Saltar ao contido

Che Guevara

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ernesto Che Guevara»)

Modelo:BiografíaChe Guevara

(1960) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Ernesto Guevara Editar o valor en Wikidata
14 de xuño de 1928 Editar o valor en Wikidata
Rosario, Arxentina Editar o valor en Wikidata
Morte9 de outubro de 1967 Editar o valor en Wikidata (39 anos)
La Higuera, Bolivia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaChe Guevara Mausoleum (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Minister of Industry of Cuba (en) Traducir
11 de febreiro de 1961 – 1 de abril de 1965
← sen valor Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaArxentina (1928–)
Guatemala
Bolivia
Cuba
México Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Buenos Aires - medicina (1948–1953) Editar o valor en Wikidata
Altura176 cm Editar o valor en Wikidata
Cor do peloCabelo castaño Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónrevolucionario, guerrilleiro Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de Cuba Editar o valor en Wikidata
Membro de
Interesado enXadrez, rugby a 15, poesía e lectura Editar o valor en Wikidata
Influencias
Pseudónimo literarioChe Guevara
Luís Hernández Gálvez
Chang-Cho
Tatu
Adolfo Mena González
Ramón
Chancho
Furibundo Serna
Fuser
Pelado
Teté
Fernando Sacamuelas Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeCuba Editar o valor en Wikidata
Rango militarComandante Editar o valor en Wikidata
ConflitoRevolución cubana
Guerrilha de Ñancahuazú (pt) Traducir
Crise do Congo (pt) Traducir
Batalha de Santa Clara (pt) Traducir
Invasión de Baía de Cochinos Editar o valor en Wikidata
Deporterugby a 15 Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeAleida March (1959–1967)
Hilda Gadea (1955–1959) Editar o valor en Wikidata
ParellaMaría del Carmen Chichina Ferreyra (1950–1951) Editar o valor en Wikidata
FillosAleida Guevara March
 () Aleida March Editar o valor en Wikidata
PaisErnesto Guevara Lynch Editar o valor en Wikidata  e Celia de la Serna Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Obálky knih,
Medvik >>>:Guevara, Ernesto Che, 1928-1967, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0346466 Allocine: 37068 Allmovie: p291329
BNE: XX890987 Musicbrainz: b5316590-b39e-4991-8602-dbf276361eed Discogs: 480054 WikiTree: Guevera-1 Find a Grave: 4312 Editar o valor en Wikidata

Ernesto Guevara[1], coñecido como Che Guevara ou el Che, nado en Rosario (provincia de Santa Fe, Arxentina) o 14 de xuño[2] de 1928 e finado en La Higuera (Bolivia) o 9 de outubro de 1967, foi un médico, político e revolucionario ademais dun dos líderes da guerrilla na Revolución Cubana, e logo participou nos primeiros anos do novo réxime, en particular sendo ministro de industria.

En 1965, logo de denunciar a explotación do terceiro mundo polos dous bloques da guerra fría, desaparece da vida política de Cuba coa intención de espallar a revolución. En primeiro lugar na República do Congo, sen éxito, logo en Bolivia onde foi capturado e executado de forma clandestina polo Exército Boliviano coa colaboración da CIA estadounidense[3].

Trala súa morte converteuse nun símbolo de alcance mundial, para os seus seguidores simboliza a loita contra as inxustizas sociais ou de rebeldía e espírito incorruptible, mentres que é definido polos seus detractores coma un asasino e criminal, acusándoo ademais dunha mala xestión como ministro de Industria.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

A familia

[editar | editar a fonte]
Acta de nacemento de Ernesto Guevara.

Ernesto Guevara foi o maior dos cinco fillos de Ernesto Guevara Lynch e Celia de la Serna. Ambos pertencían a coñecidas familias aristocráticas de clase alta. Un dos antepasados de Guevara foi un vicerrei da Nueva España, Pedro de Castro y Figueroa, que só gobernou un ano e cinco días alá polo medio do século XVIII, este tivo un fillo chamado Joaquín, que secuestrou a súa futura esposa na Luisiana e cuxos sucesores viviron a febre do ouro en San Francisco, acabando por instalarse no século XIX na Arxentina. Pola rama dos Lynch, atópanse emigrantes irlandeses como outras tantas emigracións que se instalaban na Arxentina dende o principio do século XVIII.

O pai, Ernesto Guevara Lynch (1901-1987), tiña unha vida tranquila grazas ás rendas que obtiña da herdanza recibida dos seus pais. En 1987 escribiu un libro co título Mi hijo el Che.

A nai, Celia de la Serna (1906-1965), católica entusiasta reconvertida ó liberalismo, conserva do seu catolicismo inicial a forza das súas paixóns. Unha das súas curmás lembraría máis tarde:

«Foi a primeira muller (segundo a miña nai) en cortar o cabelo á garçonne, é dicir, cortou o cabelo moi curto ó redor do pescozo, ela fumaba e cruzaba as pernas en público, o que era o colmo da proxección feminista en Buenos Aires».

Pertencía a unha tradicional familia aristocrática[4]. O seu pai suicidouse cando tiña dous anos e a súa nai finou cando tiña quince[5]. Quedou entón ó coidado da súa irmá Carmen e unha tía.

No momento das peticións de man, Celia é menor, e racha coa súa familia, instálase na casa dunha tía para casar a continuación con Ernesto o día 10 de decembro de 1927, cando Celia se atopaba embarazada de tres meses. Forman unha parella de mozos cultivados, levando unha vida un tanto bohemia, herdeiros dunha oligarquía que lles parecía pasiva e indecisa, os esposos Guevara-De la Serna íanlles transmitir ós seus cativos o espírito de aventura, a paixón das letras, que Ernesto faría algúns anos máis tarde as bandeiras da súa vida.

En 1948 deixáronse, aínda que seguiron vivindo baixo o mesmo teito. No total tiveron cinco fillos: Ernesto (1928-1967), Celia (n. 1929), Roberto (n. 1932), Ana María (1934- 1988) e Juan Martín (n. 1943).

Unha característica dos pais de Ernesto que influíu considerablemente na súa infancia e mocidade foron as constantes mudanzas e traslados. Até abandonar definitivamente a Arxentina, tiveron cando menos 12 enderezos, en Buenos Aires, Caraguatay, San Isidro, Alta Gracia e Córdoba capital.

Residencias da familia Guevara Lynch-De la Serna entre 1928 e 1953[6][7][8]:

  1. Entre Ríos 480 (Rosario)
  2. Santa Fe y Guise (Palermo, Buenos Aires)
  3. Caraguatay (Provincia de Misiones) (Museo)
  4. Rúa Alem (provincia de Buenos Aires)
  5. Bustamante y Peña (Recoleta, Buenos Aires)
  6. Plaza Hotel, fronte á praza San Martín (Córdoba Capital)
  7. Hotel "La Gruta", (Alta Gracia, Córdoba)
  8. Villa Chichita (Alta Gracia, Córdoba)
  9. Villa Nydia (Alta Gracia, Córdoba) (Museo)
  10. Chile 288, (Córdoba Capital)
  11. Arenales y Uriburu (Recoleta, Buenos Aires)
  12. Araoz 2180 (Palermo, Buenos Aires).

Nacemento, infancia e mocidade

[editar | editar a fonte]

Nacemento

[editar | editar a fonte]
Entre Ríos 480 (Rosario). Primeiro fogar por poucos días de Ernesto Guevara. Tería nacido un mes antes.

En xuño 1928 Guevara pai e Celia descendían o río Paraná en barco, para unha viaxe de negocios que debía permitirlles ver nacer o primeiro dos seus nenos en Buenos Aires, pero as dores de parto presentáronse prematuramente á altura da cidade de Rosario. Ernesto nacerá pois o 14 de xuño na maternidade do Hospital Centenario, anexo da Facultade de Medicina.

Nace pois o mesmo día que Antonio Maceo, o mesmo día que José Carlos Mariâtegui, o máis heterodoxo dos revolucionarios cubanos do final do século XIX, e do máis herético dos marxistas latinoamericanos do século XX.

O cativo foi inscrito ó día seguinte co nome de Ernesto Guevara. Despois de que a nai recibira a alta, instaláronse por uns días nun apartamento situado na rúa Entre Ríos 480 até que a nai e o neno estiveron en condicións de viaxar a Buenos Aires.

A primeira fotografía coñecida do pequeno Ernesto móstrao vestido cun abrigo, no parque de Rosario. Pouco tempo despois debía coñecer a súa primeira enfermidade, unha forte broncopneumonía que estaría a pouco de matalo. As súas tías Beatriz e Ercilia virán de Buenos Aires para axudar á súa nova nai a ocuparse del.

Contrariando a versión xeral, o biógrafo Jon Lee Anderson sostén que a acta de nacemento é falsa e que Ernesto Guevara naceu o 14 de maio de 1928, exactamente un mes antes. A razón sería a intención dos pais de ocultar que a nai xa se atopaba embarazada no momento de casar, feito do que hai certeza porque foi recoñecido polo pai. Por ese motivo os Guevara afastáronse de Buenos Aires durante o embarazo e logo intencionalmente dirixíronse a Rosario, onde un médico amigo aceptou crear o certificado de nacemento[9].

A versión de Anderson é crible e foille relatada pola tamén biógrafa de Guevara, Julia Constenla, a quen Celia de la Serna contoulle persoalmente a verdadeira data de nacemento do seu fillo e as circunstancias do seu embarazo prematrimonial[10].

Ernesto Guevara na súa infancia

Primeiros anos: entre Caraguatay e Buenos Aires

[editar | editar a fonte]

Os primeiros anos de Ernesto transcorreron entre as casas que os seus pais tiñan en Buenos Aires e Caraguatay, indo e vindo nos vapores do río Paraná. Dende un primeiro momento Ernesto recibiu dos seus pais o alcume de "Ernestito", para diferencialo do pai, e logo de "Teté", cos que lle chamarían indistintamente a súa familia e amigos da infancia.

En Buenos Aires instaláronse nas zonas típicas da clase alta. Ós dous anos de idade tivo o primeiro ataque de asma, enfermidade que padecería toda a súa vida e que levaría á familia a trasladarse a Córdoba.

En Caraguatay, os pais de Ernesto contrataron a unha coidadora de nenos para o seu fillo: Carmen Arias, galega de nacemento, que viviría coa familia até 1937 e que foi quen lle puxo o alcume de "Teté".

Debido á seriedade e persistencia da asma que lle afectaba, a familia procurou buscar un lugar cun clima máis apto. Seguindo as recomendacións dos médicos, decidiron mudarse á provincia de Córdoba, un destino clásico daquela época para as persoas con afeccións respiratorias debido ás súas condicións climáticas e maior altitude. Logo de pasar un tempo na mesma cidade de Córdoba, capital da provincia, os Guevara Lynch instaláronse en Alta Gracia.

Alta Gracia, Córdoba. Infancia e mocidade

[editar | editar a fonte]
Casa de Guevara en Alta Gracia.

Ernesto Guevara viviu 17 anos en Córdoba, dende 1930 até comezos de 1947, abranguendo gran parte da súa infancia e toda a mocidade. El mesmo considerábase cordobés[11]. En Alta Gracia cursou a escola primaria e na cidade de Córdoba a secundaria. Tamén alí tivo as súas primeiras experiencias sexuais e formou o seu grupo de amigos, cos que máis adiante compartiría as súas primeiras preocupacións sociais e as súas viaxes por América Latina. Pouco antes de volver a Buenos Aires, viviu tamén uns meses en Villa María.

