Saltar ao contido

Johán Carballeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «José Gómez de la Cueva»)
Modelo:BiografíaJohán Carballeira

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(es) Johan Carballeira Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) José Francisco Gómez de la Cueva Editar o valor en Wikidata
13 de febreiro de 1902 Editar o valor en Wikidata
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Morte17 de abril de 1937 Editar o valor en Wikidata (35 anos)
Pontevedra, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Alcalde de Bueu
1936 – 1936
← Ramón Domínguez FerradásCamilo Davila Davila → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Actividade
Ocupaciónescritor, xornalista, político, autor Editar o valor en Wikidata
EmpregadorFaro de Vigo
Gaceta de Galicia
El Pueblo Gallego Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Galeguista Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioJohán‏ Carballeira Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1281954 BUSC: gomez-de-la-cueva-jose-1902-1937 Nomes e Voces: 17692

José Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo seu pseudónimo Johán Carballeira, nado en Vigo o 13 de febreiro de 1902 e finado en Pontevedra[1][2][3] o 17 de abril de 1937,[4][5] foi un xornalista e político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Johán Carballeira.

Era fillo de José Juan Gómez del Campo, natural da Pobra do Caramiñal, e de Rolendis de la Cueva García, veciña de Bueu. O matrimonio, xunto cos seis fillos, trasladouse a Bueu contra 1915. Johán estudou o bacharelato no colexio Marista de Vigo e no Samaniego de Santiago de Compostela. Posteriormente, estudou tres anos de administrador de libros en Madrid.

Xornalista

[editar | editar a fonte]

A dimensión pública de José Gómez de la Cueva iniciouse en 1923. Nas páxinas literarias de Faro de Vigo apareceron os seus primeiros poemas e narracións en español de estilo modernista, que delatan aínda a súa falta de madurez. En 1926 e 1927, a súa sinatura aparece en dúas importantes revistas da época: Vida Gallega e Céltiga, o voceiro da colectividade galega en América.

A partir de 1927, xa co pseudónimo de "Johán Carballeira", comezou a colaborar con El Pueblo Gallego como correspondente do xornal en Bueu. Este mesmo ano iniciou amizade con poetas e intelectuais mozos da Xeración de Vangarda que tamén colaboraban no xornal, como Rafael Dieste (o redactor xefe do xornal), Augusto Casas, Correa Calderón, Cándido Fernández Mazas, Santiso Girón ou Bal y Gay. En 1929, cando as colaboracións se fixeran máis numerosas en seccións fixas, entrou a formar parte da redacción. Iniciou así unha carreira que o converteu en pouco tempo no xornalista mozo máis importante da época.

En 1929 aparece entre os fundadores dunha nova revista viguesa, Gaceta de Galicia. Porén, o seu labor fundamental seguía a estar en El Pueblo Gallego, onde se ocupaba das entrevistas. Tratábase este dun xénero xornalístico daquela novo en Galicia, do que o escritor foi pioneiro. Algunhas entrevistas destacadas foron as de Ramón Otero Pedrayo, Margarita Xirgu ou Colmeiro. Foron famosas tamén as súas reportaxes, outro xénero daquela inusitado no país. O seu nome, amais, apareceu en numerosos artigos de crítica literaria.

A súa sona chegou a toda España, e a partir de 1933 colaborou nos xornais madrileños Luz e Ahora, e na revista Estampa. En 1935 era coñecido como o xornalista galego en activo máis importante da época.

"Marina"
A praia, unha amante
escrava do mar:
bérralle, zurrégalle,
e vaina a bicar.


Asina José G. de la Cueva,
versos gravados no parque Banda do Río de Bueu, publicados na páx. 3 do Faro de Vigo do 10/02/24.

Carballeira formou parte da xeración das vangardas. Malia o prestixio do seu nome e da súa obra na primeira metade dos 30, na actualidade é un persoeiro pouco coñecido desta xeración. As causas son moitas: a súa adhesión á República e ó galeguismo, a oposición ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, o seu xuízo e fusilamento, e a dispersión da súa obra literaria, que nunca chegou a recollerse en libro e o carácter efémero do núcleo máis numeroso do seu labor, o traballo periodístico.

