Moeda fatimí
A moeda fatimí é a emitida baixo ou poder do califato fatimí, un imperio xiíta ismailita que gobernou amplas zonas do norte de África, Arabia occidental e o Levante mediterráneo, primeiro desde Tunisia (Ifriqiya) e despois desde Exipto.
A moeda fatimí cuñouse seguindo o padrón típico das emisións islámicas. Os fatimís eran especialmente coñecidos pola alta calidade dos seus dinares de ouro, que demostraron ser unha potente ferramenta política na conquista de Exipto e foron moi imitados polos estados cruzados no século XII. Por outra banda, as moedas de prata fatimís (dirhams), aínda que moi cuñadas, foron perdendo calidade conforme se ía debilitando do Estado fatimí, e foron obxecto dun escaso interese nos estudos numismáticos recentes. Os fatimís apenas cuñaron moedas de cobre.
Partindo de deseños que imitaban a moeda abbásida, adaptados simplemente con lemas acordes co novo réxime e os nomes dos califas fatimís, a partir do reinado do califa al-Mu'izz, a moeda fatimí incluíu tamén fórmulas abertamente xiítas e acadou un aspecto distintivo, caracterizado por unhas bandas concéntricas inscritas, que se mantivo ata o final da dinastía.
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]A dinastía fatimí afirmaba descender de Fátima, filla de Mahoma e esposa de Alí, a través de Ismail, fillo do derradeiro imán xiíta comunmente aceptado, Ja'far al-Sadiq,[2] afirmación cuestionada adoito mesmo polos seus contemporáneos, sinaladamente os sunnís. O secretismo da familia antes do ano 890 e as diferentes xenealoxías publicadas posteriormente pola propia dinastía dificultan aínda máis aos investigadores modernos a determinación da orixe exacta da dinastía.[3] Sexa cal sexa a súa verdadeira orixe, os fatimís eran os líderes da seita ismailí do xiísmo e encabezaban un movemento que, en palabras do historiador Marius Canard, «era á vez político e relixioso, filosófico e social, e cuxos seguidores esperaban a aparición dun Mahdi descendente do Profeta a través de Alí e Fátima».[2] Xa que logo, de xeito diferente aos seus rivais contemporáneos, os califas abbásidas e omeias, os califas fatimís non eran só gobernantes seculares que actuaban sobre unha poboación diversa de súbditos musulmáns, cristiáns ou xudeus, senón sobre todo imáns ismailís: para os fieis ismailís, eran as autoridades últimas, infalibles e divinamente guiadas en cuestións de fe.[4]
Os dereitos a ser aludido na moeda e a ser nomeado no sermón da oración do venres eran os dous atributos e as prerrogativas máis comúns da soberanía no mundo islámico medieval,[5] e a supresión dos nomes dos gobernantes ou a adición doutros novos era o principal signo indicativo dos cambios na lealdade política ou relixiosa dunha provincia ou dun potentado local.[6] Así, xa durante a frustrada revolta fatimí liderada por Sahib al-Shama en Siria en 903, cuñáranse moedas na ceca de Homs en nome do Mahdi, aínda sen nome, e no sermón do venres suprimiuse o nome do califa abbásida al-Muktafi en favor do «Sucesor, o Herdeiro ben guiado, o Señor da Era, o Príncipe dos Crentes, o Mahdi».[7][8]
Historia da moeda fatimí
[editar | editar a fonte]
Os fatimís seguiron o padrón islámico habitual de dinares de ouro e dirhams de prata, xunto coas súas fraccións e os seus múltiplos.[9] Consérvanse moedas de cobre ou bronce, pero é probable que non se emitisen como feluses estándar, senón como fraccións do dirham.[10]
Das moedas que sobreviviron ata a actualidade, as máis frecuentes son os dinares completos e os medios dirhams, aínda que hai variacións rexionais.[9] Por exemplo, en Sicilia, o cuarto de dinar —introducido polos aglabís e que seguiu a ser a moeda de ouro estándar da illa mesmo despois do período fatimí, en forma de tari—[11] é, con diferenza, a emisión máis común, en tanto que o medio dirham é case inexistente.[12] Dada a falta de cuñaxe de moedas de cobre e a falta de atención ás emisións de prata por parte dos coleccionistas modernos, os estudos recentes sobre a moeda fatimí céntranse principalmente nos dinares de ouro.[13][14]