A familia tivo varios domicilios en Alta Gracia, mais o principal deles foi Villa Nydia, na zona de Villa Carlos Pellegrini, onde actualmente funciona o Museo Ernesto Che Guevara.

Ernesto cursou os seus estudos primarios nas escolas públicas San Martín e Santiago de Liniers entre 1937 e 1941. Os seus estudos secundarios realizounos entre 1942 e 1946 no Colexio Nacional Dean Funes, situado na cidade de Córdoba, onde a familia terminou mudándose en 1943.

A asma determinou en grande medida as características da infancia de Ernesto Guevara. Os ataques eran constantes e dunha severidade tal que o levaban até quedar tirado días enteiros. Limitou as súas posibilidades de ir á escola, á que recentemente ingresou en 1937 cando tiña oito anos comezando en segundo grao (saltando primeiro inferior e superior). Restrinxiu as súas posibilidades de facer deporte, actividade que lle apaixonaba e que igualmente practicou. Para combater a asma estaba suxeito a constantes dietas e tratamentos médicos. Doutra banda a súa enfermidade fíxoo un extraordinario lector, un grande afeccionado ó xadrez e xerou nel un forte espírito de disciplina e autocontrol.

Na súa primeira adolescencia Ernesto tivo preferencia polos libros de aventuras, como as loitas de Sandokán, de Emilio Salgari e, sobre todo, as viaxes extraordinarias de Jules Verne, entre eles Cinco semanas en globo, Viaxe ó centro da Terra, De la Terre à la Lune (Da Terra á Lúa), Vinte mil leguas baixo dos mares. Anos despois, estando xa en Cuba pediría que lle enviasen os seus tres tomos encadernados en coiro das obras completas de Verne[12].

Ernesto Guevara de vacacións en Mar del Plata (ca. 1943, 15 anos).

Máis adiante desenvolveu o gusto pola poesía e a filosofía. Entre os seus poetas preferidos destacouse Baudelaire, en especial a súa descarnada e polémica obra As flores do mal, e logo Pablo Neruda, en particular os seus poemas de amor. Foi un apaixonado da filosofía existencialista, o que o levou a preferir as obras de Sartre, Franz Kafka e Albert Camus, e das teorías psicolóxicas de Sigmund Freud[13].

Cursou os seus estudos secundarios (1942-1946) nun momento de grandes mudanzas e transformacións políticas na Arxentina. Entre 1943 e 1946 habería de xurdir o peronismo que contou cun apoio masivo da clase obreira e inversamente un rexeitamento masivo das clases media e alta. Os estudantes foron un dos grupos que máis activamente se mobilizaron contra o peronismo nacente, baixo o lema de "no a la dictadura de las alpargatas"[14].

Unha vez na escola secundaria e instalado en Córdoba, a vida de Ernesto fíxose máis pública. Contra o que adoitan dicir algunhas biografías, Ernesto Guevara non tivo militancia política nin social algunha en Córdoba (nin logo en Buenos Aires). El mesmo dixo:

No tuve preocupaciones sociales en mi adolescencia, ni participé en las luchas políticas o estudiantiles de Argentina[15].

Se algunha ideoloxía clara comezaba a agromar en Ernesto Guevara, nos últimos anos da súa adolescencia, foi a súa posición antiimperialista e, en particular, a súa posición fortemente contraria ó imperialismo norteamericano[16], unha ideoloxía con fonda raigame na cultura política-social arxentina.

Ernesto Guevara, sobre 1945, 17 anos.

Simultaneamente en 1945, con 17 anos, Ernesto amosou un grande interese pola filosofía e comezou a escribir o seu propio dicionario filosófico, mentres descubría a literatura social latinoamericana.

A finais de 1946 Ernesto terminou os seus estudos secundarios. Ese mesmo ano obtivo o seu primeiro emprego, xunto a Alberto Granado, nun laboratorio na provincia de Córdoba. Pouco despois de chegar foi enviado á localidade de Villa María, 100 km ó sur, a participar durante os seguintes meses na construción dunha verea.

En 1947 a familia Guevara Lynch-da Serna sufriu un colapso. A empresa construtora do seu pai quebrou, e os Guevara decidiron separarse e mudarse a Buenos Aires. En maio dese ano a súa avoa enfermou de morte, o que levou a Ernesto a renunciar ó seu emprego e trasladarse á capital arxentina.

Buenos Aires e a medicina

[editar | editar a fonte]

Ernesto Guevara permaneceu en Buenos Aires dende xaneiro de 1947 até o 7 de xullo de 1952 cando partiría na súa última viaxe por América Latina.

O primeiro ano a familia viviu na casa da súa avoa materna, preto da facultade de Medicina da Universidade de Buenos Aires, na que comezaría a estudar en 1948 para graduarse de medicina o 11 de abril de 1953.

Neste período Ernesto adicouse á súa carreira e comezou a traballar como asistente nunha clínica especializada en alerxias que se dedicaba á investigación da asma, dirixida polo Dr. Salvador Pisani. Na facultade de Medicina coñeceu a Berta Gilda Infante, "Tita", unha cordobesa militante universitaria comunista coa que mantería unha forte amizade polo resto da súa vida.

En Buenos Aires Guevara adicouse a xogar ó rugby, primeiro no importante San Isidro Club e logo, debido ás súas limitacións coa asma, no pequeno e desaparecido Yporá Rugby Club (1948) e no Atalaya Polo Club (1949)[17]. Editou entón a primeira revista dedicada ó rugby da Arxentina, co nome "Tackle", e na que tamén escribía crónicas baixo o pseudónimo "Chang-cho", en alusión ó seu propio alcume de "Chancho"[17].

Ernesto Guevara (primeiro pola dereita) con integrantes do equipo de rugby, ca. 1948.

Tamén continuou coas súas intensas actividades de lectura e a escritura dos seus cadernos filosóficos. Nestes anos amosou unha crecente dedicación á filosofía social. No seu terceiro caderno revela un grande interese no pensamento de Karl Marx. Tamén prestou grande atención ás ideas de Nehru sobre o proceso de descolonización e industrialización na India[18]. En 1950 namorou de María del Carmen "Chichina" Ferreyra, unha rapaza de 16 anos pertencente a unha das familias máis ricas e aristocráticas de Córdoba. A relación durou máis de dous anos.

As viaxes

[editar | editar a fonte]

Estando en Buenos Aires Ernesto Guevara comezou a viaxar precariamente, en bicicleta ou en moto, con poucos cartos, cada vez máis lonxe. As viaxes de Guevara significarían unha experiencia social e humana, que o poría en contacto cos traballadores e as persoas humildes da Arxentina e América Latina, e finalmente levaríano a integrar o grupo guerrilleiro que realizaría a Revolución Cubana.

Viaxe ó noroeste arxentino (1950)
[editar | editar a fonte]
Ernesto Guevara e a súa motocicleta nunha propaganda de 1950 publicada na revista El Gráfico.

O 1 de xaneiro de 1950 realizou a súa primeira viaxe en solitario, nunha bicicleta con motor marca Cucchiolo, visitando ó seu amigo Alberto Granado en San Francisco, Córdoba, ós seus amigos da infancia en Córdoba Capital, continuando logo cara o noroeste para coñecer as provincias máis pobres e atrasadas do país, Santiago del Estero, Tucumán, Salta, Jujuy, Catamarca, La Rioja, e volver por San Juan, Mendoza, San Luís. En total percorreu 4500 quilómetros.

De volta en Buenos Aires o fabricante do motor da Cucchiolo ofreceulle protagonizar un anuncio publicitario, que consistía na foto de Ernesto na súa bicicleta e unha carta súa alabando a resistencia de tal medio de transporte.

As viaxes no buque petroleiro de YPF (1951)
[editar | editar a fonte]

En 1951, Guevara foi contratado como paramédico de abordo na frota da empresa petroleira estatal arxentina Yacimientos Petrolíferos Fiscales (YPF). O 9 de febreiro embarcouse por vez primeira. Nestas viaxes percorreu a costa atlántica de Suramérica, dende o porto patagónico de Comodoro Rivadavia até a entón colonia británica de Trinidad e Tobago, pasando por Curaçao, Güiana Británica, Venezuela, e varios portos de Brasil.

Primeira viaxe Suramericana
[editar | editar a fonte]
Itinerario da primeira viaxe realizada en 1952 con Alberto Granado. As liñas vermellas corresponden a viaxes en avión. Á dereita unha imaxe do Che xunto a Alberto Granado.

En 1952, co seu amigo Alberto Granado, bioquímico, Guevara realizou un soño: atravesou a América do Sur nunha vella moto coñecida polo nome de La Poderosa. Saíron o 4 de xaneiro de 1952, dende San Francisco, Córdoba. A viaxe alongouse durante nove meses. Nesta viaxe, Guevara comezou a ver a América do Sur como unha única entidade económica e cultural que precisaba unirse. Viu a miseria e a impotencia das masas e concluíu que a única maneira de rematar coas desigualdades sociais era a revolución.

Tanto Guevara como Granado realizaron diarios de viaxe, mundialmente coñecidos como "diarios de motocicleta" debido ó filme de Walter Salles, que relata precisamente este periplo.

De volta á Arxentina, rematou os estudos de Medicina en 1953 e pasou a dedicarse á política.

Segunda viaxe latinoamericana (1953-1954)
[editar | editar a fonte]
Itinerario da segunda viaxe de Ernesto Guevara, 1953-1956.

En 1953 Ernesto Guevara iniciou co seu amigo da infancia Carlos "Calica" Ferrer a segunda das súas dúas viaxes internacionais por América. O obxectivo era ir a Caracas onde por eles agardaba Alberto Granado.

Saíron o 7 de xullo de 1953, dende Buenos Aires en tren cara a Bolivia. Permaneceron varias semanas alí en pleno proceso de revolución iniciada en 1952 polo Movemento Nacionalista Revolucionario (MNR).

Ernesto decidiu ir cara a Guatemala para ver a revolución que alí estaba a liderar o coronel Jacobo Arbenz. Arbenz, elixido democraticamente, estaba a levar a porto unhas importantes políticas sociais, mais a CIA perpetrou un golpe de Estado (Operación PBSUCCESS). Isto fixo a Guevara convencerse aínda máis do seu anti-imperialismo e da necesidade de corrixir as inxustizas sociais dos países suramericanos e dos países en vías de desenvolvemento en xeral. Calica entón separouse de Ernesto para dirixirse a Caracas, onde Alberto Granado esperábao, quedándose a vivir alí por dez anos. Logo de complicadas xestións Ernesto embarcouse con "Gualo" García até Panamá onde permaneceu uns meses, en duras condicións económicas. O 24 de decembro de 1953 chegou sen diñeiro a Guatemala, onde instalaría.

Guatemala (1954)

[editar | editar a fonte]

Ernesto Guevara estivo pouco máis de nove meses en Guatemala. En 1954 Guatemala estaba nunha situación política crítica. Guevara chegara seis meses antes dun golpe de estado. Durante ese tempo intentou reiteradamente traballar como médico do Estado pero as diversas xestións nunca se concretaron e os seus problemas económicos foron serios.

Naqueles días Guatemala era un fervedoiro de grupos de exiliados e militantes progresistas e esquerdistas, fundamentalmente latinoamericanos. A pouco de chegar coñecería a Hilda Gadea unha exiliada peruana dirixente do APRA que colaboraba co goberno de Arbenz e que máis adiante transformaríase na súa primeira esposa. Polo seu intermedio coñecería á familia do exiliado nicaraguano Edelberto Torres, onde á súa vez coñeceu a un grupo de exiliados cubanos participantes na toma do Cuartel Moncada, entre os que se atopaba Antonio "Ñico" López.

