Mohamed Gammoudi
Mills e Gammoudi (dereita) nos Xogos Olímpicos de 1964. | |
Nome orixinal | (ar) محمد القمودي |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 11 de febreiro de 1938 (86 anos) Sidi Aïch, Tunisia (en) |
Altura | 172 cm |
Peso | 60 kg |
Actividade | |
Ocupación | fondista, atleta |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | carreira de longa distancia |
Participou en | |
1972 | Xogos Olímpicos de 1972 (medalla de prata olímpica) |
1968 | Xogos Olímpicos de 1968 (medalla de ouro olímpica, Medalla de bronce olímpica) |
1964 | Xogos Olímpicos de 1964 (medalla de prata olímpica) |
Descrito pola fonte | Africa: An Encyclopedic Reference, (vol:1) |
Sitio web | mohamed-gammoudi.com |
Cadro de medallas | |||
---|---|---|---|
Atletismo masculino | |||
Xogos Olímpicos | |||
Toquio 1964 | 10.000 m | ||
México 1968 | 5.000 m | ||
México 1968 | 10.000 m | ||
Múnic 1972 | 5.000 m |
Mohammed Tlili ben Abdallah, máis coñecido como Mohamed Gammoudi, nado en Sidi Ach o 11 de febreiro de 1938, é un atleta tunisiano especialista en probas de longa distancia. Foi campión olímpico dos 5.000 metros nos Xogos Olímpicos de México.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi un dos primeiros corredores de longa distancia procedentes do Magreb, aínda que antes o alxeriano Alain Mimoun lograra importantes triunfos representando a Francia. Deuse a coñecer nos Xogos do Mediterráneo de Nápoles de 1963, gañando as probas de 5.000 e 10.000 metros.
Pese a todo, non estaba considerado entre os favoritos para os Xogos Olímpicos de Toquio. Na final dos 10.000 metros as miradas estaban postas no australiano Ron Clarke, vixente plusmarquista mundial. A falta de dúas voltas ficaron sós en cabeza Clarke, Gammoudi e o case descoñecido estadounidense Billy Mills. Gammoudi lanzou un forte ataque e saíu en cabeza da última curva, dando a impresión de que ía gañar, pero finalmente Mills logrou remontar e acabou levando a medalla de ouro de xeito sorprendente, mentres que Gammoudi acadaba a prata e Clarke o bronce.
Dous días máis tarde Gammoudi gañou na súa serie clasificadora dos 5.000 metros, aínda que, por razóns nunca aclaradas, non se presentou á final desta proba.
Nos Xogos do Mediterráneo de Tunisia 1967 conseguiu revalidar os seus títulos de 5.000 e 10.000 metros. Desta vez chegou como un dos favoritos á Olimpíada de México. Na final dos 10.000 metros estivo á fronte da proba case dende o comezo, tirando do grupo. Chegou á última volta xunto co queniano Naftali Temu e o etíope Mamo Wolde, que o superaron e tivo que conformarse coa medalla de bronce.
Na final dos 5.000 metros lograría o maior triunfo da súa carreira deportiva. Esta vez os seus principais rivais foron os kenyanos, Naftali Temu e Kipchoge Keino, e a diferenza do acontecido nos 10.000 metros, Gammoudi logrou resistir os seus ataques, e acabou gañando a medalla de ouro nun apertado sprint cunha marca de 14:05. A prata foi para Keino (14:05) e o bronce para Temu (14:06).
A súa cuarta e derradeira medalla olímpica logrouna catro anos máis tarde nos 5.000 metros dos Xogos Olímpicos de Múnic. Gammoudi non chegaba en bo estado de forma, e nos últimos anos non obtivera bos resultados, aínda que ninguén discutía a súa gran capacidade competitiva. Na final dos 10.000 metros tivo bastante mala sorte, xa que sufriu unha caída na metade da carreira xunto co finlandés Lasse Virén. Virén puido levantarse rapidamente e gañar a carreira, pero Gammoudi quedou atrasado e finalmente abandonou a proba.
Pola contra, na final dos 5.000 metros tivo unha brillante actuación, liderando o grupo durante case todo o percorrido, e cedendo ao final unicamente ante o finlandés Lasse Virén, que lograba así un magnífico dobre. Gammoudi lograba a medalla de prata e o británico Ian Stewart a de bronce.
Esta foi a última gran carreira de Gammoudi, que se retirou do atletismo pouco despois.
- Atletas olímpicos de Tunisia
- Fondistas
- Medallistas olímpicos de ouro por Tunisia
- Medallistas olímpicos de prata por Tunisia
- Medallistas olímpicos de bronce por Tunisia
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1964
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1968
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1972
- Medallistas olímpicos en atletismo
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1964
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1968
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1972