As primeiras emisións
[editar | editar a fonte]As primeiras moedas fatimís cuñáronse pouco despois da conquista do emirato aglabí de Ifriqiya polo exército do misioneiro ismailí Abu Abdallah al-Shi'i, que se converteu en rexente en nome do imán fatimí ausente.[15][15][16] Ese imán, Abdallah al-Mahdi, seguía agochado en Sijilmasa,[17] e o seu nome era descoñecido mesmo para Abu Abdallah, que nunca o vira.[18] Por tanto, as novas moedas levaban frases xenéricas que anunciaban unha nova era, sen nomear a ningún gobernante; as inscricións rezaban: «A Proba de Deus [é dicir, o Mahdi] chegou» nunha face e “Os inimigos de Deus dispersáronse” na outra.[19][20][21] Os ifriqís coñecían estas moedas carentes de nome como Sayyidiyy",[19] do apelativo honorífico sayyid, “señor”, aplicado a Abu Abdallah.[22] Outro lema que aparecía daquela nas moedas, «Loado sexa Deus, Señor do Universo», converteuse no «lema e a sinatura de todos os califas fatimís».[20]

Cando Abdallah al-Mahdi asumiu o trono en 910, puxo o seu nome e reclamou títulos nas moedas: al-Imam al-Mahdi bi'llah Abdallah Amir al-Mu'minin ("O imán rectamente guiado por Deus Abdallah, Príncipe dos Fieis").[23] Polo demais, as súas moedas eran idénticas ás abbásidas coetáneas, incluídos os remates en forma de doas nas letras. Tratábase dunha elección natural, xa que a ceca e os seus artesáns foran herdados dos aglabís, que seguiron o modelo abbásida, e os cambios repentinos na cuñaxe de moedas adoitan ser vistos con desconfianza pola poboación.[14] Durante os primeiros anos do novo réxime, as moedas aglabís probablemente seguisen circulando xunto ás novas fatimís, ata que as primeiras foron fundidas e cuñadas de novo como moedas fatimís.[9]
O segundo califa, al-Qaim (r. 934-946), cambiou por primeira vez os deseños, arredándoos do modelo abbásida: a caligrafía fíxose máis refinada e a grafila circular duplicouse.[14]
As moedas do terceiro califa, al-Mansur, dos dous primeiros anos do seu reinado (334 e 335 da Héxira, correspondentes a 946/7 e 947/8 d. C.) seguían a levar o nome de al-Qaim,[24] que morrera o 17 de maio de 946, xa que al-Mansur estaba ocupado na represión da revolta de Abu Yazid e mantivo en segredo a morte do seu pai. [25] Os rebeldes tamén cuñaron dinares de ouro propios en Kairouan, que incluían fórmulas sunnís e kharixitas en desafío directo ás pretensións fatimís.[26][27] Só logo da derrota e a morte do líder rebelde en agosto de 947, al-Mansur proclamouse publicamente califa:[28] a primeira emisión co seu nome data de maio ou xuño de 948.[14][24] Al-Mansur tamén introduciu os primeiros cambios importantes no deseño das moedas, engadindo unha inscrición exterior concéntrica arredor dun campo central con inscrición horizontal, e eliminando as lendas da banda interior.[14][29]
Cambios baixo al-Mu'izz
[editar | editar a fonte]
O fillo de al-Mansur, al-Mu'izz (r. 953-975), modificou aínda máis o deseño das moedas: eliminou o campo horizontal e introduciu tres círculos concéntricos arredor dun punto central. [14][29] A historiadora Irene Bierman interpreta este deseño como un motivo ismailí que simbolizaba a centralidade do imán-califa fatimí, baseándose no frecuente uso dos círculos como metáfora na doutrina ismailí e na cidade circular de Al-Mansuriya que al-Mansur erixira, en cuxo centro se achaba o palacio califal.[30] Outros autores, como Jonathan Bloom, advirten pola contra que «ningunha fonte proporciona a menor pista sobre o significado que debían ter estes cambios».[31] Malia ter variado o seu número, e aínda que ás veces se suprimiu o punto en favor dun campo central de inscrición horizontal, os tres círculos concéntricos no anverso e no reverso seguiron a ser o padrón dos dinares fatimís posteriores ata a fin da dinastía.[14][32]