Ñico López e Ernesto estableceron unha sólida amizade. Foi precisamente Ñico quen lle puxo o alcume de "Che", a raíz do uso permanente que Ernesto facía desa palabra, empregada para convocar ó outro.

As ideas de Guevara evolucionaran, volvéndose moito máis comprometidas politicamente, cunha clara simpatía polo comunismo. O seu pensamento político manifestouse abertamente por primeira vez nunha carta enviada á súa tía Beatriz o 10 de decembro de 1953, pouco antes de chegar a Guatemala onde di, entre outras cousas:

En el paso tuve la oportunidad de pasar por los dominios de la United Fruit, convenciéndome una vez más de lo terrible que son estos pulpos. He jurado ante una estampa del viejo y llorado camarada Stalin no descansar hasta ver aniquilados estos pulpos capitalistas. En Guatemala me perfeccionaré y lograré lo que me falta para ser un revolucionario auténtico... Tu sobrino, el de la salud de hierro, el estómago vacío y la luciente fe en el porvenir socialista. Chau. Chancho.[19]

En Guatemala comezou a deseñar un libro titulado "La función del médico en América Latina" no que consideraba que a "medicina social preventiva" e o médico constituían un eixo central para unha transformación revolucionaria orientada a establecer unha sociedade socialista.

O 16 de xuño avións de mercenarios militares comezaron a bombardear a cidade de Guatemala e dous días despois un exército ó mando de Castillo Armas ingresou no país dende Honduras. Ernesto inscribiuse nas brigadas de sanidade e nas brigadas xuvenís comunistas que patrullaban as rúas pola noite. A súa brigada levaba o nome de Augusto César Sandino e estaba liderada polo voluntario nicaraguano Rodolfo Romero.

O 27 de xuño de 1954 os xefes do Exército de Guatemala decidiron descoñecer a autoridade de Arbenz e esixir a súa renuncia. Seis días despois Castillo Armas entraba na capital para establecer unha ditadura e derogar as medidas sociais adoptadas polo goberno democrático.

Da caída do goberno de Arbenz o Che Guevara sacaría conclusións fundamentais que logo incidirían directamente nos seu actos durante a Revolución Cubana. En particular Guevara concluíu que era indispensable depurar o exército de potenciais golpistas, pois nos momentos cruciais estes descoñecían a cadea de mando e volvíanse contra o goberno.

Hilda foi detida e Ernesto refuxiouse na embaixada arxentina onde foi incluído entre os refuxiados comunistas[20]. A finais de agosto chegou o salvoconduto para el, indo de inmediato a buscar a Hilda, quen fora liberada pouco antes. Con todo a relación entrámbolos dous parecía terminada, e a mediados de setembro Ernesto foise só a México.

México (1954-1956)

[editar | editar a fonte]
Bandeira do Movemento do 26 de xullo creado en 1953 por un grupo de nacionalistas cubanos entre os que salientaba Fidel Castro. Guevara ingresou nel en 1955.

En 1954, no México a través de Ñico López, un amigo das loitas na Guatemala, coñeceu a Raúl Castro que logo o presentaría ó seu irmán máis vello, Fidel Castro. Este último organizou e liderou o movemento guerrilleiro 26 de xullo, ou M-26-7, en referencia a José Martí e que tiña por obxectivo tomar o poder en Cuba para derrocar ó ditador Fulgencio Batista e iniciar unha revolución social.

O Che Guevara permanecería algo máis de dous anos en México. Alí definiu os seus ideais políticos, casou, tivo a primeira filla e ingresou no Movemento do 26 de xullo dirixido por Fidel Castro.

En México, Guevara traballou un tempo de fotógrafo para a arxentina Axencia Latina que pechou pouco despois e logo para o Hospital Xeral e o Infantil por un pequeno salario como alergólogo e investigador.

Antes de que terminase 1954 Hilda Gadea radicouse tamén en México, reiniciando o tipo de relación complexa que mantiveran en Guatemala. Poucos días despois atopouse por casualidade na rúa con Ñico López, quen o invitaría a asistir ás reunións do grupo de cubanos moncadistas que se reunían coordinados por María Antonia González.

Por aquel entón Fidel Castro cumpría unha condena de dez anos de prisión en Cuba por dirixir o asalto ó Cuartel Moncada o 26 de xullo de 1953. O feito converteuno nunha figura nacional. En maio de 1955 o ditador Fulgencio Batista sancionou unha lei de amnistía, deixando en liberdade a Fidel Castro, o seu irmán Raúl e outros dezaoito moncadistas. Pouco despois, o 12 de xuño crearon o Movemento do 26 de xullo, unha organización que tiña como fin derrocar a Batista e que tiña unha ideoloxía antiimperialista-democrática fundada nas ideas de José Martí e maioritariamente anticomunista.

Por aquel entón, a pouco de iniciada a guerra fría e como herdanza do macartismo xeralizouse en América Latina a acusación de «comunismo» como táctica para desprestixiar e reprimir os movementos democráticos e sociais[21].

En xuño de 1955, Raúl Castro estableceuse en México coa fin de preparar a chegada do seu irmán, dende onde este organizaría un grupo guerrilleiro para volver a Cuba. En canto chegou, coñeceu a Ernesto Guevara. Raúl Castro, a diferenza de Fidel, pertencera ó Partido Comunista, chamado en Cuba Partido Socialista Popular (PSP) e era moito máis radical nas súas actitudes e posicións[22].

O 7 de xullo Fidel Castro chegou a México. Dúas semanas despois ofreceulle ó Che unirse ó Movemento do 26 de xullo como médico e este aceptou inmediatamente. Case de xeito inmediato Hilda Gadea comunicoulle que estaba embarazada e o 18 de agosto casaron, aínda que para Guevara tratábase dunha decisión obrigada polas circunstancias. Ambos mudaron entón a un departamento na rúa Nápoles Nº 40, en Colonia Juárez. Como lúa de mel en novembro visitaron as ruínas maias de Chiapas e a península do Iucatán: Palenque, Chichén-Itzá e Uxmal.

En febreiro de 1956 un grupo dunhas vinte persoas iniciaron o adestramento en guerra de guerrillas baixo o mando do xeneral español Alberto Bayo. O 15 de febreiro naceu a súa filla Hilda Beatriz Guevara. Pouco despois escribiu as últimas liñas do diario que iniciara en Buenos Aires ó partir para a súa segunda viaxe latinoamericana:

Ha pasado mucho tiempo y muchos acontecimientos nuevos se han declarado. Solo expondré los más importantes: desde el 15 de febrero de 1956 soy padre; Hilda Beatriz Guevara es la primogénita... Mis proyectos para el futuro son nebulosos pero espero terminar un par de trabajos de investigación. Este año puede ser importante para mi futuro. Ya me fui de los hospitales. Escribiré con más detalle.[23]

Entre o 20 e o 24 de xuño de 1956 Fidel Castro, o seu irmán Raúl, o Che Guevara e a maior parte do grupo do Movemento do 26 de xullo en México foron apreixados pola policía mexicana. Nesa oportunidade a conduta de Ernesto foi estraña, pois nas tres veces que o interrogaron confesou abertamente que era comunista, que estaban a se preparar para realizar unha revolución en Cuba e que era partidario da loita armada revolucionaria en toda América Latina. Fidel Castro con posterioridade poría esa conduta do Che como exemplar[24].

Guevara fai parte dos 82 homes que parten para Cuba en 1956 con Fidel Castro no iate Granma e dos cales só sobrevivirían 12 (número que levanta controversias; algúns din que Fidel insiste neste número para asocialos ós 12 discípulos de Cristo).

A revolución cubana

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Revolución cubana.
Mapa de Cuba, cos principais lugares de actividade guerrilleira.

O 10 de marzo de 1952 un golpe de Estado dirixido polo xeneral Fulgencio Batista derrocara ó presidente democrático Carlos Prío Socarrás, do Partido Auténtico, nun marco internacional que transitaba os primeiros momentos da guerra fría entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. Batista instalou unha sanguenta ditadura co argumento de combater o comunismo. Con todo o escandaloso nivel de corrupción e violación dos dereitos humanos levou á conformación dunha oposición xeneralizada partidaria da insurrección para arredar do poder a Batista[25].

Nese contexto actuaría o Movemento do 26 de xullo, unha evolución revolucionaria do Partido Ortodoxo, de ideoloxía basicamente nacionalista-antiimperialista, buscando en todo momento artellar as súas forzas con outros sectores opositores, co proxecto de establecer un goberno democrático nacionalista.

A chegada a Cuba. Serra Maestra

[editar | editar a fonte]

O 25 de novembro de 1956 un grupo de 82 guerrilleiros do Movemento do 26 de xullo que adestraron en México embarcaron rumbo a Cuba no iate Granma (en inglés diminutivo de grandmother). Dirixidos por Fidel Castro, no grupo atopábanse tamén Raúl Castro e o Che Guevara entre outros.

A travesía durou sete días, dous máis do agardado, debido o cal o grupo que ía apoiar a súa chegada a Cuba xa se retirara. Na mañanciña do 2 de decembro o iate ancorou na costa suroccidental, polo que os rebeldes deberon deixar a meirande parte das municións, alimentos e medicamentos no barco.

Tres días despois, cando aínda trataban de organizarse, o grupo foi emboscado polo exército en Alegría de Pío. É durante ese ataque cando o Che, o médico do grupo, deixou a maleta médica por unha caixa de munición dun compañeiro abatido, un momento que tempo despois definiría como o marco divisor na súa transición de doutor a combatente[26].

A maior parte do grupo morreu no combate, foron executados ou detidos. O resto dispersouse e volveuse reunir en serra Maestra o 21 de decembro. Guevara resultou ferido superficialmente no pescozo.

A cantidade exacta de sobreviventes descoñécese. Aínda que a historia oficial fala de "doce", sábese que en serra Maestra reuníronse cando menos 20 guerrilleiros dos 82 que chegaron no Granma.

Nesa oportunidade o Che Guevara foi severamente reprendido por Fidel Castro debido á perda das armas, que foran agochadas por orde daquel na casa dun campesiño logo revisada polo exército.

Mapa de serra Maestra.

Os rebeldes sobreviventes reagrupáronse deseguida nas montañas de Serra Maestra para organizar unha guerrilla contra o ditador cubano Fulgencio Batista, que estaba apoiado polos Estados Unidos de América.

Alí o Che Guevara actuou como médico e combatente, a pesar de sufrir de fortes ataques de asma. O Che subliña a importancia de facerse aceptar pola poboación abastecendo de coidados os pobos illados ou alfabetizándoos. Os rebeldes fortalécense lentamente, aumentando o seu armamento, recadando apoio e o recrutamento de moitos campesiños, intelectuais e traballadores urbanos. Guevara mostra gran coraxe e talento en combate e logo tórnase un dos homes de confianza de Fidel Castro.

Guevara tamén impuxo a súa personalidade ó amosarse estrito fronte ós actos de indisciplina, de traizón e criminais, non só na propia tropa, senón tamén con respecto ós soldados inimigos e ós campesiños que habitaban a zona. Pola contra, Guevara parece actuar con tolerancia fronte ós erros dos seus propios homes e os prisioneiros inimigos.