En 1926 comezaron a aparecer os seus poemas nos xornais. En 1928 consta que está traballando nun poemario, Cartafol, aínda que nunca chegou a publicarse.

No ano 2000, publicouse Páxinas Galegas, unha compilación da obra xornalística e literaria en galego de Carballeira, con edición e estudo introdutorio de Xosé M. Millán Otero.

Coa proclamación da II República Española en 1931, Carballeira e a súa xeración verán cumpridos parte dos seus ideais. Malia adherirse ao Partido Galeguista xa desde a súa fundación en decembro de 1931, non ocupou cargos de responsabilidade ata 1934, ano en que foi elixido Secretario da Agrupación Local do partido en Bueu.

En abril de 1935 entrou na dirección do Partido Galeguista. O seu nome figuraba entre os máis votados na elección interna de candidaturas para as listas da Fronte Popular ás eleccións a Cortes en febreiro de 1936. Porén, finalmente non formou parte da candidatura.

Tiña gran predicamento nos medios galeguistas e republicanos. Proba disto era a súa amizade con Castelao, Alexandre Bóveda e outros integrantes do grupo galeguista de Pontevedra. Tamén o era a súa colaboración na revista compostelá Ser, xunto con intelectuais republicanos de esquerda como Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte ou Eduardo Blanco Amor. Con todo, a súa intervención pública e directa na política non se produciu ata marzo de 1936, cando foi nomeado alcalde de Bueu tras a vitoria da Fronte Popular e a disolución dos concellos.

A súa presenza na alcaldía foi breve. Porén, grazas á súa mediación entre mariñeiros, conserveiros e concellos do litoral, conseguiu establecer un prezo mínimo para a sardiña, un grave problema ao que se enfrontaba a xente do mar por aquel momento. Por este logro, mariñeiros e armadores rendéronlle unha homenaxe en Bueu, xusto o día anterior á sublevación militar.

Non se sabe a data exacta da súa detención, mais probabelmente foi en agosto de 1936. O xuízo non se celebrou até o 29 de decembro dese ano. Compareceu en consello de guerra ante o tribunal militar de Pontevedra, xunto con dezaoito veciños máis de Bueu.[6] O día seguinte foron todos condenados a morte agás un.[7] A condena foille conmutada máis tarde a algúns deles pola cadea perpetua.

A sentenza de Carballeira tardou aínda en ser executada. Pasou os meses seguintes no lazareto da Illa de San Simón, con outros destacados intelectuais republicanos. O 17 de abril de 1937, nas primeiras horas da mañá, Carballeira foi fusilado na avenida de Buenos Aires de Pontevedra xunto a outros 10 condenados.[8][1][2][3] O seu corpo foi enterrado nunha foxa común do cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Desde o ano 1996 o concello de Bueu instaurou o Premio de poesía Johán Carballeira para recuperar do esquecemento a súa figura como político e escritor e desde o ano 2003 o Premio de xornalismo Johán Carballeira para traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico.

  1. 1,0 1,1 "Ejecución de sentencias". El Progreso. 18/04/1937. Consultado o 09/06/2023. 
  2. 2,0 2,1 "Ejecución de sentencias". El Pueblo Gallego. 18 de abril de 1937. Consultado o 09/06/2023. 
  3. 3,0 3,1 "Pontevedra 17". El Ideal Gallego. 18/04/1937. 
  4. Villar González, Arximiro B. A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo (Tese). Universidade de Santiago de Compostela. p. 1238. 
  5. "Emotivo acto en Bueu en recordo a Johán Carballeira, no 79 aniversario do seu fusilamento". pontevedraviva.com. 25 de agosto de 2015. Consultado o 18 de abril de 2016. 
  6. El Pueblo Gallego, 29-12-1936, p. 6.
  7. El Pueblo Gallego, 30-12-1936, p. 7.
  8. El Diario de Pontevedra, 17-4-1937, p. 2.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Ramón Domínguez Ferradás
 
Alcalde de Bueu
 
1936
Sucesor:
Camilo Davila Davila