De xeito diferente aos seus predecesores, al-Mu'izz introduciu fórmulas explicitamente xiítas que proclamaban a doutrina ismailí: o anverso incluía loanzas a Ali como «herdeiro (wasi) do Profeta e o máis excelente lugartenente e esposo da Pura Radiante (é dicir, Fátima)», en tanto que no reverso se declaraban as pretensións de al-Mu'izz e os seus antepasados ao imanato como «Revivificador da Sunna de Mahoma, señor dos enviados [por Deus] e herdeiro da gloria dos Imáns Reitores».[33][34] A fórmula deliberadamente polémica sobre Alí abandonouse en 343H (954/5 d. C.), por razóns que están tan pouco claras como o motivo de que se introducise en primeiro lugar —posiblemente a fórmula tan incendiaria causase problemas coa maioría sunní dos súbditos fatimís—,[33] e substituíuse pola máis moderada «Alí é o máis excelente dos herdeiros e é o lugartenente (wazir) do mellor dos enviados [por Deus]».[29]
Desenvolvemento posterior
[editar | editar a fonte]
Baixo al-Aziz (r. 975-996), engadiuse a fórmula «O servo de Deus e o seu compañeiro [por exemplo, Alí]» antes do nome do califa reinante.[33] De xeito diferente á práctica abbásida, na que as moedas incluían adoito os nomes dos herdeiros ou visires designados, ou outros potentados,[35] as moedas fatimís nunca o fixeron, coa excepción de al-Hakim (r. 996-1021), que engadiu ás moedas o nome do seu sucesor designado (wali ahd al-muslimin) como califa, Abd al-Rahim ibn Ilyas.[33] Al-Hakim tamén se arredou do deseño do dinar de Mu'izz ao substituír o punto central por unha lenda co nome de Alá.[36]
En 1130, Abd al-Majid puxo nas moedas o título de wali ahd al-muslimin durante a súa rexencia tras o asasinato do seu curmán, al-Amir (r. 1101-1130), antes de asumir el mesmo o califato como al-Hafiz en 1132.[33][37] Así e todo, antes diso, a súa rexencia viuse interrompida polo breve réxime de Kutayfat, quen aboliu por completo a dinastía fatimí e, no canto dela, puxo nas súas moedas un misterioso «Abu l-Qasim, o Esperado por orde de Deus [al-Muntazar li-Amr Allah], Príncipe dos Fieis» ou «o Imán rectamente guiado, que executa a vontade de Deus, Proba de Deus». Este «Imán esperado» non tiña nome e podería ter sido o infante al-Tayyib ou un fillo póstumo de al-Amir, pero crese que foi o derradeiro imán xiíta duodecimano, Muhammad al-Mahdi. Isto dista moito de ser certo, xa que a ambigüidade conviña aos propósitos de Kutayfat: en ausencia do nebuloso imán, tiña liberdade para gobernar como un vicerrei divinamente autorizado.[33][38][39]
Moeda de ouro: o dinar
[editar | editar a fonte]A estabilidade da moeda de ouro era importante, por razóns tanto comerciais como simbólicas, xa que era un selo distintivo dun goberno estable e dun Estado próspero, así como un vehículo para a propaganda política e relixiosa fatimí.[40][41][41] A distribución de moedas de ouro e prata acabadas de cuñar entre os funcionarios era unha parte central das cerimonias de Aninovo na corte fatimí,[42] e os dinares de ouro eran especialmente unha declaración de prestixio e lexitimidade para unha dinastía. Cando os omeias de al-Andalus declararon o califato de Córdoba en 929 en oposición directa ás pretensións fatimís, o primeiro acto simbólico para subliñar as súas novas reivindicacións foi a cuñaxe de dinares de ouro.[23][43]
Consonte o historiador Michael Brett, os dinares de alta calidade e abertamente xiítas emitidos por al-Mu'izz eran «unha proba da súa misión [...] o seu propósito ideolóxico creou unha demanda que provocou unha oferta».[44] No seu afán por cuñar moedas de ouro puro, os fatimís beneficiáronse do papel de Ifriqiya como saída das redes comerciais transaharianas, non só en termos de ingresos fiscais, senón sobre todo como terminal do comercio de ouro procedente de África occidental e subsahariana, que abastecía a ceca fatimí de grandes cantidades de metal de alta calidade.[45][46] Segundo unha estimación, cada ano importábanse unhas dúas toneladas de ouro do sur do Sáhara ao Magreb, a metade das cales ían parar ás cecas fatimís.[47] En Exipto, os fatimís tiñan acceso ás minas de ouro do Alto Exipto, así como ao botín das tumbas dos faraóns.[48]