Durante os primeiros meses de 1957 o pequeno grupo guerrilleiro mantivo moi poucos combates, de escasa envergadura.

Trala entrevista de Herbert Matthews a Fidel Castro para o New York Times, o grupo guerrilleiro comezou a xerar unha certa simpatía na opinión pública nacional e internacional. Nese momento, coa fin de estreitar relacións cos campesiños que habitaban na Serra, o grupo guerrilleiro comezou a ofrecer os servizos médicos do Che Guevara, quen comezou así a ser coñecido na rexión.

Para finais de maio o exército guerrilleiro medrara a 128 combatentes ben armados e adestrados e o 28 de maio produciu a súa primeira acción de certa magnitude. Logo do combate Castro tomou a decisión de deixar ó Che Guevara a cargo dos feridos para non demorar ó grupo principal ante a inminente persecución por parte das tropas do goberno.

O Che e catro homes (Joel Iglesias, Alejandro Oñate («Cantinflas»), Juan Vitalio Acuña Núñez e un guía) deberon entón facerse cargo de agochar, protexer e curar ós sete guerrilleiros feridos durante cincuenta días. Nese lapso Guevara non só atendeu e mantivo protexidos a todos, senón que impuxo disciplina no grupo, recrutou novos guerrilleiros, obtivo o apoio dun gran latifundio da zona e estableceu un sistema de aprovisionamento e comunicación coa cidade de Santiago de Cuba. Cando volveu xuntarse co resto, o 17 de xullo, o Che tiña un pequeno exército autónomo de 26 combatentes. Para entón os rebeldes xa conseguiran liberar un pequeno territorio ó oeste do Pico Turquino e 200 homes disciplinados. Ese día Fidel Castro decidiu formar unha segunda columna con 75 homes, á que denominaría despois Cuarta Columna. Simultaneamente ascendeu a Che Guevara ó grao de capitán e cinco días despois designouno comandante da formación. Até ese intre só Fidel Castro tiña grao de comandante. En diante o trato cara el debía ser de «Comandante Che Guevara»[27].

Comandante da Cuarta Columna e creación da Oitava Columna

[editar | editar a fonte]
Che Guevara e Raúl Castro, 1958.

A Segunda Columna (chamada logo «Cuarta» para confundir ó inimigo) estivo integrada orixinalmente por catro pelotóns. Posteriormente integraríase Camilo Cienfuegos, con quen establecería unha estreita amizade.

Lograría, tras algunhas batallas e liortas vitoriosas, tomar o control da zona do Hombrito e establecer unha base permanente. Alí construíu un hospital e unha panadaría entre outros, para crear unha infraestrutura industrial de apoio. Tamén lanzou o xornal El Cubano Libre.

As tropas do goberno estaban dirixidas por Ángel Sánchez Mosquera quen puxo en funcionamento unha política de guerra sucia na rexión. O 29 de novembro de 1957 atacaron causando dúas mortes, entre elas a de Ciro Redondo. O Che resultou ferido (nun pé) do mesmo xeito que outros combatentes e a base do Hombrito quedou destruída. A columna trasladouse entón ó lugar chamado La Mesa, onde volveron construír a base con toda a súa infraestrutura e pondo ademais en marcha unha radio, Radio Rebelde, que comezou emitir o 24 de febreiro de 1958.

Por esas datas Guevara entraría en conflito con algúns dirixentes do Movemento do 26 de xullo. Estes considerábano un marxista extremista con demasiada influencia sobre Fidel Castro, e aquel considerábaos "dereitistas" cunha concepción tímida da loita e dispostos a compracer a Estados Unidos. Filosoviético declarado, escríbelle en 1957 ó seu amigo René Ramos Latour: "pertenzo, pola miña formación ideolóxica, ós que cren que a solución dos problemas deste mundo está detrás do que se chama o pano de aceiro". Confirmábase ademais admirador de Iosif Stalin: "o que non leu os catorce tomos dos escritos de Stalin non pode considerarse como completamente comunista".

O 27 de febreiro de 1958 Fidel Castro decidiu ampliar as operacións da guerrilla creando tres novas columnas baixo mando de Juan Almeida, Raúl Castro e Camilo Cienfuegos, a quen designou comandantes. O 3 de maio realizouse unha Reunión en Altos de Mompié do Movemento do 26 de xullo, que resultou chave e na que foi drasticamente reorganizado. O Che Guevara, que tivo un papel fundamental na mesma escribiu en 1964 un artigo referíndose ó feito:

O máis importante é que se analizaban e xulgaban dúas concepcións que estiveron en pugna durante toda a etapa anterior da guerra. A concepción guerrilleira sairía de alí triunfante, consolidado o prestixio e a autoridade de Fidel... Xurdía xa unha soa capacidade dirixente, a da Serra, e concretamente, un dirixente único, un comandante en xefe, Fidel Castro.[28]

Para entón o exército de Fulgencio Batista, ás ordes do xeneral Eulogio Cantillo preparaba unha ampla ofensiva sobre os rebeldes. Fidel Castro dispuxo entón que Che Guevara deixase a Cuarta Columna e fixésese cargo da Escola Militar en Minas del Frío, na cal adestrábanse os novatos. Este púxose a organizar febrilmente a retagarda.

O 6 de maio comezou a ofensiva. O exército contaba con 10.000 homes. O plan era gastar ós guerrilleiros, que entón contaban con 280 homes e algunhas mulleres, con bombardeos masivos de napalm e explosivos para ir rodeándoos nun círculo cada vez máis estreito.

Durante as primeiras semanas da ofensiva as forzas do goberno estiveron a piques de derrotar á guerrilla, que sufriu grandes perdas e desorganización. Pola súa banda Guevara organizou cos recrutas da escola de Minas del Frío unha nova columna, que levou o número Oito e o nome de Ciro Redondo en homenaxe a un dos seus lugartenentes caído en combate o ano anterior.

Porén as tropas gobernamentais foron incapaces de acurralar ós guerrilleiros, que escorregaban permanentemente, e para xullo os rebeldes comezaron a recuperar a ofensiva. O 20 de xullo obtiveron a súa primeira gran vitoria en Jigüe e o mesmo día a meirande parte das forzas opositoras asinou o Pacto de Caracas, recoñecendo a Fidel Castro como comandante en xefe.

O 28 de xullo a columna ó mando do Che cercou ás tropas do goberno, que fuxiron abandonando a posición.

O 7 de agosto de 1958 o exército iniciou a súa retirada en conxunto da Serra Maestra. A debilidade de Batista fíxose evidente e Fidel Castro decidiu entón espallar a revolución ó resto de Cuba. O Che Guevara e Camilo Cienfuegos debían marchar ó norte para dividir a illa en dúas e preparar o ataque á estratéxica cidade de Santa Clara, mentres que Fidel e Raúl Castro permanecerían controlando a rexión para atacaren finalmente Santiago de Cuba.

A batalla de Santa Clara

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Batalla de Santa Clara.
Che na batalla de Santa Clara, 1958.

O 31 de agosto de 1958 as columnas do Che Guevara e Camilo Cienfuegos avanzaban. Tardaron seis semanas en chegar á zona montañosa do Escambray, logo de atravesar uns 600 km de zonas pantanosas, acosados polos avións e pelotóns do goberno.

Guevara instalaría o seu campamento en Caballete de Casas, unha chaira inaccesible situada a 630 metros de altura. Alí creou unha escola militar seguindo o modelo utilizado en Serra Maestra para adestrar novos voluntarios, así como unha central hidroeléctrica, un hospital, diversos talleres e fábricas e un xornal: El Miliciano. Na zona actuaban outras forzas guerrilleiras, e tamén actuaban as forzas guerrilleiras e políticas locais do Movemento do 26 de xullo. Nese tempo, o Che tamén coñecería a Aleida March, unha activa militante do Movemento do 26 de xullo, que se convertería na súa segunda esposa en 1959 e con quen tería catro fillos.

En Las Villas o Che Guevara terminou de dar forma á Columna Oito situando nos postos chave ós homes nos que máis confiaba, a maioría chegados dos sectores máis humildes.

A finais de novembro as tropas do goberno atacaron a posición do Che Guevara e Camilo Cienfuegos. Os combates duraron unha semana, ó final da que o exército de Batista retirouse desordenadamente e con grandes perdas de homes e de equipos. Guevara e Cienfuegos contraatacaron entón, seguindo unha estratexia de illamento das guarnicións do goberno entre si, dinamitando os camiños e pontes ferroviarias. Nos días seguintes os rexementos foron capitulando un a un.

Logo, a columna de Cienfuegos dirixiuse a tomar Yaguajay, nunha importante batalla que se estendeu dende o 21 até o 31 de decembro, mentres que Guevara tomaba Remedios e o porto de Caibarién o 26 de decembro e ó día seguinte o cuartel de Camajuaní, onde as tropas do goberno fuxiron sen combater.

Quedou así libre o vieiro para atacar Santa Clara, cuarta cidade de Cuba e derradeiro bastión do goberno antes de A Habana. Batista fortificou Santa Clara enviando 2.000 soldados e un tren blindado, a orde do oficial máis capacitado á súa disposición, o coronel Joaquín Casillas. En total as forzas do goberno sumaban 3.500 soldados para facer fronte a 350 guerrilleiros. O 28 de decembro comezou o ataque. A batalla foi sanguenta e estendeuse durante tres días por toda a cidade. Guevara establecera que a prioridade da batalla era o tren blindado, o que foi finalmente tomado o 29 de decembro pola tarde.

A toma do tren blindado foi a acción desencadéante da caída de Batista. Coñecida a nova, o ditador tomou a decisión de fuxir de Cuba, o que fixo poucas horas despois, ás tres da mañá do 1 de xaneiro de 1959.

Namentres as forzas rebeldes triunfantes en toda a illa, entre elas as tropas de Guevara procedían a deter a membros da ditadura de Batista e fusilar a aqueles considerados como criminais de guerra en xuízos sumarísimos[29].

Seguindo ordes de Fidel Castro, as columnas do Che Guevara e Camilo Cienfuegos dirixíronse entón á Habana.

Goberno revolucionario

[editar | editar a fonte]

Unha vez tomado o poder, a oposición formou un novo goberno.

O 2 de xaneiro, o Comandante Ernesto Guevara, foi designado por Castro fiscal xefe da Fortaleza de San Carlos de La Cabaña[30]. Durante os 5 meses neste posto decide detencións e supervisa persoalmente os xuízos, como parte do proceso coñecido como Comisión Depuradora contra persoas consideradas criminais de guerra ou moi asociadas co réxime de Batista. O número de execucións foi de 50 a 550 persoas segundo as fontes[31][32][33][34].

Nosotros tenemos que decir aquí lo que es una verdad conocida, que la hemos expresado siempre ante el mundo: fusilamientos, sí, hemos fusilado; fusilamos y seguiremos fusilando mientras sea necesario. Nuestra lucha es una lucha a muerte. Nosotros sabemos cuál sería el resultado de una batalla perdida y también tienen que saber los gusanos cuál es el resultado de la batalla perdida hoy en Cuba
Discurso de Che Guevara na ONU o 11 de decembro de 1964, (Réplica) [35][36]

O 7 de febreiro de 1959 o goberno sancionou unha nova Constitución que incluía un artigo especialmente redactado para o Che Guevara, outorgando a cidadanía a calquera estranxeiro que combatese a Batista durante dous anos ou máis e exercido o cargo de comandante durante un ano. Poucos días despois o presidente Urrutia declarou a Ernesto Guevara como cidadán cubano de nacemento[37]. Nese ano regulariza a súa situación con Aleida March, casando con ela.

