desde o Decreto de Nova Planta (1716), no País Valenciano (1707) e en Mallorca e Eivissa (1715). Na Cataluña Norte estaba prohibido desde 1700. Menorca pasou a soberanía británica en 1713. Estas prohibicións mantivéronse excepto durante a primeira e a segunda república nos territorios cataláns de España e ata a entrada dos diferentes estatutos de autonomía entre 1978 e 1983. Esta oficialidade é compartida co castelán en tódolos territorios.
O catalán foi a lingua habitual en parte do Reino de Murcia e na cidade de Cagliari, en Sardeña, ata o século XVIII. Durante o século XIX houbo importantes colonias de catalanofalantes en Florida e Alxeria, co dialecto extinto coñecido como patuet.
Características
[editar | editar a fonte]As seguintes características son algunhas das mutacións do latín que se foron facendo durante a consolidación do catalán, aínda que tamén se mostra outras características xerais.
Vocalismo
[editar | editar a fonte]Características comúns co grupo chamado galorrománico:
- Caída das vogais átonas finais excepto -A (MURU, FLORE > mur, flor) que a opón ao grupo iberorrománico que conserva a vogal no primeiro caso (muro, pero non en flor/chor) ou italorrománico que o conserva todo (muro, fiore).
Características comúns co occitano:
- O catalán presenta maior riqueza de ditongos: ([aj] mai -nunca-, [ej] ei -eh interxección-, [aw] cau -cae-, [ew] beu -bebe-, [ow] pou -pozo-, ...)
Características que o opón ao galorrománico:
- Conservación do son -u- latino (catalán lluna, occitano luna ['lyno], francés lune ['lyn]).
Características que o opón ao occitano (de xeito xenérico):
- Redución do ditongo AU a O aberto (CAULIS, PAUCU > col -col-, poc -pouco-).
Características do sur de Romania occidental:
- O grupo -ACT- convértese en -ET (LACTE, FACTU > llet -leite-, fet -feito-)
Consonantismo
[editar | editar a fonte]Característica da Romania occidental:
- Sonorización de -P-, -T-, -C- intervocálicos en -b-, -d-, -g- (CAPRA, CATENA, SECURU> cabra, cadena, segur)
Características comúns co conxunto chamado galorrománico:
- Mantemento dos grupos iniciais PL, CL, FL- (PLICARE, CLAVE, FLORE> plegar, clau, flor). Esta característica opón o catalán ás linguas iberorrománicas (en castelán llegar, en galego/portugués chegar)
- Como no francés e no occitano, prodúcese unha sonorización de fonemas xordos finais cando o primeiro fonema da seguinte palabra é unha vogal ou é unha consoante sonora. Estas sonorizacións afectan aos fonemas [s], [t], [p], [ʃ], [k] e [tʃ] converténdose en [z], [d], [b], [ʒ], [g] e [dʒ]. Exemplos (en pronunciación valenciá): "els homes" (os homes) [els] e [ɔmes] -> [el'zɔmes]; "peix bo" (peixe bo) [pejʃ] e [bɔ] -> [pejʒ'bɔ]; "blat bord" (trigo silvestre) [blat] e [boɾ(t)] -> [blad'boɾ(t)].
Características comúns co occitano (lenguadociano máis precisamente)
- Caída de -N intervocálico convertido en final no léxico (PANE, VINU> pa -pan-, vi -viño-). A diferenza do lenguadociano, o plural conserva este [n] (ex: pans, vins) excepto nalgunhas falas setentrionais.
- Enxordecemento das consoantes finais: verd [t], àrab [p]...
Características específicas:
A característica máis peculiar do catalán é o seguinte que case non se atopa en ningunha outra variedade da Romania:
- -D- intervocálico convertido a final pasa a -u (PEDE, CREDIT > peu -pé-, (ell) creu -cre-)
- -C e, i, final > -u (CRUCEM > creu -cruz-)
- As terminacións -TIS na flexión verbal (2a persoa do plural) derivaron a -u (Exemplo: mirades. MIRATIS > *miratz > *mirau > mirau/mireu.
Outras características, tamén orixinais, teñen unha extensión superior ás linguas románicas.
- Redución dos grupos consonánticos -MB-, -ND-> -m-, -n- (CAMBA, CUMBA, MANDAR, BINDA> cama -ant. cama, perna-, coma -coma-, manar -mandar-, bena -venda-), característica compartida co occitano gascón e o lenguadociano meridional.