Durante a conquista fatimí de Exipto en 969, unha das principais promesas do xeneral fatimí Jawhar aos habitantes de Fustat foi a restauración da calidade da moeda,[49] e mesmo antes da conquista sábese que circularon polo país dinares fatimís coa marca de ceca Misr (Exipto), probablemente como medio de propaganda ou guerra psicolóxica.[50] En cumprimento da súa promesa, Jawhar trouxera consigo o equipamento para unha nova ceca e comezou a cuñar moedas de altísima calidade;[32] estas moedas coñecíanse popularmente como dinares «vermellos» (al-hamra) por mor da súa gran pureza, en contraste cos dinares «brancos» (al-abyad) aliados que circulaban daquela.[51] Ao principio, a medida foi contraproducente, xa que os exipcios acapararon estas moedas e seguiron utilizando a moeda abbásida, que estaba degradada.[52] Os intentos de Jawhar de regular o tipo de cambio entre os novos dinares fatimís e a antiga moeda abbásida degradada provocaron un resentimento xeneralizado cando fixou o dinar abbásida nun tipo de cambio artificialmente baixo para o sacar da circulación. A cuestión ficou sen resolver ata que al-Mu'izz chegou a Exipto en 973 con grandes cantidades de ouro en bruto —cen cargas de camelo de pezas de ouro en forma de pedras de muíño—[48] e só daquela se impuxeron os dinares fatimís no mercado exipcio.[53] Os dinares muizzís gozaron de tan boa reputación que, baixo al-Mustansir (r. 1036-1094), que tiña o mesmo nome que al-Muizz, se cuñaron moedas practicamente idénticas entre 1048/9 e 1080/1, moi probablemente co fin de tomar prestado o prestixio das moedas anteriores.[54]
Malia as graves crises de finais dos séculos XI e XII, dise que a lei da moeda de ouro fatimí se mantivo excepcionalmente alta durante a maior parte da súa historia.[48] Algúns estudos modernos corroboran este alto grao de lei,[55][56] mais outros cuestiónano.[56] No Levante, o dinar completo adoitaba pesar menos que o seu homólogo exipcio.[9]
O califa al-Amir puxo en marcha unha investigación sobre o funcionamento das súas cecas, o que deu como resultado o posterior aumento do estándar dos dinares fatimís,[57] que adoito alcanzaban o 100 % de pureza.[58][59] A propia calidade dos dinares fatimís converteunos nun branco doado para a imitación por parte dos estados cruzados instalados no Levante a finais do século XII. Estes «besantes sarracenos» eran na súa maioría imitacións das moedas de al-Mustansir e al-Amir. En palabras da historiadora Paula Sanders, «estes dinares de mala calidade inundaron o Mediterráneo, provocando unha perda de confianza na moeda fatimí».[60][58] Só durante as derradeiras décadas do réxime fatimí, ao se esgotar as fontes de ouro no propio Exipto, os fatimís cuñaron moedas de ouro degradadas.[48]
Moeda de prata: o dirham
[editar | editar a fonte]
O dirham era a principal moeda de prata, que se avaliaba en relación co dinar de ouro e cuxas medidas intrínsecas non adoitan mencionarse nas fontes históricas.[61] As moedas de prata z'aida e qat'a tamén aparecen nas fontes históricas, pero non se aclara a súa aparición nin a súa natureza exacta.[62] Cuñáronse tanto moedas de prata degradada ou aliada (waraq) como de prata pura (nuqra).[14] Unhas poucas emisións locais en Palestina son de billón, aínda que se clasifican como dirhams.[9] Así mesmo, as poucas pezas de cobre ou bronce coñecidas probablemente representasen faccións de dirhams, no canto de concibirse como as emisións islámicas habituais en cobre: os feluses. Esta teoría está apoiada por restos de baño de prata nalgúns dos espécimes coñecidos.[10]
