Saltar ao contido

Oliveira de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A vella oliveira no Paseo de Afonso XII, símbolo da cidade, e o escudo de Vigo.

A oliveira de Vigo é unha árbore senlleira da especie Olea europaea que se atopa no Paseo de Afonso XII, no centro da cidade de Vigo. A cidade foi coñecida co sobrenome de “Cidade da oliva”, e hoxe en día coñécese como “Cidade olívica” por mor da monumental oliveira que se atopaba no adro da colexiata de Santa María de Vigo. Esta árbore, símbolo da cidade, figura no escudo de Vigo.

Sábese que no sur de Galicia, como aínda ocorre no Norte de Portugal, existían algunhas oliveiras nas leiras para produción de aceite. Os Reis Católicos deron a orde de cortar todas estas árbores para favorecer a produción noutras rexións do estado máis favorábeis ao seu reinado có Reino de Galicia. Non foi esta a única medida para afundir o país galego; por exemplo, tamén prohibiron o comercio coas Indias dende os portos galaicos.[Cómpre referencia]

Ademais das oliveiras aceiteiras, existía en Galicia, así como noutras zonas atlánticas como Asturias, Irlanda ou Inglaterra, o costume de plantar no adro das igrexas unha árbore de folla perenne (non tan comúns noutrora na paisaxe galega) como sinal de vida eterna. As especies adoitaban ser teixos ou oliveiras.

Seguindo esta tradición, no adro da colexiata de Santa María houbo dende moi antigo unha grande oliveira que plantaran os cabaleiros monxes templarios no século XII cando estes rexían a freguesía.[1] Esta árbore desapareceu cando se construíu o templo actual en 1816.

DENTRO DE ESTA VERJA, OFRENDA
DE LOS VIGUESES A SU ARBOL SIMBÓLICO,
QUEDA HOY DEPOSITADA POR ELLOS
LA PROMESA FIRME DE SU AMOR,
DE SU LEALTAD Y DE SU ABNEGACIÓN
POR LA CIUDAD AMADA.
14-AGOSTO-1932

Manuel Ángel Pereyra, administrador da alfándega e fillo político do alcalde Cayetano Parada y Pérez de Limia, colleu unha póla ou esgallo da árbore derrubada e plantouna no seu eido, par da Porta do Sol.[1] Co crecemento da vila, a árbore foi transplantada ao Paseo de Afonso XII, onde se atopa aínda hoxe protexida cunha reixa de ferro e onde fica unha placa de bronce acreditando a promesa que ante a árbore fixeron os vigueses de «AMOR, DE SU LEALTAD Y DE SU ABNEGACIÓN POR LA CIUDAD AMADA.», en agosto de 1932.[1]

En 2010 púxoselle un cinto elástico con doce sensores ligados a un computador para facer un diagnóstico da idade e do estado sanitario. As probas verificaron que en 2010 tiña uns 193 anos de idade e gozaba de bo estado sanitario.[2] O mesmo método empregárase para tirar datos doutras árbores senlleiras de Galicia.[2]

En outubro de 2016, o Concello de Vigo plantou novamente unha oliveira bicentenaria a carón da colexiata de Santa María, no lugar onde estivo orixinalmente a que deu nomeada á cidade.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 Concello de Vigo. "A Oliveira de Vigo". Consultado o 9 de outubro de 2016. 
  2. 2,0 2,1 R. Pontevedra, Silvia (22 de outubro de 2010). "El olivo de Vigo ronda los 193 años". El País (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2016. 
  3. "O Concello planta unha oliveira bicentenaria na Concatedral onde estaba a que deu nome á cidade". Xornal Vigo. 6 de outubro de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]