- Palatalización do L- inicial (LUNA, LEGE> lluna -lúa-, llei -lei-). Esta característica atópase no foixeño (occitano) e na zona astur-leonesa.
- Palatalización do grupo -NN- (ANNUS > any -ano-, CANNA> canya -cana-), característica compartida co castelán.
- Palatalización de -is- procedente de -X-, SC- (COXA, PISCE> cuixa -coxa-, peix -peixe-)
- Mantemento de africadas protorrománicas de J, G e, i (JACTARE, GELARE> gitar -deitar-, gelar -xear-)
- Presenza de xeminadas: setmana [mm], cotna [nn], espatlla [ʎʎ] (ou espatla [ll]), intel·ligent [ll]. Estas só son comúns ao occitano e ás variedades itálicas.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]- Unha parte do catalán (Baleares, Costa xerundense) conservou o artigo chamado "salat" (< latín IPSE), probablemente anterior á forma derivada de ILLE. Esta forma de artigo só se conservou de xeito dominante no sardo e está en perigo, se non desapareceu, nalgunhas áreas da Provenza e de Sicilia.
- Os artigos máis usuais (e normativos) son el, la, els, lles (agora ben, en falas occidentais, no norte de Castelló e no alguerés perduran aínda as formas masculinas lo, los).
- Contrariamente ás variedades iberorrománicas, o catalán practica certas elisións. Algunhas se escriben, como o home > l'home, e outras son orais: "quinze anys" [kin'zaɲs]
- O feminino plural fórmase con "-es" (casa > cases)
- Existe a formación do pretérito mediante perífrases cunha conxugación especial do presente do verbo "anar" -ir-.
Léxico
[editar | editar a fonte]O léxico básico catalán parece demostrar máis afinidades co grupo galorrománico que co iberorrománico. Estas similitudes son máis claras co occitano.
- FENESTRA > finestra (oc. fenèstra/finèstra, fr. fenêtre, it. finestra) e VENTU- > ventana (esp.), JANUELLA > janela (port.)
- MANDUCARE > menjar (oc. manjar, fr. manger, it. mangiare) e COMEDERE > comer (esp., gl., port.)
- MATUTINU- > matí (oc. matin, fr. matin/matinée, it. mattino/mattina) e HORA MANEANA > mañana (esp.), amanhã (port.)
- PARABOLARE > parlar (oc. parlar, fr. parler, it. parlare) e FABULARE > hablar (esp.), falar (gl. e port.)
- TABULA > taula (oc. taula, fr. table, it. tavola) e MENSA > mesa (esp., gl. e port.).
Sistema de escritura
[editar | editar a fonte]O seu alfabeto, derivado do latino, consta de 26 letras. O sistema de escritura tamén presenta certas características particulares. O catalán presenta unha característica única, a escritura do -l- xeminada: -l·l- (como en intel·ligent -intelixente-). A outra característica é o -ny- [ɲ] (equivalente ao "ñ") que só se atopa de xeito xeral no húngaro. Tamén cabe comentar a grafía -ig [tʃ] representada en poucas palabras (como faig -fago-, maig -maio-, mig -medio-, puig -monte-, raig -raio-, roig -vermello-, vaig -vou-, veig -vexo-) ou o "t consoante" para a representación de consoantes dobres con: tm, tn, tl, tll, ou africación: tg i tj (setmana, cotna, atles, bitllet, jutge, platja).
Gramática
[editar | editar a fonte]Os substantivos e adxectivos cataláns declínanse en xénero e número. Os substantivos pertencen ao xénero masculino, cos indefinidos un/uns, ou feminino, coas formas una/unes. Igual que os determinantes, os adxectivos deben concordar en xénero e número co substantivo que acompañan. Por exemplo, o sintagma el gat petit (o gato pequeno) pode flexionarse da seguinte maneira:
Singular | Plural | |
---|---|---|
Masculino | el gat petit | els gats petits |
Feminino | la gata petita | les gates petites |
No caso dos substantivos que poden ir en masculino ou feminino, o feminino fórmase habitualmente engadindo o sufixo -a á forma masculina; por exemplo, gat/gata ou nen/nena. Con todo, tamén hai numerosos subtantivos que presentan unha forma diferente para o masculino e feminino (home/dona, bou/vaca), que forman o feminino de forma especial (emperador/emperadriu, metge/metgessa) ou que teñen a mesma forma para o masculino e o feminino (estudiant, portaveu). Nalguns poucos casos especiais, un substantivo pode cambiar de xénero se cambia de número. Por exemplo, l'art paleocristià e les belles arts.