Aínda que o número de exemplares conservados é pequeno e pode non ser representativo, parece que os dirhams e os medios dirhams fatimís eran un 10 % máis lixeiros que a norma teórica no mundo islámico, en tanto que os cuartos de dirhams correspondían ao peso teórico.[63] Os historiadores medievais dan un valor inicial de 19,5 dirhams ao dinar de Mu'izzi cuñado en 973.[64] Na década de 1000, baixo al-Hakim, entraron en circulación dirhams degradados de dous terzos de prata e un terzo de cobre, de xeito que en 1006 ou 1007 vinte e seis dihrams correspondían a un dinar, e axiña o seu valor baixou aínda máis, un dinar a 34 dirhams. A crise monetaria só se rectificou cando en 1008/9 se puxeron en circulación dirhams de pleno valor que substituíron os antigos a razón dun por catro, restablecéndose o tipo de cambio a 18 dirhams por un dinar.[65] O valor do dirham mantívose estable a partir de entón e subiu a 16 por dinar en 1044/5, a pesar de que o contido de prata se reducira ao 50 % baixo al-Zahir (r. 1021-1036) e al-Mustansir, mais cinco anos despois entrou en circulación un novo dirham aínda máis desvalorizado, con só un terzo de contido de prata, que afundiu a súa valoración a 35 por dinar.[65]
Na época do derradeiro califa fatimí, al-Adid (r. 1160-1171), o contido en prata do dirham era de entre o 25 % e o 30 %, testemuño da escaseza de prata que caracterizaba o Estado naquela época.[66] Estes dirhams eran cativos, de xeito irregular e de cor case negra, un tipo de moeda que continuou o posterior sultanato iúbida ata 1187/8.[10][66]
As cecas e a súa administración
[editar | editar a fonte]As moedas fatimís cuñáronse nas capitais fatimís —Kairouan, Mahdia e o seu suburbio Zawila, Al-Mansuriya (tamén chamada Sabra) e, por último, O Cairo—, pero tamén en varias cecas provinciais ou de estados vasalos:[67]
- No Magreb: Ceuta, Fez, Muhammadiya, Sijilmasa, Trípoli en Libia e Barqa (ou Antablus).
- En Sicilia: Agrigento, Palermo (capital de provincia e ceca principal), Messina, Siracusa e Taormina (chamada al-Mu'izziya).
- En Exipto: Alexandría e Qus.
- No Levante: Acre, Ascalón, Ayla, Alepo, Damasco, Tiro, Tiberíades, Trípoli, Ramla (capital de provincia e ceca principal de Paistina), al-Rahba e Raqqa.
- No Hejaz: A Meca e Medina.
- No Iemen: Adén, Aththar, Ibb, Jaththah, al-Jannah (non localizada), al-Nuqr (non localizada), Sa'dah, Saná e Zabid.
- En Iraq: Bagdad e Kufa.
As cecas provinciais podían introducir os seus propios deseños ou as súas variacións; en Sicilia, ao parecer, había varios obradoiros con diferentes cuños que producían variedades na tipoloxía incluso nun mesmo ano.[10]
Baixo os fatimís, a responsabilidade da ceca asignáraselle ao cadí principal.[40] No Cairo, a ceca orixinal achábase na parte sur dos grandes palacios fatimís.[68] En 1122, o visir de al-Amir, al-Bata'ihi, construíu unha nova ceca (dar al-darb) no Cairo, preto da mesquita de al-Azhar.[69] Esta reforma tamén incluíu a institución dun novo funcionario, o musharif dar al-darb, que se fixo cargo da xestión da ceca.[40]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Divers in Caesarea find largest treasure of gold coins ever discovered in Israel". En The Jerusalem Post. 17 de febreiro de 2015.
- ↑ 2,0 2,1 Canard, M. (1965). Páxina 850.
- ↑ Canard, M. (1965). Páxinas 850-852.
- ↑ Bierman, I. A. (1998). Páxina 60.
- ↑ Lewis, B. (2004). Páxinas 82-83, 85.
- ↑ Darley-Doran, R. E. (1997). Páxinas 594-595.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxinas 78-82.
- ↑ Daftary, F. (2007). Páxina 123.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Nicol, N. D. (2006). Páxina xi.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Nicol, N. D. (2006). Páxina xii.