Che Guevara nunha fotografía a cor, 2 de xuño de 1959.

Logo desenvolveu diversas funcións fundamentais, entre elas Director do Departamento de Industrialización do Instituto Nacional de Reforma Agraria (INRA), Ministro de Industria e presidente do Banco Nacional, ademais de representar internacionalmente a Cuba en varias ocasións entre as que se destacan as que levaron á sinatura dos acordos comerciais e militares coa Unión Soviética.

O 12 de xuño saíu na primeira das súas viaxes diplomáticas internacionais, coa fin de abrir novos mercados para o azucre, produto fundamental da economía cubana, por entón dependente de forma case exclusiva do mercado norteamericano. Entre os destinos da súa viaxe visitou países e líderes que estaban impulsando experiencias de cambios sociais profundos (Bloque Comunista, Movemento dos non aliñados), entre eles Exipto, onde se reuniu co xeneral Gamal Abdel Nasser; Indonesia, onde se entrevistou con Sukarno; India, onde coñeceu a Jawaharlal Nehru; Iugoslavia, con Josip Broz Tito; Nikita Khrushchev, Unión Soviética; Mao Tse Tung, China; Eduardo Víctor Haedo, Uruguai; Arturo Frondizi, Arxentina; Jânio Quadros, Brasil e Ahmed Ben Bela en Alxeria. Entre outros importantes resultados da viaxe, Cuba estableceu relacións comerciais coa Unión Soviética que finalmente se comprometeu a mercar medio millón de toneladas de azucre. Por aquel entón a cota cubana no mercado estadounidense era de case 3 millóns de toneladas. Pronunciou discursos ante a Asemblea Xeral da ONU e nunha reunión do Consello Económico e Social da OEA.

Achegamento á URSS

[editar | editar a fonte]

Dende os seus cargos económicos o Che Guevara impulsou a nacionalización de empresas nacionais e estranxeiras e sectores chaves da economía, a planificación centralizada e o traballo voluntario. Guevara procurou tamén desenvolver a industria pesada mediante a industria siderúrxica, coa fin de rachar a especialización económica e a dependencia do azucre.

Simone de Beauvoir, Jean Paul Sartre e o Che Guevara conversando en Cuba en 1960. Sartre escribiría despois que o Che era «o ser humano máis completo da nosa época».

O 28 de xullo de 1960, ante o Primeiro Congreso de Mocidades Latinoamericanas, realizado na Habana, o Che sostivo un concepto que logo desenvolvería amplamente: a idea do «home novo socialista», ó que concibía como un novo tipo humano que se desenvolvería á vez do socialismo, e no que o sentimento de solidariedade e compromiso coa sociedade imporíase ó interese e egoísmo persoal. O traballo voluntario era para el unha expresión fundamental do home novo. El persoalmente dedicaba todos os sábados ó traballo voluntario, nas liñas de produción das fábricas, como obreiro nas obras de construción, e promovía esa actitude entre os demais funcionarios.

O 7 de novembro de 1960 o Che Guevara viaxou durante dous meses polos países comunistas: Checoslovaquia, Unión Soviética, China, Corea e Alemaña Democrática. Na Unión Soviética foi invitado a compartir co primeiro ministro Nikita Khrushchev e o resto do Soviet Supremo á tribuna principal no desfile de celebración do aniversario da Revolución Rusa, o que constituía un feito excepcional.

Confrontación cos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]

O 3 de xaneiro de 1961, nunha das últimas medidas do seu goberno antes de entregar o poder a John F. Kennedy, o presidente Eisenhower partiu as relacións diplomáticas entre Estados Unidos e Cuba.

O 17 de abril de 1961 produciuse a Invasión de Baía de Cochinos dende Nicaragua, onde foron despedidos e arengados polo ditador Luis Somoza Debayle, por parte dun exército de 1.500 homes maioritariamente cubanos, adestrados en Guatemala, utilizando buques da United Fruit Company[38], con apoio aberto da CIA. Ó día seguinte era evidente que o exército cubano controlara a situación. A CIA pediulle entón ó presidente Kennedy, quen asumira menos de tres meses antes, a intervención aberta de Estados Unidos coa Forza Aérea, mais este negouse.

Catro meses despois Kennedy propuxo unha Alianza para o Progreso na reunión da OEA en Punta do Leste, un inédito plano de axuda masiva para o desenvolvemento dos países latinoamericanos. Cuba, representada na ocasión polo Che Guevara, non se opuxo en principio ó plano norteamericano, pero sostivo que era necesario primeiro que Estados Unidos permitise o libre comercio dos produtos latinoamericanos, eliminase os subsidios proteccionistas ós seus produtos, e que se promovese a industrialización da América Latina.

En oportunidade desa viaxe, Guevara reuniuse cos presidentes democráticos da Arxentina, Arturo Frondizi, e de Brasil, Jânio Quadros. Os dous presidentes foron derrocados pouco despois en senllos golpes militares apoiados por Estados Unidos de América.

En novembro de 1961 a CIA estableceu un xigantesco programa chamado "Operación Mangosta", dirixido por Edward Lansdale, coa fin de organizar actos de sabotaxe, terrorismo, asasinatos dos líderes cubanos, ataques militares e infiltracións que desestabilizasen o goberno cubano e o levara cara ó colapso para outubro de 1962[39]. A ofensiva de illamento contra Cuba avanzou en xaneiro de 1962 cando os países americanos tomaron a decisión de excluíla da OEA.

Como resposta, a finais de xuño de 1962, a Unión Soviética e Cuba tomaron a decisión de instalar mísiles atómicos en Cuba, o que entendían era o único xeito de disuadir a Estados Unidos de invadir Cuba[40], ademais de supor para as relacións soviético-estadounidenses un chanzo máis na guerra fría. Guevara tivo unha participación activa na elaboración do tratado entre Cuba e a Unión Soviética, viaxando alí a finais de agosto para pechalo. O feito levaría á chamada crise dos mísiles de Cuba que puxo ó mundo ó bordo da guerra nuclear e finalizaría cun dificultoso acordo entre Kennedy e Kruschev, polo cal Estados Unidos comprometeuse a non invadir Cuba e retirar os mísiles que tiña instalados en Turquía apuntando á Unión Soviética, e esta a retirar os mísiles cubanos[41].

O 4 de decembro de 1962 o diario británico Daily Worker publicou unha entrevista ó Che Guevara realizada por Sam Rusell. Alí expresou honestamente a súa molestia polo acordo entre Kennedy e Kruschev declarando:

Si los cohetes hubieran permanecido, los hubiéramos usado todos y dirigido hacia el corazón mismo de los Estados Unidos, incluyendo Nueva York, en nuestra defensa contra la agresión. Pero no los tenemos, así que pelearemos con lo que tenemos.[42]

Desaparición de Cuba

[editar | editar a fonte]
Camiñando pola Praza Vermella de Moscova, en novembro de 1964.

En decembro de 1964, Che Guevara viaxa a Nova York, como xefe da delegación cubana na ONU onde pronuncia un discurso contra a política exterior estadounidense[43]. O 17 de decembro, comeza unha xira internacional de 3 meses, na que visita a China, Exipto, Alxeria, Ghana, Guinea-Bissau, Malí, Benín, a República do Congo e Tanzania, con paradas en Irlanda, París e Praga. En Pyongyang, declara que Corea do Norte é un modelo no cal Cuba debe inspirarse[44]. En Alxer, o 24 de febreiro, fai o seu derradeiro dicurso na dianteira da escena internacional, no cal declara: Non hai fronteiras nesta loita até a morte. Non podemos quedar indiferentes cara o que pasa en calquera parte do mundo. A vitoria de calquera país fronte ó imperialismo é a nosa vitoria, do mesmo xeito que a derrota de calquera destes países é a nosa derrota[45].

Dúas semanas despois da súa volta a Cuba onde é acollido por Fidel e Raúl Castro, desaparece literalmente da vida pública. A súa actividade en 1965 é un misterio.

As causas da súa desaparición son sempre controvertidas e poden ser atribuídas a diversas razóns:

  • o fracaso da industrialización;
  • a presión dos soviéticos e dunha parte dos responsables cubanos sobre Castro. En efecto, estes desaprobaban a aliñación económica e ideolóxica pro-chinesa do Che, sobre todo nunha época onde se facía a rutura sino-soviética e onde a economía cubana dependía cada vez máis da URSS. Guevara era considerado por moitos como un avogado da estratexia maoísta en Suramérica. Os seus detractores comparaban o seu plano de industrialización co gran salto adiante chinés;
  • outros suxiren que Castro tomara sombra da popularidade de Guevara e encomezaba a consideralo como unha ameaza. Atopan sospeitosas as súas explicacións sobre a súa desaparición e sorprende que o Che non faga nunca un anuncio público das súas intencións.

Logo da crise dos mísiles cubanos, tomou como unha traizón de Kruschev, que deu o visto e prace á retirada dos mísiles sen consultar a Castro, Che Guevara volveuse escéptico en canto ó papel da URSS. Tal como se revela no seu último discurso en Alxer, chegou á conclusión que o hemisferio norte, levado polos Estados Unidos ó oeste e pola URSS ó leste, explota o hemisferio sur. Apoia á República Democrática do Vietnam do Norte na guerra do Vietnam e anima ó pobo dos outros países en vías de desenvolvemento a tomar as armas e a crear numerosos Vietnam[46]. Con todo, tanto Guevara como Castro son partidarios dunha "fronte antiimperialista unida" e intentan en sucesivas ocasións reconciliar a Unión Soviética e China.

Presionado pola especulación internacional e os rumores en canto ó destino do Che, Fidel Castro declara o 16 de xuño de 1965 que informará ó pobo con respecto ó Che cando el mesmo o decidira. O 3 de outubro, Castro revela unha carta non datada, escrita por Guevara á súa atención, na cal reafirma a súa solidariedade coa revolución cubana pero declara a súa intención de ir combater no estranxeiro contra o imperialismo[47]. É nesta misiva onde aparece, na sinatura, a frase «hasta la victoria siempre», amplamente difundida dende entón[48].

Tamén anuncia a súa dimisión de todos os seus postos no goberno, no partido e no exército. Renuncia tamén á cidadanía cubana que se lle outorgara. Castro revelará pouco despois que sabía onde Guevara estaba pero que non o diría, engadindo que o seu antigo camarada de armas estaba en boa saúde.

República Democrática do Congo

[editar | editar a fonte]
República Democrática do Congo, zona na que actuaba a guerrilla na que se xuntou Che Guevara.

A finais de 1964 o Che Guevara decidira deixar o goberno para encabezar o envío de tropas cubanas a outros países co fin de apoiar os movementos revolucionarios en marcha. África e en especial a República Democrática do Congo, onde Patrice Lumumba fora asasinado en 1961 coa participación da CIA, e na que unha guerrilla rebelde apoiada dende Tanzania estaba actuando, pareceulle unha causa apropiada para intervir. A República Democrática do Congo, situada no centro da África e con fronteiras con nove países, aparecíaselle ó Che como un xigantesco «foco» dende o que se podería irradiar a revolución a todo o continente.

Segundo Ahmed Ben Bella, que era presidente de Alxeria na época e discutira moito con Guevara, a situación en África parecía ter un potencial enorme e revolucionario, o que trouxo ó Che á conclusión que África era o elo feble do imperialismo. É a África a quen decidiu dedicar os seus esforzos[49].