Variedades dialectais
[editar | editar a fonte]Do mesmo xeito que as demais linguas románicas da Península, o catalán é notable pola súa uniformidade e as variantes dialectais non son demasiado diverxentes nin comprometen a comprensión mutua. A división dialectal usada actualmente é a que Manuel Milà i Fontanals propuxo xa no ano 1861: o bloque dialectal oriental (que inclúe os dialectos central, insulares e de Francia) e o bloque dialectal occidental (que inclúe o valenciano e o noroccidental). Pero ata entre estes grandes grupos a diferenza é pequena, e as discrepancias afectan máis ben á fonética (as vogais non acentuadas), que xa que logo non se reflicten na escritura, e a pequenas variantes morfolóxicas e léxicas.
Os bloques dialectais non se poden delimitar con exactitude porque entre un e outro sempre hai unha franxa de transición, máis ou menos ampla (excepto nos insulares, obviamente). Ademais, ningún bloque é totalmente uniforme: calquera dos que hai pódense dividir en varios dialectos. Aténdose a iso, a lingua catalá pódese dividir en dous bloques dialectais e en subdialectos:
|
|
Estándares do catalán
[editar | editar a fonte]Existen dous estándares principais para a lingua catalá, o regulado polo Institut d'Estudis Catalans, o estándar xeral, tendo como centro a ortografía establecida por Pompeu Fabra coas características do catalán central máis a proximado ao de Barcelona, non influenciado polo castelán, e o regulado pola Acadèmia Valenciana de la Llengua, estándar de ámbito restrinxido, centrado na estandarización do valenciano tomando como base as Normas de Castelló, ou sexa, a ortografía de Pompeu Fabra pero máis adaptada á pronuncia do catalán occidental e ás características dos dialectos valencianos.
O estándar do IEC, a parte de ter como base as características do catalán central, toma tamén características doutros dialectos considerándoos como estándar. Aínda así, a diferenza máis notable de ambos os estándares é a acentuación de moitas "e" tónicas, por exemplo: francès ou anglès (IEC) - francés ou anglés (AVL), cafè (IEC) - café (AVL), conèixer (IEC) - conéixer, comprèn (IEC) - comprén (AVL) (inglés, francés, café, coñecer, comprende). Iso é debido á diferente pronuncia dalgunhas "e" tónicas, en ambos os bloques do catalán (no bloque oriental pronúncianse e aberto [ɛ] e ao occidental pronúncianse pechado [e]). A pesar disto, o estándar da AVL mantén o acento aberto "è", sen pronunciarse aberto no bloque occidental, nalgunhas palabras como son: què, València, èter, sèsam, sèrie e època.
Tamén hai outras diverxencias como o uso de tl nalgunhas palabras pola AVL no canto de tll como en ametla/ametlla (améndoa), espatla/espatlla (costas) ou butla/butlla (bula), o uso dos determinantes demostrativos elididos (este, eixe) do mesmo xeito que os reforzados (aquest, aqueix) ou o uso de moitas formas verbais comúns no valenciano, e moitas delas estendidas polo bloque occidental, como as formas do subxuntivo ou a escritura dos incoativos tanto con -ix- como con -eix- ou o uso preferente do morfema -e da 1a persoa singular do presente de indicativo na 1a conxugación (-ar), xa que as outras conxugacións o morfema é -ø: "jo compre", "jo tem", "jo dorm".
Nas Illas Baleares úsase o estándar do IEC adaptado ao marco dialectal pola sección filológica da Universidade das Illas Baleares, o órgano consultivo do Goberno balear. Deste xeito, por exemplo, o IEC indica que tanto é correcto escribir "cantam" como "cantem" (cantamos) e a Universidade determina que a forma preferente nas Illas ten que ser "cantam" ata nos ámbitos formais. Outra característica do estándar balear é a escritura da 1a persoa do singular do presente de indicativo, onde non hai desinencia: "jo cant" (eu canto), "jo tem" (eu temo), "jo dorm" (eu durmo).