- ↑ Miles, G. C. (1965). Páxina 297.
- ↑ Nicol, N. D. (2006). Páxinas xi-xii.
- ↑ Walker, P. E. (2002). Páxina 95.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Bloom, J. M. (2007). Páxina 36.
- ↑ 15,0 15,1 Brett, M. (2017). Páxinas 33-34.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxinas 115-117.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxina 121.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxina 125.
- ↑ 19,0 19,1 Halm, H. (1991). Páxina 117.
- ↑ 20,0 20,1 Walker, P. E. (2002). Páxinas 95-96.
- ↑ Nicol, N. D. (2006). Páxina 2.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxina 116.
- ↑ 23,0 23,1 Darley-Doran, R. E. (1997). Páxinas 595.
- ↑ 24,0 24,1 Walker, P. E. (2002). Páxina 96.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxinas 277-278.
- ↑ Brett, Michael (2001). Páxinas 168-171.
- ↑ Nicol, N. D. (2006). Páxina 27.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxina 287.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Walker, P. E. (2002). Páxina 97.
- ↑ Bierman, I. A. (1998). Páxinas 62-69.
- ↑ Bloom, J. M. (2007). Páxinas 37, 99.
- ↑ 32,0 32,1 Brett, Michael (2001). Páxina 304.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 33,5 Darley-Doran, R. E. (1997). Páxina 596.
- ↑ Walker, P. E. (2002). Páxinas 96-97.
- ↑ Darley-Doran, R. E. (1997). Páxinas 593-594.
- ↑ Bierman, I. A. (1998). Páxina 82.
- ↑ Halm, H. (2014). Páxinas 179, 182-183.
- ↑ Nicol, N. D. (2006). Páxinas 353-354.
- ↑ Halm, H. (2014). Páxinas 180-181.
- ↑ 40,0 40,1 40,2 Sanders, P. (1994). Páxina 86.
- ↑ 41,0 41,1 Bierman, I. A. (1998). Páxinas 68-69.
- ↑ Sanders, P. (1994). Páxina 84.
- ↑ Brett, Michael (2001). Páxinas 254-255.
- ↑ Brett, Michael (2001). Páxina 255.
- ↑ Brett, Michael (2001). Páxinas 247-255.
- ↑ Ehrenkreutz, A. S. (1963). Páxinas 261-262.
- ↑ Brett, Michael (2001). Páxina 256.
- ↑ 48,0 48,1 48,2 48,3 Sanders, P. (1994). Páxina 85.
- ↑ Halm, H. (1991). Páxina 365.
- ↑ Ehrenkreutz, A. S.; Heck, G. W. (1986). Páxinas 145-156.
- ↑ Halm, H. (2003). Páxina 90.
- ↑ Brett, Michael (2001). Páxinas 306-307.
- ↑ Halm, H. (2003). Páxinas 90-91.
- ↑ Walker, P. E. (2002). Páxinas 97-98.
- ↑ Ehrenkreutz, A. S. (1956).
- ↑ Ehrenkreutz, A. S. (1963). Páxinas 256-262.
- ↑ Ehrenkreutz, A. S. (1959). Páxina 131.
- ↑ 58,0 58,1 Miles, G. C. (1965). Páxina 298.
- ↑ Ehrenkreutz, A. S. (1956). Páxina 180.
- ↑ Sanders, P. (1994). Páxinas 85-86.
- ↑ Balog, P. (1961). Páxinas 114-116.
- ↑ Balog, P. (1961). Páxina 115.
- ↑ Balog, P. (1961). Páxina 122.
- ↑ Balog, P. (1961). Páxinas 114-115.
- ↑ 65,0 65,1 Balog, P. (1961). Páxinas 115, 122.
- ↑ 66,0 66,1 Balog, P. (1961). Páxinas 114-116.
- ↑ Nicol, N. D. (2006). Páxinas xvi-xviii.
- ↑ Halm, H. (2003). Páxina 22.
- ↑ Halm, H. (2014). Páxinas 173-174.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda fatimí ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Balog, P. (1961). "History of the Dirhem in Egypt from the Fāṭimid Conquest until the collapse of the Mamlūk Empire". En Revue numismatique. 3. Páxinas 109-146.