O 19 de abril chegou baixo a identidade falsa de Ramón Benítez á cidade de Dar es Salaam en Tanzania, presidida entón polo líder anti-colonialista Julius Nyerere, dende onde se organizaría o apoio cubano ós rebeldes congoleses. Cuba decidira apoiar a loita do Comité Nacional de Liberación (CNL) do Congo. O Che Guevara mantivo contacto directo con Laurent-Désiré Kabila.

Aínda que Guevara tentou disimular a súa presenza no Congo, o goberno dos Estados Unidos está informado dos seus movementos, xa que a National Security Agency (NSA) interceptou todas as transmisións.

Che Guevara no Congo.

A participación cubana na rebelión congolesa foi unha experiencia desastrosa. Os cadernos redactados por Guevara comezan coa seguinte frase:

Esta es la historia de un fracaso.[50]

A falta de coñecemento da lingua suahili e os costumes, as múltiples fraccións internas e externas dos grupos revolucionarios, a desorganización e falta de disciplina das tropas, e finalmente o cesamento do apoio de Tanzania, levaron a unha seguida da outra. Dese xeito, o Che, ó mando de 120 cubanos, viuse obrigado a ordenar unha retirada de urxencia cando o Exército de Liberación do Congo decidiu abandonar a loita. Durante a campaña que durou nove meses morreron seis guerrilleiros cubanos e, finalmente tralo abandono da loita por parte dos congoleses, Guevara retirouse nunha situación que cualificou de vergoñenta o 20 de novembro de 1965.

Clandestinidade

[editar | editar a fonte]
Pasaporte falso coa identidade de Adolfo Mena empregado polo Che Guevara para a súa entrada en Bolivia.

Logo da retirada do Congo, o Che ocultouse varias semanas na embaixada cubana en Tanzania onde aproveitou para escribir a súa memoria da fracasada experiencia que logo se publicaría en 1999 como Pasaxes da guerra revolucionaria: Congo.

Con posterioridade trasladouse a Praga onde permaneceu cinco meses nunha casa de seguridade do servizo secreto cubano. Trátase dun dos períodos menos coñecidos da súa vida.

Logo de analizar varias opcións, o Che Guevara con apoio de Fidel Castro decidiu establecer un "foco" guerrilleiro en Bolivia, un país que estando no corazón de Suramérica e limitando con Arxentina, Chile, Perú, Brasil e Paraguai, permitía espallar con facilidade a guerra de guerrillas a todo o subcontinente, sobre todo ó seu país natal.

O 21 de xullo de 1966 o Che volveu secretamente a Cuba. Alí reuniuse con Fidel Castro, a súa dona, Orlando Borrego e o grupo de guerrilleiros que o acompañaría a Bolivia. O 2 de novembro, sen revelar a súa identidade, viu por última vez ós seus fillos, con excepción de Hildita, a maior, debido a que podería recoñecelo.

Mapa de Bolivia. O recadro marca a zona de actuación da guerrilla de Che Guevara en 1966-1967.

Despois do fracaso dos combates no Congo, parte para a Bolivia, onde tenta estabelecer unha base guerrilleira para loitar pola unificación dos países da América Latina.

En 1966 Bolivia estaba gobernada por unha ditadura dirixida polo Xeneral René Barrientos, que derrocara ó Presidente Víctor Paz Estenssoro e posto fin á Revolución de 1952, de tendencia nacionalista-popular, impulsada polo Movimiento Nacionalista Revolucionario.

O 7 de novembro de 1966, día en que comeza o seu Diario de Bolivia, Ernesto Guevara instalouse nunha zona montañosa e selvática situada preto do río Ñancahuazú, no sueste do país. Alí o Che levou 109 libros[51]. O grupo guerrilleiro estable estaba integrado por 16 cubanos, 26 bolivianos e 2 arxentinos. Tomaron o nome de Exército de Liberación Nacional de Bolivia (ELN) con seccións de apoio na Arxentina, Chile e o Perú.

En Bolivia pouco antes da súa morte, 1967.

O 11 de marzo de 1967 dous desertores foron detidos poñendo sobre aviso ó goberno, que ese mesmo día, solicitou a cooperación de Estados Unidos e organizou un sistema de intelixencia coordinado con Arxentina, Brasil, Chile, Perú e Paraguai.

O 23 de marzo comezaron os enfrontamentos armados. O 18 de abril publícase en Cuba o seu Mensaje a los pueblos del mundo a través de la Tricontinental (Asia, África e América Latina), e que contén as súas afirmacións máis contundentes, propoñendo unha guerra aberta contra Estados Unidos, en aberta contradición coa «coexistencia pacífica» que sostiña por entón a Unión Soviética e os partidos comunistas latinoamericanos dentro do marco conceptual da guerra fría. Guevara encabezou ese documento cunha das súas frases máis recordadas:

Crear dos, tres... muchos Vietnam, es la consigna.[52]

O 20 de abril o ELN sufriu un duro golpe ó seren capturados dous membros da rede de apoio, Regis Debray e Ciro Bustos, cando intentaban deixar a zona. Ambos foron torturados [53]. Debray informou á CIA para que cesasen as torturas cara el e baixo a promesa dunha pena clemente[54]. A única ligazón dos guerrilleiros co mundo non é máis ca un receptor de radio. A pesar da natureza violenta do conflito, Guevara prestou asistencia médica a todos os soldados bolivianos feridos e ceiba tódolos presos[55].

A liña punteada sinala o vieiro do grupo guerrilleiro dirixido por Guevara até o lugar en que foi fusilado. Hoxe é un circuíto de memoria e turístico.

En xuño e xullo o ELN perdeu sete homes máis. O 1 de agosto a CIA enviou dous axentes para sumarse á caza do Che Guevara: os cubano-norteamericanos Gustavo Villoldo e Félix Rodríguez, este último infiltrouse para preparar a Invasión de Baía de Cochinos[56][57]. O 31 de agosto o exército emboscou á segunda columna en Vado del Yeso, cando cruzaban o río, de resultas do cal todos menos un[58]. Os seus corpos foron expostos primeiro como trofeos e logo soterrados de xeito clandestino.

Os 17 sobreviventes escaparon subindo aínda máis e o 7 de outubro comezaron a baixar cara o río. O 8 de outubro foron sorprendidos na Quebrada del Churo. O Che Guevara ordenou dividir o grupo en dous, enviando ós enfermos diante e quedándose co resto a enfrontar as tropas do goberno.

Logo de tres horas de combate Guevara resultou ferido levemente nunha perna e capturado con Simeón Cuba («Willy»), mentres que tres dos seus homes perderon a vida. Outro foi malferido e morreu ó día seguinte. Tamén ó día seguinte sería capturado un guerrilleiro máis. Outros catro guerrilleiros foron perseguidos e morreron no Combate de Cajones, catro días despois.

Os seis que seguían adiante, Harry Villegas («Pombo»), Dariel Alarcón («Benigno»), Leonardo Tamayo Núñez («Urbano»), Inti Peredo, David Adriazola Veizaga («Darío») e Julio Méndez Korne («Ñato») lograron fuxir. O exército perseguiunos abatendo a Ñato, pero os cinco restantes lograron finalmente saír de Bolivia cara a Chile.

Captura e execución

[editar | editar a fonte]

No combate de Quebrada del Churo, Guevara foi ferido de bala na súa perna esquerda, e tras un combate en seria desigualdade (17 guerrilleiros contra máis de 100 rangers especialmente adestrados por expertos do Exército estadounidense), o Che ten sete fusiles e unha pistola apuntándoo. Soldados, no me maten. Soy el Che, di. Así é apreixado o Che[59].

O 9 de outubro pola mañá o goberno de Bolivia anunciou que Ernesto Guevara morrera en combate o día anterior. Simultaneamente chegaron o coronel Joaquín Zenteno Anaya e o axente da CIA Félix Rodríguez.[60] Pouco despois do mediodía o presidente Barrientos deu a orde de asasinar o Che Guevara. Existen dúbidas e versións contraditorias sobre o grao de apoio que tivo a decisión por parte de Estados Unidos[61], pero o certo é que, tal como está rexistrado no propio informe secreto de Félix Rodríguez, a CIA estaba presente no lugar. Foi o axente Rodríguez quen recibiu a orde de fusilar a Guevara e quen a transmitiu ós oficiais bolivianos, así como foi el tamén quen lle comunicou ó Che Guevara que sería fusilado[62].

Antes do fusilamento Félix Rodríguez interrogouno e sacouno da aula para tomarlle varias fotografías, as últimas nas que aparece con vida. Ademais aproveitou para fotografar e microfilmar cada páxina dos seus Diarios.

Pouco antes Simeón Cuba e Juan Pablo Chang foran fusilados. Mario Terán é quen ten que executar a orde de fusilamento. Entra titubeando na aula e apunta varias veces cara ao Che, pero baixa a arma en dúas ocasión mentres insulta ó Che, quen responde: Dispara, cobarde, vas a matar a un hombre. Terán dispara primeiro un refacho do que só alcanza un disparo no costado. O segundo refacho consegue impactar tres disparos contra o corpo do Che, dos cales o tiro mortal é o que lle dá baixo o pescozo. Ernesto Guevara morre poucos segundos despois.[59]

Curiosamente serían médicos cubanos quen en 2007 devolverían a vista a Terán no marco dunha das campañas de solidariedade co goberno boliviano de Evo Morales, a nova deuse a coñecer polo xornal oficial Granma no aniversario da morte de Guevara[63].

A tarde do 9 de outubro o corpo do Che Guevara foi levado en helicóptero a Vallegrande e foi colocado no lavadoiro do hospital Nuestro Señor de Malta, onde permaneceu en exhibición pública durante ese día e todo o día seguinte, introducíndoselle gran cantidade de formaldehido. Para entón, o goberno da Paz dera a versión de que o Che morrera en combate o día anterior. Só un xornalista, que era médico, coa súa acreditación puido ver a chegada do corpo do Che ó hospital Señor de Malta. Nas súas declaracións:

Sospeché de inmediato de la versión oficial. Era imposible que hubiera muerto el día anterior porque entre las 4 y las 8 horas después de la muerte se produce el rigor mortis. Me acerqué y puse una mano encima del pecho. El cadáver estaba aún tibio. Y pude observar algo más: había un orificio de bala exactamente delante del área cardíaca, que presentaba pólvora a su alrededor; muestra incuestionable de haber sido rematado a quemarropa y muerto cuanto más 4 ó 5 horas antes
Reginaldo Ustariz Arze, xornalista de Prensa Libre[64].
Fotografía do corpo do Che, tomada pola CIA en Vallegrande.

Hai cantidade abonda de fotos deses momentos, nas que o Che aparece cos ollos abertos. As monxas do hospital e as mulleres da vila sinalaron o seu parecido con Xesús Cristo e curtaron guechos do seu pelo para preservalos[65]. Os soldados e funcionarios quedaron con cousas que levaba o Che ó morrer, coma o seu reloxo. Debido a que xa estaba decidido que se faría desaparecer o corpo do Che Guevara, como o do resto dos guerrilleiros, a noite do 10 de outubro seríanlle amputadas as dúas mans para o recoñecemento da súa identidade despois da morte.

