Emil Zátopek
Cadro de medallas | |||
---|---|---|---|
Atletismo masculino | |||
Xogos Olímpicos | |||
Londres 1948 | 10.000 m | ||
Helsinqui 1952 | 5.000 m | ||
Helsinqui 1952 | 10.000 m | ||
Helsinqui 1952 | Maratón | ||
Londres 1948 | 5.000 m | ||
Campionato de Europa de Atletismo | |||
Bruxelas 1950 | 5.000 m | ||
Bruxelas 1950 | 10.000 m | ||
Berna 1954 | 5.000 m | ||
Berna 1954 | 10.000 m |
Emil Zátopek, nado en Kopřivnice o 19 de setembro de 1922 e finado en Praga o 21 de novembro de 2000, coñecido como a "locomotora checa", foi un atleta checo coñecido por gañar tres medallas de ouro en atletismo nos Xogos Olímpicos de Helsinqui. Gañou o ouro en 5.000 m e 10.000 m, pero a terceira medalla conseguiuna de xeito case que incríbel, competindo por primeira vez na súa vida na maratón.
Zátopek foi o primeiro atleta en romper a barreira dos 29 minutos nos 10.000 metros no ano 1954. En 1951 xa correra por baixo da hora nos 20 km. En total conseguiu 18 récords do mundo. Está considerado como un dos mellores corredores do século XX e tamén foi coñecido polos seus brutais métodos de adestramento.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Kopřivnice en 1922, cidade pertencente entón a Checoslovaquia, o mesmo día que Dana Zátopková, que máis tarde se convertería na súa muller.
Aos 16 anos, ingresou na escola profesional, traballando como aprendiz, na fábrica de zapatillas Bata de Zlin, situada a cen quilómetros ao sur de Ostrava.[1] Segundo o propio Zátopek: "un día, o adestrador da fábrica, que era moi estrito, sinalou a catro mozos, incluíndome a min, e mandounos correr nunha carreira. Eu dixen que era feble e que non estaba en forma para correr, pero o adestrador mandoume facer un recoñecemento físico, e o médico dixo que estaba perfectamente ben. Así que tiña que correr, e cando comecei, sentín que quería gañar. Pero só quedei segundo. Ese foi o xeito en que comezou".[2] Dende ese momento, Zátopek comezou a interesarse seriamente en correr.
Catro anos despois, en 1944, bateu os récords checos nos 2.000, 3.000 e 5.000 metros. Foi escollido para formar parte do equipo nacional checo nos Campionatos de Europa de 1946. Terminou quinto nos 5.000 m, batendo o seu propio récord checo de 14:50, marcando 14:25.
Competición
[editar | editar a fonte]Zátopek debutou internacionalmente nos Xogos Olímpicos de Londres, gañando os 10.000 m (a súa segunda carreira nesa distancia) e rematando segundo por detrás de Gaston Reiff nos 5.000 m.
O ano seguinte, Zátopek bateu dúas veces o récord mundial nos 10000 m. Tamén estableceu récords nos 5.000 m (1954), 20 km (en dúas ocasións en 1951), 25 km (1952 e 1955), e 30 km (1952).
Gañou os 5.000 m e os 10.000 m nos Campionatos de Europa de 1950 e os 10.000 m nos seguintes Europeos.
Nos Xogos Olímpicos de Helsinqui Zátopek gañou o ouro en 5000 m e 10000 m, pero a terceira medalla conseguiuna de xeito formidable, competindo por primeira vez na súa vida nunha maratón. Tamén bateu os récords Olímpicos en cadanseu evento. A súa vitoria nos 5000 m chegou despois dunha gran última volta en 57.5 segundos, durante os cales pasou da cuarta praza á primeira mentres Christopher Chataway, que ía segundo despois de ser adiantado por Zátopek tropezou no chan e caeu.
Dúas semanas antes dos Xogos Olímpicos de Melbourne, Zátopek foi operado dunha hernia, aínda así rematou sexto na maratón. Zátopek retirouse despois da seguinte tempada.
Zátopek tiña un estilo característico de correr, moi criticado para o que na época se consideraría un estilo eficaz. Torcía a cabeza a miúdo, coa cara contraida polo esforzo, mentres o seu torso pivotaba de lado a lado. Xemía a miúdo atronadoramente, o que lle valeu o alcume da "locomotora checa". Cando lle preguntaban sobre os seus xestos el respondía: "Non é ximnasia ou patinaxe sobre xeo, xa ves". Ademais adestraba fixera sol ou nevara, e a miúdo usaba botas en troques de zapatillas de deporte.
Sempre estaba disposto a darlles consellos aos outros corredores. Un exemplo que case sempre daba era estar sempre relaxado e mentres corrían tocaba suavemente a punta do seu polgar coa punta dos seus dedos. Só facendo este leve contacto asegurábase de que os ombreiros e os brazos permaneceran relaxados.
Derradeiros anos
[editar | editar a fonte]Considerado un heroe no seu país natal, Zátopek foi unha figura influente dentro do Partido Comunista de Checoslovaquia. Apoiou a ala democrática do seu partido, e despois da Primavera de Praga, foi expulsado do exército e do partido. Tras isto conseguiu traballo nunha empresa que realizaba prospeccións en busca de recursos naturais en Bohemia.
Zátopek morreu despois dunha longa enfermidade, en 2000 á idade de 78 anos. Nese mesmo ano, en decembro do 2000 foi premiado postumamente coa Medalla Pierre de Coubertin un importante galardón en recoñecemento ao espírito olímpico.
Vida familiar
[editar | editar a fonte]A súa dona Dana Zátopková (nada o mesmo día que o seu esposo) foi unha atleta excepcional no lanzamento de xavelina. Gañou a medalla de ouro nesta disciplina nos Xogos Olímpicos de Helsinqui e a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Melbourne.
Citas
[editar | editar a fonte]- "Esencialmente, distinguímonos nós mesmos do resto. Se queres gañar algo, corre os 100 metros. Se queres experimentar algo, corre unha maratón."
- "Non fun o suficientemente talentoso para correr e sorrir ao mesmo tempo".
- "Son as fronteiras da dor e o sufrimento as que separan aos homes dos rapaces".
- Sobre gañar: "Pero foi o esgotamento máis pracenteiro que vivín xamais".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "All of them oddballs: Angus Calder sees the diversity of life", The National Post
- ↑ "Runner's world quote webpage". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2006. Consultado o 22 de xuño de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1922
- Finados en 2000
- Atletas da República Checa
- Atletas olímpicos de Checoslovaquia
- Fondistas
- Medallistas olímpicos en atletismo
- Nados en Moravia-Silesia
- Medallistas olímpicos de ouro por Checoslovaquia
- Medallistas olímpicos de prata por Checoslovaquia
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1948
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1952
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1948
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1952
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1956