Ultreya (organización)
Ultreya foi unha organización xuvenil galeguista fundada en 10 de febreiro 1932 en Noia. Recibe o nome polo nome do título dun canto dos peregrinos neerlandeses ao chegar ao sartego do apóstolo Santiago. Impulsada por Álvaro das Casas era unha organización semellante aos exploradores xuvenís e estaba inspirada na organización catalanista Palestra[1] e seguía os principios ideolóxicos indicados no seu decálogo:
Decálogo
[editar | editar a fonte]- I.- Porque amo a Galiza con toda a miña ialma, adicareille os meus millores esforzos pra tornala eternamente feliz.
- II.- Porque a vida está encheita de mágoas, miña mocidade será unha leda canzón que ha erguer o esprito de tódolos coitados.
- III.- Porque estou afincado ao chan nativo e endexamais hei crebar as ligazóns coa miña xente, manterei sempre aceso o fogo do meu lar.
- IV.- Porque penso no que fun, no que son e no que teño de ser, respetarei aos vellos e pequenos e defendereinos de todo aldraxe e sofrimento.
- V.- Porque quero a eficacia da miña laboura, axudarei os nobres desexos dos meus compañeiros como quixera que me axudasen a min na arela dos meus limpos ensoños.
- VI.- Porque teño de sere home útil á miña Terra, cumprirei tódalas miñas obrigas pra ire facendo a miña histórea de cidadán eisemprar.
- VII.- Porque quero limpar a miña axuda de erros, educarei meu esprito no estudo e no traballo.
- VIII.- Porque teño de sere rexo na axuda aos meus irmáns, fortalecerei meu corpo na craridade das augas e no ar das montañas.
- IX.- Porque soño nun porvir de verdadeira fraternidade, farei por que rente de min se xunten tódolos rapaces galegos pra que o día de mañán non nos afosten prexuízos de caste.
- X.- Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivio con tódalas razas, en fala con tódalas culturas, abrirei meu peito a tódolos homes de boa voluntade e reita intenzón.
Organización interna e Ultreyas coñecidos
[editar | editar a fonte]Os Ultreyas ían uniformados levando todos xersei e camisola co símbolo da organización cosido, un tríscele vermello.
Aínda que xa desde o comezo quedara clara a intención de fuxir das cativas parodias militares, a estrutura dos Ultreya era bastante semellante a algunha destas como os Boy Scouts. Organizábase en dúceas dirixidas por un guieiro, cada doce dúceas formaban unha liña dirixida por un maor. No nivel superior do organigrama situábase o Consello, integrado por Xosé Filgueira Valverde, Xurxo Lourenzo, Raimundo Aguiar, Xoan Rodríguez Tenreiro como vogais, Francisco Fernández del Riego como secretario xeral e Álvaro das Casas como Rexente.
Á marxe dos devanditos membros directivos foron bastantes as personalidades da cultura galega incluídos nas dúceas: Ramón Martínez López, Xaime Illa Couto, Ramón de Valenzuela, Manuel Lesteiro, Rufo Pérez, Xesús Ferro Couselo...
Cantigas dos Ultreya
[editar | editar a fonte]O himno dos Ultreya era o poema Deus Fratesque Gallaecia de Alfredo Brañas, A balandra dos Ultreyas da autoría de Fermín Bouza-Brey relata a afamada singradura en barco que fixeran polas costas de Galiza. Ambas as dúas foron musicadas posteriormente por Suso Vaamonde e outros autores.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Justo G. Beramendi e Xosé Manuel Núñez Seijas (1996) O nacionalismo galego A Nosa Terra, p. 157
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ultreya |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mar Adiante. A xeira dos Ultreias de Clodio González Pérez.
- Os nosos cantos (Ultreia) Arquivado 05 de xuño de 2020 en Wayback Machine., Caderno de cantigas ordenadas por Álvaro das Casas e editado polos "Ultreia".