Existen diversas versións sobre o destino final do cadáver. O xeneral Juan José Torres declarou que o corpo fora cremado, mentres que o xeneral Alfredo Ovando afirmou o contrario. Hai consenso entre os militares bolivianos presentes no lugar de que a orde de cremación foi real pero que non puido ser executada por careceren dos medios adecuados, e tamén para evitar unha eventual reacción negativa da poboación polo feito de que en Bolivia a cremación era ilegal[66]. Tamén existía certo consenso en que o cadáver do Che fora enterrado na madrugada do 11 de outubro polo tenente coronel Selich, nunha foxa diferente dos outros seis guerrilleiros.

O 28 de xuño de 1997 un equipo de científicos cubanos atopou en Vallegrande (a preto de 50 km de onde ocorreu a súa execución) sete corpos soterrados clandestinamente nunha única foxa común, e identificaron entre eles, con apoio do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense, o de Ernesto Guevara e os de catro homes máis. O cadáver, de acordo co informe do equipo, carecía de mans, rexistraba un alto contido de formaldehido, e levaba roupa e elementos compatibles cos que se supón que tiña no intre de ser soterrado. Con todo, algúns analistas afirman que o corpo non é o do Che, xa que existen contradicións entre o informe e a autopsia que se practicou ó cadáver en 1967[67].

O 12 de xullo de 1997 os corpos foron levados a Cuba, onde foron recibidos por unha multitude para seren sepultados en Santa Clara, no Memorial de Ernesto Guevara, despois dos funerais de heroes nacionais. Soterrárono o 17 de outubro dese ano con honras de Estado na presenza de membros da súa familia e do líder cubano e antigo compañeiro de revolución Fidel Castro.

Na foto: Aleida March, Camilo, Hilda, Che con Celia no colo e Aleida, 1963

Ernesto Guevara casou dúas veces e tivo seis fillos.

O seu primeiro matrimonio foi con Hilda Gadea o 18 de agosto de 1955, en México, a quen Guevara coñeceu en Guatemala. Xuntos tiveron unha filla:

  • Hilda Beatriz Guevara Gadea (1956-1995), nada o 15 de febreiro de 1956.

Ernesto Guevara divorciou de Hilda Gadea en 1959.

O seu segundo matrimonio foi con Aleida March o 9 de xuño de 1959, na Habana, a quen Guevara coñeceu en 1958 pouco antes da batalla de Santa Clara. Xuntos tiveron catro fillos:

  • Aleida Guevara March, nada o 17 de novembro de 1960
  • Camilo Guevara March, nado o 20 de maio de 1962, en honra a Camilo Cienfuegos
  • Celia Guevara March, nada o 14 de xuño de 1963
  • Ernesto Guevara March, nado o 24 de febreiro de 1965.

Ernesto Guevara, tivo tamén un fillo froito dunha relación extramatrimonial con Lidia Rosa López:

  • Omar Pérez, nado o 19 de marzo de 1964

Aínda que non foi recoñecido Ernesto Guevara elixiulle o nome[68].

Pensamento

[editar | editar a fonte]
Guevara é recibido por Heinrich Rau, político da Alemaña do Leste e veterano das Brigadas Internacionais, en 1960.

O Che Guevara desenvolveu unha serie de ideas e conceptos que se coñecen como guevarismo. Consideraba a loita armada e a revolución socialista como o medio de mellorar a condición de vida dos pobres, explotados polos Estados Unidos de América. O seu punto de vista revolucionario chega do estudo exhaustivo que fixo das obras de Karl Marx e Lenin[69]. A revolución en América Latina pasa para el pola creación de «focos» de guerrilla alá onde houber un país que dea as condicións obxectivas para unha revolución. Para Guevara existía unha estreita ligazón entre a guerrilla, os campesiños e a reforma agraria. Esta posición diferenciouno do socialismo europeo ou do soviético, máis relacionado coa importancia da clase obreira industrial, e achegouno a ideas maoístas[70]. O seu libro "Guerrilla Warfare" é un manual onde expón as tácticas e estratexias empregadas na guerrilla cubana.

Se ben admira despois das súas viaxes e lecturas o modelo soviético de Stalin, comeza a criticalas severamente á súa chegada ó goberno cubano, e desenvolve a súa propia teoría económica, para el máis moderna e máis adaptada ás necesidades do terceiro mundo[71].

Outorgaba un rol fundamental á ética individual, tanto do guerrilleiro durante a revolución, como do cidadán na sociedade socialista. Este aspecto desenvolveuno baixo o concepto do "home novo socialista", que vía como un individuo fortemente movido por unha ética persoal que o impulsa á solidariedade e o ben común sen necesidade de incentivos materiais para iso.

O panamericanismo e universalismo tamén foron trazos característicos do ideal de Guevara. Segundo el as fronteiras de América Latina son artificiais e representan un freo para loitar contra o imperialismo estadounidense. É así que para el a revolución é mundial, é a loita total contra o imperialismo. Nese contexto, a solidariedade mundial é o elemento máis importante para un mundo mellor[72].

O Che na sociedade

[editar | editar a fonte]
Deseño de Jim Fitzpatrick, baseado na fotografía Alberto Korda (esquerda). Estatua en Oleiros (dereita).
Artigo principal: O Che Guevara na sociedade.

Che é unha personalidade política que, após a súa morte, se ten convertido nunha das figuras máis difundidas da era contemporánea. As imaxes da súa figura aparecen en moitos soportes, tales como bandeiras, camisolas, carteis, autocolantes... sendo excepcionalmente reproducida a fotografía de Alberto Korda, en distintas versións. É así a comercialización dun símbolo do anticapitalismo, perdendo en moitas ocasións a súa connotación ideolóxica e política.

Ademais a súa influencia maniféstase na cultura, sendo realizadas cancións, filmes, poemas, libros etc. relativos á súa persoa constituíndo na actualidade unha icona popular moi espallada na sociedade, sobre todo pola súa condición de revolucionario e aventureiro. A súa influencia como símbolo de rebelión e revolución foi especialmente significativa no Maio do 68 francés[73], chegando Jean-Paul Sartre a dicir que o Che era o ser humano máis completo da nosa época.

A condición do Che como icona popular continuou, especialmente en Latinoamérica. Así, por exemplo, os escolares cubanos comezan cada día de clase coa promesa: "Seremos como el Che".

En Oleiros, provincia da Coruña, hai unha estatua na súa honra[74].