- Bierman, I. A. (1998). Writing Signs: The Fatimid Public Text. University of California Press. ISBN 978-0-520-20802-5
- Bloom, J. M. (2007). Arts of the City Victorious: Islamic Art and Architecture in Fatimid North Africa and Egypt. Yale University Press. ISBN 978-0-300-13542-8.
- Brett, Michael (2001). The Rise of the Fatimids: The World of the Mediterranean and the Middle East in the Fourth Century of the Hijra, Tenth Century CE [The Medieval Mediterranean. Vol. 30]. Brill, Leiden. ISBN 90-04-11741-5.
- Brett, M. (2017). The Fatimid Empire. The Edinburgh History of the Islamic Empires. Edinburgh University Press. ISBN 978-0-7486-4076-8.
- Canard, M. (1965). "Fāṭimids". En Lewis, B. et al. (eds.). The Encyclopaedia of Islam. Vol II. 2ª ed. Brill, Leiden. Páxinas 850-862.
- Daftary, F. (2007). The Ismāʿı̄lı̄s: Their History and Doctrines. 2ª ed. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-61636-2
- Darley-Doran, R. E. (1997). "Sikka 2. Coinage practice". En Bosworth, C. E. et al. (eds.). The Encyclopaedia of Islam. Volume IX. 2ª ed. Brill, Leiden Páxinas 592-599. ISBN 978-90-04-10422-8
- Ehrenkreutz, A. S. (1956). "The Crisis of Dīnār in the Egypt of Saladin". En Journal of the American Oriental Society. Vol. 76. Nº 3. Páxinas 178-184.
- Ehrenkreutz, A. S. (1959). "Studies in the Monetary History of the Near East in the Middle Ages: The Standard of Fineness of Some Types of Dinars". En Journal of the Economic and Social History of the Orient. Vol. 2. Nº 2. Páxinas 128-161.
- Ehrenkreutz, A. S. (1963). "Studies in the Monetary History of the Near East in the Middle Ages II: The Standard of Fineness of Western and Eastern Dīnārs before the Crusades". En Journal of the Economic and Social History of the Orient. Vol. 6. Nº 3. Páxinas 243-277.
- Ehrenkreutz, A. S.; Heck, G. W. (1986). "Additional Evidence of the Fāṭimid Use of Dīnārs for Propaganda Purposes". In Sharon, Moshe (ed.). En Studies in Islamic History and Civilisation in honour of Professor David Ayalon. Cana Ltd., Xerusalén. Páxinas 145-152. ISBN 965-264-014-X.
- Halm, H. (1991). Das Reich des Mahdi: Der Aufstieg der FatimidenC. H. Beck, Münich. ISBN 978-3-406-35497-7
- Halm, H. (2003). Die Kalifen von Kairo: Die Fatimiden in Ägypten, 973–1074. C . H. Beck, Münich. ISBN 3-406-48654-1
- Halm, H. (2014). Kalifen und Assassinen: Ägypten und der vordere Orient zur Zeit der ersten Kreuzzüge, 1074–1171. C. H. Beck, Münich. ISBN 978-3-406-66163-1
- Lewis, B. (2004). From Babel to Dragomans: Interpreting the Middle East. Oxford University Press. ISBN 0-19-517336-8
- Miles, G. C. (1951). Fāṭimid coins in the collections of the University Museum, Philadelphia, and the American Numismatic Society [Numismatic notes & monographs, nº 121]. American Numismatic Society, Nova York..
- Miles, G. C. (1965). "Dīnār". En Lewis, B. et al. (eds.). The Encyclopaedia of Islam. Volume II . 2ª ed. Brill, Leiden. Páxinas 297-299.
- Nicol, N. D. (2006). A Corpus of Fāṭimid Coins. Giulio Bernardi, Trieste. ISBN 978-88-8587330-8
- Oddy, W. A. (1980). "The gold contents of Fatimid coins reconsidered". En Metcalf, D. M.; Oddy, W. A. (eds.). Metallurgy in Numismatics. Volume 1. Royal Numismatic Society, Londres. Páxinas 99-118. ISBN 0-901405-14-0
- Sanders, P. (1994). Ritual, Politics, and the City in Fatimid Cairo. AState University of New York Press. ISBN 0-7914-1781-6
- Walker, P. E. (2002). Exploring an Islamic Empire: Fatimid History and its Sources. I.B.Tauris. ISBN 186064-692-1