No Alguer, o IEC adaptou o estándar ao variedade algueresa. Neste estándar pódese atopar, entre outras características, o artigo lo de uso xeral, posesivos especiais la mia, lo sou/la sua, lo tou/la tua etc., uso da -v- ao pretérito imperfecto en todas as conxugacións: cantava (cantaba), creixiva (crecía), llegiva (lía); uso de moitas palabras de carácter arcaico de uso moi corrente no alguerés: manco por menys (menos), calqui u por algú (alguén), qual/quala por quin/quina (cal) etc. e adaptacións dos pronombres clíticos.
Desenvolvemento histórico
[editar | editar a fonte]Como en todas as linguas romances, o cambio do latín vulgar ao catalán foi gradual e non é posible determinar en que momento comeza. Segundo Coromines, os trocos máis radicais deberon producirse nos séculos VII e VIII, pero é difícil sabelo con precisión porque os textos escribíanse exclusivamente nun latín artificioso, alleo á lingua de uso. Xa no século IX e sobre todo nos séculos X e XI, aparecen palabras e ata frases enteiras intercaladas en algo que xa se pode denominar catalán. Desde 1150 hai xa numerosos documentos escritos e cara a finais do século XII aparece o primeiro texto literario coñecido, as Homilies d'Organyà, un fragmento dunha colección de sermóns.
O catalán xorde a ambos os dous lados dos Pireneos (condados do Rosellón, Empúries, Besalú, a Cerdanya, Urgell, Pallars e Ribagorça) e estendeuse cara ao sur durante a Reconquista en varias fases: Barcelona e Tarragona, Lleida e Tortosa, o antigo Reino de Valencia, as Illas Baleares e Alguer.
Falantes no mundo
[editar | editar a fonte]- Territorios onde a lingua ten status oficial
Territorio | Enténdena | Saben falala |
Cataluña | 6 502 880 | 5 698 400 |
País Valenciano | 3 448 368 | 2 407 951 |
Illas Baleares | 852.780 | 706.065 |
Andorra | 62.013 | 57.395 |
Alguer | 34.525 | 26.000 |
Total | 10 900 566 | 8 895 811 |
---|
- Territorios onde a lingua non ten status oficial
Territorio | Enténdena | Saben falala |
Cataluña do Norte | 256.583 | 145.777 |
Franxa de Aragón | 50.406 | 49.398 |
El Carche | Sen datos | Sen datos |
Resto do mundo | 350.000 | 350.000 |
Total | 656.989 | 545.175 |
---|
- Total
Territorio | Enténdena | Saben falala |
Países Cataláns | 11 207 555 | 9 090 986 |
Resto do mundo | 350.000 | 350.000 |
Total | 11 557 555 | 9 440 986 |
---|
Breve vocabulario
[editar | editar a fonte]- Ola: "Hola"
- Bo día: "Bon dia"
- Bo serán: "Bona tarda" ou "Bona vesprada"
- Boa noite: "Bona nit"
- Hoxe: "Avui" ou "Hui" en valenciano
- Adeus: "Adéu"
- Deica logo: "Fins després"
- Por favor: "Si us plau" ou "Per favor"
- Perdón: "Perdó"
- Grazas: "Mercès" ou "Gràcies"
- De nada: "De res"
- Si: "Sí"
- Non: "No"
- Non entendo: "No ho entenc"
- Non fumar: "No fumeu"
- Gato: "Gat" ou "Moix" en balear
- Can: "Gos" ou "Ca" en balear
- Rúa: "Carrer"
- Festa: "Festa"
- Parabéns: "Felicitats"
- Nai: "Mare"
- Pai: "Pare"
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Informe CAT. 50 dades sobre la llengua catalana, informe de abril de 2016 elaborado por Plataforma per la Llengua (en catalán) (páx. 5)
- ↑ ethnologue.com (ed.). "Catalan-Valencian-Balear. Ethnologue 2009 - Report for language". Ethnologue - Languages of the World. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2014. Consultado o 23 de setembro de 2014.
- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para catalán.
- ↑ Els Països Catalans Arquivado 01 de xullo de 2010 en Wayback Machine. en Enciclopèdia.cat (en catalán)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Existe unha versión da Wikipedia en Lingua catalá |
Vexa no Galizionario as palabras en Catalán |