Escolma de obras

[editar | editar a fonte]
  • Diccionario Filosófico (1946-1957), publicado parcialmente.
  • Indice literario (1946-1957), inédito.
  • La angustia (1951), conto publicado por Página/12, 1992.
  • (en castelán) Machu Picchu: enigma de piedra en América, 1953.
  • Notas de viaje (Diarios de motocicleta).
  • Aquí va un soldado de América. Barcelona: Plaza y Janés Editores, S.A., 2000. ISBN 84-01-01327-5, misivas á súa familia recompiladas polo seu pai.
  • Recuerdos de la guerra revolucionaria cubana, 1963.
  • Apuntes críticos a la economía política, A Habana, 2006.
  • La duda, conto escrito no Congo.
  • La piedra, conto curto.
  • Obras Completas, 1997. Contén inéditos.
  • Otra vez, O diario da súa segunda viaxe a América Latina 1953-1956, publicado en 2000.
  • Diario de un combatiente, inédito[75].
  • Poema feito por Ernesto Guevara á súa dona Aleida. Por desexo dela non será publicado até a morte desta.
  • Diario del Che en Bolivia, 1968.
  • Cuadernos de Praga.
  • Obras Escogidas, unha selección de traballos de Guevara, incluíndo os seus discursos máis importantes.
  • Pasajes de la Guerra Revolucionaria: Congo, diario completo da guerrilla no Congo.
  • Pensamiento y acción, selección de escritos que inclúe El socialismo y el hombre nuevo.
  • Guerrilla Warfare, edición de 1961.
  1. O seu nome legal era "Ernesto Guevara". Así figura na Acta de nacemento, documento legal que establece o nome das persoas. Como datos adicionais tamén figura co nome de Ernesto Guevara na documentación universitaria (ver) e (ver), no seu título de médico (ver) e no seu certificado de estudos secundarios (ver) Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.. O nome "Ernesto Guevara de la Serna", empregado nalgunhas biografías, non é o seu nome legal. O equívoco adoita chegar do feito de que na meirande parte dos países latinoamericanos (mais non na Arxentina) o nome legal fórmase co apelido do pai e da nai.
  2. A data de nacemento que figura na súa Acta de Nacemento é 14 de xuño de 1928. Julia Constenla, historiadora e amiga persoal da nai de Ernesto Guevara, Celia de la Serna, revelou que precisamente que na época do nacemento del, a súa nai Celia, tivo que adiantar a data nun mes porque ela casara embarazada, e a verdadeira data de nacemento do seu fillo foi o 14 de maio, e que a partida de nacemento foi falsificada a un mes máis tarde para evitar o escándalo. Entrevista a Julia Constenla realizado por Luciana Peker, Páxina/12, 3 de marzo de 2005 O biógrafo Jon Lee Anderson acepta como correcta esta versión. Anderson, Jon Lee (1997), Che Guevara: una vida revolucionaria, Barcelona: Anagrama, páx. 17.
  3. La CIA apretó el gatillo, Amauri del Valle (en castelán).
  4. Árbore xenealóxica da familia De la Serna.
  5. Ernesto "Che" Guevera. Primeros años, William Gálvez, La Jiribilla.
  6. "Biografía del Che, Urumelb.". Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2004. Consultado o 27 de febreiro de 2004. 
  7. Avalos, Elisa y Gudiño, Mercedes (2006) Huellas del Che Guevara en Córdoba, Universidad de Córdoba.[Ligazón morta]
  8. "Cronoloxía de Ernesto Che Guevara (de 1928 a 1947), Valera en Red.". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 14 de outubro de 2007. 
  9. Anderson, Jon Lee (1997), Che Guevara. Una vida revolucionaria. Barcelona: Anagrama, pax. 17.
  10. Entrevista a Julia Constenla realizado por Luciana Peker, Páxina/12, 3 de marzo de 2005.
  11. Discurso sobre Reforma universitaria y revolución, pronunciado o 17 de outubro de 1959 (consultar). Arquivado 05 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine.
  12. Anderson, 57.
  13. Sala 3, Museo Ernesto Che Guevara Arquivado 16 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine. Entrevista al periodista Horacio López das Eiras: tras las huellas del Che Guevara, Páxina/12, 9 de decembro de 2006.
  14. López, Alfredo (1975), Historia del movimiento social y la clase obrera argentina, Buenos Aires: A. Peña Lillo, páx. 410.
  15. Anderson: 45-46.
  16. Anderson: 62.
  17. 17,0 17,1 "El rugby en Buenos Aires, Che Rugby, Centro de Estudios en Historia del Rugby.". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2001. Consultado o 03 de decembro de 2001. 
  18. Anderson,59-60.
  19. Anderson, 128-129; A carta pode ser consultada no sitio do Centro de Estudios Che Guevara. Arquivado 08 de novembro de 2006 en Wayback Machine.
  20. Anderson, 157.
  21. Juan José Arévalo alertaría sobre este mecanismo no seu libro AntiKomunismo en América Latina (1959). Buenos Aires: Ed. Palestra.
  22. Raúl Castro foi expulsado do Partido Socialista Popular (comunista) por participar no asalto ó Cuartel Moncada.
  23. Anderson, 186.
  24. Anderson, 195.
  25. Pérez-Stable,, Marifeli (primavera-2002). "La transición pacífica que no tuvo lugar (1954-1956)" (PDF). Encuentro 24: 283–305. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2007. Consultado o 03 de decembro de 2007. 
  26. (en castelán)''« Quizás esa fue la primera vez que tuve planteado prácticamente ante mí el dilema de mi dedicación a la medicina o a mi deber de soldado revolucionario. Tenía delante de mí una mochila llena de medicamentos y una caja de balas, las dos eran mucho peso para transportarlas juntas; tomé la caja de balas, dejando la mochila … » cita de «Verde Olivo», Habana, Cuba, 26 febreiro 1961. Guevara, Ernesto Che. Pasajes de la Guerra Revolucionaria, Habana, Cuba: 1963, Ediciones Unión.
  27. (en castelán) Pacho O'Donnell, "Che, la vida por un mundo mejor", random house mandatori, 2003, p.123.
  28. Guevara, Ernesto (1964). Una reunión decisiva, en Pasaja de la Guerra Revolucionaria, 1965. (ver artigo en liña). Arquivado 22 de outubro de 2007 en Wayback Machine.
  29. Taibo, Paco Ignacio: Guevara also known as Che, St. Martin Press, 1999; Fontova, Humberto, Fidel: Hollywood's Favorite Tyrant, Regnery Publishing, Inc., 2005, páx. 70.
  30. (en inglés) Love And Violence Arquivado 09 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.. BBC Open University.
  31. (en inglés) Anderson, Jon Lee. Che Guevara: A Revolutionary Life, New York: 1997, Grove Press, p. 372 and p. 425.
  32. (en inglés) Skidmore, Thomas E. (and Peter H. Smith), Modern Latin America, 4th paperback ed., 2000, p 273.
  33. (en inglés) Thomas, Hugh. Cuba or the Pursuit of Freedom. Cambridge, MA: Da Capo Press, April 1998 (Updated edition). ISBN 0-306-80827-7.
  34. Documental sobre Ernesto Guevara en Canal Historia.
  35. Caiman Productions (ed.). "Che: anatomía de un mito (audio primeiros segundos do documental) 45 minutos.". Consultado o 23 de agosto de 2013. 
  36. "Discurso en la ONU, 11 de diciembre de 1964 (texto íntegro)". Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  37. Anderson: 379-380.
  38. Anderson: 480.
  39. Anderson: 495.
  40. Anderson: 498.
  41. Eric Hobsbawm (1995) Historia del siglo XX, Barcelona, Crítica, ISBN 84-7423-712-2 páx. 234.
  42. "Castro's Warhawk, Time, December 21, 1962.". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2007. Consultado o 08 de decembro de 2007. 
  43. (en castelán) Ler. Arquivado 21 de xuño de 2006 en Wayback Machine.
  44. (en inglés) Bruce Cumings, Korea’s Place in the Sun: A Modern History (édition mise à jour), W.W. Norton & Company, 2005, p. 404.
  45. (en inglés) Ernesto Che Guevara, (editores Rolando E. Bonachea and Nelson P. Valdés), Che: Selected Works of Ernesto Guevara, Cambridge, MA: 1969, p. 350.
    ‡ Ernesto Che Guevara, « English Translation of Complete Text of Algiers Speech, Online at Sozialistische Klassiker. Arquivado 11 de maio de 2006 en Wayback Machine.
  46. (en inglés) Ernesto Che Guevara, «English Translation of Complete Text of his Message to the Tricontinental». (en castelán) Ver ademais o texto castelán orixinal no Wikisource.
  47. Fidel Castro le a carta escrita polo Che.
  48. (en inglés) Ernesto Che Guevara, «Che Guevara's Farewell Letter», 1965.
  49. Ahmed Ben Bella. « Che as I knew him », Le Monde diplomatique . Outras conversas de Guevara con Nasser en febreiro-marzo dan a mesma versión. (en inglés) Heikal, Mohamed Hassanein. The Cairo Documents, pp 347-357.
  50. "Cuba lanza nuevo diario del "Che" en el Congo, Reuters, 28 de abril de 1999.". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2007. Consultado o 08 de decembro de 2007. 
  51. Entre eles destacar: O príncipe, de Maquiavelo; A revolución permanente, de Trotski; O desenvolvemento do capitalismo en Rusia, de Lenin; Sobre a práctica, de Mao Zedong; Revolución na revolución, de Regis Debray; Eloxio da tolemia, de Erasmo; Romancero gitano, de Federico García Lorca; La lámpara maravillosa, de Valle-Inclán; Cantos de vida y esperanza, de Rubén Darío; Humillados e ofendidos, de Dostoievski. Fonte: Diario Público, páxina 15, luns 8 de outubro de 2007.
  52. Ernesto Che Guevara, Mensaje a los Pueblos del Mundo, leído ante a Tricontinental na Habana, o 16 de abril de 1967. Arquivado 09 de outubro de 2007 en Wayback Machine. Obras Escogidas, páx. 552.
  53. Anderson, 669.
  54. (en castelán) Pacho O'Donnell, Che, la vida por un mundo mejor, Random House Mandatori, 2003, páx 346.
  55. (en castelán) Pacho O'Donnell, Che, la vida por un mundo mejor, Random House Mandatori, 2003, páx. 346.
  56. (en inglés) Rodriguez, Felix I. and John Weisman. Shadow Warrior/the CIA Hero of a Hundred Unknown Battles (Hardcover), New York: 1989, Publisher: Simon & Schuster.
  57. (en inglés) NewsMax, "Félix Rodríguez:Kerry No Foe of Castro". En liña. Arquivado 18 de abril de 2007 en Wayback Machine.
  58. "A 39 años de la emboscada de Vado del Yeso: el antihéroe de la retaguardia del Che, por Vania Solares Maymura. Econoticias Bolivia, 2006". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2008. Consultado o 14 de decembro de 2008. 
  59. 59,0 59,1 Diario Público, reportaxe: Las últimas horas del Che. 7 de outubro de 2007, reportaxe en liña. Arquivado 10 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.
  60. CHE, ÚLTIMA FOTO, El Mundo
  61. No libro "Che Guevara. Top Secret", Vicenzo Vasile e Mario Cereghino sosteñen en base a documentos da CIA desclasificados durante a presidencia de Bill Clinton, que a CIA quería evitar que a aventura de Ernesto 'Che' Guevara en Bolivia terminase coa súa morte. (ver) Arquivado 26 de febreiro de 2008 en Archive.is. En sentido contrario os investigadores Froilán González e Adys M. Cupull Reyes investigaron en fontes da CIA e conclúen que a mesma presionou para que se fusilase a Ernesto Guevara (ver). Arquivado 25 de marzo de 2007 en Wayback Machine.
  62. Declaración de XXXX sobre a súa misión en Bolivia en 1967 e seu rol na captura de Ernesto Che Guevara de la Serna (en inglés), 3 de xuño de 1975, CIA, Documento desclasificado en 1993, George Washington University.
  63. Cuba devólvelle a vista ao home que asasinou ao Che Guevara.
  64. O xornalista investigou 38 anos para o seu libro El combate del Churo y el asesinato del Che, motivo polo cal tivo que exiliarse no Brasil.
  65. Anderson, 692.
  66. Operación Che. Historia de una mentira de estado, Maite Rico y Bertrand de la Grange, Letras Libres, febreiro 2007.
  67. O antigo axente de CIA Gustavo Villoldo, declarou no diario New Herald, que el se atopaba presente no intre do enterro de Guevara, e que foi botado a unha foxa común con outros dous guerrilleiros, polo que considera que os restos atopados non lle pertencen. Tamén mencionou que ten as coordenadas exactas onde se atopa enterrado, aínda que non as proporcionou (ver artigo).[Ligazón morta]
  68. Castañeda, Jorge (1997). Companero: vida y muerte del Che Guevara.
  69. (en castelán) Anderson, Jon Lee (1997), Che Guevara. Una vida revolucionaria. Barcelona: Anagrama, páx. 62.
  70. (en inglés) Guerrilla Warfare, Souvenir Press Ltd, paperback, ISBN 0-285-63680-4.
  71. Anderson, páx. 565 e páx. 696.
  72. (en inglés) Ernesto Che Guevara, (editors Rolando E. Bonachea and Nelson P. Valdés), Che: Selected Works of Ernesto Guevara, Cambridge, MA: 1969, p. 350.
  73. (en inglés) "The Cult of Che". Time Magazine. Friday, May 17, 1968.Online Arquivado 22 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine..
  74. La Voz de Galicia. Eduardo Eiroa
  75. (en inglés) Anderson, p.724.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Guevara, Ernesto. Viaje en motocicleta. Edicións Mille et Une Nuit, 2001. A viaxe iniciática a través da Amarica Latina do mozo estudante arxentino ó gran corazón antes de que se converta en revolucionario.
  • Guevara, Ernesto. Diario de Bolivia. Edicións La Découverte, 1995. Última viaxe do guerrilleiro antes da súa morte. Abandonado por Castro e os comunistas bolivianos, o Che lánzase na súa última aventura.
  • Jean Cormier, coa colaboración de Hilda Guevara e Alberto Granado. Che Guevara. Edicións de Rocher, 1995-2002. A biografía oficial francesa do Che, co-escrita coa súa filla maior, límite haxiográfico. O Che é un heroe, non un verdugo. Unha suma de informacións.
  • Alarcón Ramírez, Dariel "Benigno" (1997). Memorias de un soldado cubano. Vida y muerte de la Revolución. Barcelona: Tusquets Editores. ISBN 84-8310-894-1. 
  • Anderson, Jon Lee (1997). Che Guevara. Una vida revolucionaria. Barcelona: Anagrama. ISBN 84-339-2572-0. 
  • Avalos, Elisa; Guidiño, Mercedes (2006). Huellas del "Che" en Córdoba. Universidad de Córdoba. (publicado en liña aquí). 
  • Borrego, Orlando (2001). Che: el camino del fuego. A Habana: Díaz Ediciones Imagen Contemporánea. ISBN 959-7078-30-9. 
  • Castañeda, Jorge G. (1997). Compañero: vida y muerte del Che Guevara. Buenos Aires: Espasa. ISBN 950-852-125-2. 
  • Constenla, Julia (2006). Che Guevara. La vida en juego. Buenos Aires: Edhesa. ISBN 950-9009-68-7. 
  • Ferrer, Carlos "Calica" (2006). De Ernesto al Che. El segundo y último viaje de Guevara por Latinoamérica. Buenos Aires: Marea. ISBN 987-22181-4-5. 
  • Gadea, Hilda. Che Guevara: los años decisivos. México: Aguilar Editor, 1972. 
  • Guevara Lynch, Ernesto (1988). Mi hijo el "Che". A Habana: Ed. Arte y Literatura. 
  • Granado Jiménez, Alberto (1995). Con el Che Guevara. De Córdoba a la Habana. Córdoba: Oop. Oloop. 
  • Kalfon, Pierre (1997). Che. Ernesto Guevara, una leyenda de nuestro siglo. Barcelona: Plaza y Janes. 84-01-01088-8. 
  • Mayo, José Manuel (2007). En la guerrilla junto al Che (Testimonio de Urbano). A Habana: Gente Nueva. (ver). 
  • Taibo II, Paco Ignacio (1996). Ernesto Guevara, también conocido como el Che. México: Planeta/Joaquín Mortiz. 8408041916. 
  • Villegas Tamayo, Harry (1996). Pombo, un hombre de la guerrilla del Che. A Habana: Editora Política. ISBN 950-581-667-7. 
  • Díaz Villanueva, Fernando (2004). Ernesto "Che" Guevara. Dastin. ISBN 84-96249-66-2. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]